You are on page 1of 11

1/ A nova monarquía dos Reis Católicos (unión dinástica, reorganización político-administrativa)

O reinado dos Reis Católicos marcou o tránsito entre a Idade Media e o Antigo Réxime. Baixo o seu mandato,
ademais da unión dinástica dos seus reinos, rematouse a Reconquista, anexionouse Navarra, reforzouse o
dominio en Italia e descubriuse América. Tradicionalmente considérase que estes monarcas sentaron as
bases da unidade territorial de España (non hai unanimidade neste aspecto pola historiografía) e construíron
un Estado moderno con gran proxección internacional.

Contextualizando, o século XV supuxo na Península Ibérica un período de renovación trala gran crise do
século XIV. A erradicación da Peste Negra supuxo unha recuperación da poboación que estimulou a
produción en todos os sectores económicos: agrícola, comercial e artesanal. A burguesía reafírmase como
14grupo social emerxente dedicada a actividades produtivas, que produce e acumula riquezas.

Neste contexto socioeconómico acontece en 1469 o matrimonio de Isabel de Castela e Fernando de Aragón,
coñecidos como os Reis Católicos (título outorgado posteriormente polo papa en 1496). Sabela non ocupou o
trono de Castela ata 1474 e Fernando o de Aragón ata 1479. É importante destacar que esta unión non
significou en ningún caso a unión das dúas Coroas. O matrimonio foi unicamente unha unión dinástica
baseada nun vínculo persoal, non se fusionaron os territorios; cada unha das Coroas conservou a súa
personalidade, con leis e institucións propias e diferenciadas, manténdose tamén as fronteiras e as aduanas
entre elas.

A nivel interno, os Reis Católicos perseguiron tres grandes obxectivos: aumentar a súa autoridade
(monarquía autoritaria), a unificación territorial e a unificación relixiosa. Para conseguir un mellor goberno
introduciron modificacións políticas e administrativas entre as que destacan o reforzamento dos consellos
como o caso do Consello Real que se converteu no principal órgano asesor dos reis. Crearon tamén o
Consello da Inquisición (que perseguía falsos conversos), o Consello das Ordes Militares e o Consello de
Aragón. Impuxeron Vicerreis naqueles territorios que, como a Coroa de Aragón e Navarra tiñan organismos e
leis específicas. Reformaron a xustiza coa creación de Chancelerías e Audiencias que eran tribunais
permanentes que exercían a súa xurisdición sobre un territorio delimitado. Impuxeron correxidores que
representaban aos reis e axudaban na administración das cidades e incrementaron a burocracia. Para o
control crearon os Terzos, un exército profesional con lealdade absoluta á monarquía que terán un papel
decisivo na posterior monarquía dos Austrias.

A nivel territorial Os Reis Católicos ampliaron as Coroas de Castela e Aragón por medio de conquistas e
anexións: Granada (en 1492), que supuxo a conversión obrigatoria de máis de 150.000 musulmáns que se
converteron en Mouriscos en torno ao ano 1500; reintegraron o Rosellón e a Cerdaña á coroa de Aragón por
parte de Francia; conquista de Canarias, incorporación do reino de Nápoles á Coroa de Aragón; anexión de
Navarra; conquista de Melilla, Orán, etc

A nivel territorial e económico para o futuro dos reinos, o acontecemento máis decisivo foi o establecemento
dos acordos entre Portugal e España que emanan do Tratado de Tordesillas (1494) onde o papa Alexandre VI
xoga un papel decisivo en favor dos Reis Católicos para a asignación dos territorios americanos recén
descubertos. Finalmente os Reis Católicos marcarán as bases do futuro imperio hispánico empregando aos
seus fillos como baza diplomática para conseguir alianzas con outros reinos mediante matrimonios.
2/ A configuración do imperio español no século XVI (a herdanza de Carlos I, os cambios en tempos de
Filipe II: rebelión de Flandes, incorporación de Portugal, guerra contra Inglaterra).

Entre 1515 e 1519 Carlos de Habsburgo, fillo de Filipe o Fermoso e Xoana a Tola, recibiu en herdanza
numerosos territorios. Baixo o seu reinado e o do seu fillo, España alcanzou o maior poderío político e militar
da súa historia.

Configurouse un imperio inmenso con posesións en Europa, Filipinas e, sobre todo, América, o que lle
permitiu converterse na nación dominante en Europa durante máis dun século.

Con todo, os inmensos recursos provenientes de América non foron empregados no desenvolvemento do
país. Basicamente todo o ouro e a prata de América servían para financiar as guerras europeas de Carlos e
Filipe que buscaban manter a súa hexemonía militar tamén en Europa e a súa supremacía sobre o resto dos
reis cristiáns (Carlos foi emperador do Sacro Imperio Xermánico e árbitro da Universitas Chirstiana). Os dous
“Austrias Maiores” exerceron unha política belicista a través do seu exército de elite (os famosos Terzos)
que, por outra banda, repercutiu negativamente no desenvolvemento social e económico do país. Por
exemplo, na etapa de Carlos, moitas cidades castelás se rebelaron contra a autoridade e formaron
comunidades, paralelamente en Mallorca e en valencia producíronse os levantamentos das xermanías como
protestas contra os abusos nobiliarios. Carlos mantivo cinco guerras moi igualadas contra a Francia de
Francisco I onde podemos destacar a batalla de Pavía ou o famoso saqueo de Roma de 1527. Tamén actuou
militarmente tentando reunificar relixiosamente o norte de Europa que masivamente se decantaba polas
doutrinas protestantes e colaborou na loita contra a expansión turca de principios do XVI.

