You are on page 1of 6

BLOQUE 4: SÉCULO XVIII

14. O CAMBIO DINÁSTICO E A GUERRA DE SUCESIÓN.


Nesta pregunta o alumnado deberá demostrar que coñece as razóns explicativas da Guerra de Sucesión e a súa cronoloxía; a configuración xeral
dos bandos enfrontados tanto a nivel internacional como dentro dos territorios peninsulares da monarquía hispánica (dimensión interna deste
conflito); a chegada da paz e as principais consecuencias políticas, territoriais e económicas da sinatura do Tratado de Utrecht.

Durante o século XVIII ocupou a Coroa española a dinastía Borbón, de orixe francesa. O primeiro monarca foi
Filipe V, coa peculiariedade de que en 1724 cedeu o trono ao seu fillo Luís I, pero a súa morte prematura fixo que
de novo recuperase o trono. A Filipe V sucedérono os seus fillos Fernando VI e Carlos III, e a este Carlos IV.
FILIPE V E O CENTRALISMO BORBÓNICO (Carlos II de Habsburgo morreu sen descendencia deixando
como herdeiro da Coroa de España a Filipe de Borbón).
Guerra de Sucesión e cambio dinástico. O sistema de Utrecht.
O novo rei Filipe V foi aceptado e recoñecido como rei polas Cortes de Castela, Aragón, Cataluña, Sicilia, Nápoles
e Milán, xurando respectar en cada territorio os seus privilexios forais.
Pero os Habsburgo de Austria non aceptaron que a Coroa de España pasase aos Borbóns e defendían o seu propio
candidato, o arquiduque Carlos de Austria. Ademais, a posibilidade da unión das Coroas de Francia e España
atemorizou os reinos europeos. Formouse unha grande alianza antiborbónica entre Austria, Inglaterra e Holanda,
á que logo se uniron Prusia, Portugal, Savoia e a maioría dos príncipes alemáns e italianos. Os seus obxectivos
eran: para uns, evitar a hexemonía borbónica e defender a candidatura ao trono de España do arquiduque Carlos
de Austria; para outros, conseguir a división das posesións españolas e obter vantaxes comerciais no seu comercio
colonial.
A guerra coñecida como Guerra de Sucesión á Coroa de España iniciouse en 1702, e foi tanto un conflito
internacional como un conflito interno. Os territorios da Coroa de Castela (incluídas as provincias vascas e o reino
de Navarra) apoiaron a Filipe V.
En cambio, os territorios da Coroa de Aragón (Cataluña, Aragón, Valencia e Baleares) apostaron polo arquiduque
Carlos de Austria, temerosos ante a política centralizadora que representaba a monarquía borbónica.
O enfrontamento estendeuse por toda Europa con vitorias e derrotas para os dous bandos. Os ingleses conquistaron
Xibraltar e o arquiduque Carlos foi recoñecido rei de España e Barcelona. A partir das batallas de Almansa a sorte
da guerra en España inclinouse a favor das tropas francoespañolas. O inicio das conversacións para lograr a paz
foi o cambio de posición das potencias europeas aliadas cando, pola morte do emperador austríaco, o arquiduque
Carlos se convertía no herdeiro do Imperio. O perigo dunha hexemonía de Austria se Carlos cinguía, ademais, a
Coroa española, era tan temido como a unión entre Francia e España.
A paz asinouse nos Tratados de Utretch (1713) e de Rastatt (1714) nos que, co obxectivo de manter o equilibrio
europeo, estableceuse (entre outras medidas):
➢ Filipe V foi recoñecido como rei de España (agás por Austria, que o recoñecerá posteriormente) con
expresa renuncia aos dereitos á Coroa de Francia.
➢ Gran Bretaña obtiña Xibraltar e Menorca, ademais dun navío de permiso para comerciar coa América
hispánica e o asento de negros (a exclusiva no abastecemento ás colonias españolas de man da obra
escrava).
➢ Carlos de Habsburgo, emperador de Austria, quedaba cos Países Baixos españois, Nápoles, Milán e
Sardeña.
A pesar de asinarse a paz internacional, a guerra continuou. En España, as tropas de Filipe V conquistaron
Barcelona, ademais de Mallorca e Eivisa, concluíndo así o conflito.
15. OS DECRETOS DE NOVA PLANTA E OS SEUS EFECTOS.
Nesta pregunta o alumnado terá que contextualizar os Decretos de Nova Planta dentro do programa reformista implantado por Filipe V de Borbón,
co obxectivo de lograr un maior grao de centralización territorial seguindo o modelo francés; referirse ao ámbito xeográfico de aplicación dos
mesmos; comentar as razóns que os xustifican e analizar os seus principais efectos a nivel político e administrativo.

