You are on page 1of 2

Composición 5:

En 1866, as discrepancias entre a raíña Sabela II, cuxo reinado comeza en 1833, e o
xefe de Goberno O´Donnell, remataron cunha profunda crise política e a súa
expatriación a Francia. Narváez, representante dos moderados, asumiu a presidencia
gobernando de forma case ditatorial tratando de conter a avalancha de forzas opositoras.
Os sectores máis radicais dos progresistas organizaron varias accións para contrarrestar
o moderantismo dos gobernos, pero todas elas fracasaron.
No exilio, os progresistas e demócratas, dirixidos por Prim, acordaron unir as súas
forzas para derrocar a Sabela II no Pacto de Ostende (1866) ao que posteriormente se
uniron os unionistas de Serrano.

Tras a morte de O´Donnell e Narváez, a raíña estaba soa. En setembro de 1868,


unionistas, progresistas e demócratas, asociados na revolución, destronaron a Sabela II.
En 1868 a revolución, coñecida como a Gloriosa ou Setembrina e protagonizada por
todas as forzas opositoras a Sabela II, expulsou os Borbóns do trono de España e abriu a
posibilidade de configurar un novo sistema político baseado nos principios do
liberalismo democrático e nos intereses das clases medias.
Os demócratas xurdiron na década de 1840 como disidencia dos progresistas. Estaban
divididos en partidarios da monarquía e partidarios da república. O liberalismo
democrático en España defendía unha serie de puntos nos que destacan os seguintes: a
soberanía popular, a participación popular por sufraxio universal masculino mediante a
institución do xurado e na defensa das liberdades mediante a creación de milicias como
a Garda Nacional ou Milicia. Ademais defenden unha ríxida separación de poderes
sendo o lexislativo exclusivo para as Cortes, os dereitos e liberdades son inalienables, a
libre alternancia política e a liberdade de cultos e separación Igrexa-Estado.

Nun contexto de malestar crecente provocado polas malas colleitas durante dous anos
sucesivos provocando fame, as dificultades económicas da industria (a industria textil
catalá ten escasa materia prima, é dicir, algodón, pola guerra de secesión americana.
Tamén debido a dificultades nas finanzas debido a problemas coas empresas de
ferrocarrís as entidades bancarias terán dificultades, e o descontento da maioría da clase
política polas actuacións da raíña, uníronse todos os grupos políticos baixo o lema
Abaixo os Borbóns! e España con honra! O obxectivo era establecer un goberno
provisional que asumise os principios do liberalismo democrático e que convocase
eleccións por sufraxio universal masculino para constituir unhas novas Cortes, que
debían decidir o modelo de Estado (monarquía ou república) e facer unha nova
Constitución.

A Revolución Gloriosa iniciase en setembro de 1868 en Cádiz cun pronunciamento das


tropas da mariña asinado, entre outros, por militares de prestixio como Serrano, Prim ou
Topete. Pouco despois, os sublevados venceron as tropas leais á raíña na batalla de
Puente de Alcolea (Córdoba ). Xurdiron numerosas xuntas revolucionarias nas cidades
que xunto ás reclamacións democráticas do sufraxio universal e da liberdade de prensa,
ensino e asociación, esixían reivindicacións de tipo social como a abolición dos
consumos e a supresión do sistema de quintas.
O triunfo revolucionario obrigou a Sabela II a abandonar España cara o exilio en París,
formándose un Goberno provisional presidido por Serrano; estaba composto por
unionistas e progresistas e contaba co apoio dos demócratas. Este Goberno asumiu os
principios defendidos polas xuntas e puxo en marcha numerosas reformas tanto políticas
(recoñecemento das liberdades democráticas) como económicas (creación da peseta,
supresión dos impostos de consumos) e convocou as Cortes constituintes elixidas por
sufraxio universal. As eleccións deron triunfo aos partidarios da monarquía e España
sería unha monarquía democrática.

A Constitución de 1869 estaba inspirada nos principios do liberalismo democrático e


establecía a soberanía nacional popular, é dicir, a nación estaba representada en Cortes
elixidas por sufraxio universal masculino; a monarquía como forma de Estado, clara
separación de poderes.

O rei exercía o poder executivo a través dos seus ministros, que eran responsables ante
as Cortes; sancionaba e promulgaba leis sen capacidade de vetalas e tiña potestade de
suspender e disolver as Cortes, pero só unha vez por lexislatura. As Cortes eran
bicamerais formadas polo Congreso e o Senado, con iguais atribucións, elixidos polo
sufraxio universal masculino(directo no Congreso e indirecto a través de
compromisarios para o Senado); asumían en exclusiva o poder lexislativo, controlaban
as accións do goberno e aprobaban os orzamentos.
O poder xudicial estaba en mans dos tribunais formados por xuices, nomeados a través
dun sistema de oposicións, e xurados con participación popular.
Os dereitos e liberdades estaban recollidos de forma explícita e ampla. E se recolle por
primeira vez o dereito de asociación e reunión. Por último recolle a liberdade de cultos
eliminando a confesionalidade do Estado.

Despois de promulgada a Constitución, Serrano foi nomeado rexente provisional


mentres se buscaba un novo rei para España; tiña que ser católico, liberal e contar coa
aprobación das potencias europeas. O candidato foi escollido co apoio de Prim e foi
Amadeo de Savoia, fillo do rei de Italia Vítor Manuel II, aínda que cunha forte
oposición.
Amadeo de Savoia acepta a Coroa e xurou a Constitución o 2 de xaneiro de 1871. De
formación esencialmente militar, con pouco carisma e non sabía español, tivo escasos
apoios. Non o quería nin a aristocracia que o consideraba estranxeiro, nin a Igrexa , por
admitir liberdade de cultos, nin sequera o pobo. Contou co rexeitamento sistemático de
carlistas, afonsinos (partidarios de Afonso, fillo de Sabela II) e republicanos.
A morte do xeneral Prim, asasinado nun atentado, deixouno sen o seu principal valedor.
A inestabilidade política foi o trazo máis característico do seu reinado e fixo fronte a
moitos problemas: dificultades de goberno pola ruptura da coalición gobernamental, a
guerra de Cuba, a terceira Guerra Carlista no 1872 e a oposición republicana. Ante todo
renuncia á Coroa en 1873.

Tras a súa renuncia, o Congreso e o Senado, reunidos conxuntamente, formaron unha


Asamblea Nacional que a pesar de ser maiormente monárquicos, proclamaron a
República. A Monarquía en España parecía definitivamente morta, segundo expresaba
Emilio Castelar: Con Fernando VII morreu a tradicional, con Sabela II a constitucional
e con Amadeo a monarquía democrática. Ninguén acabou con ela, morreu por si
mesma.

You might also like