You are on page 1of 12

TERMOS ABAU Hª ESPAÑA

Historia de España
11 pag.

Document shared on www.docsity.com


Downloaded by: martagaray777 (margarey2004@gmail.com)
TERMOS

ECONOMÍA PREDADORA
Tipo de economía característica das sociedades paleolíticas nas que a caza, a pesca, o marisqueo e a
recolección de froitos silvestres permítenlles aos grupos humanos obter alimentos e recursos da natureza para
vivir; non xeran produción, o que lles obriga a moverse detrás dos recursos, sendo polo tanto nómades.

MEGALITISMO
Tipo de construcións formadas por grandes pedras ou megálitos que se desenvolveron entre o Neolítico
avanzado e a Idade do Bronce. Entre os tipos destaca o dolmen ou anta (sepulcros formados por unha cámara
con ou sen corredor), as mámoas (túmulos de terra sen construción interior), pedrafitas ou menhires
(monólito fincado verticalmente no chan) ou o cromlech (menhires formando un círculo).

CASTRO
Poboado fortificado prerromano característico do noroeste peninsular entre os séculos VIII a.C e I d.C., e que
da nome á cultura castrexa, conformado por construcións domésticas realizadas en pedra nas que predomina
a planta circular; cronoloxicamente desenvolveuse durante a Idade do Ferro a partir dun sustrato indíxena
sobre o que actuaron influencias culturais indoeuropeas de raíz céltica.

GUERRAS CÁNTABRAS
Enfrontamentos bélicos entre os romanos e os pobos do norte peninsular (cántabros, ástures e galaicos) que
supuxeron a última etapa e finalización da conquista romana na Península Ibérica. Tiveron lugar entre os
anos 29 a.C. e 19 a.C. e por parte dos romanos estiveron dirixidas polo propio emperador, Octavio Augusto.
A batalla de Monte Medulio (25 a.C.) puxo fin á resistencia dos galaicos.

BÁRBAROS
Denominación xenérica dada por gregos e romanos aos pobos situados fóra do ámbito da súa civilización e
que non falaban a súa lingua. Durante o Imperio romano o termo tomou un sentido pexorativo empregándose
para designar aos pobos de costumes primitivas que ameazaban coas súas incursións as fronteiras do mundo
romano. No 476 conseguiron tomar Roma e depoñer ao derradeiro emperador romano de occidente.

CONVENTUS
Asembleas entre romanos e indíxenas que desde as primeiras etapas da conquista da Península Ibérica
evolucionaron ata converterse en unidades administrativas (recadación de impostos, recrutamento de tropas)
e xudiciais (realización de contratos) dentro das provincias. Unha cidade actuaba como capital do conventus
dándolle nome (p.ex., a actual Galicia correspóndese co conventus lucensis) pero os seus límites eran
imprecisos.

AULA REXIA
Asemblea política de carácter consultivo propia da monarquía visigoda, que asesoraba ao monarca en
asuntos políticos, militares, económicos e xudiciais. En orixe a formaban cortesáns e servidores do rei, pero
desde o século VI se lle sumaron as principais personalidades do reino: nobres e altos cargos do clero. Unha
das súas principais funcións, tendo en conta que a monarquía era electiva, era escoller ao novo monarca.

Document shared on www.docsity.com


Downloaded by: martagaray777 (margarey2004@gmail.com)
MOZÁRABE
Cristián que vive baixo dominio musulmán en al-Ándalus. A cambio de conservar a súa fe e os seus
costumes tiñan que pagar elevados impostos, polo que moitos desprazáronse ao norte da Península Ibérica
para vivir nun territorio controlado polos reis cristiáns ou acabaron converténdose ao Islam.

MARCA HISPÁNICA
Territorio ao sur dos Pirineos que nos s. VIII e IX estivo controlado polos reis e emperadores francos,
formando a fronteira entre o imperio carolinxio e os territorios de al-Ándalus. Estivo gobernada por condes
designados polos reis francos pero ao longo do século IX estes foron gañando unha crecente autonomía ata
formar condados e reinos independentes (p.ex. Pamplona, Aragón, Sobrarbe, Ribagorza, Xirona ou
Barcelona).

