You are on page 1of 15

Filosofía

1º de Bacharelato

Tema 2: O coñecemento

Índice:

1. Introdución
2. Razón teórica, razón práctica. Os tipos de coñecemento.
3. As facultades do coñecemento: sentidos e razón
4. Límites e métodos do coñecemento
5. A verdade: definición e teorías.
6. Graos de coñecemento
7. A dimensión social do coñecemento

1. Introducción

No tema 1, víamos que no século XVIII o filósofo Inmanuel Kant resumiu as


cuestións filosóficas en catro grandes preguntas: que podo coñecer?, que debo
facer?, que podemos esperar?, que é o ser humano?. Neste tema imos centrarnos
na primeira pregunta.

O coñecemento é o saber que adquirimos sobre a realidade. É algo que estamos


obtendo constantemente, aínda que non sempre sexamos conscientes. O
coñecemento é o que nos permite ter unha imaxe do mundo, interpretalo, e poder
tomar decisións nel. Neste proceso de coñecemento sempre hai dous elementos:
un que coñece (o suxeito) e o que é coñecido (o obxecto, que pode ser de moitos
tipos). O coñecemento é o resultado da interpretación da realidade que facemos os
seres humanos a través da mente.

A pregunta polo coñecemento é un dos grandes temas da filosofía, e hai unha rama
dedicada concretamente a este tema: a epistemoloxía ou teoría do coñecemento.
Esta rama trata de entender como funciona esa relación entre un suxeito que
coñece e ese obxecto coñecido, e explicar diferentes aspectos sobre o
coñecemento: a súa natureza, fundamento, posibilidades, límites, graos,
características, métodos... Estas son algunhas das cuestións que veremos neste
tema: repasaremos as principais preguntas sobre o coñecemento e veremos
algunhas das teorías filosóficas que reflexionaron sobre este tema.

O coñecemento é un problema filosófico porque a través del ten lugar a nosa idea
da realidade e a nosa relación con ela. Como podemos estar seguros do que
sabemos? Sen coñecemento, podemos manexarnos no mundo?

2. Razón teórica, razón práctica. Os tipos de coñecemento.

Razón teórica e práctica (ou coñecemento teórico e coñecemento práctico)


Como se viu no tema 1, un dos elementos que caracterizan ao coñecemento
filosófico é que é unha forma de coñecemento racional. A filosofía non é o único
exemplo deste tipo de coñecemento: existen outras formas de coñecemento
racionais, como a ciencia.
A filosofía intenta que a razón sexa a ferramenta coa que comprender a realidade.
Esta é unha capacidade exclusivamente humana, que nos define como especie.
Pero a razón é unha capacidade complexa, que inclúe diferentes aspectos. Neste
tema interésannos dous: imos diferenciar o uso teórico da razón e o uso práctico da
razón, ou o coñecemento teórico e o coñecemento práctico.

A razón teórica:
É o uso da razón que ten como obxectivo tratar de coñecer a realidade de forma
coherente e completa, e acadar a verdade.
A razón teórica é a forma de usar a razón que está na base tanto da filosofía como
da ciencia. Ambas son formas de pensamento racional, que tratan de coñecer o
mundo a través de observación, análise, experimentación e elaboración de
conclusións, sen recorrer a nada fantástico como facían, por exemplo, os mitos.
Podemos definir a racionalidade teórica como o conxunto de capacidades e
facultades intelectuais humanas dedicadas ao coñecemento, descrición e
comprensión da realidade, e que ten como obxectivo chegar á verdade. É a forma
de razón que se usa para construir ideas, conceptos, teorías, etc., que permitan
comprender mellor algúns aspecto da realidade.

