You are on page 1of 10

BLOQUE 3: SÉCULOS XVI-XVII.

9. A MONARQUÍA DOS REIS CATÓLICOS. Unión Dinástica e Reorganización


político-administrativa.
Nesta pregunta o alumnado deberá referirse á unión dinástica das Coroas de Castela e de Aragón a través do matrimonio de Sabela de Castela e
Fernando de Aragón, explicando a reorganización político-administrativa que tivo lugar, sobre todo, en Castela a través de novas institucións.
Tamén se debe sinalar que o devandito proceso completouse coa utilización de institucións relixiosas, como a Inquisición, con fins políticos e que
tivo como un dos seus principais obxectivos lograr o sometemento da nobreza.

O reinado dos RRCC marcou o tránsito entre a Idade Media e o Antigo Réxime, baixo o seu mandato uníronse as
Coroas de Castela e Aragón, rematouse a Reconquista, anexionouse Navarra…O seu reinado foi o punto de partida
para sentar as bases do Estado Moderno en España. Isabel de Castela e Fernando de Aragón casaron no ano 1469,
o seu matrimonio e a posterior subida ao trono, supuxo a creación dun novo Estado que se vai denominar,
Monarquía Hispánica, esta unión non significou a unión das dúas Coroas, foi unicamente unha UNIÓN
DINÁSTICA baseada nun vínculo persoal. Non se fusionaron os territorios, cada unha das Coroas conservou a súa
personalidade, con leis e institucións propias e diferenciadas, manténdose tamén as fronteiras e as aduanas entre
elas.
Para gobernar os seus reinos, os reis repartíronse competencias e os administraron de maneira conxunta,
estableceron un único escudo cos símbolos de Castela (as frechas de Sabela) e Aragón (o xugo de Fernando). PERO
na súa titulación, os Reis Católicos manteñen os seus títulos tradicionais e a enumeración de todas as súas
posesións, na Corte Real e no exterior foise impoñendo paulatinamente o título de reis de España.
O primeiro paso, unha vez establecida a Unión Dinástica, foi a pacificación dos reinos, nunha época de frecuentes
loitas nobiliarias e de enfrontamentos entre campesiños e señores. Tanto Sabela como Fernando, tiveron que
impoñerse aos nobres rebeldes e conseguir dita pacificación para reforzar a súa autoridade e facer fronte á
reorganización político-administrativa.
En Castela tiveron que derrotar aos partidarios da sobriña de Sabela: Xoana a Beltranexa (filla de Enrique IV que
reclamaba o trono co apoio de Portugal).
En Cataluña, Fernando resolveu o problema que enfrontaba aos nobres cos campesiños remensas no 1486, coa
Sentenza de Guadalupe, mediante a abolición dos malos usos que reclamaban os campesiños (especialmente ter
que pagar para abandonar a terra que cultivaban) pacificando así o territorio.
En Galicia, tanto nobres como eclesiásticos actuaban moitas veces á marxe da autoridade dos reis. Parte da nobreza
galega foi reticente ao reinado de Sabela (Pedro Madruga, Pardo de Cela…), así que para dominar o reino
emprendéronse diferentes medidas: creación do cargo de Gobernador con amplos poderes, creación da Real
Audiencia de Galicia (con sede na Coruña), axudáronse das milicias, buscaron o apoio de familias de nobres (os
Andrade), impuxeron a renovación dos mosteiros galegos con cadros directivos de orixe castelá … e pouco a pouco
fixéronse obedecer en todo o territorio galego.
A política institucional dos RRCC orientouse a conseguir unha monarquía autoritaria e forte, que pretendía debilitar
os privilexios políticos da nobreza, igrexa e das cidades para reforzar o poder central, así na súa reorganización
político-administrativa reformaron institucións xa existentes e crearon outras novas. Entre estas modificacións
destacan:
➢ O REFORZAMENTO DOS CONSELLOS: o Consello Real (máis tarde denominado Consello de
Castela), converteuse no principal órgano asesor e de goberno dos reis, estaba formado por nobres e
letrados organizados en comités específicos, política exterior, xustiza, facenda…, profesionalizouse a
institución ao introducir funcionarios con formación xurídica, desta maneira a aristocracia perdeu
influencia política. Crearon co permiso papal o Consello da Suprema Inquisición (1483) para controlar a
uniformidade relixiosa, pero a Inquisición española foi tamén un medio para reforzar o poder real porque
tiña xurisdición tanto en Castela como en Aragón e dependía directamente dos monarcas. O Tribunal da
Inquisición era independente da xurisdición ordinaria, estaba encargado de vixiar e defender a pureza do
dogma e a moral, polo que perseguía a herexes e falsos conversos. O seu procedemento era segredo, as
sentencias eran inapelables e facíanse públicas en solemnes autos de fe (destaca como inquisidor o frade
dominico Tomás de Torquemada). Outros Consellos serían o Consello das Órdenes Militares (1489) e o
Consello de Aragón (1494), de Navarra, de Indias (1489).
➢ Extensión dos VICERREIS: naqueles territorios que, como a Coroa de Aragón e Navarra, tiñan
organismos e leis específicas. Para Galicia crearon o cargo de Gobernador con poderes similares aos do
vicerrei.
➢ REFORMAN A XUSTIZA: creación de novas Chancelerías (Valladolid e Granada) e Audiencias (Galicia
e Sevilla), son tribunais permanentes que exercían a súa xurisdición sobre un territorio delimitado. Os
corrixidores, eran uns funcionarios encargados da orde pública, de impartir xustiza e de supervisar a vida
municipal. A súa actuación tamén limita o poder das oligarquías locais a favor da autoridade real.
➢ Creación da SANTA IRMANDADE, una milicia armada e financiada polas cidades. Creación dun
exército permanente, ao servizo da monarquía, que se converteu nun dos máis efectivos de Europa. Estaba
pagado pola monarquía e independente da nobreza, aínda que esta conservaba os cargos máis relevantes.
A formación dun grupo de funcionarios que atendía os asuntos diplomáticos e facilitou unha política
exterior máis eficaz e fiel aos monarcas.
➢ As CORTES, diferenciadas para Castela, Aragón, Cataluña, Valencia e Navarra, mantiveron as súas
función básicas: aprobación de leis, a proposta dos reis, e recadación de impostos.
Os RRCC conseguen así una reorganización política que lles ofrece un maior control dos seus reinos.
AMPLIACIÓN TERRITORIAL.
Os Reis Católicos ampliaron os territorios das Coroas de Castela e Aragón.
➢ CONQUISTA DO REINO DE GRANADA: os Reis Católicos entraron no reino musulmán de Granada en
1492, dando así remate ao proceso reconquistador. Os musulmáns de Granada foron obrigados a bautizarse.
Esta conversión forzosa significou a fin oficial da poboación musulmá e a súa transformación en mouriscos.
➢ REINTEGRACIÓN DO ROSELLÓN E A CERDAÑA.
➢ CONQUISRA DE CANARIAS.
➢ EXPANSIÓN POLO MEDITERRÁNEO: reino de Nápoles, Melilla.
➢ ANEXIÓN DE NAVARRA.
DESCUBRIMENTO DE AMÉRICA E REPARTO DO MUNDO.
Desde mediados do século XV, turcos e venecianos controlaban o comercio das especias e produtos de luxo
procedentes de Asia. A idea de buscar unha ruta alternativa para chegar ás Indias foi o obxectivo das expedicións
portuguesas coa esperanza de atopar un paso que lles permitise chegar ás terras das especias.
Cristovo Colón estaba convencido de que se podía chegar ás Indias navegando con rumbo ao oeste. Este proxecto
presentouse ao rei portugués, pero foi rexeitado. Colón conseguiu que os frades do mosteiro onubense da Rábida
falasen no seu favor diante da raíña Sabela, logrando así o seu propósito en 1492: o financiamento dunha expedición
polo Atlántico ademais da concesión de diversos privilexios (Capitulacións de Santa Fe).
O día 3 de agosto de 1492 partiron do porto de Palos unha nao e dúas carabelas. O 12 de outubro os navegantes
desembarcaron nunha illa do arquipélago das Bahamas á que puxeron por nome San Salvador.
Un temporal desfixo a nao Santa María e, na viaxe de retorno, o vento desviou as carabelas de modo que, mentres
Martín Alonso Yáñez Pinzón chegaba coa Pinta ás costas galegas de Baiona, Colón o facía en Lisboa coa Niña,
desde onde se trasladou a Barcelona para ser recibido polos reis. Colón realizou tres viaxes máis.
Os novos descubrimentos enfrontaron a Castela con Portugal. Para delimitar a soberanía das súas zonas asinaron
en 1494 o Tratado de Tordesillas, polo que se establecía como liña divisoria o meridiano que pasaba a 370 leguas
ao oeste das illas de Cabo Verde, de modo que os territorios situados ao oeste serían para Castela (América e o
Pacífico), e os situados ao leste para Portugal (África, Asia e a costa de Brasil).

