You are on page 1of 8

Tema 3.

A restauración de Fernando VII e do absolutismo: as etapas do reinado

Tal e como vimos no tema anterior, o tratado de Valençay (1813) devolvía o trono de España a Fernando
VII e poñía fin á guerra franco – española. O novo rei volveu a España en marzo de 1814, atopándose cunha
situación política moi diferente á que deixara seis anos atrás. Recibido con entusiasmo polo pobo (“o
desexado”), viuse na obriga de xurar a Constitución de 1812 e aceptar os cambios lexislativos introducidos
polas Cortes de Cádiz. Porén, o sector dos absolutistas co xeneral Elio á cabeza, propuxéronlle recobrar a
soberanía real que as cortes limitaran. Deste xeito, recibiu o apoio de sectores da nobreza, do clero e do
exército que, por medio do denominado “Manifesto dos Persas” (texto 1), reclamaban a restauración do
absolutismo. Este documento foi chamado así porque comezaba afirmando o seguinte:

“Era costume nos antigos persas pasar cinco días en anarquía despois do falecemento do seu rei, a fin de
que a experiencia dos asasinatos, roubos e outras desgrazas obrigáselles a ser máis fieis ao seu sucesor”.

Estes acontecementos, unidos á situación internacional de solidariedade entre as monarquías europeas


fronte aos intentos revolucionarios do liberalismo, fixeron que Fernando VII tomase a decisión de restaurar a
monarquía tradicional. O 4 de maio, o rei asinou un “Decreto Real” (texto 2) no que anulaba a Constitución e
toda a obra lexislativa xurdida nas Cortes de Cádiz, iniciando así a primeira etapa dun reinado marcado polo
poder absoluto. A medida que estudemos as etapas do seu reinado asistiremos a unha pugna entre os dous
modelos políticos enfrontados neste tempo, o absolutismo e o liberalismo. Non será ata a súa morte en 1833,
cando os partidarios do Antigo Réxime serán derrotados e as súas institucións desmanteladas. Ata entón, o
seu reinado pódese dividir en tres etapas diferenciadas:

1ª) O SEXENIO ABSOLUTISTA (1814 – 1820):


Fernando VII puxo en marcha unha política contrarrevolucionaria co obxectivo de restaurar o Antigo
Réxime, para o cal eliminou todas as reformas introducidas polos liberais de Cádiz e declarou os decretos das
Cortes nulos e sen efecto. Restableceu os privilexios da sociedade estamental (exencións fiscais, rendas
señoriais, morgados...), devolvéndolle os bens e as prerrogativas á Igrexa e restablecendo a Inquisición.
Recuperou os regulamentos dos gremios e da Mesta, aboliu a liberdade de prensa e pechou as universidades,
teatros e periódicos… (texto 3). A represión dos políticos liberais e afrancesados marcou esta etapa na que
miles foron apresados e desterrados, con preto de 12.000 exiliados (Francia e Reino Unido) por razóns
políticas. Os que quedaron en España pasaron á clandestinidade e a formar parte de sociedades secretas ou
loxas masónicas.
Tras seis anos de guerra, a situación da nación era moi mala, empobrecida, endebedada, sen mariña e sen
exército. A agricultura esquilmada, a industria desfeita, as comunicacións inservibles e as arcas da Facenda
baleiras. A todo iso hai que engadir o comezo da emancipación das colonias americanas, que trouxo como
consecuencia o corte brutal da chegada de metais preciosos e do comercio ultramarino. Ante esta situación os
1
liberais van a tentar acabar co absolutismo por medio dos pronunciamentos militares, levantamentos dun ou
varios militares que, apoiados por sectores civís, tiñan a finalidade de conseguir o cambio político. Estes
militares precisaban dun apoio social, político e económico suficiente para que os cambios se levasen a efecto,
xa que arriscaban a súa vida en prol dos seus ideais e da gloria persoal. Entre 1814 e 1820 producíronse en
España varios pronunciamentos liberais que buscaban acabar coa monarquía absoluta e reimplantar a
Constitución de Cádiz, pero todos fracasaron (Espoz y Mina, 1814; Díaz Porlier, 1815; Lacy, 1817).
O caso de Díaz Porlier (texto 4) resulta de especial interese porque aconteceu en Galicia (A Coruña, 1815).
Este militar liberal, heroe da Guerra de Independencia, aproveitou o descontento de bastantes militares (sen
cobrar) para sublevar á guarnición en nome da liberdade e en contra do xugo da feroz tiranía. Porlier dominou
boa parte de Galicia, pero no camiño cara Santiago, cidade na que se reuniron as tropas fieis ao Goberno, foi
traizoado polos seus propios suboficiais e detido. Tras un Consello de Guerra é condenado a morte e aforcado
na Coruña. No seu pronunciamento non só participaron militares, senón tamén a burguesía comerciante que
vía lesionados os seus intereses ante a desastrosa política económica que levaba a cabo o Goberno.
Non será ata 1820 cando un pronunciamento militar teña éxito. O tenente coronel Rafael del Riego dirixía
unhas tropas que se atopaban acantonadas na localidade sevillana de Cabezas de San Juan, agardando ser
embarcadas cara a América para sufocar o movemento independentista. Riego percorreu Andalucía
proclamando a Constitución de 1812, sumándose outros pronunciamentos (Galicia e Aragón) e constituíndose
Xuntas fieis á Constitución de Cádiz por toda a Península. A principios de marzo, unha multitude rodeou o
Palacio Real en Madrid pedindo a restitución da Constitución, ante a cal os defensores armados do monarca
non se atreveran a disparar. Ante esta situación, Fernando VII decidiu asinar un manifesto declarándose
partidario da Constitución (texto 5). As primeiras medidas políticas das novas autoridades foron a
reimplantación da Constitución de Cádiz de 1812 e a posta en vigor dos principios liberais que proclamaba.