TAIFAS
Reinos que xurdiron da desmembración do califato de Córdoba no 1031. Estaban dominados polas
oligarquías locais ou polos xefes militares das principais cidades de al-Ándalus. Enfrontados entre sí, as
fronteiras flutuaban e o seu poder foi cada vez máis débil, sendo incapaces de facer fronte común fronte aos
ataques cristiáns. O derradeiro foi a taifa de Granada, conquistado en 1492 polos Reis Católicos (poñendo fin
á Reconquista).

MANSO
Unidade de explotación familiar (casa e terras de cultivo) que o señor feudal cedía en usufruto a un colono
libre ou a un servo a cambio de certas prestacións e censos. Xunto coa reserva señorial constituían os
elementos básicos de explotación dos feudos na Alta Idade Media.

PRESURA
Forma inicial de repoboación organizada polos cristiáns a partir de finais do século VIII para ocupar as terras
ermas, pouco poboadas ou que se ían reconquistando aos musulmáns. Os reis autorizaban a establecerse nun
determinado territorio, que pasaba a ser propiedade de quen o ocupase e explotase. Houbo dúas modalidades:
a oficial, desenvolvida polo rei ou polos seus delegados, e a privada, efectuada por nobres, eclesiásticos ou
familias de campesiños libres.

CARTA DE POBOAMENTO
Modalidade de repoboación que, a partir do século X, outorgaba privilexios forais a quen se establecese en
vilas ou cidades, coa finalidade de atraer poboación a territorios que estaban despoboados ou que se ían
reconquistando aos musulmáns. A cambio eses poboadores prometían fidelidade e pagar os tributos
establecidos. En Galicia, os monarcas Fernando II e Afonso IX foron os que máis potenciaron a fundación ou
repoboación de núcleos urbanos concedendo numerosos privilexios aos seus habitantes.

MESTA
Organización dos gandeiros do reino de Castela fundada en 1273 polo rei Alfonso X. Estaba rexida polo
Consello da Mesta, poderosa institución ao servizo dos grandes gandeiros e da propia Coroa, que se
beneficiaba das taxas pagadas pola exportación da la. Os privilexios dos gandeiros orixinaron numerosos
conflitos cos agricultores. Foi abolida en 1836.

Document shared on www.docsity.com


Downloaded by: martagaray777 (margarey2004@gmail.com)
CONVERSO
Xudeus e musulmáns que, sobre todo na España de finais do s. XV e durante os s. XVI e XVII,
convertéronse ao cristianismo ben por convicción, ben para evitar persecucións. As conversións masivas dos
chamados cristiáns novos (motivadas polos respectivos decretos de expulsión de xudeos de 1492 e
musulmáns de 1502) aumentaron o odio popular contra eles, acusados de manter en segredo a súa fe, sendo
perseguidos polo Tribunal da Inquisición.

MOURISCO
Denominación dos musulmáns obrigados a converterse ao cristianismo na España de principios do século
XVI (1502 en Castela, 1518 en Aragón e 1526 en Valencia). A conversión forzosa poñíalle fin á presencia
musulmá en España pero moitos deles mantiveron a súa lingua, vestimentas e costumes, situación que levou
á súa expulsión definitiva por Felipe III en 1609.

TERCIOS
Unidade militar de infantería e marina do exército español creada por Carlos I e vixente durante os séculos
XVI e XVII ata a reforma militar borbónica de Felipe V, formada por soldados profesionais e voluntarios que
loitaban combinando armas brancas (picas) e de fogo (arcabuces e mosquetes). Distribuídos polos distintos
reinos da Monarquía Hispánica, destacaron por número e fama os Tercios de Flandres.

GRANDE ARMADA
Flota naval que en 1588 foi enviada por Felipe II a Inglaterra para derrocar a Isabel I, reinstaurar o
cristianismo na illa, evitar as axudas inglesas á independencia dos Países Baixos (por entón baixo dominio
español) e frear os ataques de corsarios ingleses a barcos e colonias españolas. Os ataques ingleses e os
temporais contribuíron a unha flagrante derrota, sendo descualificada polos ingleses co nome de “armada
invencible”.