CONTEXTUALIZACIÓN PARA OS HABSBURGO.


Os Reis Católicos ampliaron os territorios das Coroas de Castela e Aragón por medio de conquistas e anexións: conquistan
o reino de Granada (1492), reintegran o Rosellón e a Cerdaña, territorios cataláns situados ao norte dos Pirineos, que foran ocupados
por Francia e que esta devolveu en 1493, expansión polo Mediterráneo que permite a incorporación de Nápoles (1505) e varias
prazas ao norte de África como Melilla (1497) e Orán (1509), ao que se sumará a anexión de Navarra (1512).

Ademais da unificación da Península e o control polo Mediterráneo inician tamén unha política de expansión polo Atlántico que
leva ao descubrimento de América por Cristovo Colón no 1492 e á conquista das illas Canarias (1496), enclave estratéxico das rutas
comerciais cara África e Asia . Os novos descubrimentos enfrontaron a Castela con Portugal, para delimitar a soberanía das súas
zonas asinaron en 1494 o Tratado de Tordesillas, polo que se establecía unha liña divisoria entre ambas posesións, o meridiano que
pasaba a 370 leguas ao oeste das Illas de Cabo Verde: os territorios situados ao oeste serían para Castela (América e o Pacífico) e
os territorios situados ao leste serían para Portugal (África , Asia e a costa de Brasil).

Os RRCC empregaron aos seus fillos como baza diplomática para conseguir alianzas con outros reinos mediante matrimonios. A
súa estratexia foi establecer relacións cordiais e familiares con Portugal e illar a Francia (os seus intereses enfrontábanse en Navarra
, no Rosellón, Cerdaña e en Italia ) asinando alianzas cos Habsburgo.

No 1504 faleceu Sabela de Castela (os seus fillos maiores morren sen descendencia: Xoán e Sabela), herdou a Coroa de Castela
Xoana, que estaba casada co arquiduque Filipe de Habsburgo. En Aragón seguiu reinando Fernando que se volveu a casar con
Xermana de Foix (irmá do rei de Francia), coa que tivo un fillo, Miguel, que morreu ao pouco de nacer.

Cando morreu Fernando no 1516, Xoana herdou tamén a Coroa de Aragón. A súa incapacidade para reinar, levou a que o seu fillo
Carlos exercese o poder (aínda que Carlos mantivo asociada ao trono á súa nai ata a súa morte).