O seu fillo, Filipe, que xa tiña experiencia de goberno (casado con María Tudor e rei de Inglaterra dende 1554),
herdará as coroas de Borgoña e España, os territorios italianos e americanos entre 1555 e 1556 despois de
que seu pai, abdique cansado e enfermo a favor do seu fillo. Pasou á historia como un home prudente e de
gran intransixencia relixiosa. Herdou tamén en 1580 a coroa de Portugal reclamando os seus dereitos por ser
fillo de Isabel de Portugal. Con esta herdanza ampliou os seus territorios aos dominios portugueses en
América (Brasil), en África e en Asia (nos dominios de Filipe II, non se poñía o sol)

A nivel interno, froito da súa obstinación relixiosa, potenciou a actuación da Inquisición e provocou a
sublevación dos mourisco de Granada despois de prohibirlles o uso da lingua árabe e os seus vestidos
tradicionais. A nivel europeo tivo que enfrontarse á rebelión dos Países Baixos que, liderados por Guillerme
de Orange e co apoio inglés, lograron consolidar o protestantismo no norte (Unión de Utrecht-Holanda)
mentres no sur, os Países Baixos mantivéronse católicos (Unión de Arras-Bélxica)

Ao igual que o seu pai, freou a expansión turca e berberisca polas costas mediterráneas. En 1571 o seu irmán
Juan de Austria liderou unha alianza cos venecianos e o papado para vencer aos turcos na batalla de
Lepanto. Se ven esta batalla vai frear os ataques piratas no Mediterráneo Occidental, no Atlántico, o problema
de piratería financiada pola monarquía británica e a persecución católica dende o anglicanismo, fai que Filipe
organice a invasión e conquista de Inglaterra. O fracaso da Grande Armada en 1588 e as represalias en forma
de ataques navais a posesións españolas, marcarán os dous últimos anos de reinado de Filipe que morrerá
no Escorial en 1598.

Recapitulando, os dous reis españois quixeron impoñer e exportar o seu modelo de goberno a Europa:
unidade territorial baixo o mando dun só soberano, pero respecto polas leis e costumes de cada rexión
sometida. Característica fundamental foi tamén a defensa sen concesións do catolicismo contra toda ameaza
xa fora o islam ou o protestantismo.
3. A CRISE SOCIO-ECONÓMICA DO SÉCULO XVII

Durante case todo o século XVII sucedeu unha enorme crise demográfica, debido ás migracións cara
América, ás constantes guerras, ao incremento do clero e á expulsión dos mouriscos, (co despoboamento de
moitas zonas e perda de man de obra agrícola). Ademais, repetidas epidemias asolaron a península.

Viviuse unha continua crise económica. A agricultura empeorou e a fame, a peste e as epidemias
despoboaron as terras. Descenden as rendas da nobreza que incrementará os impostos. A Mesta reduciu o
número de cabezas. A introdución de millo e da pataca trouxeron unha certa recuperación da produción
agrícola a finais de século. Os arbitristas analizaban os problemas económicos e aportaban solución
factibles, enviando memoriais ao rei para que tomara determinadas medidas.

Os sectores artesanais e comerciais víronse afectados, O comercio exterior tamén se resentiu polo auxe das
novas potencias comerciais e as Compañías das Indias Orientais. A situación das finanzas públicas era
crítica polo derroche na corte e polas guerras. Aumentaranse os impostos e depreciaráse a moeda. pero o
Estado caeu en bancarrota en varias ocasións ao longo do século. Producirase un esgotamento das minas
americanas. A nobreza trata de consolidar o seu modelo social comprando terras ou casas.

A sociedade vaise polarizar co empobrecemento do campesiñado, a debilidade da burguesía e o crecemento


dos grupos sociais improdutivos. A crise social fará dos fidalgos ociosos e dos pícaros os tipos sociais
característicos da época.

Os intentos do conde-duque de Olivares, valido de Felipe IV, de manter o prestixio e hexemonía hispánicos
no mundo e a participación española na Guerra dos Trinta Anos, fará necesario un programa de reformas.
Tentará eliminar os privilexios forais dos seus reinos e estender as leis de Castela. A Unión de Armas de 1625
pretendía repartir a carga militar e fiscal entre todos os reinos; e creaba un exército permanente con
soldados dos diferentes territorios. A idea fracasará pola oposición dos reinos e pola situación económica.

Contra esta política impositiva e uniformizadora, xorden altercados. A loita contra Francia na Guerra dos
Trinta Anos chega a Cataluña. Os franceses invaden o Rosellón, e o conde-duque obriga a que os cataláns
contribúan ao gasto militar e aloxen aos soldados reais. Isto leva á revolta dos segadores no Corpus de
Sangue e á morte do vicerrei. En 1652, as tropas reais entran en Barcelona.

