You are on page 1of 8

Bloque 1: S.XVI-XVII.

OS REIS CATÓLICOS E A MONARQUÍA HISPÁNICA


Pregunta ABAU Nº 1.
A NOVA MONARQUÍA DOS REIS CATÓLICOS (unión dinástica, reorganización político-
administrativa)
Sabela e Fernando, ambos da dinastía de Trastámara, casaron en 1469 sendo os príncipes herdeiros
de Castela e Aragón respectivamente. Sabela coverteuse en raíña de Castela en 1474 (trala súa vitoria
na Guerra de Sucesión contra Juana a Beltraneja) e Fernando en rei de Aragón en 1479, pero a súa
unión matrimonial non significou a unión das dúas Coroas senón que foi unicamente unha unión
dinástica baseada nun vínculo persoal. O temor de Sabela a que Fernando pretendese (por ser varón)
ser declarado o único herdeiro lexítimo dos dous reinos, levounos a pactar a chamada Concordia de
Segovia pola que ambos os dous conservarían o seu poder en cada territorio e actuarían como
correxentes (co lema: tanto monta o rei como a raíña), establecendo tamén un único escudo (as
frechas de Sabela e o xugo de Fernando). As Coroas, polo tanto, non se fusionaron e cada unha
conservou as súas leis e institucións propias e diferenciadas, manténdose tamén as fronteiras e as
aduanas entre elas. O seu matrimonio é coñecido como o dos Reis Católicos debido ao título
honorífico concedido polo Papa en 1496 pola defensa que fixeron do catolicismo.
O seu reinado marcou o tránsito entre a Idade Media e a Moderna, logrouse a unidade territorial de
España (conquista de Granada en 1492, fin da conquista de Canarias, a anexión de Navarra) e
sentáronse as bases da construción dun Estado moderno e da hexemonía española en Europa (que
consolidarán Carlos I e Felipe II).
Os RRCC introduciron reformas políticas e administrativas orientadas a fortalecer o seu poder
fronte ao da nobreza, do clero e ante os concellos. Apoiándose nas cidades, os reis conseguiron que os
nobre perderon parte do seu poder feudal e moitos deles abandonaron os seus castelos e convertéronse
en funcionarios reais, ocupando cargos no exército ou na administración. Entre estas reformas
destacan:
- O reforzamento dos Consellos, formados por letrados e nos que tiñan maior peso a burguesia,
quedando relegada a nobreza a un papel secundario. Destaca o Consello Real (despois chamado
Consello de Castela) que se converteu no principal órgano asesor e de goberno dos reis. Ademais,
crearon outros consellos como o Consello da Inquisición,o Consello das Ordes Militares, o Consello de
Aragón ou o Consello de Facenda.
- Para reducir a autonomia dos concellos impuxeron a figura dos corrixidores, que actuaban como
representantes dos reis e supervisaban a actuación municipal.
- Extensión da figura do vicerrei nos territorios fóra de Castela, como na Coroa de Aragón e Navarra
que tiñan organismos e leis específicas;
- Para refomar e centralizar a xustiza en Castela creáronse novas Chancelerías e Audiencias, tribunais
permanentes que exercían a súa xurisdición sobre un territorio delimitado.
-Tamén se incrementou a burocracia con embaixadores permanentes, e a formación dun exército tamén
permanente baseado nos terzos que se crearon e empregaron no dominio de Italia (terzos vellos).
- As Cortes mantiveron as súas funcións básicas (aprobación de leis, a proposta dos reis; e recadación
de impostos), pero os Reis Católicos apenas as convocaron.
En canto á política relixiosa os Reis Católicos:
- controlaron aos eclesiásticos intervindo no nomeamento de bispos e abades, reformado a vida dos
mosteiros e apropiándose de parte das súas rendas;
- e fixeron uso do Tribunal da Inquisición para perseguir herexías e conseguir a unidade relixiosa,
acadada en 1492 trala conquista do Reino Nazarí de Granada (último reino musulmán) e trala
expulsión dos xudeos e musulmáns. Ese mesmo ano iníciase a cuestión dos cristiáns vellos e novos e
dos conversos (xudeos e musulmáns que se converteron ao catolicismo para permanecer en Castela e Aragón,
dando lugar a conversos e mouriscos repectivamente,pero que conservaban en segredo a súa relixión,costumes).
Finalmente, en política exterior, os Reis Católicos puxeron en marcha unha política matrimonial
para establecer alianzas cos principais Estados europeos co obxectivo de illar a Francia, o seu principal
inimigo. Como resultado desta política, ocuparán o trono nos séculos XVI e XVII os descendentes ea
Xoana (filla dos RRCC), e Filipe de Habsburgo (fillo do emperador do Sacro Imperio Romano
Xermánico) dando lugar á dinastia dos Habsburgo ou Austrias (Carlos I, Filipe II, Filipe III, Filipe IV
e Carlos II).