Carlos inicia o seu reinado en España no 1516, a nova dinastía dos Habsburgo (Austria) mantívose no trono de España durante os
séculos XVI e XVII. Nesta etapa España formou un gran Imperio e converteuse nunha potencia hexemónica mundial, xa que goberna
as Coroas de Castela e Aragón e diferentes territorios espallados por Europa, América e o Pacífico. Este inmenso territorio de reinos
e pobos foi denominado Monarquía Hispánica.

A Monarquía Hispánica presentaba unha gran dispersión territorial, que dificultaba a cohesión e multiplicaba os problemas e os
inimigos. A distancia dificultaba a comunicación de noticias entre as diferentes zonas e tamén a toma de decisións. O principal lazo
de unión era a obediencia a un único monarca, o rei reinaba e gobernaba de forma autoritaria, pero debía respectar as limitacións
establecidas nos distintos territorios sobre os que exercía a súa autoridade.

Para manter os principios básicos do seu goberno: reputación e honra da Dinastía, integridade dos seus reinos e defensa da fe
católica, recórreo tanto á diplomacia como ás guerras. As guerras obrigaron a manter un poderoso exército, os terzos españois: eran
as unidades militares do exército español durante o reinado dos Austrias (Habsburgo) que se fixeron famosos pola súa resistencia
no campo de batalla. Os seus membros eran recrutados en todos os dominios dos Habsburgo, foron fundamentais no control e éxito
das batallas en terra e ás veces tamén na hexemonía marítima. Foron a mellor infantería durante un século e medio e mesturaron de
forma favorable as picas (arma formada por unha asta de máis de tres metros para facer fronte aos ataques e cargas da cabalería) e
as armas de fogo, os arcabuces (son os antecesores dos mosquetes e o seu uso esténdese na infantería europea nos séculos XV ao
XVII) tiñan un tiro de curto alcance pero moi letal, a organización dos terzos variou moitísimo ao longo da súa existencia.

Os españois participaron en frecuentes e numerosas guerras que tiveron como inimigos aos reinos europeos: a Francia (polo
dominio de Italia, Borgoña e os Países Baixos ), a Holanda (por cuestións relixiosas e polo control de rutas comerciais marítimas),
a Inglaterra (por motivos relixiosos, políticos e económicos), aos Estados protestantes alemáns (por motivos relixiosos), aos
Estados do Norte de África e o Imperio Turco (polo dominio do Mediterráneo e o control da piratería).

As guerras foron en xeral favorables para os monarcas españois ata o 1640 e a partir desta data: as crises internas, o incremento dos
rivais e o esgotamento dos recursos fixeron que a monarquía Hispánica perdese o seu papel predominante e hexemónico en Europa
(agravado polo endebedamento da coroa -bancarrotas- e o progresivo empobrecemento de Castela).

10. A CONFIGURACIÓN DO IMPERIO ESPAÑOL NO SÉCULO XVI. Herdanza de


Carlos I. Os cambios en tempos de Filipe II: rebelión de Flandres. Incorporación de Portugal. Guerra contra
Inglaterra.
Nesta pregunta o alumnado deberá explicar a herdanza que recibiu Carlos I de súa nai, Xoana de Castela, e de seu pai, Filipe o Fermoso, para
posteriormente comentar os cambios que sufriu ese conglomerado territorial na segunda metade do século: o reparto de posesións tras a súa
abdicación entre o seu fillo Filipe e o seu irmán Fernando; a incorporación de Portugal e das súas posesións á monarquía de Filipe II; e a rebelión
de Flandres, que contou co apoio inglés e foi un dos elementos que daría lugar á guerra contra Inglaterra.

