You are on page 1of 4

Diferentes forzas políticas durante o reinado de Sabela II (1833-1868) PAAU XUÑO 2002

Os textos a comentar permítenos facer unha composición histórica das diferentes forzas políticas
durante o reinado de Sabela II (1833 – 1868), un dos períodos máis convulsivos e de maior
inestabilidade política na historia de España.
Durante este reinado ten lugar en España o triunfo e a consolidación do liberalismo que aparece
fraccionado en dúas tendencias, moderada e progesista, sendo a tendencia liberal moderada a que
vai dominar o panorama político do seu reinado (e tamén da maior parte do s.XIX). Posteriormente, a
mediados de século, xa durante o goberno persoal de Sabela II, aparecerán novas forzas políticas,
demócratas e republicanos, que se formaron a partir da escisión dos progresistas, e a Unión Liberal,
formada da escisión dos moderados. Estas novas forzas políticas acabará poñendo fin ao reinado de
Sabela II, o cal virá precedido dun pronunciamento militar (doc.5). Fóra do liberalismo, a nostalxia
polo absolutismo quedará refuxiada no carlismo.
A loita entre absolutistas e liberais remóntase en España ao periodo da Guerra de Independencia
(1808-14) e ao reinado de Fernando VII (1814-33). Durante a guerra contra os franceses os liberais
conseguiron impoñerse nas Cortes de Cádiz e iso deu lugar aos decretos e a Constitución de 1812,
que poñían fin ao Antigo Réxime e sentaban as bases dun futuro Estado liberal. Pero esta situación
chocou coas aspiracións de Fernando VII quen, ao seu regreso do exilio en Francia en 1814, restaura
o absolutismo e o Antigo Réxime que, coa breve paréntese do Trienio liberal (1820-1823),
mantívéronse ata a morte do rei en 1833
O reinado de Sabela II iníciase en 1833 e comeza cun episodio máis da loita entre absolutismo e
liberalismo no marco da primeira Guerra carlista (1833-1839) que se inicia trala morte de Fernando
VII nese ano, 1833, cando este deixa como herdeira a súa filla Sabela (anteriormente, en 1830,
Fernando VII promulgara a Prágmática Sanción que anulaba a Ley Sálca). Ao morrer Fernando VII o
seu irmán, Carlos María Isidro, reclama a Coroa de España, ao mesmo tempo que a raíña viúva María
Cristina de Borbón tamén a reclamaba para a súa filla. Trátase dun enfrontamento, non só entre dous
candidatos ao trono, senón das dúas ideoloxías que cada bando representa: o absolutismo carlista
fronte ao liberalismo dos isabelinos. A este enfrontamento fai referencia no doc. 1.
O carlismo, ideolóxicamente representa unha involución, unha volta ao Antigo Réxime e
tradicionalismo. Nace como un problema dinástico e os seus partidarios defenden: o lexitimismo
(…), o tradicionalismo (no político…, no relixioso…, e no socila…); fronte ás pretensións liberais de
uniformidade política e xurídica, defenden o foralismo (mantemento das leis e privilexios forais,
sobre todo en Navarra e Provincias Vascas). Todo isto aparece recollido nos seu lema: Deus, rei e
foros.
O doc 1. fai referencia ao absolutismo carlista e ao rexeitamento que fai do Liberalismo Mª
Teresa de Braganza. Neste texto a muller do infante D. Carlos di que o Liberalismo debe ser
rexeitado por negar a orixe divina do poder do rei, e tamén pola súa defensa da soberanía nacional.
Mª Teresa ataca o liberalismo chamándoo absolutista precisamente porque a soberania nacional
non vén de Deus nin tampouco é goberno do pobo pois este só ten o dereito de emitir un voto, que
ela considera un “dereito van e ridículo”.
O levantamento carlista afectará sobre todo ao norte peninsular: Cataluña, Navarra e País Vasco;
sendo as súas bases sociais a nobreza, a Igrexa e o campesiñado das provincias vascas e Navarra. A
derrota dos carlistas en 1839 non significou o fin do carlismo; de feito, os carlistas protagonizarán
dúas guerras máis ao longo do s. XIX.