A razón práctica
É o uso que se da á razón cando se usa para transformar a realidade, ou se acade
algún fin concreto. É o uso da razón que se usa para tomar decisións e resolver
problemas de distinto tipo: pretende guiar a conducta humana. Este tipo de razón
implica unha actitude crítica, e ten en conta o papel activo do ser humano na
realidade: non só vivimos nela e podemos coñecela, tamén podemos preguntarnos
polo que quereríamos que fora distinto, e modificalo.
A razón práctica é a aplicación do razón á transformación, modificación e mellora
da realidade social e vital do ser humano. Para iso apóiase noutras ramas, e tamén
no coñecemento teórico. Algunhas das ramas filosóficas prácticas máis importantes
son a moral, a ética e a política.

Os tipos de coñecemento:
Existen diferentes formas de clasificar os tipos de coñecemento, pero unha das máis
amplas consiste en dividilo en coñecemento racional (o que trata de usar a razón
para obter información sobre a realidade) e non racional (o que usa ferramentas
diferentes á razón para intentar obter información sobre a realidade). Dentro do
coñecemento racional podemos atopar disciplinas como a filosofía ou a ciencia, e
dentro do non racional a fe, a relixión, a intuición ou a arte.

3. As facultades do coñecemento: sentidos e razón


O coñecemento humano é o resultado dun traballo conxunto no que interveñen dúas
facultades humanas: os sentidos e a razón. Para comprendelos, comezaremos por
analizar cada unha destas facultades por separado e despois ver como colaboran.

O coñecemento sensible
Este tipo de coñecemento é o que se obtén a través dos sentidos: vista, oído, gusto,
tacto, olfacto... A través deles chega información sobre o mundo, que nos permite
comezar a coñecer o que pasa ao noso redor. É un tipo de coñecemento básico, da
información sobre a realidade abondo para a supervivencia.

Neste tipo de coñecemento atopamos sensacións e percepcións. Na sensación


intervén exclusivamente o coñecemento sensible: os nosos órganos sensoriais
reciben estímulos de diferente tipo, e é a través destes estímulos que recibimos
información sobre a realidade. As imaxes, olores, sabores, sons e sensacións
táctiles son exemplos disto. A percepción é a interpretación que os seres humanos
facemos das sensacións, e nela tamén intervén a razón.

É importante ter en conta que os seres humanos non podemos captar e procesar
todos os estímulos que existen. Facemos unha selección, que está determinada por
diferentes factores:

• Factores fisiolóxicos: as diferentes especies que existen teñen uns sentidos


que poden captar unha cantidade determinada de estímulos. Por exemplo, o
oído humano non pode percibir todos os sons que existen, nin o ollo todo o
espectro de luz.
• Factores persoais: ademais de que os sentidos humanos teñan unha
capacidade concreta, esa capacidade varía de persoa a persoa. O oído
humano non pode percibir todos os sons que existen, pero ademais disto a
cantidade de sons que podemos percibir redúcese coa idade ou con
diferentes patoloxías como a xordeira. Ademais, hai outro factor importante
a nivel persoal que determina que estímulos recibimos: a atención. En
función dos nosos intereses e necesidades, captamos uns estímulos e non
outros.
• Factores socioculturais: as características do noso entorno e a nosa
formación tamén determinan a información sensorial que recibimos. A
paisaxe na que vivimos, por exemplo, determina a nosa percepción: un
habitante da Antártida será capaz de percibir máis tipos de branco na neve
que unha persoa que viva no trópico.
Os sentidos son a base que os seres humanos usamos para crear a nosa imaxe do
mundo. Pero tendo en conta o que acabamos de ver, podemos concluir que esa
imaxe do mundo que temos é persoal e subxectiva, e que non se corresponde ao
cen por cen coa realidade: non podemos saber como sería esta realidade máis alá
da nosa percepción. Os nosos sentidos determinan a imaxe do mundo que temos,
e estamos pechados nesa imaxe que nos creamos. Podemos facer o exercicio de
tratar de imaxinar como sería o mundo máis alá das limitacións dos nosos sentidos
para decatarnos disto.

O coñecemento racional

A razón, como facultade do coñecemento, é exclusiva dos seres humanos. Outras


especies tamén teñen coñecemento sensible da realidade, pero non poden
interpretalo e formarse unha imaxe do mundo como os seres humanos.