CARLOS I E A SÚA HERDANZA: Carlos de Habsburgo naceu no ano 1500 en Gante (Países Baixos), fillo de
Filipe “o fermoso” e Xoana “a tola”, vai herdar dos seus avós un inmenso imperio que o converteu no monarca
máis poderoso da súa época:
➢ En 1515 recibe as posesións da Casa de Borgoña: os Países Baixos, Luxemburgo o Franco Condado e
outros territorios de Europa Central.
➢ Herdou a Coroa de Castela, coas súas posesións do norte de África e América. En 1516 herdou a Coroa de
Aragón, recibiu tamén as súas posesións na Península Italiana e no Mediterráneo.
➢ En 1519, herdou as posesións da Casa dos Habsburgo, que incluían Austria e outros territorios de Alemaña.
Ademais foi elixido emperador do Sacro Imperio Xermánico (Carlos I de España e V de Alemaña, para
sufragar os gastos de ser nomeado emperador solicitou ás Cortes de Castela un elevado subsidio, que
conseguiu mediante ameazas e sobornos).
Esta acumulación de títulos e de terras levou ao emperador a defender unha actuación baseada na súa supremacía
sobre o resto dos reis cristiáns (entendida como obediencia e vasalaxe). Carlos actuou como cabeza e árbitro da
Universitas Christiana ou Imperio Universal que englobaría a todos os cristiáns de Europa, idea que non puido
conseguir devido á división relixiosa provocada pola Reforma Protestante, a escasa colaboración e o enfrontamento
con Francia. Carlos I tivo que facer fronte a diferentes conflitos durante o seu reinado, algún deles internos (as
Comunidades e as Xermanias) e outros externos como:
➢ As rivalidades con Francia, Carlos I mantivo varias guerras contra Francisco I e o seu fillo Henrique polo
dominio de Navarra, Milán, Nápoles e Borgoña, sen darse un vencedor claro. Entre as vitorias imperiais
destacan a Batalla de Pavía no 1525 (na que Francisco I foi feito prisioneiro) ou a invasión ou devastamento
de territorios franceses ou dos seus aliados (saqueo de Roma 1527, Clemente VII era aliado de Francia).
Os enfrontamentos con Francia levaron a paces e treguas que non alteraron en esencia a situación: Francia
renuncia aos dereitos en Italia e Carlos I renunciou aos que tiña sobre o antigo Ducado de Borgoña e logrou
a anexión definitiva do Ducado de Milán (1536) vital para a comunicación entre os seus reinos.
➢ A loita e defenda pola unidade relixiosa, foi vital para o emperador. Hai dúas fontes: A loita contra os
príncipes alemáns, a expansión das doutrinas de Lutero poñen en perigo a unidade relixiosa do Imperio e
mestúranse coas cuestións políticas (os príncipes alemáns favorecen ao luteranismo). Intentáronse vías de
negociación pero fracasaron, isto levou ao enfrontamento militar, os príncipes protestantes uníronse, pero
foron derrotados na Batalla de Mulhlberg (1547), aínda así os protestantes negáronse a renunciar ás súas
ideas e reiniciaron a guerra. Ante o fracaso da súa política, Carlos decretou a Paz Perpetua de Augsburgo
en 1555, pola que se recoñecía o dereito dos príncipes alemáns a establecer a súa relixión nos seus
dominios. A guerra contra o Imperio Otomán, os turcos dirixidos por Solimán o Magnífico, continuaron
a súa expansión polo val do Danubio e o Norte de África, ameazando as costas do Mediterráneo co apoio
á piratería. Carlos I organizou varias operacións entre as que destacan: o éxito na defensa de Viena (1532),
a toma de Túnez (1535) o fracaso ante Alxer (1541).
O desgaste político foi moi grande, ao que se sumou a dificultade de manter o Imperio e o seu propio esgotamento,
polo que o emperador se viu obrigado a abdicar e dividir as súas posesións entre o seu irmán Fernando (quédase
cos ducados austríacos e a dignidade imperial) e o seu fillo Filipe (dalle os estados italianos, Países Baixos e as
coroas de Castela e Aragón).
O REINADO DE FILIPE II, entre 1555-56, Filipe II herdou do seu pai un gran Imperio que durante o seu goberno
ampliou de maneira notable. Herdou as Coroas de Borgoña (Países Baixos, Luxemburgo e Franco Condado) e a
de España, ademais das posesións italianas e americanas. Tamén foi durante un curto período de tempo (1554-58)
rei de Inglaterra polo matrimonio coa súa tía María Tudor. Os grandes obxectivos da súa política interior e exterior
foron: a defensa do catolicismo e a intolerancia relixiosa, e o mantemento da hexemonía da súa Dinastía en Europa
e Ultramar. Para gobernar o seu vasto imperio valeuse dun poderoso exército permanente e dunha complexa
administración que dirixiu persoalmente.
