You are on page 1of 5

Temas 9 a 13 ABAU IES María Casares, Oleiros

9. A NOVA MONARQUÍA DOS REIS CATÓLICOS


(Unión dinástica e reorganización político administrativa).
O casamento de Isabel de Castela e de Fernando de Aragón (1469) dará lugar a unha unión
dinástica (familiar) das Coroa de Castela e a Coroa de Aragón que levará por nome Monarquía Hispánica.
Lonxe de ser unha unificación política, tal unión significou que cada coroa mantiña as súas institucións,
dereito, fronteiras, alfándegas, moedas e linguas propias. O que implicou esta unión foi a coordinación
política, o reparto de competencias e a administración de ambas coroas (tal como rezaba o lema Tanto
monta Isabel como Fernando). Inda que os monarcas conservaron os seus títulos tradicionais coas súas
posesións, no exterior foise impoñendo paseniño o título de Reis de España.
Tras a conquista de Granada (1492) o Papa concedeulles o título de Reis Católicos, e ampliarán
territorios coa conquista das illas Canarias (1478), de Navarra (1512) e das Indias (América, 1492) que
quedarán incorporadas á Coroa de Castela.
Considérase aos Reis Católicos como a expresión máis requintada de monarcas modernos ao
instaurar unha monarquía autoritaria sobre a nobreza (despois de confiscar os señoríos da facción
nobiliaria que apoiara á Xoana La Beltraneja na sucesión ao trono de Castela; ou da control imposto á
nobreza galega tras as guerras irmandiñas), realizando unha seria reorganización administrativa que daría
lugar ao estado moderno que, con poucas variacións duraría máis de dous séculos:
- Creáronse Consellos para atender as diferentes áreas de goberno. O Consello de Castela reorganizouse
(1480) converténdose no principal órgano xudicial e de goberno. Veráse reforzado por integrar a
funcionarios con formación xurídica máis que pola súa orixe nobiliar.
Creáronse outros consellos de tipo territorial (Navarra, Aragón e Indias no caso da recén descuberta
América), ou de tipo temático (Facenda, Ordes Militares e Inquisición). A combinación destes tipos
(territorial e temático) é o que se da en chamar sistema polisinodial.
- Novos cargos:
Vicerreis, ao estilo da Coroa de Aragón, naqueles territorios con organismos e leis específicas e nas que
a distancia facía imposible a presenza real (como en América). En Galicia crearon o cargo de
Gobernador con funcións similares ao vicerrei.
Secretarios reais que se encargaban de mediar entre os diferentes consellos e reis.
- As Cortes (organismo de representación de nobreza, clero e das cidades) eran diferenciadas para Castela,
Aragón, Cataluña, Valencia e Navarra. Se ben aprobaban leis propostas polo rei e co fin de recadar impostos,
as de Castela só se convocaban para xurar aos herdeiros ou para reclamar algún subsidio extraordinario.
- Sistema xudicial centralizado e xerarquizado: os corrixidores a nivel local; creación de novas Chancelerías
(Valladolid e Granada) e Audiencias (Galicia e Sevilla) que eran tribunais permanentes que exercían a súa
xurisdicción sobre un territorio delimitado; e o Consello Real de Castela como última instancia xudicial. Isto
impúxose á xustiza señorial ata entón existente. Somentes en Aragón os señores conservaban gran parte
das súas atribucións xudiciais, ademáis de haber unha audiencia por cada reino.
- Instauraron Corrixidores por designación real nas cidades para controlar as funcións dos rixidores ou
alcaldes, con funcións administrativas, xudiciais e de orden pública.
- Para manter a seguridade pública crearon a Santa Irmandade, especie de policía para pacificar o mundo
rural.
- Creación dun exército permanente sostido con fondos públicos e á marxe da nobreza, inda que esta
mantedrá postos relevantes no mesmo. A unidade básica do exército serán os tercios.
- Creación dun corpo diplomático con embaixadas permanentes (a máis anterga do mundo é a de España
en Roma, 1480) para potenciar a política exterior.
- O Consello da Inquisición (1478) será a única institución común ás dúas Coroas e vixiaba e mantiña a
ortodoxia católica, de xeito que a unidade relixiosa será o elemento de cohesión da poboación. Xa que
logo, perseguironse outras confesións relixiosas, levando á expulsión dos xudeos en 1492 e a posterior
conversión dos mudéxares.

