TEMA 6 LITERATURA
A PROSA ENTRE 1936 E 1976: OS RENOVADORES DA PROSA (FOLE,
BLANCO AMOR, CUNQUEIRO E NEIRA VILAS)
A Guerra Civil freou o impulso que a narrativa en lingua galega recibira co
labor da xeración Nós. De tal xeito que ata a segunda década da posguerra
non rexistraremos ningún título de novelas ou libros de relatos na nosa lingua,
publicados en Galicia. O primeiro deles é A xente da barreira(1950) de Carballo
Calero, continuador da narrativa de preguerra.
A partir deste momento e coa axuda que supón a Editorial Galaxia (1950), a
narrativa galega inicia de novo a súa andaina da man de: Ánxel Fole, Álvaro
Cunqueiro, Eduardo Blanco Amor e X. Neira Vilas, cada un dos cales cultivará
unha faceta de realismo.
O realismo popular de Ánxel Fole caracterízase polo emprego de técnicas de
literatura oral como o tempo indeterminado ou referencias ao destinatario. Así
mesmo, ao tomar como modelo a lingua oral, as súas obras presentan un
naturalismo lingüístico cheo de arcaísmos, dialectalismos e vulgarismos. As
historias que relata ambientadas no Incio, no Courel e no val de Quiroga,
reflicten a realidade rural cotiá, mesturando elementos de misterio arraigados
na tradición popular (o mundo do alén, aparecidos, o lobo, a maxia) co humor.
É habitual a presenza dun narrador en primeira persoa, ben testemuña
directa, ben especialmente informado do que conta. Citar as súas achegas
narrativas Á lus do candil (historias contadas por diferentes personaxes nas
longas noites de inverno), Terra brava (técnica do ,manuscrito atopado),
Contos da néboa (de ambientación urbana), Contos de lobos e Historias que
ninguén cre).
Álvaro Cunqueiro combina o elemento marabilloso co cotián, cultivando un
realismo fantástico de estilo próximo á oralidade, no cal están presentes o
humor e a ironía. A súa obra narrativa en galego aparece organizada en dous
conxuntos: novelas que recrean mitos da literatura universal e a triloxía de
relatos galegos.
As primeiras constitúen unha humanización de ditos mitos. É o caso de
Merlín e familia (Felipe de Amancia fora de mozo paxe do mago Merlín e relata
as visitas que recibía no pazo da Selva de Esmelle onde vivían), As crónicas do
sochantre (ambientada na Bretaña Francesa, conta a viaxe do sochantre de
Pontivy, acompañado de diversas personaxes de ultratumba, cando é chamado
para tocar o bombardino no enterro dun fidalgo) e Se o vello Simbad volvese ás
illas (situada no país imaxinario de Bolanda e na taberna de Mansur, onde
Simbad, xa vello, relata vivencias pasadas, cuxa veracidade tenta demostrar
organizando unha viaxe no “Venadita”, navío que non existe. Finalmente
péchase nun mundo onde segue sendo o heroe de sempre.
O segundo bloque é un conxunto de contos de personaxes populares
tocados polo extraordinario, que conforman un gran mosaico da Galicia
popular. Dita triloxía está composta por Escola de menciñeiros, Xente de aquí e
acolá e Os outros feirantes.
Por último, en relación a Cunqueiro, cómpre citar as estratexias de
verosimilitude mediante as cales achega credibilidade ao narrador: descricións
detallistas, localizacións cronolóxicas, presenza de autoridades, relacións de
parentesco e topónimos galegos.
No caso da prosa de Eduardo Blanco Amor atopámonos ante un realismo
social no cal, a través de historias ambientadas en Auria (trasunto literario do
seu Ourense natal), realiza un verdadeiro cadro de tipos e costumes que
reflicte a problemática social galega do momento.
As súas novelas: A esmorga (publicada por vez primeira no exilio en Bos
aires) e Xente ao lonxe son fundamentais para a historia das nosas letras. En
ambas incorpora técnicas estilísticas modernas: a técnica telefónica no caso da
primeira (diálogo mudo entre Cibrán e o xuíz) e o enfoque obxectalista na
segunda. Ademais, as dúas presentan protagonistas de clases sociais baixas
e mesmo marxinais, deseñadas na súa complexidade.
No tocante ao argumento, A esmorga é o relato dunha troula de 24 horas vivida
por Cibrán, o Bocas e o Milhomes, cun tráxico final. Xente ao lonxe analiza o
movemento obreiro de comezos do século XX a través da familia Vilar (obreira
e de ideas socialistas).
Blanco Amor tamén publica un conxunto de relatos baixo o título Os
biosbardos. Neles glósanse os sete pecados capitais mediante
acontecementos narrados por personaxes infantís e adolescentes.
O realismo crítico de Xosé Neira Vilas trata a realidade social daquel entón
dende unha visión crítica, mediante a óptica de seres marxinados sometidos a
conflitos e violencia. A súa coñecida obra Memorias dun neno labrego
constitúe, xunto con Cartas a Lelo e Aqueles anos do Moncho, un conxunto
que xira arredor da vivencia infantil do mundo da aldea naquel tempo,
amosando a opresión social, económica e cultural da Galicia campesiña. O
mesmo mundo rural, mais dende a perspectiva adulta, reflicte Xente no rodicio.
Por outra banda, este autor aborda, coa mesma actitude crítica, o tema da
emigración en Camiño bretemoso (un emigrante marxinal e alcohólico conta a
un ouvinte a súa aventura por Arxentina e o seu remate tráxico ou Remuíño de
sombras, obras nas que emprega técnicas innovadoras.