You are on page 1of 11

TEMA 1: O ANTIGO RÉXIME E A ILUSTRACIÓN

1. O ANTIGO RÉXIME:
Os revolucionarios franceses de 1789 chamábanlle Antigo Réxime ao período anterior á
Revolución, ao que a propia revolución lle puxera fin. Nos séculos XVII e XVIII case toda Europa
estaba baixo o que denominamos Antigo Réxime: sociedades europeas que manteñen un modo de
vida baseado no absolutismo monárquico, na economía agraria de tipo señorial e na sociedade
estamental.

1.1. A ESTRUTURA POLÍTICA: O ABSOLUTISMO


O absolutismo era o sistema político vixente na maior parte de Europa no século XVIII.
O rei concentraba todos os poderes do Estado: lexislativo (elaboraba e promulgaba as leis),
executivo (gobernaba) e xudicial (nomeaba os xuíces), dirixía a economía e o exército.
O Estado Moderno era un estado patrimonial, é dicir, era propiedade da Coroa, que o configuraba
mediante conquistas ou alianzas matrimoniais e o transmitía como herdanza aos seus sucesores. Os
habitantes dos reinos eran súbditos, definidos pola obediencia ao monarca, e non cidadáns,
definidos polos seus dereitos.
2

Ademais, este sistema político caracterizábase pola soberanía real e pola xustificación do poder
absoluto do monarca na súa orixe divina: os monarcas considerábanse representantes de Deus na
Terra, polo que estaban por enriba da lei e os seus súbditos debían acatar a súa autoridade e
obedecer os seus mandatos. Esta teoría da orixe divina do poder real significa tamén o grande
protagonismo na política do clero, un factor clave para entender as estruturas do Antigo Réxime.
Para exercer o seu poder, o monarca contaba con numerosos funcionarios e un poderoso exército.
Algunhas cuestións, como a implantación de novos impostos, tiñan que ser aprobadas por
asembleas compostas por representantes dos tres estamentos
(Estados Xerais en Francia, Cortes en España...). Non obstante, os
monarcas apenas as convocaban. Tanto os nobres como o alto clero
aceptaron esta situación porque mantiveron e incluso ampliaron os
seus privilexios señoriais.
No terreo económico os monarcas absolutos aplicaron o
mercantilismo, que baseaba a riqueza dun país na cantidade de ouro
e prata que posuíse. Para aumentala, había que fomentar as
industrias nacionais e as exportacións, e limitar as importacións
(proteccionismo).
Un dos exemplos máis claros de monarca absoluto é Luís XIV de Francia, O Rei Sol, (1654-1715)
caracterizado na imaxe como o astro e a quen se atribúe a frase O Estado son eu.

1.1.2 EXCEPCIÓNS AO ABSOLUTISMO: INGLATERRA E PROVINCIAS UNIDAS


En Inglaterra, os conflitos entre o rei e a burguesía provocaron revolucións (1642 e 1688) e o triunfo
da monarquía parlamentaria. Este sistema supoñía a supremacía da lei sobre o monarca, que
aceptaba o control do Parlamento. O rei de Inglaterra Guillerme de Orange aceptou a “Declaración
de Dereitos” (1689), que garantía unha serie de dereitos e liberdades aos seus súbditos e establecía
as bases da división de poderes.
Tamén nas Provincias Unidas se implantou un sistema de goberno non absolutista. Cando se
independizaron de España en 1648 convertéronse nunha república parlamentaria.

1.2. A ESTRUTURA ECONÓMICA: ECONOMÍA DE BASE AGRARIA


A agricultura era a base da riqueza e máis do 80% da poboación vivía e traballaba no campo. Era
unha agricultura de subsistencia e dependía moito das condicións climáticas, polo que cada certo
3