Inda que na Coroa de Aragón as reformas foron menores pola súa tradición pactista, os Reis Católicos
sentaron as bases do estado moderno.
Temas 9 a 13 ABAU IES María Casares, Oleiros

10. A CONFIGURACIÓN DO IMPERIO ESPAÑOL NO SÉCULO XVI (a herdanza de Carlos I, os cambios en


tempos de Felipe II: rebelión en Flandres, incorporación de Portugal, guerra contra Inglaterra).
Froito da política matrimonial dos Reis Católicos naceu o seu neto Carlos I (1500-1558), primeiro rei
da casa de Habsburgo ou Austria. Carlos I era fillo de Felipe O Fermoso de Austria e de Xoana A Tola de
Castela. Á morte do seu pai e á incapacidade da súa nai herdou en 1517 dos avós paternos o Franco
Condado, os Países Baixos, Luxemburgo, os estados da Casa de Austria; dos avós maternos a Coroa de
Aragón (con Nápoles, Sicilia e Cerdeña) e a Coroa de Castela (coas Canarias, varias prazas africanas e
América). Dous anos máis tarde foi elixido emperador do Sacro Imperio Xermánico (co nome de Carlos V), o
que implicaba a defensa do catolicismo fronte ao protestantismo e aos turcos para manter unha monarquía
católica universal, polo que viuse enguedallado en constantes guerras. Tivo que superar, non embargantes,
os conflitos das Comunidades en Castela (protestaban contra o reparto de cargos aos seu círculo máis
próximo) e as Xermanías en Valencia e Mallorca (de tipo antinobiliar); unha vez vencidos, Carlos I reafirmou
a súa autoridade (a única concesión que fixo foi sustituir cargos políticos flamengos por casteláns).
No ámbito europeo, ampliou o imperio coa anexión do ducado de Milán. Despois de recoñecer na
Paz de Augsburgo o fracaso de manter a unidade relixiosa de Europa polo avance do protestantismo, Carlos
I abdica en 1556 no seu fillo Felipe II, inda que cedéndolle o título imperial e os estados de Austria ao seu
irmán Fernando.
Felipe II (1556-1598) apenas sairá de Castela, a diferencia do seu pai. Establece unha capital
permanente en Madrid e controlando persoalmente os asuntos de goberno. Tivo que afrontar no interior a
rebelión das Alpujarras, onde a poboación mourisca se alzara contra as medidas asimiladoras e finalizou coa
deportación de moitos dos sobrevivintes á represión. A política exterior tiña como obxectivo a defensa do
catolicismo e manter a hexemonía en Europa e ultramar, apoiado no poderoso exército. Reclamando os
seus dereitos hereditarios -era neto do rei portugués Manuel I e fillo da princesa Isabel- fíxose con Portugal
(a coñecida como Unión Ibérica, a raíz da morte do rei Sebastián sen descendencia en 1580), e coas súas
colonias en Asia, África e Brasil. Nesta época dicíase que no imperio de Felipe II nunca se poñía o sol.
Non embargantes, tivo que afrontar unha serie de conflitos externos:
–Derrotou a Francia en 1557 na batalla de San Quintín, deixando de ser unha ameaza para España. Freou o
avance do Imperio Turco polo Mediterráneo coa victoria na Batalla de Lepanto (1571) cunha frota ao mando
de D. Juan de Austria e na que participaron o papado e Venecia.
–A rebelión en Flandes (1566) -unha das 17 provincias dos Países Baixos- iniciouse pola difusión do
calvinismo nela, de xeito que Felipe II interveu para manter o catolicismo. Ademáis, a presión fiscal e o
rexeitamento dos poderes locais ao autoritarismo real, foron o sustrato desa revolta sendo o detonante a
fame das clases populares. A represión exercida polos tercios dirixidos polo Duque de Alba, co
axustizamento dos líderes rebeldes iniciou a coñecida como guerra dos oitenta anos. En 1579 as provincias
calvinistas do norte, encabezadas por Holanda, formaron as Provincias Unidas dirixidas por Guillermo de
Orange e apoiadas por Inglaterra. As do sur mantiveronse no catolicismo e fieis ao rei (Union de Arras).
–Conflito con Inglaterra: tradicionalmente aliada da monarquía hispánica, coa raíña inglesa Isabel I e por
motivos relixiosos (o cisma anglicano), políticos (apoio aos rebeldes protestantes nos Países Baixos,
execución da raíña católica de Escocia) e económicos (ataques ás colonias españolas en América), Inglaterra
apoiou a acción de corsarios ingleses contra as frotas españolas. Felipe II intentou o desembarco en
Inglaterra dunha Gran Armada 1588 (a coñecida como Armada Invencible), intento fracasado pola mala
planificación e as adversas condicións metereolóxicas. Ao ano seguinte Inglaterra contraatacou cunha flota
dirixida por Drake contra A Coruña (María Pita), Lisboa e as illas Azores, que non conseguiu o seu obxectivo.
O enfrontamento manteríase ata o século XVII.
Temas 9 a 13 ABAU IES María Casares, Oleiros