O coñecemento racional é abstracto: traballa con conceptos, que son creados a


través dun procedemento de abstracción a partir dos datos dos sentidos. A través
da razón, interpretamos eses datos dos sentidos para crear conceptos, xuízos e
razoamentos.

• Conceptos: son representacións mentais que usamos para comprender e


ordear as información que percibimos. Os creamos a través da información
que os sentidos nos dan da realidade. Un concepto é formado a través de
agrupar unha serie de información sensorial que sempre se nos presenta
xunta, e á que asociamos unha palabra. O concepto “laranxa” fai referencia
a un sabor, olor, cor e tacto determinados que sempre se perciben en
conxunto. A ese conxunto de sensacións lle damos un nome, para facilitar a
nosa comprensión do mundo e a nosa comunicación.
• Xuízos: son oracións enunciativas que expresan un coñecemento sobre a
realidade e poden ser verdadeiras ou falsas: hoxe chove, isto é unha cadeira,
todos os triángulos teñen tres lados... son exemplos de xuízos.
• Razoamentos: son cadeas de xuízos que se relacionan entre si seguindo una
serie de leis lóxicas. No tema 4 coñeceremos os razoamentos con máis
detalle.

O coñecemento racional, en resumo, interpreta a información sensorial e a usa para


crear unha imaxe da realidade, a través de conceptos, xuízos e razoamentos.

Empirismo, racionalismo e criticismo.

Racionalismo, empirismo e criticismo son tres correntes filosóficas sobre as


facultades do coñecemento. Pregúntanse polo papel que teñen os sentidos e a
razón no proceso de cñecer a realidade. Vexamos cada unha con algo máis de
detalle:

a) O empirismo:

Esta corrente filosófica mantén que os sentidos son o punto de partida e o límite do
coñecemento: pode que non proporcionen unha imaxe precisa da realidade, pero
só podemos coñecer esta imaxe. O empirismo considera que a razón só pode
traballar unha vez ten datos da experiencia sensible: non rexeitan a razón, pero
consideran que por si mesma non produce coñecemento. Para o empirismo os
seres humanos nacemos como un papel en branco, e todo o que usamos para
cubrilo son os datos dos sentidos.

O principal representante desta corrente é o filósofo escocés David Hume.

b) O racionalismo:

Esta corrente filosófica defende que o único coñecemento válido é o que ven
exclusivamente da razón. Considera que os sentidos poden enganarnos, porque
non nos amosan a realidade tal e como é: non cren que sirvan como base do
coñecemento, porque dan unha imaxe pouco precisa de como son as cousas. Se
os nosos sentidos só nos amosan unha parte do mundo (por exemplo, só nos
permiten escoitar un rango limitado de sons), como imos usalos como base do
coñecemento?
O racionalismo considera que existen conceptos que teñen a súa orixe na
experiencia sensible (como o exemplo da laranxa que se menciona antes) e outros
que teñen a súa orixe exclusivamente na razón: estes últimos son os únicos válidos,
son o único que se pode considerar coñecemento. Estes conceptos son innatos:
forman parte da propia estrutura do entendemento humano, non se adquiren a
través dos sentidos.

O principal representante desta corrente é o filósofo René Descartes.

c) O criticismo:

É unha posición intermedia: considera que os sentidos son imprescindibles para


que se produza coñecemento, pero tamén cre que existen conceptos e intuicións
que non proceden da experiencia e que os seres humanos usamos para construir a
nosa imaxe da realidade.

O criticismo é unha corrente de pensamento que se desenvolve a partir dos


problemas que presentan tanto o racionalismo como o empirismo. Critícalle ao
racionalismo que afirme que existan coñecementos completamente independentes
da experiencia, e ao empirismo que entenda o coñecemento como simplemente
recibir estímulos, sen ter en conta que a mente humana ten unha estrutura e unhas
capacidades que veñen de serie nela.