tempo había malas colleitas e períodos de fame que provocaban alta mortalidade e tensións
sociais.
A maior parte da terra era propiedade dos privilexiados. As terras da nobreza non se podían dividir
porque, ao ser morgados, a lei obrigaba a transmitir todo o lote ao fillo máis vello. Parte das terras
do clero (bens de “mans mortas”) tampouco se podían vender e moitas veces nin sequera estaban
traballadas. Poucos campesiños eran propietarios; a maioría estaban sometidos ao réxime señorial.
Traballaban nas terras da nobreza ou da Igrexa como arrendatarios, xornaleiros ou servos, e debían
pagar rendas ao señor para explotar as súas terras. Ademais, debían pagarlle o décimo á Igrexa e
impostos á Facenda real, pero carecían de dereitos. Esta situación creará un sentimento de
descontento que se vai unir ao da burguesía.
A actividade artesanal estaba controlada polos gremios, o que dificultaba a súa modernización. Os
reis intentaron renovar o sistema produtivo e fundaron as Reais Fábricas, que producían armas ou
artigos de luxo. Non conseguiron o seu obxectivo xa que funcionaban coma grandes obradoiros
artesanais, sen maquinaria. Tamén á marxe dos gremios, na produción téxtil desenvolveuse o
domestic system. Levábano a cabo os campesiños no seu propio fogar por encarga dun empresario.
Este pagáballes un salario, proporcionáballes as materias primas e as ferramentas, e encargábase
de comercializar o produto final.
O comercio interior estaba dificultado pola mala situación das vías de comunicación e os medios de
transporte lentos, así como polas aduanas interiores, que encarecían os prezos dos produtos.
O comercio exterior, pola contra, tivo unha grande expansión grazas ás novas rutas comerciais coas
colonias de Asia e América, no que se coñece como “comercio triangular”. Este comercio estaba
4

controlado por compañías privilexiadas, ás que os reis concedían o monopolio do comercio dunha
zona concreta. Por exemplo, a Compañía das Indias Orientais tiña o dereito de comercio exclusivo
entre Gran Bretaña e Asia.

1.3. A ESTRUTURA SOCIAL: UNHA SOCIEDADE ESTAMENTAL


Había tres ordes ou estamentos: a nobreza, o clero e a xente do común ou “terceiro estado”.
A sociedade estamental tiña dúas características principais:

 O inmobilismo: é dicir, era moi complicado ascender


socialmente e cambiar de estamento.

 A existencia de privilexios, de xeito que cada


estamento tiña uns dereitos e unhas leis diferentes.
Por exemplo, os grupos privilexiados (nobreza e clero)
non tiñan que pagar impostos.

A burguesía era o grupo superior do terceiro estado. Parte da burguesía acumulaba grandes
fortunas e coñecementos, pero socialmente estaban considerados inferiores á nobreza e ao clero,
que vetaban o acceso da burguesía ao poder político. Por este motivo van ser os burgueses os que
máis loitarán pola caída do Antigo Réxime.

2. A ILUSTRACIÓN E O DESPOTISMO ILUSTRADO


A Ilustración foi unha corrente intelectual do século XVIII que cuestionou os principios do Antigo
Réxime.
Os seus precedentes foron dous pensadores ingleses:
 John Locke (1632-1704) criticou o absolutismo e formulou por primeira vez a división de
poderes. Sostiña que o poder político se baseaba nun pacto entre gobernantes e
gobernados: o pobo delega o poder nos gobernantes e estes, a cambio, sométense ao
Parlamento e defenden os dereitos dos seus gobernados. Para Locke este pacto podía
romperse se os gobernantes non gobernaban de maneira xusta.
 Isaac Newton (1643-1727) emprega o método científico: observación e comprobación.
5

As bases ideolóxicas da Ilustración son as seguintes:


 A confianza na RAZÓN ou intelixencia humana como fonte de todo coñecemento fronte á
autoridade, a tradición ou a revelación.
 A fe no PROGRESO constante da humanidade que debe conducir á felicidade dos homes.
 A CRÍTICA AO ANTIGO RÉXIME por consideralo un obstáculo para acadar o progreso e a
felicidade humanas. Criticaron o absolutismo, xa que consideraban que as persoas tiñan uns
dereitos naturais, como a liberdade, que o Estado non podía suprimir arbitrariamente;
criticaron a sociedade estamental, xa que defendían un sistema de igualdade social e legal
para todos; impulsaron todas as actividades económicas; criticaron a intolerancia relixiosa,
propoñendo normas morais baseadas na razón; e promoveron o desenvolvemento da
ciencia, a educación e a cultura á marxe da influencia relixiosa.
A Ilustración acadou a súa maior forza en Francia. Os principais pensadores ilustrados foron:
 Montesquieu (1689-1755): desenvolveu o concepto de separación de poderes. Defendía a
existencia de tres poderes principais, que debían ser independentes entre si: lexislativo (que
elabora as leis: o Parlamento ou Cortes), executivo (que aplica as leis: o Goberno ou o Rei) e
o xudicial (que vixía o cumprimento das leis e castiga aos infractores: os tribunais).
 Voltaire (1694-1778): foi partidario dunha monarquía forte na que se respectasen as
liberdades civís. Defensor da liberdade de expresión, rexeitou o fanatismo e a intolerancia.
 Rousseau (1712-1778): desenvolveu o concepto de soberanía nacional: o poder reside na
nación, é dicir, no conxunto do pobo. Este, en beneficio da comunidade, chega a un acordo,
“contrato ou pacto social”, para permitir que un poder superior goberne no seu nome. Polo
tanto, o poder xa non é do rei, senón dos cidadáns, e o rei pasa a ser representante da
vontade do pobo.
Desde Francia, as ideas ilustradas difundíronse por Europa e América a través de varias vías: os
salóns ou faladoiros celebrados en casas particulares; as Academias e Sociedades fundadas polos
monarcas ilustrados; os novos medios de comunicación, como revistas, periódicos, panfletos e
folletos; e a “Enciclopedia” de Diderot e D’Alembert, unha obra de 28 volumes, na que se recollía o
pensamento ilustrado e se resumía o saber da época, acompañado de numerosos gravados.
Os ilustrados tamén fixeron propostas no eido da economía. Fronte ao mercantilismo, naceron
novas políticas económicas:
 A fisiocracia, defendida por François Quesnay, sostivo que a base da riqueza dun país é a
terra (agricultura e minería), xa que permite a alimentación e proporciona artigos para a
6