2ª) O TRIENIO LIBERAL (1820 – 1823)


O Rei nomea un novo goberno que proclama unha amnistía e convoca eleccións baseadas no sufraxio
universal indirecto. As Cortes elixidas conforme á Constitución, son maioritariamente liberais e poñen en
marcha unha importante obra lexislativa: recupérase a liberdade de imprenta, fórmanse os Concellos
populares, créase a Milicia Nacional, abólese a Inquisición, suprímense conventos e desamortízanse os seus
bens e os da Inquisición, vólvense a suprimir o réxime señorial e o morgado, etc.
Moi pronto xorden as divisións internas entre os liberais que provocarán o enfraquecemento do réxime
liberal. Por unha banda están os liberais moderados relacionados coas Cortes de Cádiz (doceañistas), máis
veteranos e conservadores, mentres que pola outra están os liberais exaltados protagonistas do
pronunciamento (vinteañistas), máis novos e partidarios de cambios rápidos e radicais. Os liberais moderados
son partidarios de realizar as reformas con certa prudencia, para non agravar a situación económica, manter o
apoio da burguesía e do sector constitucional da nobreza e non enfrontarse cos monarcas europeos da Santa
2
Alianza. Defenden o sufraxio censatario e a creación dunha segunda cámara, ademais das Cortes. Pola contra,
os liberais exaltados proclamaban a necesidade de acelerar as reformas, acentuar a represión sobre os
elementos absolutistas e deixarse de contemplacións co monarca, rexeitando as presións europeas. Á división
interna dos liberais hai que engadir outras dificultades: a oposición dos Estados absolutistas de Europa; a
resistencia do propio rei que conspiraba secretamente con sectores da nobreza e da Igrexa e utilizaba o seu
dereito ao veto; e a incomprensión por parte do pobo que aspiraba á repartición da terra e á rebaixa dos
impostos e que non comprendeu as medidas do réxime contra a Igrexa. Deste xeito, xurdiron guerrillas ou
partidas autodenominadas «realistas» que se opoñen ao liberalismo e comezaron a actuar en zonas de
Cataluña, Navarra, Galicia e o Maestrazgo. Algunhas delas chegaron a constituír unha rexencia en Urxel, xa
que consideraban que o rei estaba preso polos liberais.
Finalmente, os continuos enfrontamentos entre os liberais e o rei levaron a Fernando VII a conspirar e
solicitar a axuda das potencias absolutistas europeas, que ante o temor de que o exemplo liberal español se
contaxiase ao resto de Europa, decidiron intervir en España (Congreso de Verona, 1822) por medio da Santa
Alianza. Deste xeito, un exército francés baixo o mando do duque de Angulema (“Cen Mil Fillos de San Luís”)
entrou en España en 1823, contando co apoio dos voluntarios realistas e coa indiferenza do pobo, o que
provocou unha fácil vitoria sobre os liberais e a volta ao poder absoluto de Fernando VII.

