You are on page 1of 4

Grao en Filosofía Antropoloxía Filosófica Curso 21/22

Tema 2. A pregunta polo ser humano na moderna Antropoloxía filosófica.

2.1. O ser humano como espírito en Scheler.


Max Scheler (Múnic, 1874 - Frankfurt am Main, 1928). Era fillo dun luterano que traballaba como
administrador dun dominio e dunha xudía ortodoxa. Estudou medicina, psicoloxía e filosofía en
Múnic e en Berlín. En Berlín estudou ademais socioloxía sendo alumno do historicista Dilthey e do
filósofo da cultura Georg Simmel. Na súa formación foi moi relevante a lectura da obra de Husserl
Investigacións Lóxicas (1900/01) e o contacto que tivo logo con algúns seguidores deste. Ao longo
da súa vida tivo varios escándalos amorosos e rupturas que mesmo o levaron a ter que renunciar ao
seu posto como profesor universitario. Casou en segundas nupcias con Märit Furtwängler (1891-
1971), irmá dun famoso director de orquestra -o wagneriano Wilhelm Furtwängler-, con quen tivo
un fillo. Por motivos de saúde librouse de ter que participar na I Guerra Mundial, conflito que
apoiou entusiastamente: en 1915 di nun escrito titulado O Xenio da guerra e a guerra alemá que a
Guerra Mundial é unha oportunidade para un renacemento espiritual da humanidade e un síntoma
de fraqueza do capitalismo. En 1916 fíxose católico e comezou a pensar que certo socialismo
cristián sería a solución aos extremismos capitalista occidental e comunista oriental.
A partir de 1921 ensinou filosofía e socioloxía na universidade de Colonia, deixando o catolicismo
e asumindo as ideas de Spinoza e Nietzsche. Así mesmo foi director da Facultade de Socioloxía.
Pronunciouse precozmente contra a ameaza do nazismo.
Pai da moderna antropoloxía filosófica, escrebe no período de cambio de século, que é un período
de crise da civilización. A ciencia moderna baseada na matematización, na utilidade práctica, na
experimentación e cuantificación, pretende ser a única forma de coñecemento lexítima. O problema
está en que as ciencias non son capaces de dar resposta ás preguntas existenciais e morais dos seres
humanos. A finais do século XIX a confianza na razón físico-matemática entra en crise dado un
certo fracaso das expectativas postas na ciencia como ferramenta de emancipación e liberación do
ser humano, que terá o seu clímax coa chegada da hecatombe que supuxo a I Guerra Mundial.
Scheler quixo xa en vida publicar unha obra co título Antropoloxía filosófica que se ocuparía entre
outros dos seguintes temas:
- unha análise do fenómeno da autoconciencia humana.
- unha ontoloxía esencial dos seres humanos.
- unha comparación entre o ser humano e o animal
- unha teoría acerca da fases da vida humana, da orixe do ser humano e do seu futuro
Algunhas destas cuestións serán tratadas no libro O lugar do ser humano no cosmos (1928),
publicado pouco antes da súa morte e froito dunha reelaboración dunha conferencia impartida en