VALIDO
Persoa da máxima confianza do rei a quen este lle outorgaba a dirección do goberno do reino. O cargo
xeneralizouse no s. XVII tanto en España como noutros reinos, cando os monarcas abandonaron o exercicio
directo do goberno. Destacaron os duques de Lerma e Uceda con Felipe III e o conde-duque de Olivares con
Felipe IV.

UNIÓN DE ARMAS
Proxecto político elaborado en 1625 polo conde-duque de Olivares, valido de Felipe IV, no que propoñía o
reparto da carga militar e fiscal entre todos os territorios da Monarquía Hispánica (ata entón recaía
fundamentalmente sobre Castela), en base a criterios proporcionais segundo a poboación e a riqueza. O
proxecto fracasou pola oposición das Cortes da Coroa de Aragón e rebelión de Cataluña e Portugal.

XUNTAS DO REINO DE GALICIA


Institución representativa das sete provincias galegas e, desde 1528 do Reino de Galicia, nas Cortes da Coroa
española ata a reforma liberal de 1834. A formaban delegados dos concellos das capitais de provincia e se
ben non tiñan funcións de goberno podían conceder cartos ao monarca, ordenar levas militares, distribuir
cargas fiscais ou enviar peticións ao rei. Eran convocadas polo monarca e as presidía o Capitán Xeral de
Galicia.

Document shared on www.docsity.com


Downloaded by: martagaray777 (margarey2004@gmail.com)
ANTIGO RÉXIME
Sistema de organización política, social, económica e demográfica vixente en Europa entre os séculos XVI e
XVIII, caracterizado pola monarquía absoluta como forma de goberno, a sociedade estamental, unha
economía de base agraria e mercantilista e un réxime demográfico antigo (altas taxas de natalidade e
mortalidade e crecemento lento da poboación).

PAZ DE UTRECHT
Tratados de paz asinados entre 1713 (cidade holandesa de Utrecht) e 1714 (cidade alemá de Rastatt), que
puxeron fin á chamada Guerra de Sucesión, recoñecendo as potencias implicadas a Felipe V como rei de
España a cambio de cesións territoriais e determinadas vantaxes comerciais; entre outras: Gran Bretaña
obtiña Xibraltar e Menorca, un navío de permiso para comerciar con América e o asentamento de negros.

DECRETOS DE NOVA PLANTA


Conxunto de leis orgánicas promulgadas entre 1707 e 1716 por Felipe V de Borbón, polas que quedaron
abolidos os privilexios forais e as institucións (políticas e xudiciais) propias dos territorios da Coroa de
Aragón (Reinos de Valencia, Aragón e Mallorca e o Principado de Cataluña), impoñéndose nestes territorios
as institucións e as leis propias de Castela, dando paso a un sistema político-administrativo centralista.

DESPOTISMO ILUSTRADO
Forma de goberno que, na segunda metade do século XVIII, intenta combinar os principios absolutistas coas
ideas da Ilustración, de xeito que algúns monarcas deste século (por exemplo Carlos III) intentarán
desenvolver diferentes reformas pero sen renunciar ao seu poder absoluto. Tradicionalmente exemplifícase
coa frase: “Todo para o pobo pero sen o pobo”.

REGALISMO BORBÓNICO
Política que no século XVIII inicia Felipe V e continúan Fernando VI e Carlos III pola que se pretendía
limitar o poder da Igrexa (e aumentar o absolutismo real) afirmando a superioridade da autoridade dos reis
sobre a Igrexa e buscando crear unha Igrexa sometida ao rei, controlando os nomeamentos dos altos cargos
eclesiásticos, o número dos efectivos, a riqueza da Igrexa e a publicación e divulgación dos escritos papais
no propio reino.

