You are on page 1of 5

Ola Xulio, repasando os escritos que teño no blog de relatos atopei este que

seguramente ten moitísimos erros, queres corrixirmos? A ver qué che parece …

¡Como cambia o mundo!

Xenaro estaba sentado enriba dunha pedra coas mans nas queixadas, no que noutro
tempo fora a “eira”. Recordaba outros tempos pasados, erguíase de cando en vez e
falaba só.

- Estas lousas pisadas ao longo dos anos por sabe Deus canta xente, nalgún intre
ateigadas de homes mallando e mulleres peneirando o grao.

Xirou a cabeza, mirou ao lado do balado e continuou a súa leria.

- E esa figueira hoxe cargada de figos, cando era rapaz subía con meus irmáns e non
deixabamos nin a proba, claro, agora todo o mundo merca a froita no “super” ou no
“hiper” porque as pezas son mais grandes e mais bonitiñas.

O home volveu á posición inicial, coa ollada nas lousas.

- E meus pais e Aurorita, que axiña se foron, os vellos xa eran moito, pero miña irmá
inda era moi nova.

Unhas bágoas escorregáronse sen o seu permiso polas meixelas, nun intre, xirou a cabeza
para ver se alguén o vira e limpouse a escape. Os pais morreran xa había quince anos,
primeiro fórase a mai e ao ano seguinte finou o pai. A irmá xa non era moza cando deixou a
casa, Xenaro discutira moito con ela tratando de convencela para que quedara, aquel home
non lle gustaba nada, pero ela estaba chochiña por él. Anos mais tarde, o seu cuñado
matouna baténdolle cun fungueiro do carro.

Despois de secar os ollos, barruntou que había algo que non cadraba, recordou que o
cura dixera, que os corpos eran po, terra, e tiñan que volver á terra.

- O cemiterio está cheo de furados e xa se levan enterrados moitos corpos, pero non se
enchen, habemos ter un po moi fino. E eu son o seguinte, menos mal que din que isto
non vai pola toca senón pola leva.
Volveu a agachar a testa e seguiu.

- O resto dos irmáns han de estar ben onde están ¡cando que non se sabe nada de eles!

Foran oito irmáns, todos homes menos Aurorita, os seis marcharon uns cos outros,
primeiro os dous mais vellos cara Alemania, a traballar na construción, como lles ia ben
chamaron aos outros, incluso a irmá e a Xenaro, ela non quixo deixar a casa e él era moi
cativo. Mentres viviron os pais, escribían con certa regularidade e viñan de vacacións.
Ate houbo algunha vez que trataron de levalos a todos para alá, pero os vellos tíñanlle
moito apego a terra. Despois que finaron os pais, nunca mais volveron, nin sequera aos
casorios de Xenaro primeiro e logo ao da irmá. Trataron de localizalos por alá, na
dirección que viña no remite das cartas, pero todo foi inútil coma se os tragara a terra,
nunca mais se soubo deles.

Ergueuse de novo sacudíndose a roupa e mirándose o corpo dixo.

- ¡Canto leva traballado este corpiño! Aos quince fun axudar ao papá ao serradoiro, pero
non me gustou, sempre cheo de serraduras, gustábame traballar a madeira doutro xeito.
Marchei con Sito o zoqueiro, logo aprendín, e ía polas casas facendo zocas, aburrinme
de facer sempre o mesmo. Fun con Paulino o ebanista, aquilo era o meu, facía os
cabezais das camas con moitos adornos, todos labrados a man. O Paulino deixábame un
debuxo e eu calcábao na madeira e traballábao coa trencha e a gubia. Era un traballo
bonito e ben pago, pero o bo dura pouco. Uns anos despois cambiou a madeira por
aglomerado, xa non se traballaba con debuxos nin adornos e as fábricas facían máis
mobles que nós, Paulino acabou por pechar.

Entón como ninguén recollía as castañas, pedinllas aos donos. Facíanme preguntas de
para que as quería, si eran para os porcos ou que ía facer con elas, nunca lles contei nada
ate que tiven cartos dabondo para mercar fincas con castiñeiros.

Un Nadal que viñeran meus irmás, (inda vivía papá) contáranme que os franceses as
convertían en “Marrón Glasé” (seica as cocen con moito azucra) Como eu escribíame
con Avelino o de Cervantes, que estudou comigo e está en Lión, díxenlle de ir a medias
no negocio, eu llas mandaba e el vendíaas alí. El alegrouse moito da idea e puxemos
mans a obra. De noite levábaas en sacos na egua da casa a cidade, as facturaba na
estación do tren e alá as recollía Avelino, que vendíaas como podía, isto ao primeiro.
Hoxe van en camións, xa todos saben para que son e véndenmas a min, os franceses
páganas ben porque son moi boas. Por certo, teño que ir a casa porque mandáronme uns
sacos delas de Chantada que din que son boísimas e teño que probalas primeiro, como
Balbina non está terei que cociñalas eu.

------------------------------------------------------------------------------------------------

Balbina, a muller de Xenaro estaba na casa de seus pais. A súa mai morrera a semana
pasada e tiña que arregar os papeis da herdanza cos irmáns, na casa non se vía a
televisión en sinal de loito, pero como lle gustaba estar ao día das noticias, tiña a radio
prendida e cando o locutor di
“ Noticias locais, hoxe o mediodía morreu Xenaro Xiraldez o Depredador das Castañas”
- a muller sentiu coma unha lostregada, premeu o transmisor a orella e escoitou.
“Parece ser que o Xenaro estaba na súa casa comendo castañas, cando unha lle
escorregou pola gorxa do ar, inda tivo tempo de chegar a casa do veciño que o atopou
na porta tirado e sen alento. Chamaron unha ambulancia pero xa chegou ao hospital
morto”.