11. A CRISE SOCIOECONÓMICA DO SÉCULO XVII (crise demográfica, deterioro da economía, problemas da
Facenda real)
Contra finais do século XVI a expansión económica redúcese para iniciar un século de crise (1580-
1680) en varios ámbitos:
Crise demográfica: anos de malas colleitas provocaron fame e que a poboación fose máis sensible á peste,
que afectou á península en diversas vagas (1597, 1647, 1676), dando lugar a frecuentes crises de
mortalidade catastrófica. Asemade, as guerras nas que se viu involucrada a Monarquía Hispánica
acentuaron o estancamento da poboación sobre todo na Coroa de Castela. En 1609 a expulsión dos
mouriscos contribuiu ao descenso demográfico, sobre todo na Coroa de Aragón.
Deterioro da economía. A crise agraria afectou directamente á demanda de produtos artesanais, levando á
ruina dos centros manufactureiros de Castela. Axudou a isto o excesivo aumento dos prezos (debido á
chegada de ouro e prata de América), as alteracións monetarias (devaluación da moeda), o incremento de
impostos e a saturación do mercado interno con produtos estranxeiros (atraídos pola subida de prezos).
O comercio exterior decaeu. A ruina da produción interna deixou de fornecer a América, polo que cubriu a
demanda de manufacturas coa produción estranxeira a través de intermediarios casteláns. A finais do s. XVII
somentes o 5% dos produtos enviados a América procedían da península. Os pagos facíanse en metais
preciosos que, deste xeito, ían descapitalizando á Monarquía. Ademáis, as exportacións de materias primas
(en especial a la) e a importación de manufacturas (tecidos de Flandes, por exemplo), facían que o valor
engadido quedase fóra da península.
Problemas da Facenda real. A caída de ingresos provocada pola crise demográfica e económica, e os gastos
bélicos para manter o imperio, fixeron que a Facenda recurrise a varias medidas. A primeira delas foi
incrementar a débeda pública (xuros) e a subir impostos (co que perxudicou aos sectores produtivos);
segundo, desvalorizou a moeda emitindo moedas de vellón (aliaxe de cobre e prata), o que provocou o
aumento da inflación, agravando as dificultades económicas. A isto súmase a imposibilidade de devolver os
préstamos realizados polos banqueiros, o que levou á declaración de numerosas bancarrotas da Facenda
real.