En Portugal, e debido ao descontento pola castelanización e o recrutamento de soldados portugueses para a


guerra, os nobres portugueses declaran, en 1640, ao duque de Bragança rei de Portugal. Mariana de Austria
recoñece a independencia de Portugal no tratado de Lisboa de 1668. Isto leva á monarquía a unha grave
crise. Asinarase a paz de Westfalia (1648) coa independencia das Provincias Unidas do Norte (Holanda) e a
paz dos Pirineos (1659) que cedía a Francia Rosellón e Cerdaña. Isto suporá a perda da hexemonía española
en Europa. Malia todo, neste período houbo un esplendor cultural coñecido como o Século de Ouro.
4/ Economía e sociedade na Galicia dos Austrias (a agricultura e as súas transformacións, a importancia
da pesca na Galicia litoral, a estrutura social: sociedade rendista e peso da fidalguía)

Durante o reinado dos Austrias, Galicia mantivo unha posición periférica pero estratexicamente importante
por ser un punto vital na ruta marítima cara aos Países Baixos. Os Austrias potenciaron a organización
política do vello reino: Capitán Xeneral, Real Audiencia, Xuntas do Reino. Galicia tamén estaba dividida en
provincias. Creadas para o reparto de impostos e o recrutamento de soldados, nun principio foron cinco e,
desde mediados do século XVI, sete: A Coruña, Betanzos, Santiago, Mondoñedo, Lugo, Ourense e Tui.

Ao longo dos séculos XVI e XVII, a sociedade e a economía galega era fundamentalmente agraria (máis do 80
% da poboación vivía no rural e do campo) e estivo fortemente ligada ás posibilidades produtivas da terra e a
un réxime de propiedade que seguía modelos medievais nos que a maioría das terras eran propiedade dos
nobres, dos eclesiásticos ou dos concellos e estaban suxeitas a algún tipo de vinculación que impedía que
se puidesen vender (terras vin culadas e de mans mortas). Os propietarios das terras arrendábanos aos
cultivadores mediante contratos de longa duración chamados foros.

Durante o Antigo réxime, os fidalgos tomaron en foro numerosas parcelas dos bispos, mosteiros e nobres,
terras que despois subaforaban aos campesiños. Así, ante o absentismo crecente da alta nobreza (en moitos
casos, asociada ás empresas políticas e militares dos Austrias. Os Andrade, Lemos, Sarmiento e Monterrei
desempeñaron elevados cargos na Administración (vicerreis, embaixadores) e vinculáronse coas familias
nobiliarias castelás), vanse converter paulatinamente no grupo dominante en Galicia, especialmente os
asentados no mundo rural, con pequenos patrimonios en terras, aínda que a principal fonte de riqueza
proviña das súas actuacións como intermediarios no cobro das rendas dos foros entre os propietarios e os
labregos que traballaban as terras como foreiros. Ata 1560-80 mantívose o sistema tradicional de produción
feudal baseado no cultivo de cereais (trigo e centeo) e no barbeito, que permitiu o crecemento da poboación.
A partir desas datas, o desequilibrio entre poboación e recursos favoreceu a aparición das crises de
subsistencia, con malas colleitas, fames e pestes, que provocaron a diminución da poboación, sendo
especialmente grave o ciclo negativo de 1633-36. Estas dificultades estimularon a transformación do sistema
de cultivo. Desde a costa e cara ao interior, foise estendendo o cultivo do millo, produto procedente de
América que alterou o sistema de rotacións, diminuíndo o barbeito. Estes cambios permitiron un forte
crecemento da produción e da poboación; esta situación contrastaba co panorama negativo do século XVII
no resto de Europa.

A actividade marítima constitúe o sector económico máis desenvolvido de Galicia desde os tempos
medievais e a súa importancia non deixou de aumentar ata o punto de concentrar a maior parte da poboación
na costa. Sardiñas e pescadas eran especies habituais que se pescaban con artes moi depredadores como o
cerco. Tamén se facían expedicións a alta mar como por exemplo ao banco canario-sahariano, pero sobre
todo ás frías augas de Terranova para as campañas do bacallau.

As actividades artesanais e comerciais foron escasas, predominando a autarquía comarcal; cómpre destacar
a produción doméstica de tecidos de liño ou no campo comercial o interese dos nobres e magnates de
Galicia no establecemento na Coruña dunha Casa da Contratación da Especiaría que centralizase o tráfico
das especias. En 1522 o emperador Carlos I autorizou a creación desta Casa de Contratación pero a iniciativa
non prosperou pola dubidosa rendibilidade e a presión portuguesa. Esta concesión tivo un escaso
desenvolvemento debido á falta de capacidade comercial dos portos galegos e en 1573 foi anulada por Filipe
II, quen devolveu a Sevilla o control exclusivo dos intercambios con América.
5/ CONQUISTA E COLONIZACIÓN DE AMÉRICA

Tralo descubrimento de América en 1492 comeza unha longa fase de exploración, conquista e evanxelización
co obxectivo de incorporar os novos territorios a Castela e posteriormente á Monarquía Hispánica (a partir de
Carlos I).

Podemos resumir a conquista en tres etapas ou fases. Na primeira, ata 1518 desenvólvense as outras tres
viaxes de Colón e as de Américo Vespuccio e Alonso de Ojeda, conquistándose as Antillas e a costa
venezolana; Ponce de León explora a Florida; Núñez de Balboa descubre o Pacífico, e Díaz de Solís o Río da
Prata. A segunda, ata 1540, foi a máis importante xa que comprende a conquista dos imperios Azteca e Inca
por parte de Hernán Cortés e Francisco de Pizarro. Na terceira destacamos a tentativa de Orellana de
encontrar civilizacións no Amazonas e Cabeza de Vaca a exploración de California (ata 1560)

A maior parte destas expedicións organizáronse a través de iniciativas privadas onde homes con gañas de
prosperar propoñían aos monarcas rutas de expedicións asinando acordos denominados capitulacións.
Estes acordos consistían en que os conquistadores obtiñan riquezas e cargos políticos a cambio de que
puxeran o novo territorio baixo autoridade da Coroa e que lle entregaran un quinto da riqueza, o denominado
quinto real.