Desde o inicio do seu reinado, Filipe V introduciu numerosas reformas políticas e administrativas inspiradas no
modelo político francés co obxectivo de establecer maior grao de centralización do poder político e a unificación
lexislativa e institucional.
➢ A LEI SÁLICA. As leis tradicionais dos reinos hispánicos admitían a posibilidade de que as mulleres
reinasen (Castela) ou transmitisen a Coroa aos seus fillos (Aragón; Navarra). Filipe V modificou esta
situación promulgando o Auto Acordado, un decreto coñecido como Lei Sálica, que reservaba o trono aos
herdeiros varóns, desprazando as mulleres.
➢ A REORGANIZACIÓN ADMINISTRATIVA. Filipe V modificou o sistema de goberno dos Habsburgo
tratando de incrementar o poder real e centralizalo en poucas mans con medidas como:
• Reduciu o número de Consellos, aumentando as funcións do Consello de Estado e do de Castela.
• Potenciou as Secretarías de Despacho (antecedente dos Ministerios). A concentración de poder
favoreceu a potenciación do Secretario de Estado (antecedente do primeiro ministro ou xefe de
goberno).
• Incrementou o número de poder dos capitáns xenerais.
• Creou os intendentes encargados, nas provincias, do mantemento dos exércitos e do fomento
económico do seu territorio.
• Iniciou a transformación dos antigos reinos de orixe medieval en novas provincias e capitanías.
• Diminuíu o papel das Cortes, que só se reuniron para xurar os herdeiros á Coroa.
➢ En América mantivéronse os vicerreinados. A Casa de Contratación foi trasladada de Sevilla a Cádiz.
Creáronse compañías comerciais privilexiadas autorizadas a comerciar nunha determinada zona.
➢ A abolición dos privilexios forais dos reinos da Coroa de Aragón. Considerados rebeldes, os reinos da
Coroa de Aragón perderon a súa autonomía política e institucional. Filipe V, apoiado na forza militar das
súas tropas e a medida que ía recuperando territorios, aboliu os privilexios de Aragón e Valencia, Mallorca
e Cataluña, impoñendo as leis de Castela.
Así mesmo, as súas institucións políticas particulares foron suprimidas e substituídas. Os seus reinos foron
transformados -decretos de Nova Planta- en provincias gobernadas en nome do rei por un capitán xeral.
As aduanas interiores foron suprimidas e os seus tribunais xudiciais foron modificados mediante a creación
de Audiencias en Zaragoza, Valencia, Mallorca e Barcelona a imitación das de Castela. O castelán
substituíu ao catalán como lingua na Administración.
Todas estas medidas uniformizadoras permiten falar da existencia dun centralismo borbónico, aínda que
subsistiron numerosos particularismos políticos e xurisdicionais: Navarra e as provincias vascas
mantiveron os seus privilexios forais e os seus réximes especiais (provincias exentas); moitas terras e
homes seguiron baixo a autoridade e a xurisdición de señores particulares e a complexidade e
irracionalidade administrativa seguiu sendo moi forte (con intendencias, provincias e concellos de todos os
tamaños e tipoloxías).

16. O REFORMISMO BORBÓNICO EN GALICIA.


Nesta pregunta o alumnado deberá explicar, de forma xenérica, que se entende por reformismo borbónico, así como relacionar as iniciativas
desenvolvidas polos gobernos dos Borbóns en Galicia no s. XVIII co seu papel xeo-estratéxico. Deberá comentar tamén algunhas delas: os
obxectivos e funcionamento da matrícula de mar, o proceso de construción do arsenal de Ferrol e as súas importantes repercusións a nivel militar,
económico e urbanístico e, finalmente, as consecuencias da apertura do comercio colonial na cidade da Coruña.