1
Pregunta ABAU Nº 2.
A CONFIGURACIÓN DO IMPERIO ESPAÑOL NO SÉCULO XVI (a herdanza de Carlos I, os
cambios en tempos de Felipe II: rebelión en Flandres, incorporación de Portugal, guerra contra Inglaterra)

A Monarquía hispánica ten súa orixe na herdanza que recibiu Carlos I de seus pais e avós
paternos/maternos, e a súa configuración definitiva producirase co seu fillo Filipe II.
Carlos de Habsburgo, neto dos RRCC e nado en Gante, herda o trono da Monarquía hispánica en
1516, á idade de 16 anos, debido a declaración de incapacidade da súa nai Xoana a Tola, completando
así a unión dinástica iniciada polos seus avós maternos. Entre 1515-19 herdou numerosos territorios
espallados por Europa e América, pertencentes a tres dinastias (Trastámara, Austria e Borgoña):
- da súa nai (Xoana a Tola, filla dos Reis Católicos) herdou a coroa de Castela e as súas posesións
(Canarias, prazas africanas, América) e de seu avó materno (Fernando de Aragón) a Coroa de Aragón
e as súas posesións (Sicília, Sardeña e Nápoles).
- do seu pai (Filipe o Fermoso, fillo de María de Borgoña e Maximiliano de Austria) herdou os
territorios da Casa de Borgoña, Flandres e o Franco Condado, e os dereitos ao Sacro Imperio
Xermánico da casa de Austria, sendo elixido emperador en 1519 co que pasou a considerarse como a
cabeza da Universitas Christiana.
A carreira imperial e a obsesión pola hexemonía levaralle a enfrontarse a Francia, aos protestantes
alemáns, ao Papa e o Imperio Otomano, supoñendo un enorme dispendio para as arcas castelás, xa que
o monarca, ademáis de solicitar préstamos a banqueiros xenoveses e alemáns, esixirá o pago de
innumerables tributos que recaerán fundamentalmente sobre a Coroa de Castela, sendo este o motivo
principal da revolta dos comuneiros castelás e o que é máis grave, derivarán nunha crise económica de
gran repercusión, que levará a declaración de bancarrota da facenda real no ano 1556.
Entre 1555-56, Carlos I abdicou deixando ao seu fillo Filipe II a maior parte dos seus reinos, agás
os territorios austríacos (o Sacro Imperio), que os deixará a seu irmán Fernando. Durante o seu reinado
a herdanza recibida foi aumentada e sufriu modificacións, sostendo numerosas guerras para manter a
hexemonía en Europa e esa obsesión por presentarse como líder da cristiandade católica. Así,
combaterá aos protestantes das Provincias Unidas de Flandres, aos turco (batalla de Lepanto), á
monarquia francesa (batalla de san Quintín), e á monarquia anglicana inglesa de Sabela I (adalid da
loita anti-hispánica).
• En canto á rebelión en Flandres, foi á vez unha revolta nacionalista fronte á política centralista do
rei, e tamén un conflito relixioso entre protestantismo e catolicismo. Flandres era unha das dezasete
provincias que conformaban os Países Baixos. No século XVI a doutrina protestante espallouse por
todos eles. A intolerancia católica do rei Filipe II provocou numerosas revoltas e motíns ata que,
finalmente, en 1579, as provincias do norte, co apoio inglés, lograron liberarse do dominio español e
manter o protestantismo formando as Provincias Unidas (Unión de Utrecht, ainda que España non
recoñecerá a independencia destes territorios ata 1648 con Filipe IV, coa Paz de Westfalia). Pola
contra, nas provincias do sur, o protestantismo foi erradicado e mantívose o catolicismo baixo a
soberanía de Filipe II (Unión de Arras).
• Incorporación de Portugal. En 1580 morreu sen descendentes directos o rei de Portugal e Filipe
II reclamou o trono por ser fillo dunha infanta portuguesa (Isabel de Portugal). Empregando a
diplomacia e o exército, conseguiu que en 1581 as Cortes portuguesas o recoñecesen como rei,
xurando este manter as súas liberdades e institucións propias. A integración de Portugal significou a
unidade peninsular e tamén a incorporación do seu enorme imperio con posesións en África, Asia e
América, e para administralo creouse o Consello de Portugal; naqueles momentos podíase dicir que
nos dominios de Filipe II non se poñía o sol.
• Guerra contra Inglaterra. Motivos relixiosos (cisma anglicano), políticos (apoio aos rebeldes
protestantes dos Países Baixos, execución da raíña de Escocia, a católica María Estuardo) e
económicos (ataques dos ingleses ás colonias e frotas americanas) decidiron a Filipe II a organizar a
invasión e conquista de Inglaterra. Para logralo formou en 1588 a Gran Armada (chamada
ironicamente polos ingleses a Armada Invencible) que debía ir ata os Países Baixos para embarcar alí
os terzos españois e invadir Inglaterra, pero a operación foi un fracaso. Como represalia, os ingleses
enviaron unha flota capitaneada por Drake en 1589 que atacou A Coruña, Lisboa e as Azores. O
enfrontamento manteríase constante ata a morte de Filipe II.

