You are on page 1of 18

Tema 7

A formación do Imperio Hispano


1.- A aparición do Estado moderno
As monarquías autoritarias

Cara finais da Idade Media, algúns reis europeos fóronse impoñendo sobre a nobreza,
consolidando a súa autoridade e creando monarquías fortes.
Progresivamente foron limitando o poder da nobreza, da Igrexa e dos municipios, e
pasando a gobernar de maneira persoal. Esta nova forma de goberno coñécese como
monarquía autoritaria.
Estes monarcas puxeron en marcha unha serie de medidas:
• Crearon unha administración centralizada.
• Formaron exércitos permanentes, para non depender das tropas dos señores
feudais.
• Limitaron a actuación das asembleas representativas (Cortes ou parlamentos),
convocándoas en reducidas ocasións.
• Aumentaron os impostos á xente do común para pagar aos funcionarios e ao
exército.
• Desenvolveron a diplomacia, ou sexa, as relacións internacionais para defender
os seus intereses fronte a outros Estados.
• A corte deixou de ser itinerante. Co paso do tempo, a cidade onde o monarca
estableceu a súa residencia pasou a ser a capital do reino.

As distintas monarquías europeas a comezos da Idade Moderna

A comezos do século XV e XVI consolídanse cinco grandes monarquías en Europa:


• Francia: Rematada a guerra dos Cen Anos, os reis franceses unificaron a
administración, atraeron a nobreza á corte e beneficiaron á burguesía para
poñela da súa parte. Durante o reinado de Francisco I (1515-1547), Francia
converteuse nunha gran potencia.
• Inglaterra: A guerra das Dúas Rosas, no século XV, debilitou á nobreza e
permitiulles aos reis da dinastía Tudor crear unha monarquía forte. Na época de
Henrique VIII (1509-1547) reforzouse o poder real, especialmente a costa da
Igrexa, coa fundación da Igrexa Anglicana, separada de Roma.
• Monarquía Hispánica: formada polos Reis Católicos, que gobernaron
conxuntamente Castela e Aragón, facéndose con diversos territorios en Europa
e conquistando outros en América e Oceanía.
• Portugal: na época de Xoán II (1481-1495) someteuse á aristocracia e
impulsouse a exploración e conquista de novas terras, o que proporcionou á
coroa portuguesa enormes riquezas.
• Rusia: Iván III O Grande (1462-1505) unificou e ampliou o país. Máis adiante, Iván
IV O Terrible (1533-1584), adoptou o título de tsar ou emperador de Rusia.
2.- Os Reis Católicos

A unión dinástica

Isabel, irmá do rei de Castela, e Fernando, fillo do rei de Aragón, casaron en 1469. Isabel
converteuse en raíña de Castela en 1474, mentres que Fernando herdou o trono de
Aragón en 1479. Deste xeito produciuse a unión dinástica entre as coroas de Castela e
Aragón. Aínda que os reis gobernaban conxuntamente, cada reino mantivo as súas
propias leis e institucións.
O fortalecemento da autoridade real

Entre as medidas que tomaron os Reis Católicos para fortalecer a súa autoridade,
destacan as seguintes:
• En Castela crearon a Santa Irmandade, un corpo policial e xudicial para loitar
contra o bandoleirismo nas zonas rurais.
• Crearon un exército profesional e permanente.
• Reorganizaron a facenda real para aumentar os ingresos.
• Reorganizaron a xustiza real fortalecendo as chancelarías.
• Nomearon corrixidores para aplicar a política real nos municipios.
• Crearon un sistema de consellos para asesorar ao monarca nas tarefas de
goberno. O máis importante era o de Castela, pero tamén crearon o de Aragón,
o de Indias, o da Inquisición, o das Ordes Militares, etc.

A busca da unidade relixiosa

Os Reis Católicos buscaron a uniformidade relixiosa dos seus reinos. Para iso, en 1478,
estableceron o Tribunal da Santa Inquisición, encargado de perseguir aos herexes.
En 1492 decretaron a expulsión dos xudeus que non se quixeron converter ao
cristianismo. Os que se converteron foron chamados conversos.
En 1502, rompendo os pactos asinados trala rendición de Granada, que prometía
tolerancia cos musulmáns, decretaron a expulsión dos musulmáns que non se
converteran. Os que se converteron foron chamados mouriscos.