Concedeu a máxima importancia aos reinos hispánicos, gobernou desde España, onde instalou a capital da
Monarquía en Madrid, nomeada vila e Corte desde 1561. Os seus principais conselleiros eran españois e Castela
continuou sendo o reino de máis peso económico e político, aínda así prevalecen os intereses dinásticos sobre os
propiamente españois.
A pesar do seu poder tivo que facer fronte a varias rebelións importantes nos territorios españois: as alteracións
en Aragón (alimentadas pola oligarquía local e a xustiza maior de Aragón, son disputas do rei e o Maxistrado
Superior do Reino de Aragón que protexía os privilexios forais), a sublevación dos mouriscos nas Alpuxarras
(debido á intolerancia relixiosa do monarca e ao prohibir o uso da lingua árabe e a vestimenta tradicional).
No exterior destacan:
➢ A REBELIÓN DE FLANDRES: os Países Baixos eran un conglomerado de estados unidos unicamente
pola obediencia ao mesmo rei e nos que arraigou fortemente a doutrina protestante. A intolerancia relixiosa
de Filipe II provocou revoltas e motíns anticatólicos, así no 1567 foi enviado o Duque de Alba cun potente
exército para reprimir as desordes. A pesar da dura represión, a rebelión non cedeu, sobre todo nas
provincias do norte, que non recoñecían a soberanía do rei español, defendían o protestantismo e formaron
as Provincias Unidas baixo o liderado de Guillerme de Orange (Unión de Utrech). Filipe II tivo que atender
outras frontes así que, os rebeldes (que tiñan o apoio inglés) consolidaron a súa posición. Fronte ao norte
protestante, o sur dos Países Baixos mantívose na obediencia a Filipe II e no catolicismo.
➢ A INCORPORACIÓN DE PORTUGAL: en 1580 morre sen descendentes directos o rei de Portugal e
Filipe II reclamou o trono por ser fillo dunha princesa portuguesa. Asegurou os seus dereitos empregando
a diplomacia para gañarse aos nobres e ao clero, invadindo Portugal cun exército mandado polo Duque de
Alba. No 1581 as Cortes portuguesas recoñecen a Filipe II como rei, este comprométese a manter as súas
liberdades e institucións propias. A integración de Portugal significou, ademais da unidade peninsular, a
incorporación do seu enorme imperio de posesións en África, Asia e América, naquel momento podíase
dicir que nos dominios de Filipe II non se poñía o sol.
➢ A LOITA CON FRANCIA: ao comezo do seu reinado, Filipe II liquidou os asuntos pendentes con
Francia, derrotándoa definitivamente na Batalla de San Quintín. A partir deste momento, Francia quedou
neutralizada sumida en interminables guerras civís e relixiosas. Así, deixou de ser unha ameaza para o
Imperio español.
➢ O IMPERIO TURCO volvía ameazar con forza polo Mediterráneo. Unha frota ao mando de D. Xoán de
Austria derrotou aos otománs na Batalla de Lepanto.
➢ O PROBLEMA CON INGLATERRA: motivos de tipo relixiosos (cisma anglicano), políticos (apoios
aos rebeldes protestantes dos Países Baixos) e económicos (ataques dos piratas ingleses) agravaron as
diferenzas entre Sabela I de Inglaterra e o rei español. Filipe II organizou a invasión e a conquista de
Inglaterra, para conseguilo formou unha armada que debía ir ata os Países Baixos para embarcar alí os
terzos españois e asaltar Inglaterra. A Grande Armada formada por máis de 130 navíos e 25.000 homes
reuniuse en 1588 en Lisboa, recalou na Coruña e despois partiu cara Flandres, para reunirse alí co exército
de Alessandro Farnesio. Á altura de Plymouth comezaron os primeiros combates coa armada inglesa
dirixida por Howard, aos que seguiron outros sucesivos que dispersaron a frota. Os ventos, a falta dun porto
seguro e os continuos ataques dos ingleses, impediron o embarque das tropas. A axilidade das naves
inglesas obrigou á Grande Armada a entrar no Mar do Norte e a dar a volta as Illas Británicas para regresar.
Os temporais esnaquizaron a meirande parte da frota que se afundiu fronte as costas escocesas e irlandesas
(só regresaron 66 barcos e 10.000 homes). Ironicamente os seus inimigos a cualificaron como “Armada
Invencible”, posteriormente os ingleses enviaron diferentes ataques á Coruña, Lisboa ou ás Azores.
A fin do reinado de Filipe II vai dar lugar ao do seu fillo Filipe III, que a diferenza dos seus antecesores
confiou as tarefas do seu goberno a un valido, neste caso o Duque de Lerma, durante o seu reinado
continuaron os enfrontamentos anteriores, pero os resultados incertos e os problemas económicos levaron
á firma da Paz con Inglaterra e unha tregua con Holanda.

