You are on page 1of 10

Filosofía

1º de Bacharelato

Tema 1: Que é a filosofía?

Índice:

1. Introdución
2. Que é filosofía? Algunhas cuestións para intentar definila
3. A orixe e as grandes etapas da filosofía occidental
4. As ramas da filosofía
5. A cuestión da utilidade da filosofía

¿Que é a filosofía? Incluso para un filósofo profesional, é moi difícil responder a esta
pregunta, e esta dificultade é en si mesma reveladora, porque fai que os filósofos
advirtan o peculiar do seu obxecto. En primeiro lugar, a filosofía aspira a producir
coñecemento; ou, se semellase que isto é unha aspiración desmesurada, polo menos
consta dunhas proposicións que os seus autores queren que aceptemos como
verdadeiras. A pesar de todo, parece que a filosofía non posúe ningún obxecto
específici. Como podería definirse que é o que estuda un filósofo, dun xeito similar a
como se di que o químico estuda a composición dos corpos ou que un botánico estuda
a variedade das plantas? Unha posible resposta é que, por tratarse dun obxecto que
posúe moitas ramificacións, a filosofía non ten un único obxecto de estudo, senón
varios. Deste xeito pode dicirse que a metafísica estuda a estrutura da realidade; a
ética, as normas de conducta humana; a lóxica, os canones do razoamento válido; e a
teoría do coñecemento descubre que é o que podemos coñecer. Esta resposta non é
incorrecta, pero podería ser enganosa. Efectivamente, a ética ocúpase da conducta
humana, pero non se trata dunha ciencia descritiva da conducta humana, como a
psicoloxía ou a socioloxía. A ética pode ser prescritiva, pero interésase de xeito especial
polo que está máis alá das descricións; non se ocupa tanto de establecer regras de
conducta como de considerar os fundamentos sobre os que estas normas poden
apoiarse. A teoría do coñecemento descobre que é o que somos capaces de coñecer,
no sentido de que]intenta establecer criterios de coñecemento. A lóxica, en cambio, é
un caso especial. Como ciencia formal, ten un lugar xunto á matemática. A filosofía
garda relación co tema dos criterios. Ocúpase das pautas que gobernan o noso uso dos
conceptos, das nosas avaliacións da conducta, dos nosos métodos de razoamento e
das nosas avaliacións dos elementos de xuízo.

J. Ayer, Os problemas centrais da filosofía (1984).

1. Introducción

Como vimos no texto do filósofo A. J. Ayer “Os problemas centrais da filosofía”, definir
filosofía non é tarefa fácil. Esta é, de feito, unha das tarefas que máis traen de cabeza aos
filósofos e filósofas, e o leva sendo dende que o nacemento da filosofía.

Ao longo da historia da filosofía, que leva hoxe varios séculos de camiño, os pensadores e
pensadoras deron moitas definicións. Todas estas teñen rasgos comúns, e todas teñen
parte de razón, pero entre elas non hai total acordo. Non hai unha que se decidira como
verdadeira e mellor que o resto. Na filosofía hai o que se chama “un problema de definición”.

Parece irónico que vaiamos estudar esta materia sen saber o que é, e sabendo que nin a
xente que se dedica á filosofía parece sabelo. Precisamente isto é o noso punto de partida:
un dos elementos que caracterizan á filosofía é a dificultade para definila. Ao longo deste
tema veremos cales son os elementos que usamos para caracterizar á filosofía, e imos
tratar de dar ao final unha definición que sexa útil para nós, nesta materia.