Despois das fases anteriormente citadas, a partir de 1560, durante o reinado de Filipe II, os españois iniciaron
un intenso período de colonización onde trataron de poboar o territorio e artellalo mediante a fundación de
numerosas cidades. Esta conquista foi posible grazas a superioridade tecnolóxica dos españois, á división
interna dos grandes imperios precolombinos e, sobre todo, ao brutal impacto de enfermidades como a
varíola ou a gripe nas poboacións indíxenas americanas. Calcúlase que ao redor dun 90 por cento da
poboación morreu por enfermidades europeas durante a conquista e a colonización do novo continente que
supuxo o reemplazo dos nativos por man de obra africana en séculos posteriores.

Como forza de traballo empregouse o sistema da encomenda. Os conquistadores obtiñan un número


determinado de indíxenas por parte da Coroa a cambio de protección e evanxelizalos. Como retribución por
isto os indios debían traballar para os conquistadores a cambio de salarios moi pequenos. Un destes
sistemas máis famosos foi o da mita mineira, onde os indíxenas das grandes minas de prata como Potosí (a
maior de todas) ou Zacatecas traballaban case como escravos. Outro dos sistemas de explotación era a
importación de escravos negros sendo este un dos grandes negocios na Idade Moderna. A cantidade de
prata extraída de América provocou na península un proceso de inflación tal, que se coñece como a
revolución dos prezos. O aumento de metal circulante en España fixo que os prezos escalasen de maneira
descontrolada. A prata americana foi clave na financiación das guerras europeas da Monarquía Hispánica.

Para administración das novas terras, denominada As Indias, que pertencían á Coroa de Castela, se crearon
institucións e leis concretas. Para o seu goberno se crearon o Consello de Indias e para centralizar e regular
o comercio a Casa de Contratación. Instalados inicialmente en Sevilla, converteron a esta cidade, no XVI e
XVII, na máis poboada de España, baixo o reinado dos Borbóns no XVIII se descentralizan. Creouse toda
unha lexislación propia para América (civil, política, social e económica) que se compilou nas chamadas Leis
de Indias (fundamentalmente as Leis de Burgos de 1512 e as Leis Novas de 1542). Un dos debates máis
salientables en torno as futuras leis foi o que enfrontou a Bartolomé de las Casas (en contra da escravización
dos Indios pero a favor de importar escravos negros) e Ginés de Sepúlveda (a favor da escravitude dos
Indios tamén) en Valladolid. En América a administración territorial foi dividida en Gobernacións, Audiencias
e Vicerreinados.

Como balance final, o proceso de conquista e explotación das Indias trouxo diferentes consecuencias
culturais, económicas, sociais, demográficas e políticas, tanto de ámbito positivo (ampliación do mundo
coñecido, novos alimentos, incremento do comercio, mestizaxe de pobos, potenciación da hexemonía
española...), como negativo (evanxelización forzada, destrución das culturas precolombinas, diminución da
poboación indíxenas polas guerras, a explotación e as novas enfermidades, emprego da man de obra
escrava africana...).
1/ CAMBIO DINÁSTICO E A GUERRA DE SUCESIÓN (causas da guerra, bandos en conflito, a paz de Utrecht)

Trala morte de Carlos II sen descendencia directa suscitouse a cuestión sucesoria. As dúas dinastías
pretendentes ao trono español foron os Borbóns, vinculados a Francia e representados por Felipe de Anjou;
e os Habsburgo austriacos, cuxo candidato era o arquiduque Carlos. A sucesión en calquera dos aspirantes
significaba a formación dun gran bloque dinástico europeo que rompía o equilibrio continental establecido na
Paz de Westfalia. O conflito desembocou nunha guerra que tivo lugar entre 1702 e 1713.

Filipe foi aceptado e recoñecido como rei polas Cortes de Castela, Aragón, Cataluña, Sicilia, Nápoles e Milán,
pero os Habsburgo de Austria non aceptaron que a Coroa de España pasase aos Borbóns e defendían o seu
propio candidato, o arquiduque Carlos de Austria, fillo do emperador Leopoldo I. Ademais, a posibilidade da
unión das Coroas de Francia e España e o papel prepotente e de control que desempeñaba Luís XIV,
atemorizou os reinos europeos, que se uniron e iniciaron a guerra.

Ante esta situación, en 1701, formouse unha alianza antiborbónica entre Austria, Inglaterra e Holanda, á que
logo se uniron Prusia, Portugal, Savoia e a maioría dos príncipes alemáns e italianos. Uns trataban de evitar a
hexemonía borbónica e defender a candidatura ao trono de España do arquiduque Carlos de Austria. Outros
buscaban a división das posesións españolas e obter vantaxes no seu comercio colonial.

A guerra foi tanto un conflito internacional como un conflito interno dentro da monarquía española. Os
territorios da Coroa de Castela (incluídas as provincias vascas e o reino de Navarra) apoiaron a Filipe V. En
cambio, os territorios da Coroa de Aragón (Cataluña, Aragón, Valencia e Baleares), despois de recoñecer a
Filipe V, apostaron polo arquiduque Carlos de Austria, temerosos ante a política centralizadora que
representaba a monarquía borbónica e partidarios da antiga monarquía pactista dos Habsburgo.