artesanía e o comercio. Ademais, opúxose ao control da economía polo Estado e defendeu a


liberdade económica.
 O liberalismo económico, propugnado por Adam Smith na súa obra A riqueza das nacións
(1776), sostivo que a orixe da riqueza é o traballo individual, que aspira a obter o máximo
beneficio particular. Polo tanto, o único medio para enriquecer as nacións é enriquecer os
individuos, dado que o beneficio particular acaba beneficiando a toda a sociedade.
En consecuencia, o Estado non debe intervir na economía, xa que esta se regula mediante a
lei da oferta e da demanda: se a oferta dun ben ou recurso é superior á demanda, o seu
prezo sobe; no caso contrario, baixa. O seu papel debía limitarse a defender a sociedade de
ameazas externas; protexer os individuos da inxustiza; e crear obras e servizos de utilidade
pública non asumidos polos particulares ao non resultar rendibles, dado o seu elevado
custo.

2.1. O DESPOTISMO ILUSTRADO


O despotismo ilustrado foi un sistema político que combinaba o absolutismo coas ideas de progreso
da Ilustración. Os reis seguiron concentrando todo o poder, pero levaron a cabo reformas. Estivo
vixente en varios reinos europeos do século XVIII:
7

 “Todo para o pobo pero sen o pobo”: Os déspotas ilustrados querían lograr o benestar do
seu pobo e o avance da sociedade, pero impulsando eles mesmos as medidas e sen permitir
que o pobo participase na política.
 Propuxeron unha serie de reformas: promoveron o desenvolvemento da agricultura
(fisiocracia) e da artesanía coa introdución de novas técnicas, fomentaron obras públicas
que favoreceron o comercio (estradas, canles, portos), favoreceron a educación dos seus
súbditos coa creación de escolas e universidades, melloraron a sanidade, grazas aos
hospitais, recoñeceron o valor do traballo manual,...
Os monarcas ilustrados tiveron pouca capacidade para transformar a sociedade. Se ben houbo
intentos de que os privilexiados pagasen impostos ou de “desamortizar” as terras da Igrexa, o
despotismo ilustrado non alterou as bases do Antigo Réxime, xa que as reformas non limitaron o
poder absoluto do monarca e chocaron cos privilexios estamentais, que eran a base dun sistema
social que os reis non querían abolir.

3. ESPAÑA E O REFORMISMO BORBÓNICO


Durante a Idade Moderna a monarquía hispánica estivo ligada á dinastía dos Austrias ou
Habsburgo, pero ao morrer Carlos II sen descendentes pasou a mans da dinastía dos Borbóns.

3.1. A GUERRA DE SUCESIÓN ESPAÑOLA


En 1700, o rei Carlos II morre sen fillos. Dúas potencias europeas, Francia e o Sacro Imperio, vanse
enfrontar por poñer no trono ao seu respectivo candidato: Filipe de Anjou, da casa francesa de
Borbón, e o Arquiduque Carlos de Habsburgo. Ambos eran familiares do rei español, que nomeou a
Filipe de Anjou o seu herdeiro; o arquiduque Carlos non aceptou o testamento e comezou así a
chamada Guerra de Sucesión.
Este conflito tivo un dobre carácter: foi unha guerra internacional en que España e Francia se
enfrontaron contra unha coalición de potencias europeas (Sacro Imperio, Provincias Unidas e Reino
Unido). E foi, tamén unha guerra civil, pois nela se enfrontaron Castela, partidaria de Filipe de
Anjou, e a coroa de Aragón, que apoiaba ao arquiduque Carlos temendo que os Borbóns
implantases unha política centralista, como fixeran en Francia.
A guerra rematou en 1714, mediante os tratados de Utrecht (1713) e Rastatt (1714), nos que Filipe
V era aceptado como rei de España.
8

A cambio:
 Renunciaba aos seus dereitos ao trono de Francia
 España cedía a Austria as súas posesións de Italia e Flandres,
 Cedíalle a Reino Unido vantaxes comerciais con América e os territorios de Xibraltar e
Menorca.