As obxeccións do criticismo foron as que permitiron o desenvolvemento dunha nova


teoría do coñecemento, chamada trascendentalismo. O principal representante
desta corrente é o filósofo Inmanuel Kant.

Kant considera que a información que proporcionan os sentidos é imprescindible


para que se produza coñecemento, pero non é o único: os seres humanos temos
unha mente cunha estrutura e unhas funcións innatas, que veñen de serie. Esa
estrutura e funcións determinan como procesamos a información que proporcionan
os sentidos: percibímolo todo nun espazo e un tempo, e organizándoo en
conceptos.
4. Os límites e métodos do coñecemento

É posible coñecelo todo? E de non ser así, cales son os límites do coñecemento?
Esta é outra das cuestións sobre as que reflexiona a teoría do coñecemento.

Como vimos, o empirismo e o criticismo cren que non se pode coñecer nada máis
alá dos datos dos sentidos. Pero na nosa experiencia no mundo, os seres humanos
reflexionamos sobre moitos temas sobre os que non temos información sensorial:
debatimos sobre o ben e o mal, temos conceptos como liberdade ou moral,
podemos crer ou non na existencia dun máis alá ou da alma humana... non temos
información sensible de ningún destes conceptos, pero son unha parte importante
da forma humana de estar no mundo. Podemos coñecelos? Ou só ter unha mera
opinión sobre eles? Estas limitacións son circunstanciais ou definitivas?

É fundamental entender que o coñecemento ten límites, e tratar de saber cales son.
Hai diferentes teorías filosóficas que sinalan distintos límites do o coñecemento, das
que a continuación veremos un breve resumo:

• O escepticismo é unha teoría que nega a posibilidade de ter un coñecemento


verdadeiro e fiable. Os escépticos din que non é posible xustificar de forma
definitiva que algo sexa verdade. Algúns escépticos din que é imposible
coñecer nada, e outros din que o coñecemento é imposible só nalgúns
campos da realidade.
• O relativismo considera que o coñecemento non é universal: depende de
circunstancias ou factores distintos. O que é verdadeiro ou falso, xusto ou
inxusto, bo ou malo, pode cambiar segundo a situación ou a forma de pensar
ou a percepción das persoas.
• O criticismo mantén, como xa vimos, que o coñecemento depende dunhas
condicións (os datos dos sentidos e a estrutura mental) e que fóra desas
condicións é imposible. Non se pode coñecer nada máis alá destas
condicións.
• O dogmatismo considera que é posible chegar a coñecer a realidade en
todos os seus aspectos, e de xeito obxectivo e seguro. Para o dogmatismo o
coñecemento humano é potencialmente ilimitado, considera que se se
siguen unhas normas será posible nalgún momento obter toda a información
que pode existir sobre a realidade

Os métodos do coñecemento:

Para chegar a coñecer a realidade, pódense seguir diferentes métodos en función da parte
da realidade que se estea a investigar. Non é o mesmo tratar de coñecer a estrutura dunha
célula, que os tipos de comportamento máis frecuentes dunha poboación, que a existencia
de Deus. Segundo o que se queira coñecer, os métodos de coñecemento varían.

A ciencia caracterízase polo uso do método científico, que pretende dar unha información
concreta e obxectiva da realidade a través da observación e a experimentación, e
guiándose pola razón. A filosofía tamén se guía pola razón, pero en lugar de buscar unha
información obxectiva sobre a realidade, céntrase nas preguntas que poden guiar a
investigación.

As formas de coñecemento non racionais, como a arte, a intuición ou a fe, tamén teñen
formas de coñecemento específicas. A intuición é unha perceción mental que non se pode
xustificar, pero que unha persoa se sinte moi inclinada a crer. A fe é un estado mental que
leva a un individuo a aceptar unhas ideas ou verdades porque cre que veñen dun poder
superior.

Os métodos de coñecemento que existen son moi variados, e dependen da forma de


coñecemento e as circunstancias.