2
Pregunta ABAU Nº 3.
A CRISE DO SÉCULO XVII: aspectos socioeconómicos e políticos (crise demográfica e económica, as
reformas de Olivares, e a crise da monarquia)
Fronte á expansión económica do século XVI, o século XVII foi de crise e dificultades para a Monarquía
hispánica dos Austrias, o que provocou a perda da súa hexemonía política en Europa e profundas crises internas,
como as rebelións de Cataluña e Portugal. Este período de crise afectou especialmente á coroa de Castela
(principal sostén da Monarquía en homes e recursos), e abarca desde 1580 hasta 1680 (ano no que comeza a
recuperación, sobre todo na periferia, destacando Cataluña). A crise do s.XVII tivo como principais elementos:
A crise demográfica. As malas colleitas e as crises de subsistencia (fames), as epidemias, pestes, e as
frecuentes guerras (contra Francia, Países Baixos, Inglaterra, príncipes alemáns, a Guerra dos 30 Anos,
entre 1618 e 1648) provocaron que a poboación dos territorios da Monarquía hispánica sufrise
estancamento ou regresión. En España, a poboación baixou 1 millón de habitantes nun século (de 8 millóns
en 1600 a 7 millóns en 1700), sendo a Coroa de Castela a máis afectada debido, ademais, pola emigración a
América, e as sucesivas “levas” de homes para o exército. A expulsión dos mouriscos en 1609 tamén
contribuíu ao descenso demográfico, sobre todo na Coroa de Aragón.
A crise económica afectou a todos os sectores (agricultura, gandería, artesania, comercio) e tamén á
Facenda que estaba xa debilitada polo gasto suntuario da Corte, a política imperial de Carlos I e as
campañas bélicas deste e do seu fillo Felipe II no exterior, obsesionados por aparecer coma os líderes
universais da cristiandade (recordemos que en 1556 xa se declarara a bancarrota). Por outro lado, a chegada
masiva de metal precioso de América (ouro e sobre todo prata) ten como consecuencia un aumento
exponencial da moeda circulante, o que incide na brusca subida da inflación, acentuada polas medidas
moetarias adoptadas polos Austrias menores, como a emisión de moeda de vellón (de baixa calidade, case
sen plata). Todo isto provocou unha importante crise moetaria e financeira, sucedéndose numerosas
bancarrotas que aumentaron o descrédito do Estado. Asemade o clero e a nobreza manteñen a súa
mentalidade rendista e non invirten as súas ganancias en sectores innovadores como o comercio ou a
industria, e a burguesía non foi o suficientemente numerosa nin forte e tendía a imitar os modelos
rendistas dos estamentos privilexiados.
O s.XVII foi tamén un período de crise da monarquía no que os reis (Felipe III, Felipe IV e Carlos II, os
chamados Austrias menores) deixaron as tarefas de goberno en mans dos seus validos. Destaca o Conde-duque
de Olivares, valido de Felipe IV, que intenta facer reformas para mellorar a situación da Monarquía hispánica,
centralizando e fortalecendo o poder real. Con este obxectivo, Olivares elabora un informe confidencial (o Gran
Memorial) que presenta ao rei en 1624 no que mostra os males que aqueixaban a unha Monarquía Hispánica en
crise, e proponía solucións para acadar principalmente tres obxectivos:
-recortar a autonomía dos diferentes poderes locais e debilitar o poder político e social da nobreza e Igrexa;
-mellorar a economía incentivando a producción propia levando a cabo unha política mercantilista
(intervencionista e proteccionista) co fin de activar o comercio interior e exterior,
-eliminar os privilexios forais dos distintos reinos impoñendo en todos eles as leis de Castela, as máis
favorables para o poder real.
A primeira plasmación concreta desta nova política sería o proxecto de Unión de Armas, elaborado en 1625,
que establecía un reparto da carga militar e fiscal entre os diferentes reinos, proporcional á cantidade de
poboación e á riqueza de cada un deles (ata entón estas cargas só recaían en Castela) para facer fronte ás
continuas guerras (como a Guerra dos Trinta anos, 1818-1648) e manter a hexemonía hispánica en Europa.
Pero estas medidas xeraron protestas e revoltas nos territorios non casteláns, destacando as de Portugal e
Cataluña en 1640. Portugal (recordemos que pertencía á Monarquía Hispánica desde 1580, con Felipe II),
axudado por Francia e Inglaterra, proclama a súa independencia o 1 de decembro dese ano, 1640 (actualmente o
1/12 é a festa nacional portuguesa). En Cataluña a rebelión estala debido á obriga que tiña este territorio de dar
aloxamento e manutención aos soldados españois, en plena guerra con Francia no Rosellón, ademais de aportar
6000 soldados. As revoltas sucedéronse por toda Cataluña e para reprimilas Olivares enviou ao exército. Tal era
o descontento, que incluso a Generalitat pediu axuda a Francia e proclamou ao rei francés Conde de Barcelona;
durante 10 anos, Cataluña quedou baixo soberanía francesa.
