You are on page 1of 12

TEMA 3 : Restauración, liberalis

1. RESTAURACIÓN ABSOLUTISTA E VAGAS REVOLUCIONARIAS

Tras a derrota de Napoleón, en toda Europa foron restauradas as monarquías absolutas do Antigo
Réxime. A pesar da súa persecución, as forzas liberais loitaron por abolir o absolutismo.

A EUROPA DO CONGRESO DE VIENA

Os reinos vencedores de Napoleón, reunidos nun Congreso en Viena en 1815, restableceron as formas
políticas do Antigo Réxime e modificaron o trazado das fronteiras europeas, baseándose en tres
principios: o lexitimismo, que establece que só poden reinar as dinastías tradicionais e lexítimas (non as
establecidas por Napoleón); o absolutismo, que derrogaba as leis e reformas liberais; e o equilibrio
internacional, para impedir que un reino sexa moito máis poderoso que os demais. Non se tiveron en
conta os desexos das poboacións, quedando pobos da mesma lingua divididos en varios reinos, e pobos
enfrontados entre si, sometidos a un mesmo rei.

Para asegurar o absolutismo e evitar a posibilidade dunha nova revolución, os reis de Austria, Prusia e
Rusia asinaron, en 1815, o Tratado da Santa Alianza, polo que se comprometían a prestarse mutua
axuda e a realizar unha política de intervencionismo, é dicir, que os monarcas absolutistas podían
intervir militarmente a favor dun rei obrigado a reinar baixo os principios liberais recollidos nunha
Constitución.

Figura clave deste proceso restaurador do Antigo Réxime foi o chanceler austríaco Metternich.

AS VAGAS REVOLUCIONARIAS LIBERAIS

A pesar da restauración do absolutismo, as ideas liberais continuaron espallándose por Europa. Para
conseguir que triunfasen, os liberais recorreron á revolución e subleváronse contra os monarcas
absolutos; nesta loita contaron co apoio da burguesía, do exército e das masas populares. Nuns casos,
esixíase o establecemento dunha Constitución; noutros, a creación dun Estado propio. A coincidencia
nos desexos de liberdade fixo que os acontecementos dun país fosen imitados noutros, dando orixe a
tres grandes vagas revolucionarias arredor dos anos 1820, 1830 e 1848.

A mediados do século XIX, os procesos revolucionarios só lograran eliminar o Antigo Réxime en Europa
occidental, establecendo réximes liberais e Constitucións moderadas nos que os reis conservaban un
gran poder. En cambio, en Europa Central púxose de manifesto a forza crecente dos nacionalismos.

2. FERNANDO VII E A INDEPENDENCIA DA AMÉRICA ESPAÑOLA

En España, o reinado de Fernando VII exemplifica a loita entre absolutismo e liberalismo


diferenciándose tres períodos segundo o réxime establecido.
A ESPAÑA DE FERNANDO VII

Tras a finalización da guerra contra os franceses, retornou a España Fernando VII en 1814. Contando co
favor popular e o apoio dos nobres e da Igrexa, impuxo o seu poder absoluto, derrogando a Constitución
de Cádiz e todas as leis liberais aprobadas durante a súa ausencia.

No seu reinado, diferénciase tres períodos:

 Sexenio absolutista (1814-1820). A restauración do absolutismo non foi aceptada polas forzas
liberais. Dada a súa inferioridade, recorreron á conspiración e ao pronunciamento, é dicir, ao
levantamento de parte do exército, contando co apoio de burgueses, que se pronuncia en favor
do restablecemento do réxime da Constitución de Cádiz de 1812. Todos os pronunciamentos
deste período fracasaron. Entre eles cabe destacar o realizado en 1815 na Coruña polo mariscal
Juan Díaz Porlier, quen foi detido e executado tras o fracaso do pronunciamento que el
encabezara.