5. O problema da verdade

Cando intentamos coñecer algo, temos un obxectivo: a verdade. No proceso de


coñecemento, as persoas tendemos a non conformarnos coa primeira resposta que
atopamos: queremos que as explicacións sobre a realidade que se nos presentan
sexan convincentes, e poder probalas. Buscamos a verdade.
O problema está en que non temos claro que é a verdade, nin como chegar a ela.
Ao longo da historia da filosofía foron xurdindo diferentes teorías sobre a verdade,
pero non todas foron igual de convincentes nin entenderon a verdade da mesma
forma. Tampouco temos sempre unha forma de comprobar que as cousas que
cremos que son verdade, o son realmente.

Antes de comezar, aclaremos un punto sobre o uso do termo “verdade”. Cando


usamos o termo verdade, podemos referirnos á algo que existe na realidade, algo
que é “auténtico”. Pero tamén podemos usar o termo “verdade” para dicir que unha
oración se corresponde con como son as cousas en realidade, e neste contexto
significaría o contrario que “falsedade”.

Criterios de verdade

Un criterio de verdade é un instrumento que usamos para valorar un enunciado:


algo que se di sobre a realidade. Eses enunciados poden ser verdadeiros ou falsos,
segundo se correspondan ou non co que pasa na realidade. Un exemplo de
enunciado pode ser “hoxe chove”. Ese enunciado, segundo as circunstancias, pode
ser verdadeiro ou falso: se o comparamos coa realidade e efectivamente chove é
un enunciado verdadeiro, pero se non, é falso.

É normal, na nosa forma de experimentar e coñecer o mundo, tomar por verdadeiro


algo que resulta ser falso e viceversa. Por esta razón, existe unha serie de criterios
que poden ser de axuda para avaliar se os enunciados son verdadeiros ou falsos.

• Autoridade: algo é verdadeiro se coincide co que afirmaron certas persoas


ou institucións, ás que se considera fiables ou incluso infalibles, ou teñen un
coñecemento nun campo superior á media.
• Utilidade: considérase que algo é verdadeiro se ten un resultado beneficioso
ou positivo. Se un medicamento promete curar a dor de cabeza e o fai,
consideramos que esa promesa é verdade aínda que non sepamos como
funciona.
• Evidencia racional: segundo este criterio, considérase que un enunciado é
verdadeiro cando á nosa razón lle resulta imposible dubidar del, por exemplo:
“se dúas cousas son iguais a unha terceira, todas son iguais entre si.” “Todos
os triángulos teñen tres lados.” “Todos os solteiros non están casados.”
• Consenso: segundo este criterio, o verdadeiro é aquilo que calqueira suxeito
racional ben informado aceptaría como tal, daría por bo. Este criterio parte
da premisa de todos os suxeitos podemos identificar o que e coñecemento
verdadeiro porque compartimos a capacidade do razoamento.
• Evidencia empírica: un enunciado debe ser aceptado como verdadeiro cando
se corrobora cos datos obtidos por experimentación, polos sentidos. Por
exemplo, a teoría da gravidade, ou que o cobre é bo conductor da
electricidade, son enunciados que se poden comprobar de forma empírica, a
través da experimentación e os datos dos sentidos.
• Coherencia: considérase verdadeiro o que non entra en contradicción co
resto de cousas xa aceptadas como verdadeiras. Este criterio úsase
especialmente en disciplinas abstractas como matemáticas e lóxica.

Teorías sobre a verdade:

A verdade, como dicimos, non é un concepto único e obxectivo. Nin todas as


persoas entenden por “verdade” o mesmo, nin hai unha única forma de interpretar
este fenómeno. A continuación están expostas algunhas das interpretacións do que
significa “verdade” que existen en filosofía ou ciencia.