(IES San Rosendo).

Tras a Guerra de Sucesión Filipe V e os seus sucesores víronse na obriga de modernizar o exército e a armada para
reforzar a posición de España no contexto internacional. No relativo á mariña, a armada española era fundamental
na defensa das rutas comerciais con América. Seguindo os principios do absolutismo centralista da nova filosofía
de goberno, Felipe V unificou as distintas escuadras nunha única armada real e estableceuse a recruta obrigatoria
de mariñeiros por medio da matrícula de mar (1737). Para unha mellor administración José Patiño, ministro de
Filipe V, dividiu a costa española en tres Departamentos Marítimos en 1726: Cádiz, Ferrol e Cartaxena. En cada
unha desas cidades estableceuse un arsenal, seguindo o modelo francés de instalacións combinadas de estaleiros e
almacéns de armas, que fomentaron a construción naval e o incremento de buques de guerra. Estas políticas terán
continuidade no reinado de Fernando VI que intentará reforzar a posición internacional de España e prestará
atención prioritaria ó desenvolvemento e modernización da armada a mans do marqués da Ensenada.
As reformas na mariña tiveron importantes repercusións en Galicia. Dunha parte, a matrícula de mar tivo un grande
impacto nos núcleos pesqueiros do país causando malestar polo seu carácter forzoso. Doutra, a escolla de Ferrol
como capital do Departamento Marítimo do Norte e unha das bases das Armadas Reais en 1726 fixo que unha
pequena poboación mariñeira se transformase nunha cidade, coa conseguinte transformación social e urbanística
(no barrio da Magdalena seguiuse un trazado urbanístico en forma de dameiro moi do gusto dos arquitectos
ilustrados). A partir de 1746, co marqués da Ensenada, ministro de Fernando VI, iniciouse a construcción dos
estaleiros e do arsenal que converteron a Ferrol na principal cidade de Galicia que chegou a contar, a finais de
século, con 25.000 habitantes. O impacto desta elección non se restrinxe á cidade departamental, senón que grazas
a Ferrol, Galicia, cunha economía esencialmente agraria, contou co seu primeiro núcleo industrial polo
desenvolvemento da construcción naval no arsenal.
Na segunda metade d s. XVIII os gobernos de Carlos III intentaron desenvolver políticas reformistas inspiradas
nos principios ilustrados sen renunciar ao absolutismo político. Entre as medidas reformistas, que buscaban o
desenvolvemento económico, destaca a política de liberalización do comercio con América que suprimiu o
monopolio deste comercio que detentaba Cádiz. En 1765 permitiuse comerciar directamente con América a varios
portos españois, entre eles o da Coruña. Ademáis, no ano anterior (1764), o goberno de Carlos III establecera na
Coruña o Servizo de Correos Marítimos. Esta era unha compañía estatal de buques encargada de levar a
correspondencia oficial e privada cara ao porto da Habana e (desde 1767) a Bos Aires, que tamén podían transportar
persoas e mercadorías. Ambas concesións contribuiron a favorecer o crecemento comercial da Coruña e a
renovación urbanística e portuaria da cidade.
A existencia dos Correos Marítimos, o privilexio de poder comerciar con América, o funcionamento do Arsenal
da Mariña, xunto coa existencia de importantes materias primas (como o liño e a sardiña) permitiron, ao longo do
século XVIII o incremento das actividades mercantís en Galicia, principalmente nos seus portos e, en especial na
Coruña. Así mesmo, atraídos por esas vantaxes, produciuse o asentamento de numerosos comerciantes foráneos,
principalmente vascos, asturianos, maragatos e cataláns. Eles convertéronse nos principais dinamizadores do
sector, creando numerosos negocios e introducindo importantes innovacións. Cabe destacar o caso de:
• Os fomentadores cataláns, comerciantes que dinamizaron o sector pesqueiro introducindo novas técnicas
de pesca (xávega) e de conservación (salga), así como o traballo asalariado e a comercialización a grande
escala.
• O proxecto de Antonio Raimundo Ibáñez, que puxo en marcha as Reais Fábricas de Sargadelos,
inicialmente un complexo siderometalúrxico para abastecer ao exército e logo unha industria cerámica.
(Libro).