Balbina colleu un taxi que a levou ao hospital, onde lle informaron da morte do seu
home, aconsellándolle que o levara a un tanatorio para velalo antes do enterro. Así o
fixo, puxérono nunha sala con uns cortinóns que podían tapalo se querían, ela sentou de
fronte chorando, ergueu a cabeza para mirarlle a cara e de repente, pareceulle que lle
chuscara un ollo, deben ser os nervios, se dixo, fixouse ben, e …¡estaba vivo! Púxose
unha man na boca para non berrar e acercouse a el. Xenaro faloulle en voz baixa.

- Tápame un pouco por si entra alguén, non sei ben que pasou debín afogar con unha
castaña, porque a teño na boca – enseoulla a Balbina – acabo de espertar, pero escoita
con atención, ímonos aproveitar disto – ela interrompeuno.

- ¡Ai Xesús María! Xenaro érguete que imos dicirllo a todos.

- Cala muller e fai o que che digo. Fai uns meses, fixen un seguro de vida, si morro
danche trescentos millóns. Vai a casa e colle unha barrena e a achuela grande que está
enriba da mesa do garaxe, envólveos en algo, que non chos vexan e métesmos na caixa,
pola noite saio, vou para casa e imos recorrer mundo con eses cartos.

- ¡Ai Xenaro que nos imos perder con este mal paso! ¡Que isto está mal! Vanos pillar,
teremos que devolver todos os cartos e ir parar ao cárcere.

- ¡Que mal paso nin que centellas! Ai que aproveitar o momento ¡fai o que che dixen e
volve de contado antes de que veña a xente!
Foise Balbina a facer o encargo, recolleu a barrena e o desaparafusador grande,
envolveunos nun pano branco, para que non se notara no sudario, meteu o paquete
debaixo da chaqueta e marchou ao tanatorio. Cando chegou había tres persoas dunha
familia, puxo cara de “fondo pesar” e logo de escoitar o pesame daquela xente,
escusouse por non estar presente e dixolles.
- Voulle dar un bico e arreglalo, que non o vexo ben.

Chorando acercouse ao feretro tapandoo co seu corpo da vista dos demais, meteulle o
paquete entre a roupa mentres o bicaba na fronte e berraba.

- ¡Ai meu homiño, co novo que inda era! ¡tiña toda a vida por diante e mira!

Volveuno a bicar mentres Xenaro dicialle.

- Moi ben Balbina, á noite verémonos na casa e devólvoche o cariño, aínda que me
estou aburrindo e non sei se non quedarei dormido.

- ¡Por Deus Xenaro, se te durmes empezarás a roncar e acabarase o teu invento!

Volveu chorar coma se lle estiveran petando unha malleira, nese intre, chegaba o
Avelino ca súa dona, collerona dos brazos e fixeron que se sentara cando a eles. Foron
chegando parroquianos que dabanlle o pesame, ela fixo o paripé como puido e aguantou
o tipo. Chegou a hora, cerraron a caixa e fóronse todos ao cemiterio, o cura fíxolle un
funeral de “corpore in sepulto” e metérono no nicho. Mentres o enterrador cerraba con
cuñas a tapa e a lápida, Balbina choraba e berraba polo seu home, ate cos amigos
sacárona collida polos brazos e a cintura, dicianlle que tiña que ser forte, que a vida
segue e que alí estaban eles para o que lle fixese falta, Avelino dixolle que arreglara os
papeis e despois se fora a Francia con eles, dixolle que si, que pasados uns días xa
falaría con él e se foi para casa ca escusa de que quería estar soa.

Estivo toda a noite deitada esperta, agardando a chegada de Xenaro, que non aparecía,
ela pensaba ¿e si tiña alguén por aí (unha amante) e marchou cara outro sitio? comiscou
galletas, fumou un pitillo e bebía auga cada pouco sen ter sede, non podía con aquela
ansiedade. Ao mencer preocupada polo incumplimento do pacto por parte do seu home,
se chegou ao campo santo e foise a ver o nicho. Todo estaba como o deixara o
enterrador o día anterior, quedouse un intre mirando e logo dixo.

- Quen cho ia dicir Balbina aos teus cuarenta anos volves ser solteira, sen fillos, sen
nadie a quen coidar e con tres centos millóns, ti queda ahí Xenaro que eu coma ti
dixeches vou ver mundo.
----------------------------------------------------------------------------
Resumen do que aconteceu despois

Balbina cobrou os cartos do seguro e marchou a Francia onde lle vendeu á Avelino á
súa parte do negocio das castañas. Despois desapareceu polos camiños do mundo.
O cabo duns meses (oito ou dez) morreu en Alemania un dos irmáns de Xenaro, que
quixo que o enterraran no panteón familiar, cando abriron o nicho os restos de Xenaro
caeron ao chan, alí apareceu a barrena e o desparafusador, entón fixaronse na tapa, tiña
marcas coma se alguén tentara de abrila desde dentro, quixeron falar con Balbina a ver
se lles contaba algo. Pero, ela non apareceu.

E. F. B.

http://www.balteu.blogspot.com.es/

You might also like