3ª) A DÉCADA OMINOSA OU ABSOLUTISTA (1823 – 1833)


O exército francés mantívose en España por petición de Fernado VII, de maneira que a redor de 22.000
soldados permaneceron no país ata 1828 mentres se reorganizaban as forzas armadas. O cualificativo de
ominosa procede da brutal represión ordenada polo rei que provocou a execución dos máis destacados
liberais. Esa represión foi exercida pola Superintendencia de Policía e as comisións militares, ademais de polos
voluntarios realistas que substituíron á Milicia Nacional. Desaparecida a Inquisición, os Tribunais de fe
Diocesanos e as Xuntas de purificación encargáronse dos xuízos e execucións, estendendo o terror por toda a
Península. Exemplos desta represión foron os casos de Rafael del Riego, “o Empecinado” (famoso guerrilleiro
da guerra da Independencia), Torrijos ou Mariana Pineda. Outros liberais conseguiron fuxir cara Inglaterra.
A primeira medida tomada por Fernando VII ao restablecerse o absolutismo foi anular todas as reformas
liberais da etapa anterior, excepto a abolición da Inquisición (texto 6). Paralelamente, o réxime absolutista
abordou a depuración da administración por medio da expulsión de miles de funcionarios, especialmente
docentes.
Durante esta etapa produciuse a independencia das colonias españolas en América (1824), proceso dera
comezo en 1808 aproveitando o baleiro de poder causado pola invasión napoleónica. A perda das colonias
suporá un serio revés á economía española ante a falta do metal necesario para a fabricación de moeda, a
carencia de produtos ultramarinos (café, azucre, tabaco) monopolio do Estado e a perda do mercado
americano coa conseguinte caída das exportacións. Independizadas as colonias americanas, España só
3
mantivo os territorios de Cuba, Porto Rico, Filipinas e os enclaves no Norte de África. Deste xeito, España
converteuse nunha potencia de segundo orde a nivel internacional.
O goberno do rei Fernando VII non gusta aos absolutistas xa que o consideran moi débil cos liberais, polo
que deciden apoiar ao seu irmán Carlos Mª. Isidro como o seu sucesor ante a falta de descendencia do rei. Os
partidarios de Carlos, tamén denominados “apostólicos” ou “realistas puros”, contaron co respaldo popular
nalgunhas áreas rurais onde o campesiñado soportaba duras condicións de vida e culpaba das súas miserias ás
nova leis. En 1829 falece a terceira esposa do rei, Mª. de Saxonia, e como aínda non conseguira ter
descendencia decide casar coa súa sobriña Mª. Cristina de Borbón, quen aos poucos meses queda
embarazada. Ante a posibilidade de que nacese unha nena, o rei decidiu aprobar a “Pragmática Sanción”
(1830) coa que abolía a Lei Sálica que impedía a unha muller acceder ao trono. En outubro dese ano naceu
Isabel, deixando fora da sucesión a don Carlos (texto 7), o que vai a provocar un levantamento apostólico na
Granxa en 1832 que conseguiu a derrogación da Pragmática (texto 8). Nos derradeiros meses de vida do rei, a
raíña Mª. Cristina buscou apoios entre os liberais máis moderados tratando de defender o trono da súa filla
ata que a Pragmática foi novamente revogada e a súa filla recoñecida polas Cortes en 1833. Pouco despois
morre Fernando VII e a súa filla sube ao trono con tan só 3 anos de idade, polo que será a súa nai quen ocupe
a rexencia ata 1843.
Esta situación levou a Carlos a declarar á súa sobriña usurpadora e a proclamarse rei co nome de Carlos V,
dando comezo á 1ª Guerra Carlista entre os defensores da lexitimidade de Isabel II (liberais isabelinos) e os
partidarios de D. Carlos (realistas carlistas). Xurdiu así o denominado carlismo (texto 9), unha ideoloxía que
defende o absolutismo e a soberanía real de orixe divina, así como o tradicionalismo político e social, ademais
do integrismo relixioso. Defende tamén o respecto aos privilexios forais, o que explica que teña maior
respaldo naquelas zonas onde o campesiñado contaba cunha relativa independencia económica (País Vasco,
Navarra, o Maestrazgo, interior de Cataluña, a Rioxa e en menor medida en Galicia e en Castela). O
movemento carlista era profundamente antiliberal e rexeitaba a uniformización da administración do Estado,
prometendo o respecto aos foros e a reimplantación daqueles que foran suprimidos (Coroa de Aragón). Os
principais apoios virán das ordes relixiosas afectadas polas desamortizacións, por membros non destacados
do exército, nobres provincianos (vellos fidalgos – propietarios) e parte do campesiñado que sufrirá os efectos
das expropiacións ao impedirlle o uso das terras comunais. Os principios fundamentais do carlismo pódense
resumir no seu lema: “Deus, Patria, Rei e Foros”.
O carlismo vai ser un problema constante do s. XIX, no que se van a producir tres guerras e diversos
levantamentos illados (1855, 1860 e 1869). A 1ª Guerra Carlista vai estender entre 1833 e 1840, cando en
1839 os xenerais Espartero (liberal isabelino) e Maroto (carlista) asinaron a Paz ou Convenio de Vergara (texto
10).