Na Galicia do século XVIII conviviron trazos do pasado con importantes novidades na economía e na sociedade.
AS REALIZACIÓNS DOS BORBÓNS EN GALICIA.
No século XVIII, o Reino de Galicia mantivo a súa importancia estratéxica como baluarte marítimo avanzado na
defensa do imperio colonial americano, fronte ao paso das armadas inimigas, fundamentalmente inglesas. Entre as
súas principais realizacións destacan:
➢ A INTENDENCIA DO REINO DE GALICIA. O intendente tiña amplas funcións en temas relacionados
co exército (recrutamento de soldados, aloxamento e abastecemento das tropas, fortificación das cidades),
facenda, xusticia e policía. A súa sede foi establecida na Coruña e converteuse na principal institución
potenciadora do desenvolvemento económico de Galicia.
➢ O ARSENAL DE FERROL E AS FORTIFICACIÓNS COSTEIRAS. Galicia, pola súa situación
xeoestratéxica, converteuse para os Borbóns no lugar onde recibir ou rexeitar os ataques das frotas
estranxeiras -especialmente as inglesas- que se dirixían a saquear as cidades costeiras españolas ou a
capturar os barcos cargados de mercadorías procedentes de América. Ante esta situación, a meirande parte
da costa galega foi reforzada con numerosas baterías e castelos. José Patiño, ministro de Filipe V, decidiu
establecer en Ferrol a sede do Departamento Marítimo do Norte e unha das bases das Armadas reais. Co
marqués de Ensenada, ministro de Fernando VI, iniciouse a construción dos estaleiros e do arsenal que
converteron a Ferrol na principal cidade de Galicia.
A chegada masiva de poboación obrigou a engadir ao núcleo orixinario, o Ferrol vello, os novos barrios de
Esteiro, para acoller aos traballadores, e o da Magdalena, ocupado principalmente polos oficiais da
Armada; no seu deseño seguíronse trazados urbanísticos a base de cuadrículas (plano hipodámico) moi do
gusto dos arquitectos ilustrados.
➢ OS CORREOS MARÍTIMOS E O COMERCIO CON AMÉRICA. O goberno de Carlos III estableceu na
Coruña o Servizo de Correos Marítimos, unha compañía estatal de buques encargada de levar a
correspondencia ao porto da Habana e a Bos Aires. O porto da Coruña foi autorizado para comerciar
directamente con América.

FIDALGOS E COMERCIANTES.
A sociedade galega do século XVIII caracterizouse polo mantemento dos seus grupos tradicionais e polo
predominio da agricultura como base do desenvolvemento económico. Nese século, fidalgos e comerciantes
consolidaron a súa relevancia social.
➢ Os FIDALGOS. Ante o absentismo da alta nobreza, os fidalgos convertéronse no grupo dominante na
Galicia do século XVIII; controlaban o poder municipal (rexedores) e xudicial, e tiñan unha importante
participación nas institucións de goberno (Andalucía), eclesiásticas e militares existentes en Galicia. A
principal fonte de riqueza proviña das súas actuacións como intermediarios no cobro de rendas dos foros
entre os propietarios e os labregos que traballaban as terras como foreiros.
Durante o Antigo Réxime, os fidalgos tomaron en foro numerosas parcelas dos bispos, mosteiros e nobres,
terras que despois subaforaban aos campesiños aumentándolles a renda.
As presións desta fidalguía conseguiron que o Consello de Castela anulase a renovación das rendas de
modo que os foros, na práctica, se converteron en contratos perpetuos. Esta medida consolidou o papel
dominante da fidalguía, pero permitiu aos campesiños que cultivaban terras aforadas (entre o 75% e o 90%)
do total) ter certos dereitos sobre elas.
➢ Os COMERCIANTES. A existencia dos Correos Marítimos, o privilexio de poder comerciar con América,
o funcionamento do Arsenal da Mariña, xunto coa existencia de importantes materias primas (como o liño
e a sardiña) permitiron, ao longo do século XVIII, o incremento das actividades mercantís en Galicia,
principalmente nos seus portos e, en especial, na Coruña.
• Antonio Raimundo Ibáñez puxo en marcha as Reais Fábricas de Sargadelos. Foron un complexo
siderometalúrxico para a fundición de ferro e a fabricación de potes e armamento para o exército;
despois, dedicouse á fabricación de louza.
• Os fomentadores cataláns, foron comerciantes que se asentaron, a partir de 1760, nas rías galegas
coa finalidade de participar no negocio da venda da sardiña cara ao Mediterráneo. Introduciron
novas técnicas na pesca e na salgadura. Estas técnicas incrementaban os beneficios e os
fomentadores cataláns fixéronse co control desta actividade, provocando tanto as críticas dos
ilustrados galegos como diversas revoltas dos mariñeiros.