1
Para facer fronte aos carlistas, Mª Cristina tivo que buscar o apoio liberal, iso si, fíxoo
apoiándose no sector máis moderado do liberalismo, o cal se deixa ver nas súas primeiras medidas,
como o centralismo imposto a través da división provincial establecida pola lei de Xavier de Burgos,
ou a aprobación do Estatuto Real de 1834 (de Martínez de la Rosa).
En liñas xerais, os moderados ou conservadores foron os que exerceron máis tempo o poder e
contaron coa predilección dos monarcas españois e o apoio dos grupos poderosos da sociedade. En
cambio aos pregresistas sempre tropezaron co desexo dos monarcas e dos moderados de excluílos
do poder, o que lles obrigaba a empregar a conspiración e a violencia para alcanzalo. Así, durante o
reinado de Sabela II, a única maneira de provocar cambios de goberno (dado a falta de libertades e
o restinxido do voto) eran os pronunciamentos, levados a cabo por militares que ocuparán o
protagonismo político da época (os espadóns, como Espartero, Narváez, O´Donnel… convertiranse
en xefes de goberno) e que irá consolidando o poder político do exército.
Para describir os distintos grupos políticos imos seguir o documento 4, nel o republicano
Fernando Garrido caracteriza aos diferentes partidos:
Os moderados, que se definen así mesmos como “persoas da orde” (a monarquía era a garantía
fronte á desorde popular), representan unha continuidade cos doceañistas ou moderados do Trienio
Liberal (1820-1823). Segundo Fernando Garrido defenden a Soberania Nacional, pero “a medias”, xa
que tanto dereito ten o Rei coma o pobo para xestionar o goberno. Ainda que son liberais non
acaban de romper dun xeito definitivo co Antigo Réxime e tratan de aunar intereses dun sistema
político anterior (absolutismo) coa súa defensa das clases acomodadas do momento (alta burguesía,
antiga nobreza, clero).
O liberalismo doutrinario moderado que defenden aparece representado pola Constitución de
1845, proclamada durante o reinado persoal de Isabel II, na Decada Moderada -1844-1854, cos
gobernos de Narváez e Bravo Murillo, e estará vixente ata 1868, coa paréntese do Bienio progresista
(1854-56). O doc 3 recolle o preámbulo desta Constitución donde se ve como o poder do rei
lexitímase non só por ser representante da nación, senón tamén pola intervención da providencia
divina (“rei pola agraza de Deus e da constitución”) e como o seu obxectivo principal é poñer fin á
Constitución progresista de 1837, ata agora vixente. A soberanía que defende é compartida rei -
Cortes (“…nosa vontade e a das Cortes…”), os poderes non están realmente separados, a Coroa
prima sobre as Cortes e non se recoñecen unha serie de dereitos básicos e mínimos como sería a
liberdade de expresión (xa que se impón a censura previa). Ademais son férreos defensores da
exclusión das masa da participación política impoñendo un forte sufraxio censatario, e partidarios
do establecemento dun Estado unitario e centralizado a través do control dos concellos; para iso
aprobarán unha Lei de Concellos pola cal os alcaldes volven ser escollidos polo Goberno
Outra lei que complementa a obra moderada durante a etapa da Década moderada é a reforma
tributaria coa a Lei tributaria de Mon e Santillán que, pretendendo ser igualitaria, perxudicou sobre
todo ás clases populares co establecemento dos imposto indirectos aos produtos de primeira
necesidade (os consumos) o que daría lugar á numerosas protestas e motíns contra os consumos;
tamén se creou a Garda Civil. Pero a obra máis “moderada” sería o restablecemento de estreitas
relacións Igrexa-Estado coa firma do Concordato de1851, pola cal a Igrexa acepta as vendas do seu
patrimonio realizadas polas desamortizacións dos progresistas e, a cambio, recupera a súa antiga
influencia en canto a moral e educación se refire, adquirindo o Estado a obriga de manter o clero e o
culto católico e o establecemento da relixión católica como a oficial e única do Estado.