3.2. O CENTRALISMO BORBÓNICO


O rei Filipe V (1700-1746) levou a cabo unha serie de reformas para implantar o sistema absolutista
francés:
 Abolición dos foros e as institucións da Coroa de Aragón (Cortes, Deputacións, Generalitat,
etc.), impoñendo as leis e institucións de Castela. Este conxunto de medidas son coñecidas
co nome de Decretos de Nova Planta.
 Imposición da Lei Sálica, que impedía reinar e transmitir a Coroa ás mulleres.
 Reorganización e centralización administrativa: creou as Secretarías de despacho
(antecedentes dos actuais Ministerios) e dividiu España en Capitanías dirixidas por capitáns
xerais e intendentes.
A política exterior de Filipe V centrouse na recuperación dos territorios italianos perdidos en
Utretch. Para iso, aliouse con Francia por medio de pactos de familia e interveu en varias guerras.
A política do seu fillo Fernando VI (1746-1759) estivo caracterizada pola busca da paz e a
neutralidade. Ademais mellorou e incrementou a Armada real, coa construción dos estaleiros de
Ferrol e Cartaxena.
3.3. CARLOS III E O DESPOTISMO ILUSTRADO
Carlos III (1759-1788) foi un dos mellores exemplos de déspota ilustrado. Apoiouse en persoas con
formación ilustrada, italianos e españois, que quixeron modernizar o país a través de diferentes
medidas:
 Intento de mellorar a agricultura: melloras técnicas, introdución do regadío, colonización de
Serra Morena, limitación dos privilexios da Mesta, etc.
 Creación das Sociedades Económicas de Amigos do País, para difundir as ideas ilustradas,
 Fomento das actividades artesanais e recoñecemento da honorabilidade do traballo
(Decreto de 1783),
 Apoio ao comercio e fin do monopolio con América (Decretos de libre comercio de 1765 e
1778).
 Reforma da educación, para que non estivese en mans da Igrexa,
9

 Aplicouse unha política regalista, que implicaba o sometemento da Igrexa ao poder real.
Estas reformas contaron coa oposición dos grupos privilexiados como se puido ver durante o
chamado “motín de Esquilache” (1766).
En política exterior, logrou arrebatarlle Menorca aos británicos, pero non Xibraltar.
O seu sucesor, Carlos IV (1788-1808), freou as reformas porque tan só un ano despois de subir ao
trono tivo lugar a Revolución en Francia, e a Ilustración e os ilustrados pasaron a ser vistos como
revolucionarios e prexudiciais para a Coroa.

4. A CULTURA E A ARTE
4.1. A CULTURA ILUSTRADA
Os ilustrados fomentaron a educación para evitar a ignorancia e o control ideolóxico da Igrexa,
lograr o progreso económico e cambiar a sociedade.
Para lograr os seus obxectivos impulsaron a lingua e a historia, continuaron a “revolución científica”
iniciada no século XVII, e potenciaron as ciencias útiles, como a medicina, as ciencias naturais, as
matemáticas, a física, a química e a xeoloxía.

4.2. UN ESTILO ARISTOCRÁTICO: O ROCOCÓ


Na primeira metade do século XVIII xurdiu en Francia un novo estilo artístico, o Rococó, unha arte
aristocrática, cortesá, refinada e frívola.
A arquitectura tivo estas características:
 Formas puras e simples do exterior
 Acumulación decorativa no interior. Abundaban as liñas curvas, ondulantes e irregulares e a
decoración fastosa en teitos e paredes.
En España tivo pouco éxito, aínda que con ela se decoraron salas do Palacio Real de Madrid.
A pintura acadou un gran desenvolvemento:
 Os temas centrais foron o pracer e a diversión: festas campestres ou galantes, escenas
amorosas, cortesáns... A figura feminina está moi presente, como tal ou como referencia
mitolóxica.
 Utiliza un debuxo esvaído no que dominan as cores claras e as formas suaves, curvilíneas.
 A paisaxe adquire gran importancia.
En Francia destacaron Watteau ou Fragonard.
A escultura tivo unha importancia menor.
10