A crise económica e o esgotamento de recursos fixeron que a Monarquía Hispánica perdese, a partir
de 1640, o seu papel hexemónico en Europa. A sociedade española do século XVII caracterizouse polo
inmobilismo social e a decadencia. Clero e nobreza mantiveron a súa situación, polo que a mentalidade
aristocrática e clerical espallouse por toda a sociedade. A débil burguesía urbana empobrecida pola crise, só
tiña como saída o servicio ao rei ou á igrexa, vías obstaculizadas pola esixencia de limpeza de sangue
(demostrar non ter avós ou bisavós xudeos). En canto ao campesiñado, empobrecido, forneceu
mendicantes, pícaros e vagamundos ás cidades, onde vivían da caridade das igrexas.
En Cataluña e Valencia as condicións económicas comezaron a recuperarse desde mediados de
século, e a finais a mellora xa era manifesta no crecemento da agricultura, a industria e o comercio. Non
embargantes, en Castela só a partires de 1680 diminuiron as crises de subsistencias e recuperouse a
poboación e a produción agrícola. Ao mesmo tempo, as medidas deflacionarias impulsadas polos gobernos
de Carlos II estabilizaron o mercado interno e puxeron as bases para a recuperación económica posterior.
Temas 9 a 13 ABAU IES María Casares, Oleiros

12. O VALIMENTO DO CONDE-DUQUE DE OLIVARES E A CRISE DA MONARQUÍA (os proxectos de reforma,


as revoltas de Cataluña e Portugal)
Felipe IV ( rei de 1621 a 1665) ascende ao trono con dezaséis anos, nomeando valido ao seu titor D.
Gaspar de Guzmán, conde-duque de Olivares. Abandona a política de paz exterior dos seus predecesores
(Felipe III e os seus validos o duque de Lerma e o duque de Uceda).
Proxectos de reforma: A finalidade do plan do Conde Duque era manter a hexemonía e o prestixio exterior
de España, ameazada por Francia e pola guerra en Holanda, que o levou a implicarse en custosos conflitos
bélicos, o que requería importantes sumas de diñeiro. Xa que logo, emprendeu unha serie de reformas
internas económicas, administrativas e militares.
- Como medidas económicas propuxo a redución de gastos suntuarios, evitar a emisión de moeda de
vellón e protexer a produción artesanal.
- A reforma administrativa e militar centrábase na denominada Unión de Armas (1625), consistente
nun reparto da carga militar e fiscal entre todos os reinos (ata entón só recaían os tributos en
Castela) e a creación dun exército permanente de 140.000 homes, sostido por todos os reinos de
ambas coroas segundo a súa poboación e riqueza. Detrás desta idea estaba a idea dunha maior
integración de todos os territorios da monarquía suprimindo os privilexios forais, co fin de crear
unha estrutura centralizada do estado ao modo de Castela. Este proxecto fiscal e uniformizador
fracasou polas protestas que xerou especialmente en Cataluña e Portugal no ano 1640, poñendo en
crise á monarquía.

A revolta de Cataluña xurde porque o proxecto da Unión de Armas considérase unha vulneración
dos seus foros. No contexto da Guerra dos Trinta Anos, Francia invade o Rosellón polo que Olivares esixiu
que Aragón pagara a manutención das tropas castelás que loitaban na guerra contra o país veciño. O
aloxamento das tropas castelás provocou motins que culminaron no Corpus de Sangue (1640),
protagonizado mor milleiros de segadores e que terminou co asesinato do vicerrei de Aragón en Barcelona.
Olivares enviou tropas para reprimilos e aproveitou para modificar os privilexios forais. A Generalitat catalá
asumiu o goberno de Cataluña mentres as tropas reais ocupaban varias ciudades, inda que fracasaron ante
Barcelona. En 1641 a Generalitat proclamou conde de Barcelona a Luis XIII de Francia, pedíndolle axuda. Ao
comprobaren que a monarquía absoluta francesa era moito máis ríxida e centralista que a monarquía
hispánica (Felipe IV promete respectar os privilexios forais cataláns), Barcelona rendiuse.

Tres factores levaron á independencia de Portugal: a castelanización política de Olivares, a obrigada


contribución de soldados portugueses e, por riba de todo, os ataques holandeses ás colonias portuguesas e
a perda dalgunhas delas. Aproveitando a escaseza de tropas, xa que logo, unha conspiración nobiliaria
fíxose co poder e proclamou ao duque de Braganza rei de Portugal en 1640. España intentou reconquistar
este país, pero fracasou e non recoñeceu a independencia de xeito definitivo ata 1668.

