You are on page 1of 2

CHEMA

Chema, amigo entrañable da infancia e da adolescencia, hai case 50 anos que nos
deixaches.
Xosé Mª Fuentes, “Chema”, natural de Serra de Outes, era fillo do médico Fernando e
de Fany. O seu irmán Fernando, que tamén é médico, exerce actualmente na Serra de
Outes.
Chema e máis eu viviamos porta con porta e compartimos vivencias inesquecibles ó
longo da nosa infancia e adolescencia na Serra.
Chema, tiveches unha morte desgraciada e criminal un 4 de decembro de 1972 en
plena ditadura franquista. O teu asasinato conmocionou a todo o concello de Outes, a
toda Galiza.
Chema, un mozo de apenas 20 anos, estudante de Medicina en Santiago de
Compostela, na flor da vida caía abatido polas balas dun policía franquista e asasino.
Regresabas a casa cos teus amigos despois dunha noite de diversión. Era sábado, un
sábado negro. O teu asasinato foi ocultado, calado e manipulado polas autoridades
franquistas que buscaban estratexias e mentiras para xustificaren este crime. A túa
familia e amigos padeceu un sufrimento desmesurado ante estes aconteceres.
Querido amigo Chema, cantos momentos compartidos na nosa mocidade! Fermosas
lembranzas que sempre estarán na miña mente, no meu corazón.
Os xogos de pelota na Rúa da Vila, antes chamada Rúa Xeneral Franco, ironías da vida!
Corriamos aventuras polos arredores da Serra, compartiamos tebeos de “Xaimito”, de
“Roberto Alcázar e Pedrín”, do “Capitán Trueno” e do “Xinete do Antifaz “.
Escoitabamos aqueles discos que tanto nos gustaban: os “Beatles”, os “Rolling Stones”,
“Engerbert Huppening”, “Os bravos”, “The doors”, “Os Brincos”...
Chamar ás portas das casas e botar a correr era unha das nosas trasnadas favoritas,
éramos os “malos”da Serra. Lembro tamén aqueles momentos no bar Camay
tomando un xeado que tan amablemente nos servía Catalina ou Xermán. Os paseos en
bici polos arrabaldes do pobo, a carreira de bicicletas ata Berres no ano 64 (ver foto).
Gozabamos coma tolos vendo a Manolo Santana e Orantes xogar ó tenis. Queriamos
ser coma eles imaxinando xogar en pistas de tenis inexistentes.
Como esquecer a andaina ó Monte da Pena pasando pola Farrapa. Pensabamos que
nunca poderiamos chegar ata alí. Os nosos primeiros amoríos, as mozas que nos
gustaban naqueles tempos...Son innumerables os intres que vivimos xuntos. O teu
irmán pequeno Fernando tamén andaba por aí, protexido pola nosa compañía.
Co tempo, a vida foinos separando pouco a pouco. Ti fuches estudar ó Colexio La Salle
e eu ó Seminario Menor de Belvís en Santiago de Compostela. Cada un de nós tería as
súas propias vivencias, ilusións e soños que se viron truncados para ti aquel terrible día
de decembro do 72. Un desgraciado suceso que nos conmocionou a todos.
Chema, agradezo todos aqueles anos de amizade que compartimos xuntos e nunca
esquecerei o grande amigo e persoa que fuches.
Como di a letra dunha canción do cantante Alberto Cortez: “ cuando un amigo se va,
algo se muere en nuestra alma, tambien se nos muero algo en nuestro cuerpo”.
D.E.P QUERIDO AMIGO CHEMA.
Eladio Lores Gómez

You might also like