A expansión territorial baixo os Reis Católicos

En 1492 conquistaron o reino de Granada, que foi incorporado á coroa de Castela, co


que se daba por rematada a Reconquista. Seguidamente incorporaron diversas prazas
do norte de África como Melilla (1497) e Orán (1509).
Tamén concluíron a conquista das illas Canarias en 1496, e financiaron a expedición de
Colón que rematou co descubrimento de América, que deu inicio á conquista desas
terras.
En 1504, o reino de Nápoles foi reintegrado na Coroa de Aragón. En 1512, unha vez
falecida Isabel, Fernando conquistou o reino de Navarra, que foi incorporado a Castela.

Paralelamente, estableceron unha política de alianzas matrimoniais con outros Estados


europeos, co fin de reforzar a súa posición fronte a Francia, que era seu gran rival.
3.- O Imperio Hispánico

O Imperio de Carlos V

En 1516, Carlos I tomou posesión da herdanza dos seus avós, os Reis Católicos. Pouco
despois herdou Austria e o ducado de Borgoña dos seus avós paternos, incluíndo os seus
dereitos para ser elixido emperador.
Carlos naceu e educouse en Flandres. Cando, en 1517, chegou a Castela, non coñecía o
idioma e situou nos postos de goberno aos seus amigos e conselleiros flamencos.
Cando faleceu seu avó, o emperador Maximiliano de Austria, en 1519, Carlos forzou ás
cortes de Castela para que lle concedesen o diñeiro necesario para optar ao título de
emperador. En 1520 partiu cara Alemaña, onde foi recoñecido emperador co nome de
Carlos V.
Despois da marcha do rei os casteláns manifestaron o seu malestar, pois consideraban
que o diñeiro do reino debía ir destinado a atender as súas necesidades, e tamén porque
Carlos deixara como rexente ao cardeal Adriano de Utrech. Así estalou a revolta das
Comunidades de Castela. Esta revolta fracasou pois os nobres apoiaron ao rei, e moitas
cidades volvéronse atrás, sendo derrotados os comuneiros en 1521.

Paralelamente, en Valencia e Mallorca tamén estalaron revoltas populares en contra da


nobreza, coñecidas como Xermanías. Os rebeldes foron derrotados co apoio do rei.

Ambas revoltas fracasaron, pero serviron para que Carlos I se apoiase máis en
conselleiros hispanos e cambiase a súa forma de gobernar.

Unha árbore xenealóxica representa graficamente os antepasados dunha persoa.

A Monarquía hispánica de Felipe II

En 1556, Carlos I abdicou e dividiu as súas posesións. A seu irmán Fernando cedeulle os
territorios austríacos, así como os dereitos ao título imperial. O resto das súas posesións
foron para seu fillo, Felipe II.

Aos territorios herdados de seu pai, Felipe II engadiu, en 1580, o reino de Portugal, que
incluía os seus dominios en África, Asia e Brasil. O rei portugués, D. Sebastián, morrera
sen descendencia, e Felipe II reclamou o trono por ser fillo dunha infanta portuguesa.

Felipe II estableceu a súa corte en Madrid, desde onde gobernaba o imperio máis
poderoso da súa época, por iso se lle chama Monarquía Hispánica. Con todo non
debemos esquecer que se trataba de distintos reinos, cada un coas súas leis e
institucións. Por iso os intentos centralizadores de Felipe II tiveron oposición nalgúns
reinos. Destaca a revolta de Aragón de 1591 na defensa dos seus foros, relacionada co
caso do secretario real, Antonio Pérez.
Felipe II foi o gran defensor do catolicismo fronte á Reforma protestante e tamén fronte
ao islam. Atacou calquera brote de protestantismo nos seus territorios, reforzou o papel
da Inquisición, prohibiu a entrada en España de libros estranxeiros e a saída de
estudantes a outros países.
Esta defensa a ultranza do catolicismo levouno a ter que enfrontar a sublevación dos
mouriscos de Granada en 1568. Sospeitábase que só unha minoría deles profesaba
realmente o cristianismo, polo que foron perseguidos pola Inquisición. Isto provocou
unha rebelión que foi sufocada con dureza. Uns 100.000 deles foron deportados e
dispersados por toda Castela.