4
TEXTOS, CONCEPTOS E COMPOSICIÓN

Texto 1: Manifesto dos Persas.


“Artigo 134: A monarquía absoluta é unha obra da razón e da intelixencia: está subordinada á lei divina, á
xustiza e ás regras fundamentais do Estado: foi establecida por dereito de conquista ou pola submisión
voluntaria dos primeiros homes que escolleron ós seus reis. Así que o soberano absoluto non ten facultade de
usar sen razón a súa autoridade (dereito que non quixo ter o mesmo Deus); por iso foi preciso que o poder
soberano fose absoluto, para prescribir ós súbditos todo o que mira ó interese común, e obrigar á obediencia
ós que se negan a ela.(…) Os máis sabios políticos prefiren esta monarquía a todo outro goberno (…).
Manifesto de 69 deputados (12-4-1814).

Texto 2: Decreto do 4 de maio de 1814.


"(...) Declaro que o meu real ánimo é non soamente non xurar nin acceder á devandita constitución nin a
decreto algún das Cortes xerais e extraordinarias, a saber, os que sexan depresivos dos dereitos e
prerrogativas da miña soberanía, establecidas pola constitución e as leis en que de longo tempo a nación viviu,
senón o de declarar aquela constitución e tales decretos nulos e de ningún valor e efecto, agora nin en tempo
algún, coma se non pasasen xamais tales actos, e quitásense do medio do tempo algún, e sen obrigación nos
meus pobos e súbditos, de calquera clase e condición, a cumprilos nin gardalos...”
Dado en Valencia ao 4 de maio de 1814. EU, O REY.

Texto 3: Restablecemento dos señoríos e supresión da liberdade de prensa.


“Tiven a ben mandar: que os chamados señoríos xurisdicionais sexan reintegrados xa na percepción de todas
as rendas, froitos, emolumentos, prestacións e os dereitos do seu señorío territorial, e no de todas as demais
que gozasen antes do 6 de agosto de 1811» [8 outubro de 1814] (...) Decidín prohibir todos os (escritos) que
desta especie ven a luz dentro e fóra da Corte; e é amiña vontade que só se publiquen a Gaceta e o Diario de
Madrid”

Texto 4: Xunta Provincial de Galicia (presidida por Juan Díaz Porlier).


O noso obxectivo é o de toda España: unha monarquía sometida a leis xustas e sabias, e na que se garantan
tanto as prerrogativas do trono como os dereitos da nación. Pedimos a convocatoria de Cortes nomeadas polo
pobo, e que estas teñan liberdade de facer na Constitución proclamada polas Cortes extraordinarias, os
cambios que esixe a nosa situación».
Manifesto que dirixe á nación española. 21-9-1815.