CATASTRO DE ENSENADA
Rexistro ordenado por Fernando VI en 1749 a proposta do seu ministro o marqués da Ensenada, dos
habitantes e as súas propiedades nas poboacións de Castela, para implantar a recadación da chamada Única
Contribución, tributo pensado para sustituir ás múltiples rendas provinciais e obténdose tamén (na medida en
que se completaba) información demográfica.

MOTÍN DE ESQUILACHE
Revolta que tivo lugar en Madrid en marzo de 1766, cando un dos ministros de Carlos III (o marqués de
Esquilache) decretou a prohibición de empregar capas longas e sombreiros de aba ancha baixo o argumento
de que o embozo permitía o anonimato e a facilidade para ocultar armas, estendéndose a revolta por diversas
cidades e vilas. A verdadeira causa do conflito era o descontento social pola suba do prezo do pan e a orixe
italiana deste ministro, que acabou sendo destituído.

Document shared on www.docsity.com


Downloaded by: martagaray777 (margarey2004@gmail.com)
ABDICACIÓN DE BAIONA
Renuncias consecutivas ao trono de España por parte de Fernando VII e Carlos IV en favor de Napoleón
Bonaparte, quen entregou a Coroa ao seu irmán, Xosé I, o 5 de Maio de 1808 na cidade francesa de Baiona,
convocando de seguido unha xunta de deputados españois representantes dos tres estamentos para xurar
fidelidade ao novo rei e redactar a chamada Constitución de Baiona, para regulamentar as relacións entre o
rei e os seus súbditos.

AFRANCESADOS
Españois que defendían as ideas da Revolución Francesa e que apoiaban o goberno de Xosé I. Entre eles
topábanse aristócratas, burgueses e intelectuais que, coa defensa destas ideas, buscaban introducir a España
na Ilustración e no progreso. Coa derrota das tropas francesas en 1814 moitos foron perseguidos e fuxiron a
Francia, de onde regresaron só cando as Cortes do Trienio Liberal decretaron unha amnistía.

CACIQUISMO
Sistema vencellado á Restauración borbónica no que unha persoa potentada, nun pobo ou bisbarra, emprega
a súa influencia e/ou riqueza para intervir arbitraria e abusivamente na política e na administración. Con
frecuencia a súa intervención era decisiva no resultado das eleccións, sendo unha das pezas clave do fraude
electoral que posibilitaba a alternancia pacífica de partidos políticos no Goberno.

CANTONALISMO
Movemento insurreccional de carácter federalista xurdido na España da I República que se estendeu
fundamentalmente por Levante e Andalucía e que aspiraba a dividir o país en cantóns con capacidade de
autogoberno. Foi un movemento propio da pequena burguesía pero no que destacou o movemento obreiro,
incorporando nalgunhas zonas reformas sociais. Destacou o Cantón de Cartaxena.

ENCASILLADO
Negociación previa ás eleccións durante a Restauración borbónica levada a cabo polo Ministerio da
Gobernación que consistía na manipulación dos resultados electorais (na práctica o “encadramento” dos
candidatos –ministeriais e da oposición-, escollidos e distribuídos de antemán nos diferentes distritos
electorais para garantir o resultado desexado) nos que a oposición conservaba sempre certa representación
parlamentaria; foi unha práctica asociada ao caciquismo.

ESTATUTO REAL
Carta Outorgada en 1834 pola rexente María Cristina de Borbón. Era unha convocatoria de Cortes formadas
por dúas cámaras: a de Próceres do Reino (altos cargos eclesiásticos, grandes de España, propietarios e
grandes fortunas) e a de Procuradores (electiva por sufraxio fortemente censatario), e na que se recollían os
trazos dun réxime político moi moderado (soberanía real, sen dereitos recollidos nin referencia á separación
de poderes).

MANIFESTO DOS PERSAS


Documento asinado o 12-4-1814 por 69 deputados españois e entregado a Fernando VII ao seu regreso do
exilio, polo que se lle solicitaba a abolición da lexislación das Cortes de Cádiz, o que na práctica constituiría
un retorno ao Antigo Réxime. Toma o nome por unha referencia, ao comezo do mesmo, á costume dos persas
de ter cinco días de anarquía á morte dun rei, comparando esa anarquía co liberalismo imperante no país.