• Verdade como descubrimento: segundo esta teoría, propia da filosofía grega


antiga, a verdade non depende do suxeito que coñece, senón das cousas. A
verdade é algo que está aí, na realidade: as cousas son dun xeito
determinado, pero depende de nós , dos suxeitos, chegar a coñecelas ou
non.
• Verdade por correspondencia: segundo esta teoría, algo que se di sobre a
realidade é verdadeiro cando coincide coa realidade á que se refire. “Hoxe
chove” só é verdadeiro se, de feito, hoxe chove.
• Verdade como certeza: esta teoría considera que un enunciado é verdadeiro
cando resulta imposible dubidar del: “Todos os triángulos teñen tres lados.”
A certeza tamén se pode aplicar a ideas subxectivas das que unha persoa
está completamente convencida de forma íntima, aínda que non poida
explicar por que ou non teña razóns para facelo.
• Verdade como coherencia: esta teoría considera que a verdade non está en
enunciados illados senón no xeito no que un conxunto de enunciados se
relaciona. Un enunciado (“este bolígrafo é azul”) e o enunciado oposto (“este
bolígrafo non é azul”) non poden ser verdadeiros ao mesmo tempo sobre un
mesmo obxecto. Segundo esta teoría, para considerar algo como verdadeiro
non pode entrar en contradición con outras cousas que sabemos.
• Verdade como éxito: segundo esta teoría un coñecemento é verdadeiro se
nos permite actuar con éxito, e falso se nos leva ao fracaso. Esta teoría di
que hai que ter en conta as consecuencias para comprobar se algo que se
considera verdadeiro, o é.

6. Graos do coñecemento ou certeza

Sentidos e razón, as facultades que usamos para coñecer, poden darnos algunha
información sobre a realidade. Pero, coñecemos toda a información que nos dan
coa mesma seguridade? Cando coñecemos algo, podemos estar máis ou menos
seguros da súa verdade, non sempre temos a mesma seguridade sobre todo o que
coñecemos. A continuación veremos os graos cos que podemos coñecer de menos
a máis seguridade:

a) Ignorancia: carencia total de coñecemento, que pode ser absoluta ou sobre


algún tema concreto. Ás veces podemos ser conscientes do que ignoramos,
pero en xeral a ignorancia implica non saber nin sequera que é o que se
ignora.
b) Dúbida: forma máis pobre de coñecemento. Mentres que na ignorancia
podemos non saber o que ignoramos, o que non sabemos, na dúbida polo
menos somos conscientes de que non sabemos algo. O que dubida pode ver
a posibilidade de que isto se acabe convertindo en saber.
c) Opinión: é un tipo de coñecemento no que o suxeito cre que algo é verdade
baseándose na confianza persoal que ten nese algo. Non ten razóns seguras
para pensar que algo é verdade, pero aínda así o cre. A diferenza da dúbida,
o que opina cre saber algo aínda que non teña razóns para facelo.
d) Crenza: o suxeito tamén cre na verdade de algo, pero as razóns para facelo
veñen de algo externo a el. O exemplo máis claro diston son as verdades
relixiosas, que se sosteñen por crenza. Neste grao de coñecemento non hai
tampouco probas para crer.
e) Saber: é un grao de coñecemento sólido, seguro. Permítenos dar unha
xustificación razoada daquilo que sabemos. É a única forma de coñecemento
que pode ser probada e comprobada por outras persoas.

7. A dimensión social do coñecemento.

Como xa comentamos, unha forma común de referirse ao coñecemento é como a


relación entre o suxeito que coñece e o obxecto que se coñece. Durante boa parte
da historia da filosofía, nesta relación deuse máis importancia o obxecto, e
considerouse que o coñecemento obxectivo (do que todos os suxeitos poden estar
seguros) é mellor ou ten máis calidade que o subxectivo (que depende de quen
coñece).