2
Pola súa parte, os progresistas, como vemos no doc. 4 e dí Fernando Garrido, si defenden a
ultranza o principio da Soberania Nacional, principio que “colocan sobre os outros”. Para os
progresistas, o rei é rei “porque a nación quere que sexa”, e non por ser un “dereito histórico” que
“herda dos seus devanceiros” (como din os moderados). Considerábanse os defensores da liberdade
e representaban unha continuidade dos veinteañistas ou exaltados do Trienio Liberal. Aceptaron
gran pate do liberalismo doutrinario e contaban co apoio das clases medias.
O liberalismo progresista témolo representado na Constitución de 1837, vixente entre 1837 e
1845 e, posteriormente, durante o Bienio progresista 1854-56. A súa aprobación supuxo o fin
definitivo do Antigo Réxime e a consolidación do sistema político liberal. O doc. 2 recolle o
preámbulo desta constitución, elaborada co obxectivo básico de garantir a estabilidade política e a
alternancia no poder entre progresistas e moderados pero non contentou nin a uns nin a outros
(Rexente e moderados consideraban que esta constitución era demasiado popular, e os progresistas
que se lle daban demasiados poderes á Coroa e escasa a participación popular). Os progresistas
poucas veces acadarán o poder (a maior parte dos gobernos do reinado de Sabela II foron
moderados ou ultramoderados), tendo que acudir sempre a pronunciamentos para acceder a el. Un
deses momentos tivo lugar durante a rexencia de Maria Cristina: a revolución de 1836 (revoltas
populares máis o motín dos sarxentos da Granxa) que vai permitir aos progresistas acceder de novo
ao poder con Calatrava, restablecéndose toda a lexislación das Cortes de Cádiz e do Trienio Liberal,
e convocando Cortes para elaborar unha nova Constitución xa que tanto progresistas como
moderados non querían a de 1812 por considerala excesivamente radical e, polo tanto, había que
reformala.
A Constitución do 1837, polo tanto, é o resultado dun pacto Raiña-moderados- progresistas para
poder gobernar, polo tanto atopamos aspectos moderados (sufraxio censitario, colaboración entre
os poderes, senadores nomeados pola Raíña, iso si, a proposta dunha lista tripla de cada provincia
…) e aspectos progresistas (Soberania Nacional, elección popular dos Concellos, amplo
recoñecemento de dereitos individuais e colectivos, Milicia Nacional…). Os liberais progresistas, a
diferenza dos moderados, tenden a limitar os poderes do Rei, tamén da Igrexa, e soen ampliar os
dereitos e liberdades e o número de cidadáns con poder de voto, así como aumentar a autonomía
local e que a elección dos alcaldes sexa máis popular. Pero esta constitución, como dixen
anteriorente, era menos democrática que a de 1812 (que tanto moderados como progresitas
querían modificar) o que fai que un grupo de progresistas non a acepte e se vaian distanciando
pouco a pouco dando lugar a unha nova forza política que xurdirá a finais da década de 1840: os
demócratas.
Outras obras progresistas serán: as desamortizacións que afecta aos bens da Igrexa realizadas
por Mendizábal e de Espartero (durante as rexencias de Mª Cristina e de Espartero), a
desamortización xeral, civil, de Madoz (que resultará moi perxudicial para as clases campesiñas máis
pobres), e Lei de ferrocarrís de 1855, que permitirá o despegue industrializador de España. Estas
últimas leis (desamortización de Madoz e Lei de ferrocarrís) poñeránse en marcha durante o
chamado Bienio Progresista de Isabel II (1854-56), un dos curtos períodos de tempo nos que os
progresistas chegaron ao poder (e coma sempre, despois dun pronunciamento, neste caso