O enfrontamento estendeuse por toda Europa con vitorias e derrotas para os dous bandos, pero o inicio das
conversacións para lograr a paz foi o cambio de posición das potencias europeas aliadas cando, pola morte
do emperador austríaco en 1711, o arquiduque Carlos convertíase no herdeiro do Imperio. O perigo dunha
hexemonía de Austria se Carlos cinguía, ademais, a Coroa española, era tan perigoso como a unión entre
Francia e España.

Para finalizar o conflicto, pactouse a Paz de Utrecht (1713) e o tratado de Rastadt (1714) nos que, co
obxectivo de manter o equilibrio europeo, estableceuse: o recoñecemento de Filipe V de Borbón como rei de
España, pero a cambio tivo que renunciar á Coroa de Francia e entregar os Países Baixos españois, Nápoles,
Milán e Sardeña ao emperador de Austria, Sicilia ao rei de Piemonte, a colonia de Sacramento a Portugal, e
Xibraltar e Menorca a Gran Bretaña que ademais obtiña importantes concesións comerciais (un navío de
permiso para comerciar coa América hispánica e o asento de negros). A pesar de asinarse a paz
internacional, a guerra continuou en España; as tropas de Filipe V conquistaron Barcelona o 11 de setembro
de 1714 e Mallorca e Eivisa en 1715, concluíndo así o conflito e marcando o inicio do modelo absolutista e
centralista da nova monarquía borbónica con unha serie de políticas uniformizadoras que marcarán o Antigo
Réxime do século XVIII en España. UtrechtRastadt significou a consagración do principio do equilibrio
continental. España quedou relegada a potencia de segunda orde, circunscrita en Europa aos seus territorios
peninsulares e insulares.
2/ OS DECRETOS DE NOVA PLANTA E OS SEUS EFECTOS

En 1700 o rei Filipe V de Borbón recibiu a coroa de España. Naqueles momentos estaba formada por un
conglomerado de reinos, cada un dos cales tiña leis, foros e institucións diferentes. Na península o poder do
rei era forte na Coroa de Castela, pero estaba suxeito a fortes limitacións nos reinos pertencentes á Coroa de
Aragón. Durante a guerra e ao finalizar, inspirados polo secretario de despacho Xosé Patiño, o monarca
emitirá unha serie de decretos que serán o punto de partida do programa de reformas políticas e
administrativas inspiradas no modelo francés. Estamos a falar dos chamados: Decretos de Nova Planta que o
rei Filipe V introduciu desde o inicio do seu reinado co obxectivo de establecer maior grao de centralización
do poder político e a unificación lexislativa e institucional no reino de España. Trátase dun conxunto de
decretos asinados polo monarca durante a Guerra de Sucesión mediante os que quedaban abolidos os
privilexios forais dos reinos da Coroa de Aragón, considerados como rebeldes por tomar partido por Carlos
de Austria na Guerra. Filipe V, apoiado na forza militar das súas tropas e a medida que ía recuperando
territorios, aboliu os privilexios de Aragón e Valencia (1707), Mallorca (1715), e Cataluña (1716), impoñendo as
leis de Castela. Ademáis dos decretos, co termo "Nova Planta de Goberno" expresábase a idea dunha
profunda reforma do goberno e da administración da Coroa de Aragón. Significaba a substitución do
pactismo dos Austrias polo absolutismo dos Borbóns e a asimilación ao modelo castelán.

Podemos entender dous obxectivos para a instauración destas medidas: a venganza sobre os territorios
“traidores á coroa” na guerra e o interés pola centralización como medida de modernización. Pola aplicación
dos Decretos, os reinos da Coroa de Aragón perderon a súa autonomía política e institucional, sendo
sometidos aos modelos casteláns. As súas institucións particulares (Cortes, Deputacións, Consellos,
Generalitat) foron suprimidas, os vicerreis foron substituídos por capitáns xenerais (salvo en Navarra e os
territorios americanos), rebaixando así as súas atribucións, os concellos foron sometidos á autoridade dos
correxidores e introducíronse os intendentes. Os seus tribunais xudiciais foron modificados mediante a
creación de Audiencias en Zaragoza, Valencia, Mallorca e Barcelona a imitación das de Castela; e o dereito
público que se vai a aplicar sería o de Castela (aínda que permanece o civil catalán). Ademais, o castelán
substituíu ao catalán como lingua na Administración. Ao perder a súas Cortes e institucións perden tamén a
capacidade que tiñan de limitar as exixencias do rei para cobrar novos tributos, quedando sometidos á
lexislación tributaria castelá; así mesmo impónselles as quintas para o recrutamento de soldados, servizo do
que estaban exentos.

Iniciouse tamén unha política regalista, tentando influír dende a corte sobre os asuntos da igrexa e
minimizando o poder da Inquisición.

No terreo económico en cambio saen favorecidos pois as aduanas interiores que existían entre os distintos
reinos da Coroa de Aragón e Castela foron suprimidas; deste xeito os comerciantes cataláns poderán iniciar
no século XVIII a súa expansión pola península contribuíndo ao despegue económico de Cataluña.

