You are on page 1of 1

16.

O reformismo borbónico en Galicia (a matrícula de mar, o arsenal de


Ferrol, a apertura do comercio colonial)

No século XVIII, Galicia mantivo a súa importancia estratéxica como baluarte marítimo
avanzado na defensa do imperio colonial americano, fronte ao paso das armadas inimigas,
fundamentalmente inglesas. Ante esta situación, os Borbóns e os seus gobernos interviñeron
neste territorio creando novas institucións e servizos. Entre as súas principais realizacións
destacan:

1. Dotación de fortificacións costeiras e creación do arsenal de Ferrol

Para facer fronte aos diversos ataques marítimos (maioritariamente ingleses) que se dirixían a
saquear as cidades costeiras españolas ou a capturar os barcos cargados de mercadorías
procedentes de América, a meirande parte da costa galega foi reforzada con numerosas
baterías e castelos. Na execución destes innumerables proxectos foi fundamental a
intendencia do Reino de Galicia, creada en 1712. Pero o papel fundamental o desempeñará
a creación do arsenal de Ferrol.
En 1726, José Patiño, ministro de mariña de Felipe V, decidiu establecer en Ferrol a sede do
Departamento Marítimo do Norte (en paralelo tamén crea os de Cartaxena e Cádiz). É unha
das bases das Armadas reais. A partir de 1746, co marqués de Ensenada, ministro de
Fernando VI, iniciouse a construción dos estaleiros e dos arsenal. En 1776 creouse a
Academia de Garda Mariñas. A chegada masiva de poboación (uns 30.000) obrigou a engadir
ao núcleo orixinario, o Ferrol Vello, os novos barrios de Esteiro (para acoller aos traballadores)
e o da Magdalena (ocupado principalmente por oficiais da Armada). No seu deseño seguíronse
trazados urbanísticos regulares (plano ortogonal). A cidade converteuse na máis importante de
Galicia demograficamente durante este século e obxecto de admiración polos estranxeiros
como o ministro inglés William Pitt.

2. A matrícula do mar

Paralelamente as medidas anteriores os Borbóns van establecer as matrícula de mar, é dicir,


un sistema de reclutamento para dotar aos buques da Armada de tripulacións competentes
formada principalmente por mariñeiros procedentes da actividade pesqueira. O sistema foi
instaurado polo ministro de mariña José Patiño para todo o estado e tivo enorme relevancia en
Galicia. Aínda que resultou unha medida que pretendeu reformar e facer máis eficiente a
Armada non tivo o éxito esperado: non logrou o alistamento (desercións) e o control de tódolos
profesionais do mar, nin cubrir a demanda de homes para a Armada en tempos de guerra.

3. A apertura do comercio colonial

En 1764, o goberno de Carlos III estableceu na Coruña o Servizo de Correos Marítimos,


unha compañía estatal de buques encargada de levar a correspondencia ao porto da Habana e
(dende 1767) a Bos Aires, e que tamén podía transportar persoas e mercadorías, agás nos
períodos bélicos nos que se transformaban en navíos de guerra. En 1765 o porto da Coruña foi
autorizado (igual que outros españois) para comerciar directamente con América. Rachouse co
monopolio comercial de Cádiz (que substituíra a Sevilla no intercambio comercial con América).
Ambas concesións contribuíron a favorecer o crecemento comercial e a súa renovación
urbanística e portuaria desta cidade.

You might also like