 Trienio liberal (1820-1823). En 1820 Rafael Riego proclamou en Andalucía o restablecemento


da Constitución de 1812. Inicialmente só lle seguiu parte do exército de Cádiz, pero acabou
triunfando grazas ao apoio dos militares e da burguesía coruñesa, de modo que Fernando VII se
viu obrigado a ceder. Os novos gobernos liberais restableceron a Constitución e todas as leis
reformistas elaboradas polas Cortes de Cádiz.

 Década ominosa ou absolutista (1823-1833). O medo á extensión da revolución fixo que as


potencias absolutistas europeas decidisen intervir en España para restaurar o goberno
absolutista de Fernando VII. En 1823, un exército francés (os Cen mil fillos de San Luís) invadiu
España, contando co apoio dos realistas. Agás nalgúns puntos, caso de Cádiz e da Coruña, non
atoparon resistencia. Fernando VII recuperou o poder absoluto, volveu derrogar a Constitución
e perseguiu duramente os liberais; moitos foron executados e outros marcharon ao exilio.

En 1830, Fernando VII derrogou a Lei sálica e proclamou herdeira a súa filla Sabela, nacida do
seu matrimonio con María Cristina de Borbón. Pero estas medidas non foron aceptadas polo
irmán do rei, Carlos, orixinándose un grave problema dinástico. En 1833 morreu Fernando VII e
tanto Carlos como Sabela foron proclamados e aceptados como reis polos seus partidarios. Esta
división provocou a primeira guerra carlista.

A INDEPENDENCIA ESPAÑOLA

Entre 1808 e 1824 tivo lugar o proceso de independencia da maioría das colonias españolas en América.
Este proceso foi longo e complexo e estivo vinculado con:

 A extensión das ideas liberais, asociando moitos dos líderes independentistas ou libertadores,
a independencia do territorio co establecemento dun réxime liberal.
 Os cambios de réxime acontecidos en España (invasión napoleónica, revolución liberal e
posterior restauración absolutista de Fernando VII), que debilitaron os lazos de dependencia
coa metrópole e favoreceron as ansias de establecer un goberno propio.

 Os desexos das minorías crioulas, que vían na independencia un medio de liberarse do


dominio dos peninsulares e do control económico de España, facéndose co poder político e
establecendo relacións comerciais con outros países.

Na meirande parte dos casos o proceso foi violento, dando orixe a diversas guerras entre os
independentistas e os fieis ás autoridades españolas.

 En América do sur, a independencia contou con destacados líderes, como Bolívar, San Martín,
Sucre e O’Higgins que, cos seus exércitos, lograron liberar extensos territorios. Os intentos de
crear grandes unidades territoriais (grandes estados ou estados unidos federados) fracasaron,
creándose as repúblicas de Arxentina, Chile, Uruguai, Paraguai, Venezuela, Colombia, Ecuador,
Perú e Bolivia.

 En América central e do norte foron as propias autoridades as que proclamaron a


independencia, sendo menores os enfrontamentos. Na zona xurdiron os estados de México,
Guatemala, O Salvador, Nicaragua, Honduras e Costa Rica.

As consecuencias foron moi graves para España: perdeu o seu papel de potencia internacional
e quedou sen os grandes recursos económicos procedentes da explotación das colonias
americanas. O dominio español quedaba limitado a Cuba, Porto Rico e Filipinas.

3. O REINADO DE ISABEL II

Sabela II reinou entre 1833 e 1868, época na que se consolidaron as reformas liberais. A vida política
estivo condicionada pola división e o enfrontamento entre liberais (moderados e progresistas). En cada
partido político tiveron un papel destacado os xefes militares; grazas ao seu prestixio, moitos deles
foron xefes de partido e de goberno; son os chamados espadóns, entre os que destacaron o progresista
Espartero e os moderados Narváez e O’Donnell.