2. Que é filosofía?

Como acabamos de ver, non é algo sinxelo de definir, pero imos intentalo. Se imos a un
diccionario, como o da Real Academia Galega, temos varias definicións: ciencia que trata
de explicar as causas primeiras, a realidade do mundo e o ser humano en xeral; conxunto
de razoamentos sobre un tema organizados nun sistema; conxunto de ideas dun individuo
ou dunha comunidade sobre o mundo e o ser humano; conxunto de consderacións que
tende a reducir un campo de coñecementos ou de actividade humana a un número de
principios xerais... Todas estas definicións dannos ideas sobre o que pode ser a filosofía,
pero non parecen moi concretas nin definitivas.
Ademais dun diccionario, é útil preguntar á etimoloxía: a palabra filosofía ven de dous
termos gregos, “philos”, que significa amor, e “sophia”, que significa sabedoría. A filosofía,
etimoloxicamente, significa “amor á sabedoría”. Isto segue a darnos algunha pista sobre o
significado, pero tampouco parece definitivo. Esta definición fala de que a filosofía ten como
meta satisfacer o desexo de coñecer en profundidade a realidade, e todos os aspectos da
mesma. Aínda que isto é certo, non abonda como definición.

Como seguir entón a nosa investigación? Imos tratar de coñecer algúns aspectos sobre a
filosofía para despois analizalos e ver se podemos quitar algunha conclusión reveladora.

Quen filosofa?

Podemos afirmar que a filosofía é unha actividade humana. Para filosofar é necesaria unha
capacidade que nos diferenza como seres humanos: a razón. Para facer filosofía é
imprescindible o uso da razón. Pero os seres humanos, como veremos este curso, podemos
usar a razón de distintas formas.

A filosofía é unha forma de tratar de coñecer a realidade a través da razón. Isto non abonda
para definila, porque a ciencia, por exemplo, trata de facer exactamente o mesmo. Pero o
feito de que use a razón como ferramenta é unha característica importante da filosofía.

Cales son as características do saber filosófico?

Podemos afirmar que a filosofía é unha forma de saber, ou de coñecemento. É un xeito de


tratar de comprender a realidade. Pero como existen distintas formas de saber, imos
intentar ver que define á filosofía e a diferenza doutros saberes:

• A filosofía é unha forma de saber racional: trata de explicar a realidade usando


como instrumento a razón, unha capacidade exclusivamente humana. Existen
moitas formas de saber diferentes, e coñeceremos algunhas ao longo deste curso:
a fe, a intuición, etc., poden considerarse formas de coñecemento, pero non son
racionais, como si é a filosofía.
• Outra das principais características da filosofía é que é un saber radical. Radical
ven do termo “raíz”. Cando dicimos que a filosofía é un saber radical queremos dicir
que vai á raíz das cousas: as preguntas filosóficas son sobre a orixe, causas e
principios da realiade. De onde ven o mundo? Por que existe algo en lugar de nada?
Por que a realidade funciona con unhas leis e non con outras? Todos estes son
exemplos de preguntas filosóficas radicais.

• A filosofía non se pregunta por unha rama ou aspecto concreto da realidade, senón
por a realidade como totalidade, como conxunto. Quere entender que é, cal é a
orixe e como funciona a realidade, e para iso pregúntase por todo o que forma parte
desta realidade: todos os seres e conceptos son de interese para a filosofía. As
ciencias céntranse nunha parcela concreta da realidade, pero a filosofía ten unha
perspectiva integrada, e utiliza coñecementos de moitas disciplinas distintas.

• Ademais, a filosofía é unha busca de saber desinteresada. Como vimos ao falar


de etimoloxía, a filosofía é unha busca de saber polo saber, por curiosidade ou
interese por comprender a realidade. A ciencia na actualidade pode non ser un saber
tan desinteresado: a investigación en medicina, en tecnoloxía, en física... pode servir
para resolver problemas prácticos da nosa vida. É unha investigación cunha
finalidade. A filosofía adoita investigar movida pola curiosidade.

• En relación á busca do saber desinteresado, a filosofía presta tanta atención ás


preguntas como ás respostas. As preguntas filosóficas non adoitan ter unha
resposta pechada e definitiva, senón que levan a máis interrogantes, e estes a
outros, e estes a outros. Isto pode parecer frustrante, pero é algo que define a
actividade filosófica: investígase non para obter respostas, senón para facerse as
preguntas axeitadas. Por isto a filosofía é unha actividade chea de incertidume.
Podemos dicir que hai moita xente que sabe filosofía, ou que opina sobre filosofía,
pero hai moi poucos filósofos e filósofas. A filosofía consiste en avanzar cos ollos
vendados, dando paus de cego, sen saber a donde nos van levar as nosas reflexións
nin se chegaremos a algunha resposta, pero facendoo de todos os xeitos movidos
pola curiosidade e o asombro que nos produce o mundo. Facer filosofía consiste en
abandonar a esperanza de atopar certezas absolutas, e seguir aínda así buscando
por elas.
• A filosofía é producto da reflexión de individous ou grupos, pero non é unha mera
opinión. Facer filosofía consiste nunha análise, reflexión, comprobación, contraste
de ideas, e un cuestionamento incansable sobre absolutamente todo.