A Guerra dos Trinta anos e os seus enormes gastos foron moi perxudiciais para a Monarquía
agrandando os problemas da facenda real (bancarrota en 1627) e marcaron ocaso da hexemonía hispana en
Europa coa Paz de Westfalia en 1648. Cabe sinalar un intento da nobreza andaluza para rebelarse por
parte de Medina Sidonia, pero fracasou.
Finalmente, Olivares perde a confianza do rei i é afastado do poder en 1643. Pódese pensar que as
medidas impostas polo Conde-duque non fructificaron, aínda que no século seguinte, os primeiros Borbóns
recuperarán en parte a senda reformista e uniformizadora de Olivares.
3
Pregunta ABAU Nº 4.
ECONOMÍA E SOCIEDADE NA GALICIA DOS AUSTRIAS (a agricultura e as súas
transformacións, a importancia da pesca na Galicia litoral, a estrutura social: sociedade rendista e peso da
fidalguía)

A Galicia dos séculos XVI-XVII, ao igual que pasaba no resto de territorios da Monarquía
hispánica, presenta as características básicas do sistema feudal: sociedade estamental e rural, economía
de base agraria, e poboación nova, cunha esperanza de vida curta, ao redor dos 40 anos.
Máis do 80% da poboación galega é analfabeta (as mulleres na súa práctica totalidade) e vive e
traballa no campo, practicando unha economía agraria de subsistencia, que utiliza instrumentos
rudimentarios e con ausencia de fertilizantes e innovacións salientables, que só lles permite ter unha
dieta pobre, con pouco consumo de carne. Estes condicionantes explican que dificilmente se xere un
excedente unha vez os campesiños teñen que facer fronte á gran cantidade de impostos sobre o
producido (décimo eclesiástico) e ó pago das rendas forais. Estes pagos soíanse facer en especie.
Debido a esta insuficiencia produtiva optaron por realizar outras tarefas complementarias ás agrarias
na propia casa, coma o fiado de liño, ou decidiron emigrar a Castela, Portugal ou mesmo a América
por un tempo curto ou definitivo.
Esta situación cambia a partir de mediados do s.XVII grazas a que se foi estendendo o cultivo do
millo e da pataca, produtos procedentes de América que permitiron aumentar a produción e as terras de
labor (xa que diminuiu o barbeito), o que propiciou un crecemento que mitiga a crise demográfica do
século XVII que afecta á toda a península e que contrasta co panorama negativo no resto de Europa
nesta época.
Na Galicia costeira, a exigua produción dos minifundios vese aliviada polo traballo no mar, que
en todo caso tampouco permite superar o nivel de subsistencia para a meirande parte dos mariñeiros,
debido a problemas análogos aos da agricultura (de feito, as innovacións relevantes a nivel técnico e
organizativo no terreo da pesca chega cos emprendedores cataláns no S XVIII, ca introdución da arte
do arrastre e as fábricas conserveiras). A pesca litoral complementaba a dieta alimenticia das
poboacións costeiras e a de altura potenciaba a economía grazas ás campañas da pesca do bacallau en
Terranova, que permitía a súa venda nos mercados de Castela. Importante tamén foi a salgadura de
peixe, especialmente da sardiña, en numerosas instalacións distribuídas ao longo de toda a costa
galega. Portos coma os de Pontevedra, Baiona, Vigo, Coruña… comerciaban con cidades costeiras
españolas (Sevilla, Bilbao) e europeas coma Lisboa, Porto, Amberes… exportando viños, sardiñas,
polbos, pescadas, castañas, cítricos… ou importando cereais, aceite ou sal.
En canto á a sociedade galega trátase dunha sociedade estamental, moi xerarquizada e con
escasas oportunidades de ascenso social, desigual ante a lei e liderada por sectores privilexiados
rendistas que son a nobreza e o clero organizados en señoríos territoriais e xurisdicionais sobre os seus
feudos e que viven fundamentalmente das rendas que cobraban aos campesiños que traballaban as súas
terras.
A alta nobreza, xa desde o reinado dos Reis Católicos, foi pouco a pouco perdendo o seu poder
político, e mesmo económico, ao vivir fóra de Galicia e/ou residir na Corte, desempeñando varios dos
seus membros cargos importantes no exército ou na administración (vicerreis, embaixadores).