AS REXENCIAS DE MARÍA CRISTINA DE BORBÓN E DE ESPARTERO

Á morte de seu pai, en 1833, Sabela II tiña tres anos, polo que actuou de rexente a súa nai, María
Cristina de Borbón (1833-1840) e despois o xeneral progresista Baldomero Espartero (1840-1843). Neste
período cómpre destacar:

 A primeira guerra carlista (1833-1839), entre os partidarios de Sabela II e os de seu tío Carlos,
que reclamaba o trono (non aceptaba a derrogación da Lei sálica). Os carlistas defendían a orde
tradicional e o absolutismo, así como as leis forais, polo que contaban con apoios nas provincias
vascas, Navarra e Cataluña.
A guerra rematou en 1839 coa sinatura do Convenio de Vergara entre o xeneral carlista
Maroto e o xeneral isabelino Espartero, polo que os primeiros aceptaban a Sabela II a cambio
de chegar a un acordo sobre os privilexios forais. En 1841 Espartero asinou a Lei paccionada de
Navarra que recoñecía o dereito a conservar parte das súas institucións forais.

 O triunfo da revolución liberal. Para atraerse aos liberais, María Cristina tomou diversas
medidas entre as que destacaron: a concesión de amnistía para os exiliados e a nova
organización de España en provincias (1833). Pero entre 1835 e 1836, os progresistas
desenvolveron numerosas medidas de presión que lles permitiron facerse co poder. As
numerosas reformas que levaron a cabo deron o triunfo definitivo ao modelo liberal.

Entre as principais medidas adoptadas polos progresistas están: a desamortización eclesiástica


dos bens do clero regular, a recuperación da lexislación que se aprobara nas Cortes de Cádiz, e
a nova Constitución progresista de 1837. Esta constitución establecía un réxime político
baseado nunha monarquía constitucional na que a raíña tiña o poder de nomear o goberno,
pero establecía a elección popular dos alcaldes, a liberdade de prensa, e establecía un sufraxio
censatario amplo.

O REINADO PERSOAL DE SABELA II

A finais de 1843, con trece anos, Sabela II iniciou o seu reinado persoal. Gobernou case sempre
apoiándose en políticos moderados entre os que destacaron os xenerais Narváez e O’Donnell. Os
progresistas quedaron desprazados do sistema e recorreron aos pronunciamentos para poder gobernar.
No seu reinado, distínguese:

 A década moderada. Entre 1843 e 1854 gobernaron os moderados dirixidos por Narváez.
Estableceron un novo réxime baseado na Constitución moderada de 1845, que ampliaba os
poderes da raíña, recortaba as liberdades e restrinxía o sufraxio censatario. Para manter a orde
pública e reprimir as protestas crearon Garda Civil (1844). As medidas restritivas e o constante
fraude electoral provocaron as protestas dos progresistas, que realizaron diversos
pronunciamentos, todos fracasados (entre eles o de 1846 en Galicia). A frustración e a
radicalización de parte dos progresistas deu orixe, en 1849, a unha nova familia liberal: os
demócratas.

 O bienio progresista. En 1854 triunfou un pronunciamento progresista e Espartero presidiu


novamente o goberno. Pero as diferenzas entre os progresistas foron aproveitadas polos
moderados para recuperar o poder en 1856. Entre as reformas progresistas destacan dúas leis
de 1855: a Lei de desamortización xeral e a Lei de ferrocarrís.

 A década moderada-unionista e a fin do reinado. Neste período alternaron no poder os


unionistas (moderados e progresistas de centro) de O´Donnell e os moderados de Narváez. O
exército realizou diversas campañas militares no exterior, destacando as intervencións do
xeneral Prim en Marrocos e as accións de castigo da escuadra dirixida polo galego Casto
Méndez Núñez contra os portos de Valparaíso (Chile) e O Callao (Perú). A partir de 1866 o
descontento popular foi en aumento pola política autoritaria da raíña. En 1868 a revolución
expulsou a Sabela II do trono.
A DESAMORTIZACIÓN

Foi o conxunto de medidas tomadas polos gobernos liberais progresistas para que o Estado puidese
liberar e vender terras amortizadas, é dicir, que non se podían vender e que pertencían ás institucións
eclesiásticas e aos concellos. As terras afectadas primeiro eran declaradas bens nacionais e despois
expropiadas, sen indemnización, para poñelas deseguido á venda en pública poxa. Destacaron tres leis:

 A desamortización eclesiástica de Mendizábal (1836), que afectou os bens de conventos e


mosteiros (clero regular).