Document shared on www.docsity.com


Downloaded by: martagaray777 (margarey2004@gmail.com)
MANIFIESTO SANDHURST
Manifesto de carácter político asinado o 1 de decembro de 1874 por Alfonso de Borbón (futuro Alfonso XII)
mentres se atopaba no exilio estudando na academia militar de Sandhurst (Inglaterra) e no que amosa a súa
predisposición non só para seren rei de España senón para seren un rei constitucional contribuíndo a preparar
a restauración borbónica en España.

PRAGMÁTICA SANCIÓN DE 1830


Lei promulgada por Fernando VII en Marzo de 1830, que supón a posta en vigor da Pragmática Sanción de
1789 de Carlos IV; esta anulaba o Auto Acordado de 1713 de Felipe V que imposibilitaba ás mulleres
acceder ao trono, restablecendo o sistema de sucesión tradicional das Sete Partidas de Alfonso X, segundo o
cal as mulleres podían reinar se non tiñan irmáns varóns. Pola súa posta en marcha Fernando VII recoñecía
como herdeira á súa filla Isabel.

PRONUNCIAMENTO
Acto de sublevación por parte do exército, cando unha parte do mesmo inicia un levantamento e pronúnciase
publicamente en contra do goberno dese momento. Os primeiros pronunciamentos danse no reinado de
Fernando VII cando unha parte do exército pide a substitución da monarquía absoluta por unha monarquía
liberal inspirada nos principios da Constitución de Cádiz, pero estes foron habituais ao longo do século XIX.

PUCHEIRAZO
Método de manipulación electoral característico da Restauración borbónica en España para permitir a
alternancia pactada previamente entre o Partido Conservador e o Partido Liberal (a quenda pacífica) que
consistía na substitución masiva dos votos emitidos no “pucheiro” ou urna electoral en beneficio do
candidato oficial.

SISTEMA DE QUENDAS
Sistema de alternancia pacífica no Goberno acordado entre os partidos Conservador e Liberal durante a
Restauración, constituíu un dos piares do chamado “sistema canovista” para garantir a estabilidade política e
evitar o conflito electoral, consolidándose na rexencia de María Cristina de Habsburgo a partir do chamado
Pacto do Pardo (1885) entre Cánovas del Castillo e Sagasta, líderes respectivos de ámbolos partidos.

SUFRAXIO CENSATARIO
Sistema electoral que limita o dereito a participar nas eleccións a un número reducido de persoas en relación
a súa riqueza, nivel de estudos, raza, xénero, etc. Foi o máis empregado durante o século XIX coa excepción
do período coñecido como Sexenio Democrático.

SUFRAXIO UNIVERSAL
Sistema electoral no que todos os homes e mulleres teñen dereitos políticos e poden participar co seu voto
nas eleccións dos diferentes representantes públicos. No século XIX e no primeiro terzo do XX só recoñecía
a participacíón política dos homes; sendo a Constitución de 1931 a primeira que recoñece o voto feminino en
España.

SUFRAXIO CENSATARIO E UNIVERSAL


Sistema electoral con dereito de voto para os cidadáns, no que o voto pode estar limitado a unha parte da
poboación (censatario) ou abranguer a todos os cidadáns (universal).

Document shared on www.docsity.com


Downloaded by: martagaray777 (margarey2004@gmail.com)
TRATADO DE VALENÇAY
Acordo de paz asinado en decembro de 1813 entre os representantes de Napoleón Bonaparte e Fernando VII
polo que se restablecía a dinastía dos Borbóns en España e sentábanse as bases para asinar a paz definitiva
entre España e Francia tras a Guerra de Independencia (1808-1814).

UNIÓN LIBERAL
Partido político xurdido no Bienio Progresista (1854-1856) e liderado por Leopoldo O’Donnell, con
responsabilidades de Goberno en 1856 e entre 1858-1863. De ideoloxía liberal-conservadora e posición
centrista fronte a moderados e progresistas, a partir de 1866 participaron xunto con progresistas e demócratas
na conspiración para derrocar a Isabel II.