encabezado por O´Donnell, e coñecido como a Vicalvarada). Durante o Bienio tamén se formou
unha nova forza política, a Unión Liberal, que pretende ser unha opción de centro (…);
gobernará durante a Década Moderada-Unionista, alternándose no poder cos moderados de
Narváez.
3
En canto aos demócratas xurden, como dixemos anteriormente, a finais da década de 1840
dunha escisión dos progresistas debido á súa crecente moderación, e o seu nacemento coincide co
contexto revolucionario que percorre Europa en 1848 (3º onda revolucionaria). Contan co apoio das
clases medias e baixas e constituíron unha minoría radical dividida entre os partidarios da
monarquía e da república. Publicaron o seu programa nun Manifesto en 1849 no que defendían: a
soberanía popular, a ríxida separación de poderes, o sufraxio universal masculino, a ampliación das
liberdades públicas e dos dereitos colectivos, a liberdade de imprenta, a elección popular dos
concellos, o ensino público, etc.
Os demócratas serán os principais protagonistas da Revolución Gloriosa, pronunciamento militar
que dará ao traste co reinado de Isabel II. Xunto cos progresistas (liderados por Prim) prepararán no
exilio, en Ostende, a caída da Raiña (Pacto de Ostende, 1866) aos que máis tarde se unirán os
unionistas lidarados por Serrano trala morte de O’Donnel. O doc 5 fálanos do pronunciamento
militar que iniciou a Revolución Gloriosa e que tivo lugar en Cádiz en setembro de 1868 cando as
tropas da mariña, dirixidas por Serrano, Prim e Topete, se sublevaron. Como todo pronunciamento,
este tamén vai acompañado por un manifesto, unha parte do cal recóllese no doc.5 no que se
explican as razóns do pronunciamento (…..) e tamén a necesidade de crear un goberno provisional
que asegure a orde; finalmente crearíase unha rexencia ata atopar un novo Rei para España que
sería ocupada por Serrano, sucesor de O´Donnell ao fronte do partido chamado Unión Liberal.
Os demócratas lograrán poñer en marcha o seu ideario coa Constitución de 1869, a máis
democrática do século XIX.
O último grupo do que fala Fernando Garrido é do seu partido, os republicanos. Estes coinciden
bastante cos demócratas mais en vez dun Rei defenden un poder civil, un consello ou unha xunta
federada que represente ás provincias ou Estados que serían elixidos por sufraxio universal
masculino, e tamén defenden unha soa cámara. A primeira oportunidade para acceder ao poder
chegaralles tamén durante o Sexenio Democrático coa proclamación da Primeira República en
España, etapa de moita inestabilidade e de moi curta duración (só once meses). Ao igual que os
demócratas teñen os seus apoiois nas clases medias e populares.
Todas estas forzas políticas que se van sucedendo ó longo do século, rompen dun xeito definitivo
cos ideais da etapa política anterior: o absolutismo.

Concluindo e, deixando o carlismo aparte, os principias protagonistas do xogo político na


primeira metade do século XIX son moderados e progresistas, as dúas versións do liberalismo
doutrinario. Na segunda metade, novas forzas opositoras ao réxime, demócratas e republicans, irán
en aumento e terán a súa oportunidade de chegar ao goberno, aínda que serán experiencias moi
curtas, durante o Sexenio Democrático (monarquía democrática, primeira República) e rematarán
nunha volta ao moderantismo coa restauración borbónica. Polo tanto, o réxime político dominante
en España foi, agás no sexenio 1868-1874, a monarquía constitucional doutrinaria favorable aos
intereses sociais, políticos e económicos das clases burguesas e aristocráticas que mantivo fóra de
xogo político á maioría do país.

You might also like