• A filosofía trata de coñecer a realidade, pero tamén de transformala, de cambiala.


Esta forma de coñecemento pretende servir para orientar as accións e decisións
dos seres humanos: unha vez coñecemos a realidade, a filosofía permite avaliar se
estamos de acordo con ela ou queremos que sexa diferente. Se non estamos
conformes, a filosofía pode ser unha ferramenta para o cambio, e pode indicar
como chegar a el. Dicimos que é unha forma de coñecemento que non só se
preocupa polo que é, senón polo que debería ser.

Filosofía ou filosofías?

Outro dos problemas de definición da filosofía está en que non existe unha única filosofía:
podemos falar da filosofía de distintas culturas (filosofía oriental, filosofía occidental), de
distintas épocas (filosofía medieval, filosofía contemporánea), e incluso referirnos ao
pensamentos de diferentes filósofos e filósofas (a filosofía de Judith Butler, a filosofía de
Aristóteles). Mesmo podemos referirnos á filosofía que temos cada un de nós, como forma
de pensar e ver a vida (a miña filosofía é...). Se falamos de filosofía en singular, estamos a
referirnos a un campo do saber moi amplo, no que se engloban todas esas formas
diferentes de entender a filosofía.

A actitude filosófica

Antes comentamos que o ser humano é racional, e que é a razón a que lle permite facer
filosofía. A razón non só é a capacidade que nos permite filosofar: tamén é a capacidade
que nos leva a filosofar, a facernos preguntas e abuscar explicacións. Hai moitos seres
vivos que habitan o planeta sen cuestionarse a súa existencia nin facerse preguntas sobre
o mundo no que viven, pero o ser humano ten a necesidade de cuestionalo todo, e de
comprender como funciona a realidade. Esta actitude de cuestionamento, de buscar a
explicación profunda das cousas, é o que se chama a actitude filosófica.
Comentamos antes tamén que en filosofía non sempre atopamos respostas ás preguntas,
e mesmo cando o facemos, non sempre son as respostas que queremos. Por isto, a actitude
filosófica adoita identificarse tamén cunha forma de pensar aberta e sen prexuízos. É o
contrario ao que se coñece como dogmatismo. Un dogma é unha verdade que se acepta,
que se cre sen necesidade de xustificación, porque si. A filosofía é unha forma de pensar
que busca cuestionalo todo, polo que a actitude dogmática pode ser incompatible con ela.
Obriga a cuestionarse as ideas preconcebidas e prexuizos, e examinar a realidade de forma
crítica, como se se observara por primeira vez.

Esta actitude de indagación libre que vemos na filosofía tamén nos vai levar a outra
característica: esta busca leva a miúdo a atopar novas preguntas, pero non moitas
respostas. A filosofía é unha actividade chea de incertidume, na que cómpre afacerse ao
feito de que non sempre hai respostas, e que consiste en avanzar cos ollos vendados,
dando paus de cego, sen saber a donde nos van levar as nosas reflexións nin se
chegaremos a algunha resposta, pero facendoo de todos os xeitos movidos pola
curiosidade e o asombro que nos produce o mundo.

Finalmente, hai que sinalar que a filosofía non é unha mera expresión dunha opinión. Aínda
que é producto da reflexión de individuos ou grupos, non consiste en expresar ideas
subxectivas sen eito. Na filosofía ten que haber análise, observación, reflexión, contraste
de ideas... as teorías e ideas filosóficas deben estar argumentadas de xeito rigoroso, para
evitar caer en prexuízos e dogmatismo.