AGRARISMO
Movemento popular levado a cabo polo campesiñado especialmente relevante no 1o 1/3 do século XX, sobre
todo en Galicia e Cataluña onde os campesiños amosábanse interesados en facerse coa propiedade da terra
que cultivaban en base á evolución do sistema foral. No caso de Galicia destacaron organizacións como
Solidariedade Galega ou Acción Galega. Todo rematou coa lei de redención de foros (1926) na Ditadura de
Primo de Rivera.

DESAMORTIZACIÓN
Venda, previa expropiación forzosa e mediante unha subasta pública, das terras e bens que ata entón non se
podían enaxenar (vender, hipotecar ou ceder) e que se topaban en poder das mans mortas (a Igrexa católica) e
os baldíos e as terras de comúns e propios (comunais) dos concellos. Se ben houbo desamortizacións previas,
as máis importantes foron as de Mendizábal (1836) e Madoz (1855).

FAI
Federación Anarquista Ibérica. Organización política de ideoloxía anarquista fundada en Valencia no ano
1927 na clandestinidade. Defendía a acción directa revolucionaria e a colectivización e xorde co fin de evitar
influencias comunistas e de combater o reformismo dentro do gran sindicato anarcosindicalista, a CNT.

LUDISMO
Movemento de loita obreira que en España xorde entre 1820 e 1830 en paralelo ao inicio da industrialización
e á introdución das máquinas como reacción por parte dos obreiros ante a perda dos seus traballos e o
empeoramento das condicións laborais e que implicou a destrución de fábricas e máquinas. e continuou
durante décadas pero en xeral tivo pouca repercusión. Toma o seu nome de Ned Ludd (obreiro téxtil inglés
que inicia o movemento).

REXENERACIONISMO
Movemento intelectual, político e literario que impregnou a vida política española de finais do XIX e
principios do XX. Caracterizouse tanto pola análise dos males do país e a crítica ao sistema da Restauración
como polo seu propósito de atoparlle remedio e de renovar e modernizar a realidade política e económica de
España. Entre os seus membros máis destacados destacan Xoaquín Costa e Ramiro de Maeztu.

Document shared on www.docsity.com


Downloaded by: martagaray777 (margarey2004@gmail.com)
SEMANA TRÁXICA
Movemento popular que tivo lugar en Barcelona na derradeira semana de xullo de 1909 en protesta pola
decisión de mobilizar reservistas para aumentar os efectivos na guerra de Marrocos, que provocou unha folga
xeral para protestar polo embarque dos reservistas; o motín adquiriu tintes anticlericais e o exército interviu
para sufocar o levantamento; a forte represión propiciou a caída de Maura.

DESASTRE DE ANNUAL
Derrota militar acontecida en xullo de 1921 no contexto da Guerra de Marrocos a mans dos rifeños
comandados por Abd-el Krim. As tropas españolas foron caendo e as súas posicións foron destruídas. A
incapacidade dos mandos imposibilitou unha retirada organizada e acabou provocando a morte de miles de
soldados ou a súa captura polos marroquís, o que acentuou a crise da monarquía de Afonso XIII.

EXPEDIENTE PICASSO
Nome que recibe o informe redactado polo xeneral de división Juan Picasso en relación aos acontecementos
que levaron á derrota española no chamado “desastre de Annual” que suscitou gran polémica por implicar na
derrota a altos mandos do exército .

DIRECTORIO MILITAR
Órgano de Goberno que presidiu España durante a primeira etapa da Ditadura de Primo de Rivera, entre
1923 e 1925, constituído por militares do exército e onde Miguel Primo de Rivera exercía de Ministro Único.
Unha das súas primeiras medidas foi suspender a Constitución de 1876 e prohibir os partidos políticos (agás
Unión Patriótica). Tiña por obxectivos restablecer a orde pública, defender a unidade da patria e rematar a
guerra de Marrocos.