Membros destacados desta nobreza foron, por exemplo, Fernando de Andrade, conde de Vilalba
(participante na conquista de Nápoles); ou Pedro Fernández de Castro, VII conde de Lemos (vicerrei
de Nápoles e presidente dos Consellos de Indias e Italia; autor de El búho gallego, sátira en defensa do
voto de Galicia nas Cortes). O absentismo da alta nobreza, unido a que para moitos grandes señores
todo traballo manual era indigno da súa condición de nobre, permitiu o auxe da fidalguía, unha sorte
de baixa nobreza que aparece durante o século XVI como intermediaria no cobro de rendas entre os
grandes señores e os campesinos e que, pouco a pouco, irán aumentando o seu patrimonio e
importancia social, converténdose no grupo dominante na Galicia do século XVII. O seu poder ponse
de manifesto na construción dos pazos.

4
Bloque 4: S. XVIII A MONARQUÍA BORBÓNICA NO ANTIGO RÉXIME

Pregunta ABAU Nº 6.
O CAMBIO DINÁSTICO E A GUERRA DE SUCESIÓN (causas da guerra, bandos en conflito, a paz
de Utrecht)

A morte de Carlos II de Habsburgo (1700) sen descendecia debido a súa enfermidade provocou o
inicio dun conflito internacional coñecido como Guerra de Sucesión (1701-1714) que traería como
consecuencia o inicio da Dinastía de Borbón e o fin de dous séculos de reinado da casa de Austria
(Habsburgo).
Tralo Tratado dos Pirineos trala Guerra dos trinta anos Luis XIV rei de Francia conseguiría que o
seu futuro neto Filipe de Anjou obtivera dereitos sucesorios á coroa española. Dereitos que tamén
posuía o arquiduque Carlos de Habsburgo (fillo do emperador Leopoldo I). Carlos II nomeou como
herdeiro a Xosé Fernando de Baviera (vía intermedia entre os Austrias e os Borbóns), pero este morreu
en 1699; no seu segundo testamento nomea a Filipe de Anjou sucesor pero a nivel internacional o
medo á consolidación da hexemonía francesa en Europa pola posible unión das coroas francesa e
española levou á formación dun bloque antiborbónico dirixido por Austria, Inglaterra, Paises Baixos
e a maioría dos estados alemáns que loitaba polos dereito da casa de Habsburgo, iniciandose así un
conflito internacional que pronto se convertería tamén nunha dura guerra civil en España debido a
que os dereitos de Felipe V foron defendidos pola coroa de Castela e máis os señoríos vascos e o reino
de Navarra, e os dereitos da casa de Austria serían defendidos pola Coroa de Aragón (Cataluña,
Aragón, Valencia e Baleares) temerosa da política centralista que representaba a monarquía borbónica.
O dous monarcas representaban modelos políticos distintos: Filipe V representaba o absolutismo
monárquico e a centralización do Estado, mentres que o candidato de Habsburgo representaba a opción
foralista de respecto aos privilexios forais e a autonomía acadados na época da Unión dinástica (s.
XV).
O enfrontamento estendeuse por toda Europa con vitorias e derrotas para os dous bandos (vitoria de
Almansa ou Villaviciosa dos Borbóns, os ingleses conquistaron Xibraltar, o arquiduque Carlos foi
recoñecido rei de España en Barcelona en 1705...), pero o inicio das conversacións para lograr a paz
foi o cambio de posición das potencias europeas aliadas cando, pola morte do emperador austríaco en
1711, o arquiduque Carlos convertíase no herdeiro do Imperio. O perigo dunha hexemonía de Austria
se Carlos cinguía, ademais, a Coroa española, era tan perigoso como a unión entre Francia e España.
Así, a partir de 1712 as accións bélicas decreceron considerablemente e o desexo de manter o
equilíbrio continental (sistema que intentaba que as potencias europeas mantivesen niveladas as súas forzas para
impedir que ningún país alcanzase de novo a hexemonía) levou a asinar os Tratados de Utrecht (1713) e de
Rastadt (1714), asinados na cidade neerlandesa de Utrecht e na alemaña de Rastatt. A pesar de
asinarse a paz internacional, a guerra continuou en España ata que as tropas de Filipe V conquistaron
Barcelona en setembro de 1714 (11 de setembro: Diada) e Mallorca e Eivisa en 1715, concluíndo así o
conflito.
O Tratado de Utrecht:
- recoñecía a Felipe V como rei de España pero, a cambio tivo que renunciar a unha unión con Francia
e aos seus dereitos sobre a coroa francesa;
- a Monarquía Hispánica perdía numerosos territorios, entre eles:
. Flandes, Nápoles e Cerdeña pasaban a Austria (perdendo así España os territorios europeos que lle
quedaban);
. Xibraltar e Menorca a Inglaterra, que obtiña ademais importantes concesións comerciais (un navío
de permiso para comerciar coa América hispánica, e o asento de negros –a exclusiva no abastecemento
ás colonias españolas de man de obra escrava).