Con estas medidas incrementouse o centralismo borbónico, cunha maior uniformización dos territorios,
aínda que subsistiron numerosos particularismos políticos e xurisdicionais, caso de Navarra e as provincias
vascas que mantiveron os seus privilexios forais e os seus réximes especiais (provincias exentas) en gran
parte polo apoio prestado á causa borbónica durante a Guerra de Sucesión.
3/ O REFORMISMO BORBÓNICO EN GALICIA (a matrícula de mar, o arsenal de Ferrol, a apertura do comercio
colonial)

No século XVIII, o reino de Galicia mantivo a súa importancia estratéxica como baluarte marítimo avanzado
na defensa do imperio colonial americano, fronte ao paso das armadas inimigas, funda- mentalmente
inglesas. Ante esta situación, os Borbóns e os seus gobernos interviñeron en Galicia creando novas
institucións (a Intendencia do Reino de Galicia, o Real Consulado) e servizos. Dende a súa chegada á Coroa
de España, os Borbóns realizaron numerosas reformas co fin de afianzar o seu poder e desenvolver a riqueza
económica de España. No noso caso, impulsáronse distintas reformas:

A primeira foi a potenciación da denominada matrícula do mar. Tratábase dun sistema de inscripción
marítima que buscou mellorar a oferta de tripulacións para a Armada. Nela inscribíanse os homes de mar
voluntarios para ter un medio de vida e saír así da marxinación. Teóricamente, o servizo naval compensouse
con privilexios de orde militar (a exención de quintas e de levas para o exército), xurisdiccional (o fuero de
Mariña) e económico (a controvertida exclusividade das actividades marítimas). O sistema rexistraba a todas
as persoas dedicadas ao mar indicando a clase á que pertencías (mariñeiro, artilleiro, grumete…) para
coñecer as súas habilidades. Os matriculados quedaban libres de quintas e de impostos municipais, pero
podían ser chamados ao servizo da Armada ata cumprir 60 anos. A primeira matrícula do mar foi a
establecida en 1626 por Filipe IV de Habsburgo, pero non funcionou ben ata a posta en marcha das reformas
borbónicas. En 1714 Filipe V de Borbón creou a Real Armada unificando as numerosas armadas da época
dos Austrias e os seus mandos e en 1726 estableceu a división das costas españolas en tres departamentos
marítimos (Ferrol, Cádiz, Cartaxena), así como as directrices dos comisarios de Mariña para o rexistro da
xente do mar, medidas consolidadas en 1751. A extensión do litoral de Galicia e o elevado número de xentes
relacionadas cos traballos do mar fixo que na segunda metade do século XVIII a rexión rexistrase a cuarta
parte da matrícula humana das flotas españolas.

Enormemente signficativo foi a creación do arsenal de Ferrol. Galicia, pola súa situación xeoestratéxica,
converteuse para os Borbóns no lugar onde recibir ou rexeitar as frotas estranxeiras -especialmente as
inglesasque se dirixían a saquear as cidades costeiras españolas ou a capturar os barcos cargados de
mercadorías procedentes de América. Ante esta situación, a meirande parte da costa galega foi reforzada con
numerosas baterías e castelos. En 1726 Xosé Patiño, ministro de Filipe V, decidiu establecer en Ferrol a sede
do Departamento Marítimo do Norte e unha das bases das Armadas reais. A partir de 1746, co marqués da
Ensenada, ministro de Fernando VI, iniciouse a construción dos modernos estaleiros e arsenal que
converteron a Ferrol na principal cidade de Galicia e en obxecto de admiración polos estranxeiros. Para a
formación dos mandos militares da Armada creouse, en 1776, a Academia de Gardamariñas. A chegada
masiva de xente obrigou a engadir ao núcleo orixinario, o Ferrol vello, os novos barrios de Esteiro, para
acoller aos traballadores, e o da Magdalena, ocupado principalmente polos oficiais da Armada; no seu
deseño seguíronse trazados urbanísticos a base de cuadrículas (plano hipodámico) moi do gusto dos
arquitectos ilustrados.

A apertura do comercio colonial. A eliminación do monopolio do comercio colonial exercido por


Sevilla-Cádiz favoreceu a Galicia, especialmente á Coruña. Os borbóns conceden a Galicia os correos
marítimos e o comercio con América: dúas concesións reais en tempos de Carlos III contribuíron ao
crecemento comercial e urbanístico da Coruña.

En 1765 establécese na Coruña o Servizo de Correos Marítimos cara a América, unha compañía estatal de
buques encargada de levar a correspondencia oficial e privada cara o porto da Habana e Bos Aires (tamén
podían levar persoas e mercadorías). Tamén en 1765, o porto da Coruña foi autorizado para comerciar con
América, o que contribuíu de maneira decisiva ao crecemento económico da cidade. En 1764, o goberno de
Carlos III estableceu nesa cidade o Servizo de Correos Marítimos, unha compañía estatal de buques
encargada de levar a correspondencia ao porto da Habana e (desde 1767) a Bos Aires, e que tamén podía
transportar persoas e mercadorías, agás nos períodos bélicos nos que se transformaban en navíos de
guerra. En 1765 o porto da Coruña foi autorizado para comerciar directamente con América. Ambas
concesións contribuíron a favorecer o crecemento comercial e a renovación urbanística e portuaria da cidade
(destacando a restauración da Torre de Hércules en 1791).
4/ AS IDEAS FUNDAMENTAIS DO PENSAMENTO ILUSTRADO

En Europa o século XVIII foi o Século das Luces, chamado así en referencia á Ilustración. Este movemento cultural
defendía tanto a capacidade da razón humana para descubrir a verdade e as leis da natureza, como a necesidade
de propoñer e realizar reformas co obxectivo de incrementar o benestar material do país, mellorar a sociedade e
alcanzar a felicidade persoal.

Este novo pensamento contribuirá a desenvolver unha nova moral baseada na educación e do progreso
económico.