4.3. A ARTE DA ILUSTRACIÓN: O NEOCLASICISMO


Iniciada en Francia na segunda metade do século XVIII ligada aos ilustrados, mantívose ata o 1830.
Foi unha arte burguesa, austera e racional. Non obstante, a súa creatividade viuse limitada polo
desexo consciente de imitar os modelos gregos e romanos e polas ríxidas ensinanzas impostas
polas academias de belas artes, como a de San Fernando de Madrid.
A arquitectura ten os seguintes trazos:
 Construcións monumentais que buscaban mellorar a vida: museos, hospitais, bibliotecas...
 Inspirouse nos modelos construtivos e nas ordes clásicas.
 Buscouse a pureza das formas abandonando o decorativismo.
En Francia destacou o Panteón; en Reino Unido, o Museo Británico e a Galería Nacional; en
Alemaña a Porta de Brandeburgo, e en España a Porta de Alcalá (Sabatini), o Museo do Prado ou o
Observatorio Astronómico de Madrid (ambas de Juan de Villanueva).
A escultura tivo unha clara influencia clásica. Os escultores empregaron o mármore branco e o
bronce. Predominan os temas da mitoloxía clásica e os retratos. Caracterízase pola busca da
proporción, a beleza ideal, a serenidade, o equilibrio, a sinxeleza nas liñas...
Destaca o italiano Antonio Canova: (Eros e Psique e o retrato de Paulina Bonaparte).
A pintura buscou a perfección do debuxo e desentendeuse pola cor. Os seus temas preferidos
foron mitolóxicos e históricos.
O máximo representante da pintura neoclásica foi Jacques-Louis David (O xuramento dos Horacios
e A morte de Marat). Francisco de Goya realizou obras neoclásicas (A familia de Carlos IV) nas súas
primeiras etapas.
5. GALICIA NO SÉCULO XVIII
5.1. ECONOMÍA E SOCIEDADE
O poder da monarquía en Galicia alcanzaba case en exclusiva as cidades, porque no campo os que
realmente tiñan o poder eran a Igrexa católica e a fidalguía, baixa nobreza que vivía en pazos das
rendas do campo.
A base principal da economía era a agricultura. Nesta época expandiuse extraordinariamente grazas
a novos cultivos como o millo ou a pataca. A maior parte da terra pertencía a mosteiros e alta
nobreza, que lle arrendaban a terra á fidalguía mediante o foro; esta, á súa vez, subarrendaba as
terras aos campesiños a cambio de que lle entregasen parte da colleita. Os propietarios intentaron
facerse co control directo das terras, pero a fidalguía opúxose. A Real Provisión de 1763 respaldou á
fidalguía e os foros perpetuáronse ata 1926.
11

Na segunda metade do século chegaron empresarios cataláns que transformaron a pesca e a


comercialización, crearon factorías de salgadura e puxeron as bases da futura industria conserveira
das Rías Baixas.
Tamén destacou a construción naval en Ferrol, cidade que os Borbóns dotaron de estaleiros, e a
siderurxia de Sargadelos. Ademais, cobrou un importante pulo a actividade téxtil coa instalación
das primeiras fábricas, como as manufacturas de liño en A Coruña.
A partir do permiso outorgado pola Coroa ás cidades de A Coruña (1764), Vigo (1785) e Ferrol
(1787) para comerciar coas colonias de América, creceu a burguesía urbana.
Na segunda metade do século, o equilibrio entre poboación e recursos rompeu, o que deu lugar a
dous tipos de emigracións: unha temporal á meseta castelá na época da sega; outra definitiva a
Lisboa, Porto, Madrid ou América.
5.2. A ILUSTRACIÓN
Na segunda metade do século XVIII creáronse varias institucións alentadas por ilustrados, como o
Real Consulado Marítimo e a Real Academia de Agricultura en A Coruña, e as Sociedades
Económicas de Amigos do País en Santiago e Lugo.
Destacaron tamén un grupo de ilustrados que defenderon un reformismo moderado, como o padre
Feijoo, o padre Sarmiento, José Cornide, Pedro Antonio Sánchez e Lucas Labrada.
5.3. A ARTE
Na primeira metade do século XVIII mantívose a arte barroca, con obras como a fachada do
Obradoiro, de Fernando de Casas Novoa.
Na segunda metade do século chegou o neoclasicismo, recoñecible na planificación urbanística de
Ferrol, no Pazo de Raxoi en Santiago ou na Colexiata de Santa María de Vigo.

You might also like