3. A orixe e as grandes etapas da filosofía occidental

Antes comentamos que poden existir diferentes filosofías, e mencionamos como exemplo
que existe unha forma de filosofía coñecida como filosofía occidental. Esta filosofía é a que
recolle a tradición filosófica de Occidente, e é a que imos estudar principalmente pola
conexión que ten coa nosa cultura. Isto non significa que non existan outras formas de
pensamento filosófico.

O paso do mito ao logos

Para seguir coa tarefa de definir filosofía, imos coñecer o nacemento da filosofía occidental.
A filosofía occidental nace en Grecia arredor dos séculos VII-VI a. C. Pode parecer que
antes deste momento non hai pensamento filosófico, pero non é así: o ser humano
pregúntase pola realidade e o seu funcionamento dende sempre, pero as respostas que
deu non sempre foron filosóficas. Na Grecia dos séculos VII e VI a. C. hai unha serie de
circunstancias que levan a comezar a entender o mundo dun xeito novo: comeza unha
forma diferente de intentar entender e interpretar a realidade. Este cambio de interpretación
é coñecido como o paso do mito ao logos (logos é un termo que ven do grego e que
podemos traducir como razón).

O noso punto de partida está entón na Grecia duns séculos antes de Cristo: ata ese
momento, o mundo occidental intentaba explicarse a realidade a través de mitos. Os mitos
eran narracións, historias, que explicaban como sucedía algún fenómeno. Normalmente
estaban protagonizados por deuses, heroes e outras criaturas. Usábanse os mitos para
explicar a realidade e os fenómenos que tiñan lugar nela porque non se atopara unha
explicación mellor: os seres humanos necesitamos coñecer e dar significado ao mundo, dar
unha explicación ao que non se entende. O mito, como será a filosofía e a ciencia, é unha
forma de facer isto.

Os pobos que se explicaban a realidade a través de mitos vivían de forma illada,


autosuficiente, en pequenas aldeas. Pero entre os séculos VII e VI a. C., comezan a
coñecerse entre eles a través de viaxes por mar e a intercambiar ideas. Tamén comezan a
vivir en comunidades máis grandes (polis, ou cidades). Estas cidades teñen un sistema
político parecido á democracia, no que os cidadáns teñen que participar e expresar a súa
opinión. Nestas cidades tamén comeza a haber un intercambio de ideas. Neste contexto é
no que se comeza a abandonar o mito e se pasa a intentar entender o mundo usando a
razón. Esta nova forma de pensar caracterízase por tratar de explicar a realidade sen usar
elementos fantásticos, a través de observar a natureza e quitar conclusións desa
observación.

As novas explicacións racionais e os mitos conviven na sociedade grega, e veremos algúns


filósofos que seguen usando mitos para explicar partes do seu pensamento.

A filosofía, esa forma de explicación racional, nace deste xeito en occidente. Dende este
momento vai evolucionando e dedicándose a diferentes buscas, das que falamos
brevemente a continuación.

As grandes etapas da historia da filosofía occidental


A filosofía occidental divídese en catro grandes etapas: antiga, medieval, moderna e
contemporánea. Vexamos as preguntas principais de cada unha destas épocas.

• Filosofía antiga: é o pensamento filosófico dende o paso do mito ao logos (VII-VI a.