1/4
Grao en Filosofía Antropoloxía Filosófica Curso 21/22

abril de 1927. Scheler pretende sintetizar nesta obra os enfoques de tres disciplinas distintas á hora
de abordar o concepto de ser humano:
- o cristianismo, que considera o ser humano como un ser espiritual dotado dunha alma inmortal.
- a filosofía, que considera o ser humano como un ser racional, dotado de logos, de maneira que
pasa de ser un homo sapiens a ser un homo faber (produtor dotado dunha intelixencia práctica).
- a ciencia, que após Darwin, considera o ser humano como un membro máis da natureza.
Estes tres enfoques ofrecen tres imaxes do ser humano que son irreconciliábeis, que desestiman as
outras e que se centran exclusivamente nun aspecto do ser humano, é dicir, son parciais.
Scheler intenta superar esta situación elaborando unha antropoloxía que sexa autónoma e dotada
dunha metodoloxía propia. Para isto elabora unha xerarquía dos seres vivos en función das súas
capacidades. Estas capacidades constrúense unhas sobra as outras nun proceso de acumulación de
distintas capas:
1. Capa do impulso afectivo. As plantas están afectadas por unha tendencia “escura”,
“indiferenciada” e “estática”, un impulso cego cara á súa supervivencia, algo que desemboca no seu
crecemento e reprodución. A vida das plantas baséase simplemente nun dobre movemento: buscar a
luz e buscar alimento. Este impulso afectivo é o grao inferior da actividade psíquica que se
manifesta no ser humano como a actividade do sistema nervioso vexetativo.
2. Capa do instinto. Do que carecen as plantas e que aparece no nivel dos animais invertebrados.
Non ofrece unha definición xeral de instinto, senón distintas caracterizacións. O instinto consiste en
que determinados estímulos desencadean un mesmo proceso de maneira unívoca. Por exemplo, o
nacemento dun pitiño provoca unha conduta de anidación por parte dos proxenitores. Nos seres
humanos habería restos de condutas instintivas, como, por exemplo, as condutas protectoras que
desencadean determinados trazos da faciana dos nenos.
- trátase dunha conduta con sentido, é dicir, encamiñada a algo.
- ten un certo ritmo, porque resposta a circunstancias repetidas dun modo típico (estacións).
- o instinto está dirixido non tanto a conservar a vida individual, senón da especie. Un individuo
separado da especie non tería ningunha posibilidade de supervivencia.
- o instinto é unha conduta innata e hereditaria, lista de antemán e que lle permite ao individuo saber
como actuar en cada situación.
- o instinto é independente do autoadestramento ou da aprendizaxe, posto que o instinto non se
aprende, senón que é adquirido innatamente.
Baseándose en Pavlov, Scheler demostra que ante un determinado tipo de estímulo, pódense
adquirir determinados reflexos, memorizalos e poñelos en marcha despois de xeito automático.
3. Memoria asociativa (costume). Aparece cos animais vertebrados. Trataríase dun impulso
repetitivo que se manifesta na capacidade de imitar e copiar. A conduta dos animais vertebrados

2/4
Grao en Filosofía Antropoloxía Filosófica Curso 21/22

depende en grande medida do número de probas e intentos de aprendizaxe de cada individuo, é