O caso de Antonio Pérez

Antonio Pérez era un secretario real que foi acusado de asasinato. Fuxiu a Zaragoza para
eludir a xustiza castelá e, como era aragonés, ser xulgado de acordo ás leis de Aragón.
Felipe II acusouno ante a Inquisición, que tiña xurisdición nos
dous reinos, que o condenou a morte por herexe.
A entrada da Inquisición en Zaragoza, en 1591, para prendelo,
provocou graves disturbios, encabezados polo Xustiza Maior de
Aragón, Juan de Lanuza, pois consideraba que se violaran as leis
de Aragón.
Felipe II tivo que enviar un exercito para sufocar a revolta. Juan
de Lanuza foi executado, pero Antonio Pérez conseguiu
escapar. Desde o exilio alimentou a lenda negra contra Felipe II.

Os problemas financeiros do Imperio

As continuas guerras nas que se viu inmersa a Monarquía Hispánica, especialmente as


de relixión, provocaron uns enormes gastos, polo que tanto Carlos I como Felipe II
tiveron enormes dificultades
para financiarse.
Nin as grandes cantidades de
ouro e prata procedentes de
América, nin os incrementos de
impostos, sobre todo en
Castela, foron suficientes, polo
que se tivo que recorrer ao
endebedamento.
Felipe II, sen recursos para
devolver estes préstamos, tivo
que suspender pagos en varias
ocasións.
4.- A organización do Imperio

Os órganos de goberno

Carlos I e Felipe II continuaron o proceso de implantación da monarquía autoritaria dos


Reis Católicos, pero aumentaron a centralización.

A Monarquía Hispánica (ou Monarquía Católica, como era coñecida naquela época),
estaba formada por territorios diferentes, coas súas propias leis e as súas propias
institucións. O nexo de unión era ter un mesmo rei. O rei gobernaba, dirixía a política
exterior, o exército e ocupábase da administración dos impostos. Con todo, moitas das
súas decisións, como a creación dun novo imposto ou a promulgación dunha lei, tiñan
que ser aprobadas polas cortes de cada territorio.
O rei contaba, para o seu asesoramento, cos consellos. Había consellos territoriais, que
se encargaban dun territorio concreto, como é o caso dos consellos de Castela, Aragón,
Flandres, Indias, Portugal ou Italia. Os consellos temáticos ocupábanse de materias
específicas como o consello de Estado, o de Facenda ou o da Inquisición. Só o Consello
de Estado tomaba decisións aplicables a todo o Imperio, xa que nel tratábanse as
cuestións internacionais e os asuntos de maior transcendencia.

A nivel territorial, en cada territorio había un vicerrei, un gobernador ou un capitán


xeneral, que representaba ao rei e gobernaba no seu nome. As chancelarías e as
audiencias eran os tribunais supremos de xustiza.

Nalgúns territorios había institucións encargadas de controlar que o rei non vulnerase
as leis propias deses territorios. É o caso do Xustiza Maior de Aragón.

A sociedade

Estaba dividida en estamentos privilexiados (nobreza e clero) e non privilexiados (xente


do común).
Os privilexiados non pagaban case impostos e tiñan leis e tribunais propios. De todas
formas, dentro da nobreza había diferencias que ían desde a alta nobreza, que posuía
extensas propiedades e acaparaba os cargos de goberno; ata a baixa nobreza, formada
polos fidalgos que, ás veces, non tiña diñeiro nin posesións.
Dentro do clero, tamén había alto clero (cardeais, bispos, abades, etc.), e baixo clero
(freires, monxas e curas).
A xente do común pagaba impostos e dedicábase a actividades produtivas. Comprendía
desde burgueses e grandes comerciantes, enriquecidos polo comercio con América, ata
artesáns, campesiños, criados, etc. No chanzo máis baixo da sociedade estaban os
marxinados, como os mendigos e os pícaros.

As actividades económicas

A comezos do século XVI Castela era o principal soporte da Monarquía Hispánica. A


agricultura prosperou poñendo novas terras en cultivo, e a gandaría transhumante,
favorecida durante o reinado dos Reis Católicos polos privilexios concedidos á Mesta,
mantivo unha gran importancia debido ás exportacións de la.

Tamén medrou a artesanía, sobre todo a siderurxia vasca e a confección de panos en


Castela. O comercio foi a actividade que máis medrou, debido sobre todo ao comercio
con América, que funcionaba en réxime de monopolio. Todo o comercio americano
estaba centralizado en Sevilla, onde estaba a Casa de Contratación, e que se converteu
nunha das cidades máis grandes de Europa.
No transcurso do século a economía castelá foi perdendo vigor, en parte polos elevados
impostos, e parte pola subida dos prezos. A chegada de metais preciosos de América
provocou un exceso de demanda (e de diñeiro en circulación) que provocou un
encarecemento de todos os produtos. Esta situación recibiu o nome de revolución dos
prezos.