Filipe V tamén se comprometía a non tomar represalias coa Coroa de Aragón pero isto non se
cumpriu xa que a promulgación dos Decretos de Nova Planta significou a supresión dos seus
privilexios forais iniciándose así o proceso de centralización da recen imposta monarquía absoluta.

5
Pregunta ABAU Nº 7.
OS DECRETOS DE NOVA PLANTA E OS SEUS EFECTOS

Desde o inicio do seu reinado, Filipe V (1701-1746) introduciu numerosas reformas políticas e
administrativas inspiradas no modelo francés co obxectivo de establecer maior grao de centralización
do poder político e a unificación lexislativa e institucional. Os Decretos de Nova Planta forman parte
deste programa de reformas políticas e administrativas. Trátase dun conxunto de decretos promulgados
por Felipe V entre 1707 e 1716 mediante os que quedaban abolidos os privilexios forais dos reinos da
Coroa de Aragón, considerados como rebeldes por tomar partido por Carlos de Austria na Guerra de
Sucesión. Filipe V, apoiado na forza militar das súas tropas e a medida que ía recuperando territorios,
aboliu os privilexios de Aragón e Valencia (1707), Mallorca (1715), e Cataluña (1716), impoñendo as
leis de Castela (mais proclives á intromisión real).
Pola aplicación dos Decretos, os territorios da Coroa de Aragón (Aragón, Cataluña, Valencia e
Baleares) perderon a súa autonomía política e institucional, sendo sometidos aos modelos casteláns:
-as súas institucións particulares (Cortes, Deputacións, Consellos, Generalitat) foron suprimidas e
substituídas por unhas novas inspiradas en modelos casteláns;
-ao perder a súas Cortes e institucións perden tamén a capacidade que tiñan de limitar as esixencias do
rei para cobrar novos tributos, quedando sometidos á lexislación tributaria castelá;
-os vicerreis foron substituídos por capitáns xenerais sendo, a partir de agora, os únicos representantes
territoriais do poder real;
-os concellos foron sometidos á autoridade dos correxedores e introducíronse os intendentes
(encargados, nas provincias, do mantemento dos exércitos –abastecementos, recrutamento-, e do
fomento económico do seu territorio).
-os seus tribunais xudiciais foron modificados mediante a creación de Audiencias en Zaragoza,
Valencia, Mallorca e Barcelona a imitación das de Castela; e o dereito civil que se vai a aplicar será o
de Castela (aínda que permanece o civil catalán).
-uso exclusivo do castelán como língua administrativa,
-así mesmo impónselles o recrutamento de soldados, servizo do que estaban exentos.
-con Filipe V iníciase a transformación dos antigos reinos medievais en provincias, o que,
loxicamente, afectará tamén á Coroa de Aragón, que queda dividia en provincias e ao fronte de cada
delas estará un capitán xeneral que goberna en nome do rei.
-No terreo económico as aduanas interiores que existían entre os distintos reinos da Coroa de Aragón e
Castela foron suprimidas; este feito favorecerá aos comerciantes cataláns que iniciarán no século
XVIII a súa expansión pola península contribuíndo ao despegue económico de Cataluña.
Con estas medidas uniformizadoras que se aplican en paralelo aos diferentes reinos (división do
territorio en provincias, cortes únicas castelás, capital en Madrid) incrementouse o centralismo
borbónico, ainda que subsistiron numerosos particularismos políticos e xurisdicionais:
-moitas terras e homes seguiron baixo a autoridade e a xurisdición de señores particulares;
-a complexidade administrativa seguiu sendo moi forte (con intendencias, provincias e concellos de
todos os tamaños e tipoloxias);
-Navarra e as provincias vascas mantiveron os seus privilexios forais e os seus réximes especiais
(provincias exentas) en gran parte polo apoio prestado á causa borbónica durante a Guerra de Sucesión
(feito que confirma a vinganza de Felipe V á Coroa de Aragón).
O mantemento dos privilexios forais vascos e navarros é un dos xérmolos das futuras Guerras
carlistas tralos intentos de uniformización dos liberais, así como a toma de Barcelona en 1714 e a
imposición dos Decretos de Nova Planta será un dos feitos simbólicos clave para artellar as
reivindicacións históricas do nacionalismo orgánico-historicista catalán a partir do último terzo do
século XIX.

6
Pregunta ABAU Nº 8.
O REFORMISMO BORBÓNICO EN GALICIA (a matrícula de mar, o arsenal de Ferrol, a apertura do
comercio colonial)
Denomínase Reformismo borbónico aos cambios implementados pola nova dinastía reinante a
partir de 1700 baseados no establecemento dunha monarquía absoluta, a centralización
administrativa e, na segunda metade do s.XVIII, co Despotismo ilustrado, na aplicación do ideario
ilustrado coa intención de elevar o nivel cultural e científico-técnico do país coa intención de obter
melloras no eido económico. Destacan neste plano Fernando VI e Carlos III.