Cómpre ter en conta que o coñecemento sempre ten factores subxectivos: as partes
da realidade que hai máis interese coñecer dependen de factores sociais, políticos,
históricos, económicos, mesmo persoais. Incluso nas investigacións científicas, as
máis rigorosas e con máis intención de ser obxectivas, están influidas por factores
deste tipo. Todo o coñecemento está guiado por intereses, sean persoais ou
grupais: se algo non interesa non se emprega tempo en tratar de coñecelo.
Karl-Otto Apel e Jürgen Habermas son dous filósofos alemáns pertencentes á
Escola de Frankfurt. Ambos reflexionaron sobre a relación entre interese e
coñecemento. Chegan á conclusión de que, en función do tipo de interese que
exista, pode darse un tipo de coñecemento distinto:

• Interese técnico: pretende a explicación de fenómenos coa intención de


coñecer, controlar e explotar a natureza para o beneficio humano. É un tipo
de coñecemento produto da observación, é obxectivo, e se valora
positivamente se da uns bos resultados.
• Interese práctico: refírese ás accións humanas, e ten como intención facilitar
a comunicación e convivencia entre individuos. Produce un coñecemento
subxectivo, no que o máis importante é a dimensión práctica.
• Interese emancipador: este tipo de interese leva a unha crítica das situacións
de dominación que existen na realidade, e ten como finalidade promover a
transformacion social. É un coñecemento intersubxectivo: propio de
individuos (suxeitos) que intercambian os seus puntos de vista persoais con
intención de chegar a acordos e compartir perspectivas.

Appel e Habermas consideran que o interese que ten que levar ao coñecemento da
realidade é o emancipador.

O coñecemento depende de diferentes intereses, pero tamén ten unha relación


complexa co poder. É unha relación que non é posible eliminar, polo que cómpre
tela en conta para ser consciente das súas implicación:

Por un lado, o coñecemento otorga poder, e existen exemplos diferentes deste


fenómeno. Por un lado, cando algo se acepta maioritariamente como “verdade” hai
que aceptalo, e a persoa o grupo que logra convencer de estar en posesión da
verdade, está en posición de poder. Por outro lado, coñecer a maior cantidade de
información posible sobre a realidade permite tomar que sexan máis probablemente
acertadas. As persoas ou grupos con maior acceso á información sobre a realidade
poden influir nas opinións dos que teñen un acceso máis limitado.

Por outro lado, o poder exerce control sobre o coñecemento: a investigación


científica é algo que require infraestrutura e cartos, e nos diferentes países depende
do poder político para obtelos. O poder político pode tamén, a cambio dese apoio,
influir nas investigacións científicas. Nalgúns casos, os poderes políticos deciden
obter información ou non comunicala á cidadanía impedindo que o coñecemento
sexa de dominio público.

A posverdade

En relación ao coñecemento e o seu papel na sociedade, estamos a vivir un


momento histórico relevante. En 2016, a palabra do ano segundo o dicionario
Oxford foi “posverdade”. Esta palabra fai referencia á situación na que os feitos
obxectivos teñen menos influencia ou importancia á hora de definir a opinión pública
que os que apelan á emocións, sentimentos e crenzas persoais. Algúns filósofos
que reflexionaron sobre este tema, como A. C. Grayling, falan da relación que existe
entre este fenómeno e o narcisismo, as redes sociais e as fake news. Gralying
reflexiona tamén sobre a consecuencia da posverdade: na actualidade, é cada vez
máis difícil diferenciar entre realidade e ficción. Isto é algo que nos últimos anos
foise facendo aínda máis complexo coa irrupción das intelixencias artificiais.

A posverdade é un fenómeno propio da realidade contemporánea: en épocas


pasadas, teñen existido explicacións completas sobre a realidade máis ou menos
aceptadas de forma xeral. A crenza nas relixións monoteístas na Europa medieval,
a confianza na ciencia durante a revolución científica, o papel da razón humana na
Ilustración... todas estes momentos históricos tiñan o que se chama un sentido, eran
interpretadas dende un punto de vista concreto que se tiña como válido. A nosa
época non é así: non temos unha explicación xeral coa que interpretar os
acontecementos. Existen pluralidade de explicacións, ás veces contraditorias, que
conviven, e ningunha parece máis convincente que a outra. Neste contexto, a
manipulación da información é moito máis sinxela e frecuente.

You might also like