5
Texto 5: Fernando VII a Constitución (1820).
"Xurei esa Constitución pola cal suspirabades e serei sempre o seu máis firme apoio. Xa tomei as medidas
oportunas para a propia convocatoria das Cortes. Nelas, reunido cos vosos Representantes, gozareime de
concorrer á grande obra da prosperidade nacional. Españois: a vosa gloria é a única que o meu corazón
ambiciona. A miña alma non apetece senón vervos ao redor do meu trono unidos, pacíficos e ditosos.
Confiade, pois, no voso rei, que vos fala coa efusión sincera que lle inspiran as circunstancias en que vos
achádes e o sentimento íntimo dos altos deberes que lle impuxo a Providencia [...]. Marchemos francamente, e
eu o primeiro, pola senda constitucional; e mostrando á Europa un modelo de sabedoría, orde e perfecta
moderación nunha crise que noutras nacións foi acompañada de bágoas e desgrazas, fagamos admirar e
reverenciar o nome español, ao mesmo tempo que labramos por séculos a nosa felicidade e a nosa gloria."
Fernando VII acata a Constitución de Cádiz de 1812. 10 de Marzo de 1820

Texto 6: Anulación dos actos do goberno constitucional despois da intervención da Santa Alianza:
1º Son nulos e de ningún valor os actos do Goberno chamado constitucional (de calquera clase e condición que
sexan) que dominou os meus pobos desde o día 7 de marzo de 1820 ata hoxe 1o de outubro de 1823,
declarando, como declaro, que en toda esta época carecín de liberdade, obrigado a sancionar as Leis e a
expedir Ordes, Decretos e Regulamentos que contra a miña vontade se meditaban e expedían polo mesmo
Goberno. (...)»
Fernando VII, 1823.

Texto 7: Carta de Carlos Mª. Isidro ao seu irmán.


«Meu querido irmán. (…) O que desexas saber é se teño ou non a intención de xurar á túa filla por Princesa de
Asturias. ¡Canto desexaría facelo! (…) pero a miña conciencia e o meu honor non mo permiten: teño uns
dereitos tan lexítimos á Coroa sempre que te sobreviva e non deixes varón, que non podo prescindir deles;
dereitos que Deus me ten dado cando foi a súa vontade que eu nacese e só Deus pode quitarmos
concedéndoche un fillo varón que tanto desexo eu, pode ser que aínda máis ca ti, (…)»

Texto 8: Manifesto de Abrantes.


Españois:
“Non ambiciono o trono; estou lonxe de cobizar bens caducos; pero a relixión, a observancia e cumprimento da
lei fundamental de sucesión, e a singular obrigación de defender os dereitos imprescritibles dos meus fillos e
todos os amados consanguíneos, fórzanme a soster e defender a coroa de España do violento refugallo que
dela causoume unha sanción tan ilegal como destrutora da lei que lexitimamente e sen interrupción debe ser
perpetuada (...)”
Abrantes, 1º de Outubro de 1833. Carlos María Isidro de Borbón

6
Texto 9: O carlismo.
“Relixión, Patria e Rei (...). Rei, digo por último, pero rei pola gracia de Deus e non pola gracia da soberanía
nacional (...). Segundo o liberalismo, da soberanía nacional emana todo o poder e os poderes que existen,
negando deste xeito todo poder de orixe divina. Agora ben, isto está condenado pola Igrexa católica e con
razón; pois a Escritura sagrada di expresamente: todo poder ven de Deus (...). O liberalismo é puro
absolutismo, porque se atribúe a si un poder que non lle ven de Deus, de quen prescinde, nin do pobo
soberano, porque a este non se lle concede senón o van e ridículo dereito de depositar un billete nunha urna
electoral”.
Mª. Teresa de Braganza y Borbón (muller de Carlos Mª. Isidro).

Texto 10: Abrazo de Vergara.


Art.1 °. O capitán xeral Don Baldomero Espartero recomendará con interese ao goberno o cumprimento da súa
oferta de comprometerse formalmente a propoñer ás Cortes a concesión ou modificación dos foros.
Art. 2°. Serán recoñecidos os empregos, graos e condecoracións dos xenerais, xefes e oficiais, e demais
individuos dependentes do exército do mando do tenente xeral Don Rafael Maroto, quen presentará as
relacións con expresión das armas a que pertencen, quedando en liberdade de continuar servindo e
defendendo a Constitución de 1837, o trono de Isabel II e a Rexencia da súa Augusta Nai, ou ben retirarse ás
súas casas os que non queiran seguir coas armas na man.
Art. 8°. Poñeranse a disposición do capitán xeral Don Baldomero Espartero os parques de artillería,
maestranzas, depósitos de armas, de vestiarios e de víveres que estean baixo a dominación do tenente xeral
Don Rafael Maroto.
Ratificado este convenio no cuartel xeral de Vergara, ao 31 de agosto de 1839.