A importante posición estratéxica de Galicia na defensa do Imperio colonial americano fixo que
os Borbóns trataran de reforzala como baluarte marítimo fronte ao paso das armadas inimigas,
fundamentalmente inglesas, a través dunha serie de reformas: fortificaron a costa con baterías e
castelos, crearon novas institucións como a Intendecia do Reino de Galicia, con sede na Coruña,
principal institución que potenciou o desenvolvemento económico de Galicia…). Reformas q destacan:
- A Ordenanza da matrícula do mar, do Marqués da Ensenada, un sistema de recrutamento
obrigatorio de tripulación para os buques da Armada. O obxectivo era reforzar a Armada cun persoal
competente e garantir a seguridade nos mares e o comercio colonial con América e para iso
racionalizouse o recrutamento de mariñeiros levando un rexistro da xente do mar segundo as súas
funcións e habilidades. Os matriculados quedaban libres de quintas e de impostos municipais, pero
podían ser chamados ao servizo da Armada ata cumplir 60 anos.
As repercusións para Galicia foron importantes pois na 2ª metade s.XVIII a cuarta parte da xente do
mar alistada de toda España procedía de Galicia, destacando a aportación de Pontevedra, Coruña e
Ferrol (23% dos homes e 28% das embarcacións), o que repercutiu negativamente sobre a pesca
(desalentou as inversións no sector pesqueiro) e na demografia (alta mortandade de homes nas guerras,
inválidos, epidemias nos barcos, escorbuto). O servizo na Armada era impopular e visto como
insufrible: salarios atrasados, réxime de liberdade vixiada dos matriculados, alta mortandade...o que
provocou desercións e prófugos. A matrícula do mar foi eliminada en 1802.
- A creación do arsenal de Ferrol e dos estaleiros por parte do Marqués da Ensenada (ministro de
Fernando VI) que converteron a Ferrol na principal cidade de Galicia, tendo un papel clave na defensa
das rutas coloniais. Para a formación dos mandos militares da Armada creouse, en 1776 (con Carlos
III) a Academia de Gardamariñas. Isto supuxo para Ferrol unha renovación e ampliación urbanística: a
chegada masiva de xente obrigou a engadir ao núcleo orixinario, o Ferrol vello, os novos barrios de
Esteiro, para acoller aos traballadores, e o da Magdalena, ocupado principalmente polos oficiais da
Armada; no seu deseño seguíronse trazados urbanísticos a base de cuadrículas (plano hipodámico) moi
do gusto dos arquitectos ilustrados. O arsenal de Ferrol mantivo unha intensa atividade naval entre
1752 e 1778, pero axiña entrou en declive.
- Os Borbóns tamén impulsaron o comercio colonial realizando reformas (como a eliminación do
monopolio exercido por Sevilla-Cádiz neste comercio) que favoreron a Galicia, sobre todo a cidade da
Coruña. En 1764, o goberno de Carlos III estableceu nesta cidade o Servizo de Correos Marítimos
para comerciar con América (unha compañía estatal de buques encargada de levar a correspondencia ao porto
da Habana e a Bos Aires, e que tamén podía transportar persoas e mercadorías, agás nos períodos bélicos nos
que se transformaban en navios de guerra) e ao ano seguinte, o porto da Coruña foi autorizado para
comerciar directamente con América, polo que se crearía pouco máis tarde, en 1785, o Consulado
Marítimo Terrestre da Coruña (na rúa Panaderas) cuxa xurisdición alcanzaba tamén todos os portos
do litoral galego (foi suprimido en 1868). Estas concesións contribuíron a favorecer o crecemento
demográfico e comercial da Coruña así como a renovación urbanística e portuaria da cidade
(destacando, por exemplo, a restauración da Torre de Hércules en 1791). Nacía así o comercio galego
marítimo a longa distancia, pero este auxe comercial declinará pronto, a finais s.XVIII no reinado de
Carlos IV, debido ás guerras navais con Inglaterra e o caos pola invasión francesa.
Neste novo papel de baluarte do Imperio colonial Galicia viuse asolada polos ataques ingleses
durante esta época destacando a Batalla de Rande durante a Guerra de Sucesión, a invasión inglesa de
Vigo e Pontevedra en 1719 ou o ataque a Ferrol de 1800.
Pese a todo, o impacto da Ilustración foi bastante limitado e o impacto de reformismo viuse
truncado polo brote da Revolución francesa e o medo á difusión das ideas do liberalismo por parte de
Carlos IV, limitando de maneira moi significativa, incluso reaccionando contra os ilustrados de finais
de século.
7
Pregunta ABAU Nº 9.
A ILUSTRACIÓN EN ESPAÑA (características da Ilustración e Despotismo ilustrado)
A Ilustración foi un movemento cultural e ideolóxico, fundamentalmente racionalista e crítico, que
naceu en Francia e se espallou axiña por toda Europa, chegando tamén a América, durante o século XVIII,
chamado Século da razón ou das luces (xa que pretendía iluminar coa “luz da razón” todos os misterios da
humanidade e acabar coas tebras da superstición e da ingnorancia dos séculos pasados).