UNIÓN PATRIÓTICA
Partido político creado en 1924 por Miguel Primo de Rivera, pretendía ser unha institución de apoio á
ditadura e de mobilización de masas, oscilando entre un movemento de apoio e propaganda e o partido único
do novo réxime.

PACTO DE SAN SEBASTIÁN


Acordo político verbal entre socialistas, republicanos, nacionalistas e outras forzas políticas minoritarias
reunidos en San Sebastián no verán de 1930 co compromiso principal de derrocar á monarquía de Alfonso
XIII e establecer unha república parlamentaria.

SANJURJADA
Levantamento militar producido en Sevilla contra a II República o 10 de agosto de 1932, encabezado polo
xeneral José Sanjurjo e contando este co apoio dalgúns militares, monárquicos e latifundistas andaluces.
Fracasou por falta de apoios, sendo quen o Goberno de controlar a situación, producíndose a detención dos
sublevados, que foron condenados.

BIENIO NEGRO
Período da II República entre as eleccións xerais de novembro de 1933 e febreiro de 1936, no que
gobernaron en coalición partidos conservadores: primeiro o Partido Radical de Alejandro Lerroux, entrando
no Goberno o seu socio na coalición (a CEDA de José Ma Gil-Robles), supoñendo na práctica o
desmantelamento das reformas postas previamente en marcha polo Bienio Reformista.

Document shared on www.docsity.com


Downloaded by: martagaray777 (margarey2004@gmail.com)
FE DAS XONS
Falanxe Española e Xuntas de Ofensiva Nacional Sindicalista. Partido político de ideoloxía fascista e
nacionalsindicalista formado pola unión, en 1934, das XONS de Onésimo Redondo e Ramiro Ledesma
(fundado en 1931) coa FE de José Antonio Primo de Rivera (fundado en 1933). Foi o único partido legal
durante o réxime franquista.

CEDA
Confederación Española de Dereitas Autónomas. Partido político católico fundado en 1933 a partir da
integración de forzas de dereitas e liderado por José Ma Gil-Robles, que se presenta como alternativa á
coalición republicana-socialista do Bienio Reformista e que tras as eleccións de novembro de 1933 apoiou ao
Goberno do Partido Radical sumando a este tres ministros en 1934, o que provocará o levantamento
revolucionario dese mesmo ano en Asturias e Cataluña.

FRONTE POPULAR
Coalición electoral formada por partidos de esquerdas (socialistas, comunistas e republicanos) que, co apoio
dos sindicatos, presentaron un programa para as eleccións de febreiro de 1936 que se amosaba como
continuador das medidas reformistas do primeiro bienio republicano. Obtivo un axustado triunfo nas
eleccións, poñendo en marcha reformas sociais e estimulando con elas a elaboración de proxectos golpistas.

LEXIÓN CÓNDOR
Corpo da aviación alemá enviado por Adolf Hitler para axudar ao xeneral Franco durante a Guerra Civil
española, desempeñando un papel clave en moitas accións, algunhas tristemente célebres como o bombardeo
da cidade de Guernica (sen interese militar, só co fin de poñer en práctica a guerra psicolóxica e comprobar o
efecto dun bombardeo indiscriminado sobre poboación civil).

BRIGADAS INTERNACIONAIS
Unidades militares de voluntarios procedentes do estranxeiro, que veñen a España para defender ao Goberno
da II República durante a Guerra Civil (1936-1939), combatendo contra o bando sublevado. Chegaron desde
outubro de 1936, estimulados pola Internacional Comunista, e contaron entre as súas filas con importantes
intelectuais (Hemingway, Orwell, …). Participaron na defensa de Madrid e abandonaron España en outubro
de 1938.

FET das XONS


Siglas de Falanxe Española Tradicionalista e das Xuntas de Ofensiva Nacional Sindicalista, a organización
política creada por Franco en 1937 mediante o Decreto de Unificación que fusionaba o movemento
tradicionalista carlista coas formacións fascistas de Falanxe Española e das XONS. Foi a única formación
política autorizada durante o franquismo, sendo coñecida como Movemento Nacional.

