You are on page 1of 1

LINGUA E LITERATURA GALEGA 4º ESO CURSO 2020/2021

PROBA DE AVALIACIÓN INICIAL

NOME E APELIDOS _____________________________________ GRUPO __________

TEXTO

Un enorme círculo vermello e un H maiúsculo, seguido dun signo de exclamación. Esa foi a
maneira na que contestaron a miña primeira solicitude dunha proba diagnóstica, o meu primeiro
día como médica residente. A petición poñía: “Inchazón en membro inferior esquerdo, sen
evidencia de traumatismo previo. Solicito descartar fractura”. Á radióloga debeulle parecer tan mal
aquela falta de H, que nin se molestou en comprobar un coñecemento que, por outra banda,
debeu acreditar para ocupar a súa praza.
Despois, virían centos de explicacións, cuestionamentos e comentarios, case sempre por parte
de compañeiros, e non de pacientes. Respondín tantas veces á pregunta “e ti, por que falas
galego?”, que xa teño unha expresión e unha resposta automática preparada. Sempre contesto: “e
por que non?”, con sorriso imperturbable. Que a inmensa maioría dos pacientes da miña área
falen galego, que case todo o persoal o empregue como lingua habitual, que me negue a
empregar a lingua como marca de clase que me diferencia das persoas ás que trato... todos eses
non parecen ser motivos suficientes, nin suficientemente obvios. Ten que existir outro motivo,
oculto e inconfesable, para empregar unha opción diferente á non marcada. Presentar unha
sesión clínica ou escribir un informe de alta, xa non digamos un informe xudicial, en galego, tamén
semellaba ir traer múltiples problemas, aínda que finalmente non pasaba nada.
Posiblemente, ningunha das persoas que fan esas preguntas teñen unha postura consciente en
contra do galego. A radióloga que contestou aquela petición fíxoo por pura e simple ignorancia,
non por malicia. Porén, a pregunta, “por que falas galego?” cobra un significado moi concreto á
luz de todos estes detalles cotiás. Por unha banda, por que falas galego sendo médica, tendo
unha profesión de prestixio social? Quen pregunta ten unha noción inconsciente de que a lingua
do coñecemento, da ciencia e do prestixio non é o galego. Por outro, por que falas galego, a pesar
das múltiples, pequenas e incómodas trabas que che poñemos entre todos diariamente? Por que
a estratexia de desalento que tan ben funciona está fallando?
En medicina, traballamos analizando síntomas e signos superficiais que desvelan patoloxías máis
profundas. Aquel círculo vermello era o primeiro síntoma observable dun trastorno co que todas as
que falamos galego loitamos cada día.
Iria Veiga, “Inchazón”

CUESTIÓNS:

1. Explica o significado das palabras subliñadas.


2. Clasifica morfoloxicamente as palabras en negriña.
3. Indica persoa, número, tempo e modo das seguintes formas verbais: digamos, virían,
respondín, poñía.
4. Redacta un resumo do texto cunha extensión máxima de 100 palabras (indica o número).
5. Explica a túa opinión sobre o significado do texto cunha extensión de entre 150 e 200 palabras
(indica o número).

NOTA: As cuestións 1 a 4 faranse na aula. A cuestión número 5 entregarase na clase seguinte


xunto co borrador.

You might also like