C.) ao comezo da Idade Media (século V d. C.). Aquí atopamos a filosofía da
civilización grega e do Imperio Romano. Os primeiros pensadores gregos,
coñecidos como filósofos presocráticos ou filósofos da natureza trataron de coñecer
o funcionamento da natureza e a orixe da realidade. Despois, arredor dos séculos
V e IV a. C., atopamos aos tres grandes filósofos da antigüidade: Sócrates, Platón
e Aristóteles. Ademais de preguntarse pola natureza, reflexionaron sobre o
comportamento humano e a organización social (ética e política). Nos últimos anos
do Imperio Romano, a filosofía preguntarase máis pola felicidade persoal.
• Filosofía medieval: é o pensamento filosófico da Idade Media, etapa que vai dos
séculos V a XV d. C. Neste momento, as principais preguntas filosóficas van estar
relacionadas coa relixión. É un momento no que o pensamento occidental está
definido en relación á relixión e a filosofía vaise facer preguntas sobre esta, sen
contradicir os seus dogmas. Os filósofos, como Agostiño de Hipona e Tomé de
Aquino, preguntaranse por temas como a existencia de Deus. A filosofía neste
momento é unha ferramenta de apoio á teoloxía.
• Filosofía moderna: o pensamento filosófico da Idade Moderna, que abrangue dende
o final da Idade Media ata o século XVIII. Esta etapa da filosofía está menos influida
pola relixión, e máis por movementos culturais e políticos como a Ilustración. Algúns
dos grandes filósofos deste momento son Rene Descartes e Inmanuel Kant. Neste
momento a filosofía está a preguntarse por o coñecemento humano e como
xustificalo de forma segura, por que é o suxeito humano e por novas formas de
organización políticas.
• Filosofía contemporánea: comeza a finais do século XVIII e é o periodo no que aínda
nos atopamos hoxe. É un periodo complexo onde conviven diferentes formas de
pensamento e correntes. Algunhas das preguntas deste periodo están relacionadas
co sentido da existencia humana e o progreso tecnolóxico da humanidade.

4. As ramas da filosofía
A filosofía, como a ciencia, pregúntase pola realidade en xeral. Pero a realidade é complexa:
as persoas que se dedican á ciencia e á filosofía non poden coñecer en profundidade todos
e cada un dos aspectos da realidade. Por isto, tanto en ciencia como en filosofía hai ramas
que se dedican a cuestións concretas, aínda que todas teñan relación entre si.

A filosofía pode dividirse en ramas, ou en grandes grupos de preguntas. O filósofo Inmanuel


Kant, por exemplo, di que toda a filosofía pode dividirse en catro grandes preguntas: Que
podo coñecer? Que debo facer? Que podo esperar? Que é o ser humano?. Para el, todas
as preguntas da filosofía pódense dividir nestes grandes bloques.

Na actualidade, distínguense varias ramas de filosofía. Vexamos as principais:

• Metafísica: é a parte da filosofía que se pregunta polo ser e as formas nas que as
cousas son (o cosmos, a natureza...). Algunhas preguntas desta rama poden ser:
que é o ser? Por que existe algo en lugar de nada? Que é a nada? A realidade
comezou a existir nalgún momento ou existe dende sempre?
• Epistemoloxía: esta rama da filosofía pregúntase polo coñecemento e a ciencia. A
epistemoloxía reflexiona sobre como coñecemos a realidade os seres humanos, se
ese coñecemento é fiable, se é posible coñecelo todo... Algunhas preguntas desta
rama poden ser: como coñecemos os seres humanos? Que é a verdade? A imaxe
que temos do mundo é igual para todas as persoas? Podemos coñecelo todo? Cales
son os límites do coñecemento?
• Ética: é a rama da filosofía que reflexiona sobre o comportamento e as decisións
humanas. A ética está interesada nas formas humanas de comportamento e os
códigos de conducta, e por como os humanos e grupos deciden o que está ben e o
que está mal. A política, unha rama da filosofía moi relacionada coa ética, faise este
tipo de preguntas pero aplicándoas ás organizacións sociais. Algunhas preguntas
éticas poden ser: que é o bo? Por que consideramos que algúns comportamentos
bos e outros malos? Os valores morais son naturais ou convencionais? Hai que ser
bo para ser feliz?
• Antropoloxía: rama da filosofía que reflexiona sobre o ser humano e as dúas cousas
que nos definen como tal: a natureza e a cultura.
• Estética: rama da filosofía dedicada á percepción da realidade e á valoración que
facemos de esta. Está relacionada con temas como a beleza, a arte e o gusto, e
decidir se o que nos parece fermoso é unha cuestión subxectiva ou obxectiva.
• Lóxica: rama da filosofía que se pregunta polas normas correctas de razoamento e
argumentación.

5. A cuestión da utilidade da filosofía

Por fotocopia aparte.

You might also like