17. AS IDEAS FUNDAMENTAIS DO PENSAMENTO ILUSTRADO.


Nesta pregunta o alumnado terá que sinalar as principais ideas defendidas pola Ilustración, facendo especial fincapé no uso da razón fronte á
tradición e na importancia da educación como mecanismo para acceder ao progreso; comentar a crítica que esta corrente de pensamento realiza á
Igrexa e aos seus privilexios, ao absolutismo monárquico e á orde social establecida. Finalmente, deberá facer algunha referencia concreta á
Ilustración en España no que atinxe a un ou a varios dos seguintes aspectos: características propias da Ilustración española, principais autores,
medios de difusión, o despotismo ilustrado de Carlos III, o seu impacto real…

A Ilustración foi o movemento intelectual máis característico da Europa do século XVIII. Partindo da crítica ao
pensamento tradicional e a sociedade do seu tempo, a Ilustración defendeu o coñecemento baseado na razón para
loitar contra a superstición e a ignorancia, así como fomentar as ciencias experimentais que, xunto co
desenvolvemento económico e as reformas sociais e políticas, levarían ao progreso e o benestar.
Na procura dos seus obxectivos, os ilustrados españois propuxeron proxectos de reforma que buscaban solucionar
os problemas que identificaban na España do século XVIII: a ignorancia, o atraso económico, a debilidade da
agricultura, os privilexios estamentais ou as formas de goberno, foron asuntos de reflexión da Ilustración española.
Consideraban que todas as persoas buscan a felicidade e que iso debe ser a a base dunha organización social
racional. Deste xeito, débese respectar a liberdade individual e a igualdade de dereitos e obrigacións de cada persoa.
Estas ideas cuestionan os fundamentos da sociedade estamental, baseada na desigualdade e os privilexios.
A defensa da liberdade tamén marcou o pensamento económico e político (os pensadores da ilustración radical
francesa chegaron a cuestionar os principios que sostiñan o sistema político absolutista . Este é o caso da división
de poderes defendida por Montesquieu e o principio da soberanía nacional establecida por Rousseau no seu
Contrato Social). Influídos pola fisiocracia e o liberalismo económico apostaron por liberalizacións para fomentar
o desenvolvemento. Así foron partidarios da liberdade de comercio e opuxéronse ao réxime señorial que convertía
en propiedades invendibles (amortizadas) as que pertencían á Igrexa ou a morgados nobiliarios. A nivel político,
as ideas da Ilustración francesa como a separación de poderes influíron nos pensadores españois pero a maioría
optou por colaborar coa monarquía e así impulsar as reformas dende o goberno.
Para os ilustrados o papel do ensino era fundamental para a mellora cultural do país e o seu progreso. Deste modo
propuxeron un ensino básico obrigatorio que permitira superar a ignorancia e as supersticións que tanto criticaron
autores como Feijoo, defensores dun cristianismo racional e crítico.
Ao longo do século XVIII estes principios ilustrados inspiraron proxectos reformistas que, con impacto limitado
dado que o movemento foi feble en comparanza con outros países europeos, renovaron a cultura e a economía
española:
➢ Na primeira metade do s. XVIII destaca o labor intelectual crítico co pensamento tradicionalistade algúns
ilustrados como o padre Feijoo e Mayans.
➢ Na segunda metade do século o reinado de Carlos III (1759-1788) é o exemplo do despotismo