Os principios básicos da Ilustración poden recollerse nos seguintes puntos: A razón é o único medio para acadar a
verdade. Xunto co progreso, constitúe o camiño para conseguir a felicidade. A razón, desta maneira, serve de guía
fronte á superstición, o fanatismo e a intolerancia, idea que foi tratada en profundidade por Voltaire.

Esta concepción da razón tivo as súas fontes de inspiración na filosofía de Descartes, baseada na "duda metódica"
(só é considerado verdadeiro o que é evidente), e nas leis xerais da Física de Newton. En segundo lugar, o
progreso, ao que ha de chegarse mediante a ciencia en combinación coa técnica, permite o avance da humanidade
de maneira evolutiva e indefinida. Tamén destacar que a natureza é a orixe de todo o verdadeiro e auténtico. Sen
embargo, a sociedade pervirte e corrompe ao home (bo en estado natural). Será Rousseau o pensador que trate
con maior brillantez o aspecto social da Ilustración no seu libro El contrato social. Por último, a felicidade é un ben
ao que todo home ten dereito e constitúe un fin en si mesma. A política é neste contexto "a arte de facer felices aos
pobos".

Tanto en España como en Galicia, as novas ideas da Ilustración tiveron un desenvolvemento tardío. Na súa
concreción pódense distinguir dúas etapas. A primeira, durante os reinados de Filipe V (1700-46) e de Fernando VI
(1746-59), denominada de protoilustración, estivo encabezada polos chamados proxectistas (por elaborar
proxectos para o goberno) e os anovadores ou novatores (por querer innovar no pensamento e na ciencia) entre os
que destacaron Feixoo e Mayáns. A segunda, plenamente ilustrada e de apoxeo, desenvolveuse durante o reinado
de Carlos III (1759-88) e nela que destacaron os ilustrados Campomanes, Floridablanca, Olavide…; en Galicia
cómpre destacar a Xosé Cornide.

Estas ideas ilustradas foron aceptadas e promovidas por unha minoría culta formada por nobres, clérigos, oficiais
da Administración e burgueses que tiveron unha enorme influencia política. En liñas xerais, o seu pensamento e as
súas propostas caracterizáronse pola moderación reformista, tentando compaxinar a crítica e a renovación co
pragmatismo e o mantemento da orde socio-política establecida; só uns poucos foron evolucionando cara a
posicións máis radicais preliberais.

En síntese o seu pensamento caracterizouse por: A crítica á realidade vixente, á ignorancia e á falta de cultura, ao
atraso técnico e económico, aos prexuízos sociais e aos abusos dos poderosos. O fomento da educación e da
renovación científica (as ciencias útiles) para superar o atraso existente e modernizar España. Estes ideais
concretaríanse na fundación de escolas técnicas (como a Escola de Náutica e a de Comercio na Coruña) e na
creación das Academias (da Lingua, Medicina, Historia, Belas Artes…). O predominio das preocupacións
económicas, tentando fomentar e mellorar, con numerosos proxectos e reformas, todos os sectores produtivos (en
especial o artesanal e comercial) co obxectivo de incrementar a riqueza do reino e o benestar e a felicidade da
poboación. Co propósito de contribuír á difusión dos avances científicos e técnicos e de potenciar a economía
dunha determinada zona ou rexión crearon as Sociedades Económicas de Amigos do País (a primeira foi a Real
Sociedade Bascongada fundada en 1765); en Galicia destacou o Real Consulado da Coruña (1785).Tamén a prensa
(como El Censor e El Pensador) contribuíron á divulgación destas ideas e proxectos. O recurso ao poder do rei
para alcanzar as reformas pretendidas e afastar tanto os atrancos existentes como a oposición dos sectores
tradicionalistas, maioritarios na Igrexa e na sociedade. Por iso defenderon unha nova concepción do poder
coñecida como despotismo ilustrado: os monarcas debían exercer un poder absoluto, pero este debía empregarse,
impulsando e encabezando as reformas o propio rei, en lograr aumentar a riqueza e o benestar (resumido no lema:
todo para o pobo pero sen o pobo). Este apoio ao poder real fixo que moitos ilustrados formasen parte dos
gobernos, en especial durante o reinado de Carlos III. Un exemplo disto poden ser o conde de Aranda ou o
marqués de Ensenada, famoso por impulsar a máis antiga enquisa e censo sobre a riqueza de España en 1749
(Catastro de Ensenada).

Moitos destes cambios non foron doados como se poden exemplificar nas causas e consecuencias do motín de
Esquilache contra Carlos III en 1766.
Converso. Persoa que acepta unha crenza relixiosa ou ideoloxía diferente á que profesaba. Na España dos
séculos XVI e XVII aplicábase especialmente aos musulmáns e xudeus que se convertían ao cristianismo, ben por
convicción, ben por evitar persecucións. O aumento do número de conversos agravou o odio popular contra estes
novos cristiáns, acusados de manter en segredo a súa fe (xudaizantes e mouriscos). Moitos deles foron vítimas do
tribunal da Inquisición.

Mourisco. Musulmán obrigado a converterse ao cristianismo por orde dos monarcas en diferentes momentos:
1502 en Castela, 1518 en Aragón e 1526 en Valencia. A conversión forzosa significou a fin oficial da poboación
musulmá en España, pero moitos deles continuaron mantendo a súa lingua, vestimentas e costumes,
especialmente os que vivían no territorio do reconquistado reino de Granada; esta situación levou a que fosen
expulsados de Granada en 1570 e de Aragón e Valencia en 1609.