11. A CRISE SOCIOECONÓMICA DO SÉCULO XVII (a crise demográfica, o deterioro da


economía, os problemas da facenda real).
Nesta pregunta o alumnado debería explicar as razóns da crise demográfica e económica, facendo fincapé no papel das epidemias e das crises de
subsistencia, no declive da produción agraria e manufactureira, na redución das chegadas de metais preciosos de América e na crise da Facenda
real. Tamén deberá dar conta dos efectos da mesma, en particular do incremento da presión señorial e as propostas dos arbitristas, así como dos
diversos ritmos da recuperación peninsular na segunda metade do século XVII.

Do século XVI ao XVII os cambios son substancias a nivel político, económico, demográfico... Tradicionalmente
no século XVI coa monarquía dos Austrias maiores (Carlos I e Filipe II) desenvólvese o período de
engrandecemento da Monarquía Hispánica ocasionado polas vitorias militares, pola chegada de inmensos recursos
en metais preciosos procedentes de América, acompañado dun desigual crecemento demográfico. No século XVII,
cos Austrias menores (Filipe III, Filipe IV e Carlos II), os reis deixan os seus gobernos nas mans dos validos,
descenden as remesas de metais preciosos, diminúe o comercio americano xunto coa chegada das derrotas
militares, do endebedamento e da perda de diferentes territorios. Na actualidade, os historiadores distinguen o
último terzo do século XVII (1660/80) identificando certa recuperación demográfica, produción agrícola,
estabilización do mercado interno... A nivel internacional, a Monarquía Hispánica amósase débil, pero logra resistir
aínda que con perdas, aos ataques do rei francés Luis XIV.
No século XVII, España foi un dos países máis afectados polas crises, sobre todo en termos demográficos,
económicos e sociais:
➢ CRISE DEMOGRÁFICA, a poboación peninsular estancouse ou incluso decreceu durante o século XVII
debido a múltiples causas: as epidemias de peste afectaron a toda a Península en diferentes oleadas (1597-
1602, 1647-1652 e 1676-1685), sendo a primeira a máis grave de todas; a reiteración de malas colleitas
provocaba crises de subsistencia (1606/1615/1631); a expulsión dos mouriscos (1609), fixo diminuír a
poboación dalgúns reinos como Valencia e Aragón. Non podemos esquecer a mortalidade provocada polas
frecuentes guerras e a emigración a América de persoas que buscaban unha vida mellor no novo Continente.
A combinación de todos estes factores fixo que aínda que falemos de certa repercusión demográfica a finais
do século XVII no 1700 os datos de poboación sexan practicamente os mesmos que no 1600.
➢ CRISE ECONÓMICA, no século XVII en España a recesión económica acadou tintes moi graves pola
súa coincidencia coa crise política e fiscal da monarquía. As manifestacións máis destacables deses
problemas económicos foron: a crise das actividades téxtiles sobre todo en Castela, a diminución da
demanda, o aumento de impostos e a competencia estranxeira arruinaron aos artesáns casteláns; a
diminución da chegada de metais preciosos de América, sobre todo porque boa parte deles ían a parar
directamente a comerciantes estranxeiros ou se destinaban a pagar as débedas da Monarquía; moitos
centros artesanais arruináronse,, o que levou ao descenso importante dos intercambios comerciais con
América, o que en gran medida debeuse á competencia francesa, inglesa e holandesa; prodúcese a
QUEBRA DA FACENDA REAL. O incesante aumento dos gastos e a diminución dos ingresos conducen
de forma periódica á bancarrota do Estado, a subida de impostos afogaba cada vez máis aos sectores
produtivos, aumenta o recurso á débeda pública (xuros: títulos de débeda pública garantizados polos futuros
ingresos do Estado) e á emisión de moeda de pouca calidade. Provócase así unha maior inflación e un
agravamento da recesión económica. Os monarcas ante a escaseza de metais, van alterar e manipular as
moedas en circulación, dando lugar ao resello (consiste en volver a sellar unha moeda xa acuñada
poñéndolle un novo e superior valor nominal) e diversas alteracións na lei do metal. As crises da facenda
real foron un grave problema interno durante todo o reinado de Filipe II (como causa fundamental os custos
da política exterior), a primeira bancarrota do Estado declarouse no ano 1557, a esta sucédenlle outras no
1575 e no 1597.
Con estas medidas a situación económica e monetaria agravábase provocando a subida espectacular dos
prezos, o que levou a unha maior polarización social, un maior empobrecemento, debilidade da burguesía...
A sociedade seguía dividida en privilexiados e non privilexiados con grandes diferenzas dentro dos propios
estamentos, ademais os Austrias aplicaron con frecuencia a venda de títulos nobiliarios para obter ingresos,
títulos por méritos e servizos á Coroa (nobreza de toga). Os grupos máis desfavorecidos tiñan que facer
fronte a un contexto cada vez máis pesimista que demostraba a decadencia clara do país.
En Cataluña e Valencia as condicións económicas comezaron a recuperarse desde mediados de século, e a
finais a mellora da economía era evidente no crecemento da agricultura, a industria e o comercio. Non
obstante, en Castela só a partir de 1680 diminuirán as crises de subsistencia e apréciase a repercusión na
poboación e na produción agraria. Ao mesmo tempo, as medidas deflacionarias adoptadas polos gobernos
de Carlos II permitiron á estabilización do mercado interno, e sentan as bases para a recuperación
económica. Internacionalmente, a monarquía hispánica amósase débil pero logra resistir, aínda que con
perdas, os ataques do rei francés Luis XIV e manter o Imperio de América.
12. O VALIMENTO DO CONDE-DUQUE DE OLIVARES E A CRISE DA
MONARQUÍA (os proxectos de reforma, as revoltas de Cataluña e Portugal).
Nesta pregunta o alumnado debería explicar as reformas que intentou poñer en marcha o valido para facer fronte á crise sufrida pola monarquía,
fundamentalmente o proxecto da Unión de Armas, os seus resultados e efectos. Entre eles deberá dedicar especial atención ás revoltas de Cataluña
(motivacións, intervención francesa e resultado) e Portugal (razóns da rebelión do duque de Braganza, estalido da guerra e independencia de
Portugal).