ilustrado en España. Esta forma de goberno intentaba desenvolver políticas reformistas inspiradas nos
principios ilustrados sen renunciar ao absolutismo político. Carlos III, que tivera contacto coa Ilustración
en Nápoles, rodeouse de políticos ilustrados como o conde de Aranda, o conde de Floridablanca,
Campomanes, Jovellanos ou Olavide para impulsar os seus plans de modernización. Campomanes,
ministro de Facenda, criticou as propiedades rurais amortizadas en mans da Igrexa e patrocinou as
Sociedades Económicas de Amigos do País. Tamén destaca Olavide, intendente de Andalucía, que
planificou as colonizacións de Serra Morena e cuxas opinións críticas coas supersticións relixiosas,
fixeron que fose condenado pola Inquisición.
O temor provocado na Coroa pola Revolución Francesa motivará a paralización da axenda reformista e o abandono
da Corte algúns colaboradores ilustrados como Campomanes e Jovellanos. Con todo, da Ilustración nacerá o foco
de pensamento liberal español que será protagonista a partir de 1808 e apostará pola ruptura co Antigo Réxime.
TERMOS A DEFINIR B4.
ANTIGO RÉXIME: período que se iniciou en Europa no s.XVI e que acadou a súa plenitude no s.XVIII.
Caracterizouse por unha economía de base agraria, a permanencia das estruturas feudais, a sociedade estamental e
a monarquía absoluta. Estes trazos foron desaparecendo como consecuencia dos cambios introducidos pola
Revolución Francesa.
CATASTRO DE ENSENADA: enquisa para coñecer as características demográficas, económicas e xeográficas
das poboacións da Coroa de Castela, co obxectivo de establecer un sistema fiscal máis racional e substituír a
multiplicidade de rendas por unha única contribución. Foi proposto polo Marqués de Ensenada.
DECRETOS DE NOVA PLANTA: conxunto de decretos promulgados por Filipe V que impoñían nos territorios
da Coroa de Aragón a organización político-administrativa de Castela, eliminando os seus privilexios forais.
Permitiron a implantación dun modelo de estado centralista e uniforme en España, agás nas provincias vascas e
Navarra.
DESPOTISMO ILUSTRADO: sistema político da segunda metade do século XVIII que defendía o incremento
do poder absoluto do rei para que, axudado das luces da razón, impulsase as reformas necesarias para incrementar
a riqueza do reino e a felicidade e benestar dos seus súbditos. O seu lema foi “todo para o pobo pero sen o pobo”
e o mellor representante en España foi Carlos III.
MOTÍN DE ESQUILACHE: revolta popular acontecida en 1766 en Madrid provocada polo Decreto de
Esquilache, ministro de Carlos III, que prohibía o uso das capas longas e sombreiros de aba ancha. A súa orixe está
no descontento social pola carestía do pan, a oposición dos privilexiados ás reformas do rei e a xenofobia ante a
abundancia de ministros italianos.
PAZ DE UTRETCH: tratado asinado en 1713 entre as potencias europeas que puxo fin á Guerra de Sucesión
española e que foi complementado co de Rastatt en 1714. Os tratados recoñecían a Filipe V de Borbón como rei
de España a cambio de concesións a Gran Bretaña (Xibraltar, Menorca) e privilexios comerciais con América, así
coma cesións territoriais a Austria (Flandes e Nápoles).
REGALISMO BORBÓNICO: política de control e limitación do poder da Igrexa Católica levada a cabo polos
Borbóns en España no s. XVIII. Entre outras medidas, impúxose o dereito do rei a presentar ou nomear candidatos
para ocupar sedes eclesiásticas vacantes.

You might also like