dicir, do seu autoadestramento. No animal queda establecida unha asociación entre unha acción ou
circunstancia e a súa consecuencia. A memoria asociativa consiste en ser capaz de actuar a partir
das propias percepcións e recordos e emitir respostas e comportamentos que non están totalmente
prefixados pola especie. Sabe como actuar ante situacións novas. Malia o anterior, trátase de algo
conservador, no sentido de que non hai unha innovación individual.
Por exemplo, nalgúns animais a sexualidade sepárase da súa función meramente reprodutiva e pode
obedecer a unha busca de pracer.
4. Intelixencia práctica. Propia dos animais superiores (non humanos). O animal pode responder a
unha situación novidosa, para a que non está preparado instintivamente, actuando de maneira
intelixente, e satisfacer así algunha necesidade. A intelixencia práctica consiste na posibilidade de
escoller entre diferentes bens. Por exemplo, escoller partenaire sexual. A intelixencia práctica
permite que un ser resolva problemas aos que se enfronta por vez primeira a partir das súas propias
elaboracións. Trátase dun pensamento produtivo. Incluiría tanto a técnica humana como as condutas
máis elaboradas dun chimpancé, entre as que existiría tan só unha diferenza gradual.
Isto demostraría que o animal non é só instinto, senón que é capaz de estruturar, de configurar o
mundo no que vive, unha tese que contradiría a da meirande parte de estudosos da súa época, que
consideraban que a intelixencia era unha facultade exclusivamente humana.
Que é entón o que diferenza o ser humano do resto de animais? Non se trata da intelixencia e non se
trata tampouco dunha diferenza de grao no desenvolvemento das competencias anteriores.
“O que diferenza ao ser humano do resto de seres queda alén diso que chamamos “vida” en
sentido amplo. Iso que fai aos seres humanos ser seres humanos non é un novo nivel da vida...
senón que se trata dun principio oposto a toda e cada unha das vidas, tamén oposto á vida no ser
humano, un feito autenticamente esencial que non podo ser remitido á “vida natural evolutiva”,
senón ao fundamento superior e único das cousas cuxa manifestación é a vida” (O lugar do ser
humano no cosmos, capítulo 6).
O ser humano está aberto-ao-mundo e é libre con respecto ao que o rodea. A relación co mundo e
consigo mesmo é a contrario que os animais. O ser humano pode distanciarse do mundo, reflexionar
sobre si mesmo e sobre o mundo en virtude de que é “portador do espírito”, é unha “persoa”.
Scheler postula a existencia dun salto abrupto entre o animal e o humano. O espírito fai que o ser
humano non viva só unha vida, senón que viva nunha orde “espiritual” que lle acaba dando
significado á propia vida. O espírito “idea” a vida, no sentido de que lle dá forma ao mundo.
No lugar da separación da tradición entre corpo e alma, Scheler coloca a oposición entre vida
(corpo + alma) e espírito. Desta forma sepárase dos enfoques sensualistas da filosofía, que
consideraban que o espírito podería ser reducido ás actividades do corpo, que finalmente todo

3/4
Grao en Filosofía Antropoloxía Filosófica Curso 21/22

procedía da materia. Tamén se separa dos enfoques vitalistas, porque para el a vida é algo moito
máis orgánico e limitado.
- o animal ten vida, que é todo o relativo ao orgánico, ao vital, ao animal, ao instintivo, á capacidade
para sobrevivir no medio. A maioría da enerxía do ser humano dedícase a satisfacer as necesidades
vitais básicas máis imperiosas.
- o ser humano ademais ten espírito. A diferenza entre os seres animais e os humanos non consiste
na intelixencia, senón na liberdade, na independencia con respecto ao medio da que é capaz o ser
humano. O ser humano é, a diferencia dos animais, o ser “que pode dicir que non”, que pode
separarse dos condicionantes da natureza e oporlles os seus propios valores. Mentres que nos
animais toda a enerxía se dedica á supervivencia, no ser humano unha parte da enerxía queda
liberada para dedicarse a outro tipo de tarefas.
Este espírito ou persoa non poden ser coñecidos ou obxectivados porque non son máis que mentres
se pensa: non consisten noutra cousa que na realización dunha serie de actos de pensamento.
O espírito humano é unha síntese de intuición máis razón:
- a intuición permite distinguir entre o bo e o malo;
- a razón leva a cabo preguntas sobre as cuestións máis fundamentais da existencia.
O espírito é:
- independente fronte á presión do orgánico, da vida, do impulso.
- permite unha autoconciencia de si mesmo que os restantes animais non teñen.
- isto posibilita que aparezan certas categorías abstractas: substancia, espazo, tempo, cousa. O ser
humano pode separarse do mundo concreto e reflexionar sobre estas categorías en abstracto.
- actualidade pura, redúcese ao que fai e non é nada máis. O espírito non é algo obxectivable. O
espírito esgótase na ceibe realización dos seus actos, non é captábel ou aprensíbel.
Valoración.
Cassirer considerará que Scheler non foi capaz de elaborar unha verdadeira Antropoloxía filosófica
ao introducir innecesariamente un dualismo (vida/espírito) que non é igual pero que volve ter os
mesmo problemas có dualismo de Descartes (corpo/alma). Para Heidegger Scheler reproduce a
teoría clásica que concibe ao ser humano como unha suma de razón ao animal.

4/4

You might also like