Xuntas do Reino de Galicia. Institución creada no século XVI que actuaba como portavoz das sete provincias
de Galicia e, desde 1528, como representación do Reino de Galicia. Estaban formadas polos delegados dos
concellos das cidades capitais das provincias e actuaban como un organismo intermediario entre o Reino de
Galicia e a Coroa de España. Non tiñan funcións de goberno pero podían conceder diñeiros ao monarca, ordenar
levas militares, distribuír cargas fiscais ou enviar informes e peticións ao rei. As Xuntas eran convocadas polo
monarca, normalmente cando necesitaba aumentar impostos ou facer levas de soldados, e estaban presididas polo
Capitán Xeral de Galicia.

Terzos. Unidade militar de infantería, de ataque e defensa, formada por soldados profesionais, voluntarios o de
recrutamento, creada e sostida por los Habsburgo españois durante os séculos XVI e XVII. Loitaban combinando
as armas brancas (picas, espadas) e as de fogo (arcabuces, mosquetes). Estaban distribuídos polos
distintosreinos e provincias da Monarquía Hispánica, destacando, polo seu número e fama, os Terzos de Flandres.

Grande armada. Gran flota formada por Filipe II en 1588 para desembarcar en Inglaterra e destronar á raíña
protestante Sabela I. A Grande Armada partiu do porto de Lisboa, e tras recalar na Coruña, arribou ao Canal da
Mancha onde debía encontrarse e embarcar aos Terzos de Flandres para despois invadir Inglaterra. Os ataques
ingleses e os temporais obrigaron ás naves a dar a volta rodeando as illas Británicas. Nesa traxectoria moitos dos
barcos naufragaron. Dos 130 navíos que partiron regresaron 66 e dos 25.000 homes unicamente uns 10.000
puideron salvarse. Tras a derrota, os ingleses descualificárona como a armada invencible.

Valido. Secretario real ao que o soberano outorgaba a súa confianza e a dirección do goberno do reino. En
España, como noutros reinos europeos, a privanza xeneralizouse no século XVII,cando os monarcas abandonaron
o exercicio directo do goberno. Entre os validos destacaron os duques de Lerma e de Uceda no reinado de Filipe
III, o conde- duque de Olivares e Luis de Haro no de Filipe IV e Fernando de Valenzuela e o conde de Oropesa no de
CarlosI

Unión de armas. Proxecto político elaborado en 1625 polo valido de Filipe IV, o conde-duque de Olivares, no que
propoñía o reparto da carga militar e fiscal entre todos os reinos da Monarquía Hispánica que ata entón recaía
unicamente sobre Castela. O novo exército permanente estaría formado por 140.000 soldados achegados por cada
un dos reinos en función da súa poboación e riqueza. O proxecto suscitou unha forte oposición e fracasou pola
rebelión de Cataluña e Portugal.

Antigo Réxime: período que se iniciou en Europa no século XVI e que acadou a súa plenitude no século XVIII.
Caracterizouse por unha economía de base agraria, a permanencia das estruturas feudais, a sociedade estamental
e a monarquía absoluta. Estes trazos foron desaparecendo como consecuencia dos cambios introducidos pola
Revolución Francesa.

Paz de Utrecht: tratado asinado en 1713 entre as potencias europeas que puxo fin á Guerra de Sucesión
española e que foi complementado co de Rastatt de 1714. Co obxectivo de manter o equilibrio europeo, nos
tratados se recoñecía a Felipe V de Borbón como rei de España a cambio de concesións a Gran Bretaña
(Xibraltar,MenorcaeprivilexioscomerciaisconAmérica)ecesiónsterritoriaisaAustria(FlandreseNapolés).
Decretos de Nova Planta: conxunto de decretos promulgados por Felipe V, entre 1707 e 1716 que impoñían,
nos territorios da Coroa de Aragón (Aragón, Valencia, Mallorca e Cataluña), a organización políticoadministrativa
de Castela, eliminando os seus privilexios forais, debido á súa rebelión na Guerra de Sucesión e tomar partido por
Carlos de Austria. Permitiron a implantación dun modelo de estado centralista e uniforme en España agás nas
provincias vascas e Navarra.

Catastro de Ensenada: minucioso interrogatorio ou enquisa para coñecer as características demográficas,


económicas e xeográficas das poboacións da Coroa de Castela co obxectivo de establecer un sistema fiscal máis
racional e substituír a multiplicidade de rendas por unha única contribución. Foi proposto polo marqués de
Ensenada, ministro de Fernando VI, e foi elaborado entre 1750 e 1753.

Regalismo borbónico: política de control e limitación do poder da igrexa católica levada a cabo polos Borbóns
en España no século XVIII no marco da potenciación do absolutismo real. Entre outras medidas impuxeron o
padroado rexio ou dereito do rei de presentar ou nomear candidatos para ocupar sedes eclesiásticas vacantes
(recoñecido polo Concordato de 1753) e o placet ou dereito do rei de retención das bulas e provisións da Santa
Sede.

Despotismo Ilustrado: sistema político da segunda metade do século XVIII que defendía o incremento do
poder absoluto do rei para que, axudado das luces da razón, impulsase as reformas necesarias para incrementar a
riqueza do reino e a felicidade e benestar dos seus súbditos. O seu lema foi “todo para o pobo, pero sen o pobo” e
o mellor representante en España foi Carlos III.

You might also like