*Manifesto dos Persas: Documento que presentaron en 1814 deputados absolutistas a Fernando VII tras o
seu retorno do exilio en Francia, solicitándolle a abolición dos decretos promulgados polas Cortes de Cádiz e a
Constitución de 1812, así como a restauración do Antigo Réxime. O monarca atendeu ás peticións
restablecendo o absolutismo.
*Pronunciamento: Levantamento de parte do exército, contando co apoio dun determinado sector da
sociedade, que “se pronuncia” a favor do cambio do sistema político vixente. Foron frecuentes os que
defendían o liberalismo fronte ao absolutismo de Fernando VII e os que defendían o liberalismo progresista
fronte ao conservador no reinado de Isabel II.
*Pragmática Sanción (1830): Disposición promulgada por Fernando VII que anulaba a coñecida Lei Sálica,
aprobada por Felipe V, que impedía acceder ao trono ás mulleres. Esta medida supuxo a exclusión do irmá do
rei, Carlos de Borbón, do trono de España, e converteu á filla de Fernando VII, a futura Isabel II, en herdeira.

7
MODELO DE COMPOSICIÓN (XUÑO, 2020)

Os seguintes textos deben permitirlle facer unha redacción sobre o reinado de Fernando VII. Tendo en conta
os documentos e o seu contexto, debe atender cando menos a explicar a política seguida polo monarca tras o
seu retorno a España, a delimitación temporal e as características principais das etapas do seu reinado.

Doc. 1. Decreto de Valencia, 4 de maio de 1814


“As Cortes [...] no mesmo día da súa instalación [...] despoxáronme da soberanía, pouco antes recoñecida
polos mesmos deputados, atribuíndoa nominalmente á nación para apropiala para si eles mesmos e dar a
esta, despois, sobre tal usurpación as leis que quixeron, impoñéndolle o xugo de que forzosamente as recibise
nunha nova Constitución [...]. Declaro que o meu real ánimo é non só non xurar nin acceder á dita
Constitución nin a decreto ningún das Cortes xerais e extraordinarias e das ordinarias actualmente abertas
[...], senón o declarar aquela Constitución e tales decretos nulos e de ningún valor nin efecto, agora nin en
tempo ningún, coma se non tivesen pasado xamais tales actos”.

Doc. 2. Manifesto de Rafael del Riego, 1 de xaneiro de 1820


“Soldados, o meu amor cara a vós é grande. Polo mesmo eu non podía consentir, como xefe voso, que se vos
afastase da vosa patria [...]. España está a vivir a mercé dun poder arbitrario é absoluto, exercido sen o menor
respecto ás leis fundamentais da nación. [...] A Constitución española, xusta e liberal, foi elaborada en Cádiz
entre sangue e sufrimento. Máis o rei non a xurou e é necesario, para que España se salve, que o rei xure e
respecte esa Constitución de 1812”.

Doc. 3. Fernando VII declara nulos os actos do goberno constitucional, Gaceta de Madrid, 07/10/1823.
“Europa enteira, coñecendo profundamente o meu cativerio e o de toda a miña Real Familia, a mísera
situación dos meus vasalos fieis e leais [...] determinou poñer fin a un estado de cousas que era o escándalo
universal.
[...] Sentado xa outra vez no trono de S. Fernando pola man sabia e xusta do Omnipotente, polas xenerosas
resolucións dos meus poderosos Aliados [...] declaro o seguinte:
Primeiro: Son nulos e de ningún valor todos os actos do goberno chamado constitucional (de calquera clase e
condición que sexan) que dominou os meus pobos desde o día 7 de marzo de 1820 ata hoxe, día 1° de
outubro de 1823, declarando, como declaro, que en toda esta época carecín de liberdade, obrigado a
sancionar as leis e a expedir as ordes, decretos e regulamentos que contra a miña vontade se me ditaban e
expedían polo mesmo goberno”.

You might also like