 A desamortización de Espartero (1841), sobre os bens do clero secular.

 A desamortización xeral de Madoz (1855), que poñía en venda bens do Estado e dos concellos
(bens comunais, propios e baldíos).

Os obxectivos destas medidas eran:

 Modificar o réxime de propiedade da terra, de modo que toda ela puidese ser unha
propiedade privada explotada con criterios capitalistas (máximo beneficio e especialización
cara ao mercado).

 Conseguir recursos para o Estado para pagar a débeda pública e financiar a guerra carlista
(Mendizábal) ou a construción do ferrocarril (Madoz).

 Incrementar os partidarios da causa liberal co aumento de novos propietarios, así como


debilitar os seus inimigos, especialmente a Igrexa, partidaria do mantemento do Antigo
Réxime. Os máis beneficiados desta venda do 20% do territorio de España foron xentes con
recursos (nobres terratenentes, burgueses, campesiños ricos), e os máis prexudicados a Igrexa,
os concellos e os campesiños pobres, especialmente os do sur de España que aproveitaban os
froitos dos bens comunais.

En Galicia, debido a que a maioría das terras eran explotadas con contratos de foro e que os
campesiños non podían ser expulsados das parcelas que traballaban, o que se realizou
basicamente foi a venda das rendas que cobraban os mosteiros e as igrexas.

O INICIO DA INDUSTRIALIZACIÓN

O proceso industrializador comezou en España nas décadas iniciais do século XIX, pero este proceso foi
lento e afectou só a determinadas zonas; a economía seguiu sendo basicamente agraria e
subdesenvolvida. As principais zonas industriais foron:

 Cataluña. Foi onde se iniciou a industrialización e onde acadou o seu maior desenvolvemento,
converténdose na principal zona industrial de España. Destacaron o sector téxtil,
fundamentalmente do algodón, e a metalurxia de transformación con numerosos talleres
espallados pola periferia de Barcelona.
 Andalucía e o Levante. Iniciaron unha temperá industrialización ligada ao desenvolvemento do
sector siderúrxico (Sevilla e Málaga) e téxtil (Murcia e Alacante). Pero non tivo continuidade,
debido aos seus elevados custos e á competencia doutras zonas. A importante minería
(chumbo, cobre) non xerou riqueza na zona porque foi explotada por compañías de capital
estranxeiro, principalmente inglés.

 Asturias e o País Vasco. O seu desenvolvemento industrial iniciouse a mediados do século XIX,
ligado á explotación das minas de carbón e ferro, aos altos fornos da siderurxia, e aos talleres
de transformación metalúrxica.

O FERROCARRIL

A primeira liña peninsular non foi construída ata en 1848 para o curto traxecto entre Barcelona e
Mataró. Ademais de comezar tarde a introdución do ferrocarril, a debilidade da industrialización fixo
que o seu desenvolvemento fose moi lento. En 1855 iniciouse a construción das principais vías, cun
ancho superior ao europeo e cun deseño radial a partir de Madrid. Arredor de 1876 rematáronse varias
das liñas que comunicaban Madrid coa periferia, pero quedaban moitas zonas sen comunicar, entre elas
Galicia. O ferrocarril contribuíu a comunicar as distintas zonas de España, creando un mercado
unificado, pero contribuíu pouco ao desenvolvemento industrial, pois gran parte do material foi
importado do estranxeiro.

4. O SEXENIO DEMOCRÁTICO

O triunfo da revolución de 1868 puxo fin ao reinado de Sabela II. Iniciouse entón un período de busca
dun novo modelo político, baseado nos principios do liberalismo democrático.