As súas principais ideas son:
- a defensa da razón como medio para descubrir a verdade e as leis da natureza, rexeitando a tradición e a
revelación divina; e consideran a educación coma un dereito fundamental que debía estar dirixida polo
Estado. Ambas, razón e educación, conducirán ao progreso, que mellorará as condicións de vida das
persoas, constituindo o camiño para alcanzar a felicidade.
- Criticaron o dominio ideolóxico da Igrexa, os seus privilexios, conservadorismo e dogmas, defendendo
un pensamento antropocéntrico (fronte ao pensamento teocrático anterior); neste sentido defenderon que o
poder político debía controlar o poder relixioso.
- Tamén criticaron as estruturas do Antigo Réxme (sobre todo en Francia): os principios nos que se
baseaba a sociedade estamental (os privilexios), afirmando a igualdade e a liberdade de todos os seres
humanos; no plano político rexeitaron o absolutismo monárquico e a soberanía de orixe divina; destacan
Locke (precursor inglés que defendia a teoría do Pacto entre gobernante e gobernados); Montesquieu
(nobre francés, defendía a división e a independencia dos tres poderes (lexislativo, executivo e xudicial) na
súa obra: “O espíritu das leis”, 1748), e Rousseau (formulou os principios de soberanía popular e o sufraxio
universal. É considerado o teórico das democracias modernas. Obra: “O contrato social” 1762. No plano
económico: criticaron a falta de liberdade para comprar e vender, e defenderon un modelo que garantira a
propiedade e a liberdade de comercio e de industria (Adam Smith).
En España, a introdución destas ideas ilustradas foi lenta e difícil, e tiveron un carácter moderado
compaxinando a crítica e a renovación co mantemento da orde socio-política establecida. Difundíronse por
España grazas á creación das academias (de Historia, de Lingua, Medicina...) e das Sociedades económicas
de Amigos do País, así como pola creación de grandes museos e de institucións de Ensino Secundario e
pola renovación das universidades e, sobre todo, a prensa (oficial, privada, almanaques. Páx. 143-144).
Nun primeiro momento, a difusión destas novas ideas viuse obstaculizada pola falta dunha ampla
burguesia, polo anquilosamento e conservadorismo universitario, polo enorme peso da Igrexa, e pola
inexistencia de clases medias formadas que entendesen as ideas dos novos filósofos. A partir de mediados
s.XVIII xa podemos atopar un pequeno grupo de intelectuais españois (nobres, clérigos, burgueses)
influídos polas ideas ilustradas. Os ilustrados máis destacados coinciden co reinado de Carlos III:
intelectuais, como Feijoo ou Mayáns, e políticos como Floridablanca, Campomanes, Jovellanos, Olavide…
estes tres últimos introdutoresda fisiocracia en España;destacan tamén mulleres comoJosefa Amar y Borbó
Non forman un grupo homoxéneo, pero a maioría deles coinciden no interese pola ciencia e o progreso, no
espírito crítico, e na necesidade de mellorar o sistema educativo pero co fin de reactivar a economía.
Este afán reformista e da busca do progreso tamén seduciu a gobernantes en toda Europa que
desenvolveron na segunda metade do XVIII unha variante do absolutismo coñecida como Despotismo
ilustrado que pretendía a aplicación desas reformas co fin de potenciar o desenvolvemento económico do
Estado e lograr a felicidade e benestar dos seus súbditos pero sen contar con eles para realizar ditas
reformas (a miseria e ignorancia na que vivían impedíalles saber cales eran os remedios para a súa
situación; o seu lema era “Todo para o pobo pero sen o pobo”).
Carlos III foi un dos mellores monarcas ilustrados. Preocupado polo progreso da súa Coroa, ao longo
do seu reinado impulsou numerosas reformas económicas, administrativas e culturais, apoiándose para
gobernar nos partidarios das ideas da Ilustración. Ao mesmo tempo, foi un firme partidario do regalismo,
impoñendo a súa autoridasde sobre a Igrexa. Entre as súas reformas están por exemplo, no plano social,
declarar honestas todas as profesións; no plano económico, limitar os privilexios da Mesta, ou poñer fin ao
monopolio do porto de Cádiz no comercio colonial, apoiar o comercio (interior e exterior), apoiar a
actividade industrial, impulsar proxectos de reformas agrarias aplicando as ideas fisiocráticas, etc
Pese a todo, o impacto da Ilustración foi bastante limitado e o reformismo viuse truncado polo
brote da Revolución francesa e o medo á difusión das ideas do liberalismo por parte de Carlos IV,
limitando de maneira moi significativa, incluso reaccionando contra os ilustrados de finais de século.
8

You might also like