Revoltas noutros reinos: en Andalucía houbo unha revolta en 1641; sublevacións provocadas por
malas colleitas, fames e recadación de impostos en Nápoles e Sicilia (1647) e intentos de crear reinos
independentes por parte de nobres locais en Aragón e Navarra en 1648, axiña sofocados. Estes conflitos e
maila Paz de Westfalia -nesa mesma data- que puxo fin á guerra dos Trinta Anos e a dos Pirineos ao ano
seguinte, fixeron que España perdese a hexemonía europea fronte a Francia.
Temas 9 a 13 ABAU IES María Casares, Oleiros

13.- ECONOMÍA E SOCIEDADE NA GALICIA DOS AUSTRIAS


(a agricultura e as súas transformacións, a importancia da pesca na Galicia litoral, a
estrutura social: sociedade rendista e peso da fidalguía)

A agricultura seguía a ser de tipo medieval, de subsistencia, baseada na alternancia de cereais (trigo
e centeo) e barbeito, o que permitiu o crecemento sostido da poboación.
A actividade pesqueira acadara un gran desenvolvemento na baixa idade media, estaba organizada en
confrarías que controlaban a salgadura de peixe. A pesca foi moi próspera ata que a necesidade de ir con
barcos armados polos ataques corsarios de ingleses e holandeses fixo que decaese a súa importancia contra
finais do s. XVI e, sobre todo, no século seguinte. Cidades e vilas como Pontevedra, A Coruña, Baiona,
Betanzos, Tui e Redondela duplicaron, de feito a súa poboación. A artesanía e comercio eran de ámbito
local, destacando a produción doméstica de tecidos de liño.
O equilibrio entre poboación e recursos quebrou no arredor das décadas 1560-1580. A aparición de
crises de subsistencias por malas colleitas, a conseguinte fame e a incidencia da peste, que provocaron a
diminución da poboación como nos anos 1633-1636. Tales dificultades favoreceron a transformación do
sistema de cultivo coa introdución do millo arredor de 1630. Esta planta americana alterou o sistema de
rotacións, diminuindo o barbeito. Esto permitiu usalo tanto para alimentación humana como animal,
potenciando o crecemento da gandeiría. Estes cambios permitiron un forte crecemento da poboación na
segunda mitade do s. XVII en contraste co resto de Europa. Daquela, calcúlase que Galicia tería arredor dun
millón de habitantes

A propiedade da terra era a base da riqueza de xeito que a súa posesión expricaba a estrutura social. Dunha
banda atopamos os rendistas e por outra os labregos.
Os rendistas:
A alta nobreza era absentista desde o fin das guerras Irmandiñas. Familias de nobres coma os
Sarmiento, Lemos, Monterrei ou Andrade prestaron servizos á monarquía como vicerreis ou como
embaixadores. Ademáis foron emparentando con outras casas nobiliarias, como a de Alba.
O clero foi un grupo moi poderoso en tanto que propietarios de grandes territorios de señorío
eclesiástico, xa vencellados ás catedrais ou, sobre todo, a mosteiros, polo que percibían gran cantidade de
rendas.
A fidalguía rural, integrada na súa meirande parte tanto pola baixa nobreza (de aí o seu nome) como por
algúns ricos labregos e comerciantes, facían de intermediarios entre os propietarios das terras (alta nobreza
e clero) e labregos. Vivían das rendas cobradas a estes últimos en virtude de contratos de arrendamento da
terra a moi longo prazo (foros), que moitas veces subarrendaban. Este será o grupo dominante no s. XVII,
cuxa riqueza lucirána nos pazos onde residían.
O estamento non privilexiado:
Estímase que o 80% da poboación de Galicia era labrega que traballaba terras alleas en duras condicións. Á
marxe cómpre engadir os mariñeiros e artesáns de ámbito local que habitaban nas vilas e agrupados en
gremios ou confrarías que regulaban tanto as relacións de traballo como o produto e a asistencia mutua. As
cidades eran moi pequenas, destacando Santiago pola súa función relixiosa; A Coruña por ter as institucións
de goberno e Pontevedra, en declive pola pesca.

You might also like