A REVOLUCIÓN DE 1868

En setembro de 1868, militares e liberais progresistas descontentos coa política de Sabela, unidos baixo
o lema Abaixo os Borbóns! Viva España con honra!, subleváronse en Cádiz. En toda España formáronse
xuntas revolucionarias que reclamaron cambios no sistema e o establecemento de medidas
democráticas (sufraxio universal, liberdade de prensa, de asociación...) e sociais (abolición do imposto
dos consumos e do recrutamento de soldados polo sistema de quintas).

A revolución triunfou e Sabela II abandonou España. Formouse un Goberno provisional que puxo en
marcha numerosas reformas tanto políticas (recoñecemento das liberdades democráticas) como
económicas (entre elas unha nova moeda: a peseta).

As novas Cortes, elixidas por sufraxio universal, elaboraron a Constitución democrática de 1869 que
establecía, como forma de goberno, a monarquía (coa oposición dos republicanos) e recollía numerosos
dereitos e liberdades (asociación, reunión, de culto). O xeneral Francisco Serrano foi nomeado rexente,
mentres se buscaba un novo rei para España; tiña que ser católico, liberal, e contar coa aprobación das
potencias europeas. O candidato escollido foi Amadeo de Savoia, fillo do rei de Italia Vítor Manuel II.
A MONARQUÍA DEMOCRÁTICA DE AMADEO I DE SAVOIA

O seu reinado iniciouse en 1871 e foi breve polas dificultades que se lle presentaron e polos
escasos apoios que tivo. A aristocracia rexeitábao por estranxeiro; a Igrexa por admitir a
liberdade de cultos; o pobo pola falta de carisma e a dificultade para falar o castelán; os
carlistas e os afonsinos (partidarios do fillo de Sabela II, Afonso) por consideralo un rei
ilexítimo, e os republicanos porque querían instaurar a república.

A coalición de partidos que formaba o goberno non conseguiu solucionar os graves problemas
que xurdiron: a guerra de independencia en Cuba; a guerra carlista que rebrotou nas
provincias vascas, Navarra e Cataluña; diversas sublevacións dos republicanos. Ante todas
estas dificultades, Amadeo I renunciou á Coroa de España en 1873.

A PRIMEIRA REPÚBLICA

O 11 de febreiro de 1873, as Cortes proclamaron a República. A inestabilidade política


incrementouse, sucedéndose varios gobernos de curta duración:

 O primeiro estivo presidido por Estanislao Figueras. Entre os republicanos xurdiron


fortes diferenzas sobre como organizar a República: uns defendían a creación da
república unitaria; outros, a federal. Celebradas eleccións xerais, formáronse unhas
novas Cortes constituíntes que proclamaron a República federal.

 O segundo goberno foi presidido por Francisco Pi i Margall. Redactouse un proxecto


de Constitución federal (que non chegou a aprobarse) que organizaba España como
unha federación de dezasete estados. A axitación social e política aumentou debido
ás diferenzas entre os federais; os máis radicais proclamaron a independencia e
soberanía do seu cantón, sen esperar a que a Constitución establecese o reparto de
poderes. A revolta cantonalista, especialmente a do Cantón de Cartaxena, provocou a
disgregación do poder e a dimisión de Pi.

 Os seguintes presidentes foron Nicolás Salmerón e Emilio Castelar. Trataron de


restablecer a autoridade e a orde, combatendo a carlistas e cantonalistas, apoiándose
cada vez máis nos militares. O 3 de xaneiro de 1874, mentres se celebraba a sesión
para elixir un novo presidente, o xeneral Pavía disolveu as Cortes. O poder da
República foi asumido polo xeneral Serrano, quen suspendeu as garantías
constitucionais e prometeu convocar novas Cortes por sufraxio universal cando o país
estivese pacificado. Pero o 29 de decembro de 1874, o xeneral Martínez Campos
pronunciouse en Sagunto a favor do restablecemento da monarquía na persoa de
Afonso XII, fillo de Sabela II. As resistencias foron moi escasas, rematando así a
Primeira República española.

5. NACIONALISMOS E NOVOS ESTADOS EN EUROPA


Vinculados ou en contraposición coa revolución liberal, xurdiron en Europa, desde comezos do
século XIX, movementos nacionalistas que deron lugar á formación de novos Estados.