A principal innovación no funcionamento da monarquía española do século XVII foron os validos, persoas de
plena confianza do monarca para levar a cabo as labores de goberno. Gobernaban á marxe do sistema institucional
da monarquía (os consellos), e no seu lugar crearon as Xuntas reducidas e compostas polos seus partidarios, o que
levou ao aumento da corrupción e o nepotismo.
En 1621 comeza o reinado de Filipe IV (1621-1665), que nomea como valido a Gaspar de Guzmán, Conde-duque
de Olivares. Olivares naceu e pasou os seus primeiros anos en Roma, como segundón dunha familia nobre, foi
educado para adicarse ao estado eclesiástico. Coa morte dos seus irmáns cambiou o seu destino, no 1615
converteuse en xentilhome (nobre que vivía na casa dos reis e príncipes) do príncipe Filipe con que gañaría a
confianza do futuro rei. Cando accedeu ao trono Filipe IV, pasou a controlar a situación e fíxose cargo do goberno
como o seu valido. A personalidade de Olivares foi moi diferente á do Duque de Lerma (valido de Filipe III que
fomentara unha política de pacificación a nivel internacional e achegamento a Francia), o seu programa político
propoñía reforzar o poder real eliminando os privilexios forais dos seus reinos e impoñer en todos eles as leis de
Castela (eran as máis favorables para o poder real), para conseguilo debían empregarse todo tipo de medidas,
incluída a guerra. Esta política impositiva e uniformadora xerará protestas e alteracións nos diferentes reinos da
Monarquía. Dentro dos problemas internos destacamos:
➢ MOTÍN DO SAL DE BISCAIA (1631): motín de subsistencia, que tivo lugar debido ao prezo do sal e á
propiedade da mesma almacenada polo Señorío de Biscaia. A orixe está nunha Real Orde de 1631 que
eleva o prezo un 44%. A partir de entón só podía ser vendida pola Real Facenda, esto ía en contra dos
privilexios forais (os cartos irían a parar ao mantemento dos exércitos nas guerras do norte de Europa).
➢ A SUBLEVACIÓN DE CATALUÑA (1639) deu lugar a unha guerra que se prolongou ata 1652. No
1639 as tropas reais entraron en Cataluña para combater ás tropas francesas que invadiron o Rosellón. O
aloxamento das tropas castelás ocasionou tumultos que culminaran coa sublevación dos segadores e a
morte do vicerrei, o Conde de Santa Coloma en Barcelona (Corpus de Sangue, 7/6/1640). Revoltas
similares dánse en toda Cataluña e Olivares enviou ao exército para reprimilas e quixo aproveitar a
situación para modificar os privilexios forais. A gravidade foi tal que a Generalitat Catalá, liderada polo
deputado Pau Claris, convocou as Cortes e asumiu o goberno de Cataluña. As tropas reais ocuparon varias
cidades pero fracasaron ante Barcelona, en 1641 a Generalitat solicitou axuda a Francia e proclamou a Luis
XII Conde de Barcelona. O conflito alongouse e o temor ao dominio francés e as promesas de Filipe IV de
respectar os privilexios foron acabando coa resistencia dos cataláns. En 1652 as tropas reais entraron en
Barcelona e Filipe IV ratificou os privilexios forais de Cataluña.
➢ A INDEPENDENCIA DE PORTUGAL. O descontento portugués foi aumentando ante a política de
castelanización de Olivares, a obrigada participación de soldados portugueses no conflito de Cataluña e a
perda de parte do seu imperio colonial ante os ataques holandeses. Portugal aproveita a escaseza de tropas
debido aos moitos frontes que tiña abertos Filipe IV, así que unha conspiración de nobres consegue facerse
co poder e proclamar ao Duque de Braganza rei de Portugal no 1640. Houbo varios intentos de reconquistar
Portugal pero fracasan e España recoñeceu definitivamente a Independenza de Portugal no ano 1668 na
Paz de Lisboa.
Ademais de Cataluña e Portugal, outros reinos incrementaron o seu malestar debido ao custo a ás esixencias da
guerra. En Andalucía, Aragón e Navarra houbo intentos de crear reinos independentes por parte dos nobres locais.
Tamén houbo sublevacións en Nápoles e Sicilia provocadas polas malas colleitas, fame e aumento de impostos,
pero fracasaron e restableceuse o dominio español.
En política exterior o esforzo que fixo a Monarquía española durante o reinado de Filipe IV e o goberno do seu
valido o Conde duque de Olivares resultou excesivo. A derrota dos terzos españois en Rocroi no 1643 marcou o
fin da supremacía militar da Monarquía hispánica, obrigou aos españois á sinatura da Paz de Westfalia (1648)
pola que se recoñecía a independencia de Holanda. A loita contra Francia prolongouse algúns anos máis ata a Paz
dos Pireneos (1659), que deixaba clara a decadencia do monarquía e a hexemonía de Francia en Europa.
Non podemos esquecer os proxectos de reforma postos en práctica por Olivares, entre eles a reforma financeira e
militar. Destaca a Unión de Armas, un proxecto elaborado por Olivares no 1625, que consistía en asegurar a
supremacía militar da Monarquía hispánica. Establecía un reparto de carga militar e fiscal entre todos os reinos
(ata entón só recaían en Castela), o proxecto establecía a creación dun exército permanente de 140.000 homes,
repartidos entre os distintos reinos de acordo coa súa poboación e riqueza. O proxecto non se puido levar á práctica
pola oposición das cortes da Coroa de Aragón.
Estas reformas de Olivares inscribíanse nun plan máis amplo de unificar politicamente o reino e rematar coas súas
diferenzas (foros), creando unha estrutura máis centralizada do Estado, pero como xa explicamos, os reinos celosos
das súas prerrogativas opoñíanse a estas reformas e sucedéronse as protestas e rebelións xa explicadas.
A oposición aos plans renovadores fíxose sentir moi pronto, isto axudado polas crecentes dificultades de
financiación, a ausencia de persoal idóneo para levar adiante o seu programa de goberno e ao propio rexeitamento
que a figura do valido suscitaba, levou a que no ano 1643 Filipe IV prescindira dos seus servizos, momento no que
Olivares xa estaba enfermo. Morre no 1645.