SINDICATO VERTICAL
Único sindicato permitido en España durante a ditadura franquista, sentaba as súas bases no Foro do Traballo
de 1938, encadrando aos traballadores en corporacións de carácter vertical onde estaban, de forma
xerárquica, patróns e obreiros (por oficios). Nos anos 60 incorporaranse (clandestinamente) sindicalistas de
CC.OO., para incrementar a oposición ao franquismo alentando conflitos laborais e sociais.

Document shared on www.docsity.com


Downloaded by: martagaray777 (margarey2004@gmail.com)
NACIONAL-CATOLICISMO
Unión de intereses e mutuos apoios entre o franquismo e a Igrexa católica, que desembocou nesta ideoloxía
que serviu de base ao réxime de Franco durante a ditadura (1939-1975), O franquismo defendía que a vida
política, social e cultural estiveses sometida ás directrices da Igrexa católica, a cambio do cal esta
converteuse en lexitimadora do réxime franquista.

SECCIÓN FEMININA
Creada en 1934 por Falanxe Española e presidida (ata a súa disolución en 1977) por Pilar Primo de Rivera
(filla do ditador e irmá do fundador de FE), contribuíu á divulgación dos valores tradicionais, onde a familia
era a base da sociedade e a muller debía ocupar un papel de subordinación con respecto ao home. Potenciou
o modelo feminino caracterizado pola pasividade política e a nula participación pública (e segundo o cal a
muller debe coidar a casa e a familia).

PLAN DE ESTABILIZACIÓN
Programa de reformas realizado en 1959 por un equipo de ministros e altos cargos técnicos (os chamados
tecnócratas) que contou co apoio do Fondo Monetario Internacional, cuxo obxectivo era abandonar o modelo
económico autárquico e intervencionista para establecer un modelo baseado na liberalización económica e
sentando as bases do crecemento económico dos anos sesenta.

CONTUBERNIO DE MÚNIC
Termo pexorativo co que a prensa franquista cualificou ao Congreso do Movemento Europeo reunido en
Múnic e organizado por Salvador de Madariaga en xuño de 1962, no que participaron membros destacados
da oposición ao franquismo tanto do interior coma no exilio. A resolución aprobada por este movemento
esixía aos países que desexaban entrar na CEE ter réximes democráticos, obxectivo último do movemento.

PLATAXUNTA
Coalición de oposición ó franquismo nacida o 26 de marzo de 1976 e formada pola Xunta Democrática,
impulsada polo PCE, e a Plataforma de Convergencia Democrática, formada polo PSOE e os democristiáns.
Os seus obxectivos eran a amnistía, a liberdade política e a convocatoria de eleccións a Cortes Constituíntes.

LEI PARA A REFORMA POLÍTICA


Lei presentada por Adolfo Suárez ás Cortes franquistas en 1976, promulgada por estas o 18 de novembro de
1976 e sometida a referendo o 15 de decembro dese mesmo ano (aprobada con máis do 94% dos votos nunha
participación do 77% dos electores), que servíu para articular a transición desde as institucións da ditadura a
unhas institucións democráticas.

PACTOS DA MONCLOA
Acordo asinado en outubro de 1977 polos principais axentes sociais (partidos políticos, organizacións
empresariais e sindicais) comprometéndose a establecer unha estratexia para lograr a estabilidade do país
mediante a consolidación da democracia, a redución da conflitividade social e a adopción de medidas para
abordar a crise económica que se viña arrastrando desde 1973.

Document shared on www.docsity.com


Downloaded by: martagaray777 (margarey2004@gmail.com)
UCD
Unión de Centro Democrático. Coalición política de forzas de centro (democristiáns, liberais e
socialdemócratas) liderada por Adolfo Suárez, que exerceu un papel protagonista durante a Transición,
gobernando entre 1977 e 1982. A saída precisamente de Adolfo Suárez do partido, levou a este a un
estrepitoso fracaso electoral en 1982, coa súa disolución uns meses despois.

Document shared on www.docsity.com


Downloaded by: martagaray777 (margarey2004@gmail.com)

You might also like