NACIÓN E NACIONALISMO

A revolución liberal modificou a concepción e xustificación do poder: a soberanía do rei,


característica do Antigo Réxime, foi substituída pola soberanía da nación. Isto obrigou a
precisar qué se entendía por nación, xurdindo diversas interpretacións. n A nación
considérase que é unha comunidade de individuos que vive nun territorio e que ten a
conciencia ou o sentimento de pertencer a un colectivo cuns trazos comúns que os
diferencian das demais nacións. Pero, cando se trata de destacar cales deben ser os
elementos definidores básicos dunha nación, xorden tendencias: u A liberal, que destaca os
elementos de carácter político: a nación está formada polo conxunto de cidadáns libres e
iguais que teñen un goberno común e están rexidos polas mesmas leis, sen importar as
diferenzas culturais ou étnicas. u A historicista, que destaca os elementos culturais,
lingüísticos e étnicos: a nación está formada só por aqueles que falan o mesmo idioma, teñen
a mesma cultura ou son da mesma raza. u Liberal-historicista, mestura de ambas
concepcións, destacando os elementos que mellor recollan a identificación dunha comunidade
como nación. n O nacionalismo é a corrente política que considera a propia colectividade
como unha nación, con Estado independente, e defende os seus intereses fronte ás demais. O
nacionalismo deu orixe á formación de diversos movementos e partidos que causaron
numerosas modificacións no mapa europeo, empregando a axitación das masas, a violencia
indiscriminada ou a guerra. É un fenómeno complexo que pode adoptar diversas modalidades:
u De afirmación, cando os nacionalistas loitan por conseguir que a súa comunidade sexa
considerada como unha nación e por formar un Estado propio e independente. Este proceso
pode realizarse a través da separación dun Estado máis amplo –nacionalismos separatistas–, ou
mediante a unión das distintas fraccións da nación repartidas entre diversos estados –
nacionalismos de unificación–. u De consolidación ou de Estado, aqueles nacionalismos que
defenden a integridade, os valores e o engrandecemento do seu Estadonación independente.

A UNIFICACIÓN ITALIANA

Tras o Congreso de Viena, a península italiana quedou dividida en sete estados. Un deles
estaba gobernado polo Papa (Estados pontificios); outro dominado por Austria (reino
lombardo-veneto); dous en mans de príncipes austríacos (Módena e Toscana); dous
gobernados por membros da dinastía dos Borbón (Parma e o reino das dúas Sicilias), e un no
que reinaban os Savoia, unha dinastía de orixe italiana (Piemonte-Sardeña). Aínda así, o
desexo de formar unha única nación estaba moi estendido, e a isto colaboraron intelectuais,
políticos e artistas (Mazzini, Leopardi, Gioberti, Verdi...), pesando tamén as razóns
económicas (necesidade de unificar o norte industrial co sur agrícola). Pero as propostas eran
varias: desde a formación dunha confederación de príncipes arredor do Papa ata a creación
dunha monarquía ou república. Nas revolucións de 1820, 1830 e 1848, os liberais intentaron
eliminar o absolutismo e facilitar a unificación, pero fracasaron. Só no reino de Piemonte-
Sardeña lograron establecer, en 1849, unha monarquía constitucional con Vítor Manuel II. A
partir de entón, o proceso de unificación organizouse en torno a este reino e estivo dirixido
polo presidente do seu goberno, Camilo Benso, conde de Cavour. A súa estratexia foi buscar
aliados contra Austria e afianzar e estender o réxime liberal evitando a revolución. O proceso
de unificación foi rápido grazas á combinación da diplomacia internacional, as accións do
exército de Piemonte e o labor dos camisas vermellas dirixidos por Garibaldi. En 1861 creouse
o reino de Italia, que dominaba case toda a península, agás Venecia (en mans de Austria) e
Roma (en poder do Papa); ambos territorios foron anexionados en 1866 e 1870
respectivamente, dándose por concluído o proceso de unificación.