13. ECONOMÍA E SOCIEDADE NA GALICIA DOS AUSTRIAS (a agricultura e as súas


transformacións, a importancia da pesca na Galicia litoral, a estrutura social: sociedade rendista e peso da
fidalguía).
Nesta pregunta o alumnado deberá explicar a evolución demográfica e económica experimentada polo territorio nos séculos XVI e XVII, poñéndoa
en relación coas características da agricultura e os efectos da introdución do millo, e salientando as crecentes desigualdades existentes entre a
Galicia interior e unha Galicia litoral con importante actividade pesqueira. Os caracteres da estrutura social e a conversión da fidalguía no grupo
rendista máis representativo serían outras das cuestións que terían que abordar na resposta.

CONTEXTO: Durante o reinado dos Austrias, Galicia mantivo unha posición periférica pero estratexicamente
importante por ser un punto vital na ruta marítima cara aos Países Baixos. Os Austrias potenciaron a organización
política do vello reino: Capitán Xeral, Real Audiencia e Xuntas do Reino. Galicia estaba dividida desde mediados
do século XVI en sete provincias creadas para o reparto de impostos e o recrutamento de soldados: A Coruña,
Betanzos, Santiago, Mondoñedo, Lugo, Ourense e Tui. No século XVI tamén se crearon as Xuntas, que eran o
organismo intermedio entre o reino de Galicia e a Coroa, encargadas de xestionar e poñer en marcha as decisións
da Coroa. Galicia foi obxecto de numerosos ataques por parte dos inimigos da Coroa, os seus portos foron punto
de partida das armas reais, despois da Independencia de Portugal (1640) sufriu accións bélicas nas súas zonas
fronteirizas, foron moi numerosas as levas de soldados voluntarios ou forzosos que se realizaron en Galicia para
combater nos diferentes escenarios bélicos.
Neste contexto ao longo dos séculos XVI e XVII a sociedade e a economía galegas eran fundamentalmente
agrarias, máis do 80% da poboación vivían no rural e o campo, a poboación estaba ligada as posibilidades
produtivas da terra. Ata 1560/80 en Galicia mantívose un sistema tradicional de produción feudal baseado no
cultivo de cereais (trigo e centeno) e no barbeito, que permitiu certo crecemento da poboación. A partir destas datas
(último terzo do século XVI), o desequilibrio entre poboación e recursos favoreceu a aparición de crises de
subsistencia con malas colleitas, fames e pestes que provocaron a diminución da poboación, sendo especialmente
grave o ciclo negativo de 1633-1636.
As dificultades estimularon a transformación do sistema de cultivo. Desde a costa cara o interior, foise estendendo
o cultivo do millo. O millo procedente de América alterou o sistema de rotacións, diminuíndo o barbeito. É tamén
importante o cultivo da pataca e a extensión de cultivos tradicionais como a vide. Coas melloras podemos destacar
tamén o auxe do comercio marítimo polos contactos coas colonias americanas que impulsan o crecemento das vilas
mariñeiras. Nestas vilas, para reactivar a súa economía ademais do comercio destaca a pesca. Prodúcese o
asentamento de numerosos comerciantes foráneos, principalmente vascos, asturianos, maragatos e cataláns. Cabe
destacar o caso dos “fomentadores” cataláns, comerciantes que dinamizaron o sector pesqueiro introducindo novas
técnicas de pesca e de conservación, así como o traballo asalariado e a comercialización a grande escala.
Mentres nas cidades da época, que en xeral eran pequenas, destacan a de Santiago de Compostela (polas funcións
relixiosas), A Coruña (sede das institucións de goberno) ou Pontevedra (relacionada coa pesca e a salgadura de
peixe, a sardiña). As actividades artesanais e comerciais foron escasas, nelas destaca a produción doméstica de
tecidos de liño. Os cambios permiten un crecemento da produción e da poboación, situación que contrasta co
panorama negativo do século XVII no resto de Europa.
En Galicia a minoría privilexiada eran os señores e donos da terra, fidalgos* e clérigos. Estes eran os principais
donos da terra e controlaban as rendas agrícolas a través do cobro dos foros. Destaca tamén como característica da
sociedade o absentismo da nobreza galega, que estivo en moitos casos asociada ás empresas políticas e militares
dos Austrias. Os Andrade, Lemos, Sarmiento, Monterrei... desempeñaron elevados cargos na Administración
(vicerreis, embaixadores) e vinculáronse coas familias nobiliarias castelás, así que foi vital o papel da fidalguía,
como novo grupo de poder que se instalou no campo e acaparou as rendas que lle tiñan que pagar os campesiños.
O seu poder púxose de manifesto coa construción dos pazos en todo o territorio galego.
*A fidalguía galega, integrada principalmente pola pequena nobreza, grupos de burgueses (escribáns,
escudeiros e comerciantes) e campesiños enriquecidos foise configurando como un grupo ben diferenciado
e cada vez máis poderoso, que centraba a súa actividade no cobro de rendas (foros, subforos e
arrendamentos). Convertéronse en intermediarios entre os propietarios (nobreza e clero) e os labregos, que
cultivaban a terra e pagaban foros e arrendamentos. O ascenso da fidalguía galega, como grupo de poder,
explícase pola estrutura e organización da propiedade da terra en Galicia. Tamén contribuíu o absentismo
da alta nobreza, que deixa un baleiro de poder que vai ser ocupado pola fidalguía.
TERMOS A DEFINIR BLOQUE 3.
CONVERSO: persoa que acepta unha crenza relixiosa ou ideoloxía diferente á que profesaba. Na España dos
séculos XVI e XVII aplicábase especialmente aos musulmáns e xudeus, que se convertían ao cristianismo. O
aumento do número de conversos agravou o odio popular contra estes novos cristiáns. Moitos deles foron vítimas
do tribunal da Inquisición.
GRAN ARMADA: gran frota formada por Filipe II en 1588 para desembarcar en Inglaterra e destronar á raíña
protestante Sabela I. Os ataques ingleses e os temporais obrigaron ás naves a dar a volta rodeando as illas británicas.
Nesa traxectoria moitos barcos naufragaron. Dos 130 navíos que partiron, regresaron 66; e dos 25.000 homes,
unicamente uns 10.000 puideron salvarse.
MOURISCO: musulmán obrigado a converterse ao cristianismo por orde dos monarcas. A conversión forzosa
significou a fin oficial da poboación musulmá en España, pero moitos deles continuaron mantendo a súa lingua,
vestimentas e costumes, especialmente os que vivían no territorio do reconquistado Reino de Granada.
TERZOS: unidade militar de infantería de ataque e defensa formada por soldados profesionais voluntarios e de
recrutamento, creada e sostida polos Habsburgo españois durante os s. XVI e XVII, destacando polo seu número
e forma os Terzos de Flandes.
UNIÓN DE ARMAS: proxecto político elaborado en 1625 polo valido de Filipe IV, o Conde Duque de Olivares,
no que propoñía o reparto da carga militar e fiscal entre todos os reinos da monarquía hispánica que ata entón
recaía unicamente sobre Castela. O proxecto suscitou unha forte oposición e fracasou pola rebelión de Cataluña e
Portugal.
VALIDO: secretario real ao que o soberano outorgaba a súa confianza e a dirección do goberno do Reino.
Xeneralizouse no s. XVII cando os monarcas abandonaron o exército directo do goberno. Entre os validos
destacaron os duques de Lerma e de Uceda no reinado de Filipe III e o Conde Duque de Olivares no reinado de
Filipe IV.
XUNTAS DO REINO DE GALICIA: institución creada no s. XVI que actuaba como portavoz das sete
provincias de Galicia e desde 1528 como representación do Reino de Galicia. Actuaba como un organismo
intermediario entre o Reino de Galicia e a Coroa de España. As xuntas eran convocadas polo monarca,
normalmente cando necesitaba aumentar impostos ou facer levas de soldados, e estaban presididas polo capitán
xeral de Galicia.

You might also like