You are on page 1of 1

LAPAS DO INFERNO

Fai moitos anos, na fermosa illa de Ons había un pobo pesqueiro, nel vivían
numerosas familias que subsistían da pesca e da caza. Nunha casa en concreto, a
máis pequena pertencía á familia de Breixo, un neno sen moitos privilexios,
considerábase un neno normal, recibía moito amor por parte dos seus pais, eles
traballaban moi duro para que o seu fillo tivera sempre un prato de comida quente na
mesa, aínda que ás veces non se puidera. Querían que o neno tivera de todo con
pouco e preocupábanse de que o neno estivera ben, o que eles non sabían, e Breixo
tampouco lles contaba era que a súa situación económica era moi coñecida no pobo e
na escola, e os nenos eran malvados con el, tratábano moi mal, quitábanlle a froita
que levaba para comer, tirábano ó chan e as veces incluso roubáronlle os libros
deixándoos desfigurados e ilexibles. Pero Breixo non lle diría nada ós seus pais, non
quería que tiveran preocupacións engadidas nin tiveran que conseguir diñeiro que non
tiñan para libros novos.
O timbre da escola para Breixo era un alivio, saía e marchaba coma un foguete para a
casa, comía cunha velocidade que asustaba, collía de novo a súa mochila cunhas
follas e as súas pinturas e marchaba de novo, tódalas tardes ía a un recuncho na
costa da illa, para chegar tiña que pasar por un túnel que formaban as árbores, o sitio
era fermoso, había unha pedra que parecía feita para o neno, sentábase alí e sacaba
as súas pinturas, pero antes de pintar... Asubiou varias veces.
Uns segundos máis tarde apareceu por alí un can, seica non tiña familia así que
pasaban as tardes xuntos, Breixo debuxaba o que vira ese día para ensinarllo. Pasaba
así todas as tardes, sempre contaba o que lle pasara na escola, e que nunca tiña valor
para contestar e defenderse, pensaba que os seus pais estarían decepcionados ca
súa covardía.
Un deses días nos que debuxaba imaxinándose coma un súper heroe sen medo o can
comezou a ladrar e a saltar, cando Breixo mirou cara ó seu pobo viu lapas, o primeiro
que pasou pola súa cabeza foron os seus pais e volveu cara ó pobo.
Estaba chegando e viu o que pasaba, un dragón xigante asolaba o seu fogar, o neno
non sabía xa que facer, tiña moito medo e escondeuse, mais de súpeto escoitou un
berro que o deixou frío, era a súa nai. Intentando defender o seu fogar foi atrapada
polo dragón e estaba pedindo axuda, todos os nenos, homes e mulleres do pobo
estaban escondidos, ninguén saía a axudar, Breixo dende o seu agocho pensaba no
que podía facer pero o medo paralizábao, pensou no súper heroe que sempre quixo
ser, colleu pedras e correu cara ó dragón, lanzoullas chamando a súa atención, o
dragón viuno, soltou á muller e comezou a perseguir ó neno.
El non sabía que facer nin onde ir, só quería salvar á súa nai e o seu pobo entón oíu ó
seu compañeiro ladrar cara fóra do pobo, comezou a seguilo e detrás del o feroz
dragón, saíu do pobo e viu a salvación, o mar quería axudalo e abriu para el un burato
no que botar ó dragón e que nunca xamais volvera a facer dano, as olas do mar
meteron o dragón no burato para levalo directamente ó inferno. O pobo estaba san e
salvo, mais o mar quería cobrar o favor e transformou ó can nun touro de cornos
dourados para que protexera o burato evitando que saíran del todos os males do
inferno.
Breixo quedou coma o súper heroe que sempre quixo ser, mais dende aquela, en vez
de ir onde o seu recuncho polas tardes, agora vai onde o burato do inferno, para así
poder seguir estando co seu amigo e poder seguir debuxando xuntos.

You might also like