A UNIFICACIÓN ALEMÁ

No Congreso de Viena de 1815 constituíuse a Confederación Xermánica, formada por 39


Estados, na que destacaban o reino de Prusia e o imperio de Austria. A pesar desta
fragmentación, entre os alemáns existía unha forte conciencia, estimulada polos intelectuais
(Fichte, Hegel, Ranke), de formar unha nación propia, idea vinculada á unión das alfándegas
(formación do Zollverein, 1834) para facilitar os intercambios económicos, así como polo
sentimento antifrancés. n As numerosas propostas de unificación chocaban coa oposición dos
gobernantes e co dilema de incluír ou excluír Austria (na que habitaban alemáns e non
alemáns) no novo Estado alemán. Os intentos liberais de unificación asociados á revolución de
1848 fracasaron polas disensións internas e a reacción de Austria. n Prusia, motor da
unificación. En 1862, o rei Guillerme I de Prusia nomeou chanceler a Otto von Bismarck, quen
converteu a unificación de Alemaña no principal obxectivo da súa política. Para alcanzalo,
emprendeu tres guerras vitoriosas: u A primeira (1864), aliada con Austria, contra Dinamarca
para anexionarse os territorios daneses habitados por alemáns. u A segunda (1866) contra
Austria para excluíla da unificación, anexionarse novos territorios, disolver a Confederación
Xermánica e crear a Confederación Alemá do Norte baixo dominio prusiano.

u A terceira (1870) contra Francia para cohesionar os alemáns e anexionarse os territorios


franceses de Alsacia e Lorena, nos que parte da poboación falaba un dialecto alemán. Esta
situación converteuse nun foco de tensión permanente entre os dous estados. n Formación do
II Imperio alemán en 1871. No palacio francés de Versalles, Guillerme I foi proclamado
emperador de Alemaña; os estados alemáns do sur non ofreceron resistencia e integráronse
no imperio.

NACINALISMOS E MODIFICACIÓNS TERRITORIAIS NA EUROPA DANUBIANA E


BALCÁNICA

Os territorios da conca do Danubio e os Balcáns estaban dominados por dous imperios: o


austríaco e o turco. Pero neses territorios vivían numerosas etnias que desexaban crear os
seus propios estados. n A formación do Imperio austrohúngaro. Desde comezos do século XIX,
as ideas nacionalistas e liberais foron estendéndose entre os pobos dominados polo Imperio
austríaco. Na revolución de 1848 destacaron as reivindicacións dos húngaros, que proclamaron
a súa independencia, pero foron sometidos. No entanto, e tras longas negociacións, en 1867 o
Imperio quedou dividido en dúas partes autónomas e diferenciadas: unha controlada por
Austria e outra por Hungría, pero mantendo un único emperador-rei como xefe do Estado.
Nacía o Imperio austrohúngaro, aínda que quedaba pendente de solución o problema do resto
das nacionalidades. n Os novos estados dos Balcáns. Na zona controlada polo Imperio turco, as
reivindicacións nacionalistas e as actuacións de Austria e Rusia provocaron a formación de
principados e reinos: Montenegro (1799), Serbia (1804-1830), Grecia (1822-1830) e Romanía
(1848-1861); unicamente os gregos lograron a independencia, mentres que os demais
dependían teoricamente dos turcos. A partir de 1875, unha serie de protestas nacionalistas e
conflitos bélicos entre os tres imperios da zona (turco, austrohúngaro e ruso) deron lugar a un
congreso en Berlín sobre os Balcáns en 1878 no que se estableceron importantes cambios que
reduciron considerablemente o dominio turco en Europa: u Montenegro, Serbia e Romanía
convertíanse en estados independentes. u Bosnia-Hercegovina pasaba a depender do Imperio
Austrohún-garo. u Bulgaria convertíase en principado autónomo dependente dos turcos (en
1885 ampliará os seus territorios, obtendo a independencia en 1908).

6. OS INICIOS DO MOVEMENTO OBREIRO


As duras condicións de vida e de traballo do proletariado deron orixe a un amplo movemento
reivindicativo para conseguir melloras salariais e laborais. Paralelamente, desenvolvéronse
novas ideoloxías que defendían cambios radicais e revolucionarios do sistema vixente: o
socialismo e o anarquismo.

AS PRIMEIRAS FORMAS DE PROTESTA E DE ORGANIZACIÓN OBREIRA

Para conseguir melloras das súas condicións de salario e traballo, os obreiros e xornaleiros
empregaron diversos medios: n A destrución das máquinas. As primeiras protestas tiveron un
carácter violento e espontáneo: a destrución das máquinas, consideradas culpables do
empeoramento das condicións laborais e do desemprego. Estas accións reciben o nome de
ludismo, en lembranza de Ned Ludd, un obreiro téxtil inglés que a tradición considera como o
primeiro que esnaquizou a súa máquina de traballo. As accións ludistas producíronse nos
inicios da introdución das máquinas en fábricas e campos, e continuaron durante décadas
como actos puntuais. En Inglaterra producíronse a finais do século XVIII e comezos do XIX; en
España a partir da década de 1820. En Galicia foi significativa a destrución das máquinas
realizada na fábrica de tabacos da Coruña en 1857. n As sociedades obreiras. Para loitar
unidos na procura de melloras, os traballadores crearon asociacións, a pesar das prohibicións
das autoridades porque consideraban que ameazaban a liberdade económica. Nos primeiros
momentos formaron sociedades de socorro mutuo, para axudarse en casos de paro ou
enfermidade. Máis tarde crearon unións de oficio ou sindicatos que agrupaban os
traballadores dunha mesma fábrica ou da mesma profesión dunha cidade. Posteriormente
formaron sindicatos xerais nos que se integraban obreiros de distintos oficios e de todo o país.
Non foi un proceso continuo, senón que estivo suxeito a avances e retrocesos, segundo o
ritmo da extensión da industrialización. En Inglaterra os sindicatos foron legalizados en 1824,
pero en España houbo que agardar a 1887. n A protesta organizada. Unha medida moi
empregada polos obreiros foi a folga ou paro masivo no traballo, buscando que, ante as
perdas causadas, os patróns aceptasen as súas peticións. Pero a folga precisaba da unión e
organización dos traballadores e de que estes tivesen capacidade de resistencia económica
para poder subsistir. En moitos casos, a necesidade obrigou os obreiros a volver ao traballo
sen conseguir os seus obxectivos.

O SOCIALOISMO MARXISTA

É o movemento ideolóxico e político que xorde como reacción ás consecuencias negativas que
provocaba a revolución industrial e a extensión do capitalismo. Os seus creadores foron Karl
Marx e Friedrich Engels. Os principios básicos quedaron esbozados en 1848 coa publicación do
Manifesto comunista no que se establece que: n As condicións materiais e económicas
determinan a estrutura social e política dunha comunidade. n A industrialización provoca o
triunfo e dominio da burguesía, pero tamén o desenvolvemento do proletariado, numeroso e
sometido. n Toda a historia da humanidade é unha historia de loita de clases, de oprimidos
contra opresores. Esa loita de clases é a que debe transformar o sistema vixente. Na
sociedade industrial, as clases enfrontadas son a burguesía e o proletariado. n Para modificar
a súa situación, o proletariado debe organizarse e conquistar o poder mediante a revolución.
n Unha vez controlado o poder, establécese a ditadura do proletariado, expropiando a
propiedade privada e os medios financeiros e de produción, que pasarán ao Estado. n Unha
vez eliminadas as condicións que permiten o dominio da burguesía e que toda a produción
estea concentrada en mans do Estado, desaparecerán as diferenzas de clase e a opresión,
quedando establecida a nova sociedade comunista, o obxectivo final dos cambios que propón
o marxismo. As ideas de Marx fóronse estendendo por Europa e numerosas organizacións
obreiras asumiron as súas propostas. En España foi Paul Lafargue, xenro de Marx, quen as
introduciu e divulgou, a partir de 1871.

You might also like