Por outra banda, os custos das guerras de Flandres ou Italia, e da política imperial
esgotaron a economía. Para pagar estas guerras os monarcas tiñan que acudir a pedir
préstamos aos banqueiros, ata que a economía colapsou.

Sevilla no século XVI

5.- A reforma protestante

A reforma de Lutero

A comezos da Idade Moderna, a Igrexa católica estaba inmersa nunha profunda crise,
caracterizada polos seguintes trazos:
• As altas xerarquías vivían rodeadas de luxo, o que atentaba contra os principios
cristiáns.
• O clero tiña unha escasa formación e non exercía correctamente o seu labor
pastoral.
• Os cargos eclesiásticos, moitas veces comprábanse, polo que eran ocupados por
persoas sen vocación relixiosa.
• A Igrexa vendía indulxencias: un documento emitido polo papa que permitía
comprar o perdón dos pecados
• A invención da imprenta favoreceu a difusión da Biblia. A súa lectura polo pobo
xerou un clima crítico respecto aos dogmas e xerarquías da Igrexa.

O monxe Martín Lutero, á volta dunha viaxe a Roma, reaccionou contra as indulxencias,
que tiñan como obxectivo a construción da nova basílica de San Pedro. En 1517 publicou
as 95 teses, un documento no que se criticaba duramente ao papa e se expoñían as
bases para a reforma da doutrina católica. Lutero negouse a retractarse das súas
acusacións e foi excomungado.

Os principios da doutrina luterana

A partir dese momento Lutero empezou a difundir as súas ideas:


• As persoas sálvanse pola súa fe, non polas súas obras.
• Os crentes poden relacionarse directamente con Deus mediante a oración, sen
necesidade de acudir ao sacerdote.
• Toda a verdade revelada está contida nas Sagradas Escrituras, que o crente pode
interpretar libremente; polo que se rexeita a autoridade do papa.
• Só hai dous sacramentos verdadeiros: bautismo e eucaristía.
• O culto á Virxe e aos santos non aparece nas escrituras, polo que debe
suprimirse.
• O celibato do clero non foi instituído por Deus, polo que non é obrigatorio.

A expansión da Reforma

O luteranismo expandiuse rapidamente polo centro e norte de Europa. En Alemaña,


moitos nobres viron na Reforma a oportunidade para apropiarse das propiedades da
Igrexa, e tamén para opoñerse ao emperador Carlos V, firme defensor do papa.
Debemos ter en conta que Carlos V era o emperador máis poderoso que houbera ata
ese momento, e os nobres tiñan medo a que os sometese.

Aparte de Lutero, por toda Europa empezaron a xurdir novos reformadores. En Xenebra
destacou Xoán Calvino, quen defendía, entre outras cousas, que desde o nacemento o
ser humano está predestinado á salvación ou á condenación, polo que carecen de
importancia as súas obras. En tanto, para evitar que os crentes pecasen, estes debían
ser vixiados, polo que en Xenebra impuxeron unha ríxida censura e represión, tanto
contra pecadores como contra os católicos. O calvinismo estendeuse por Suíza, os
Países Baixos, Francia, Inglaterra e Escocia. En Francia aos calvinistas chamábaselles
hugonotes, e en Inglaterra e Escocia puritanos.
Inglaterra separouse de Roma por motivos máis triviais: o papa negouse a concederlle
o divorcio de Catarina de Aragón ao rei Henrique VII, para poder casar con Ana Bolena.
En 1534 publicouse a Acta de Supremacía, pola que o rei pasaba a ser a cabeza da Igrexa
de Inglaterra. Nacía así o anglicanismo. Henrique VIII perseguiu aos católicos e
apropiouse dos bens dos mosteiros.

6.- A Contrarreforma

Chamamos Contrarreforma ao poderoso movemento de renovación interna que puxo


en marcha a Igrexa católica co fin de reorganizarse e revitalizarse para ser capaz de
enfrontarse ao protestantismo.

O Concilio de Trento

Entre 1545 e 1563 reuníronse en Trento os principais representantes da Igrexa católica


e adoptaron unha serie de resolucións:
• Reafirmáronse na doutrina tradicional da Igrexa: a validez dos sete
sacramentos, a primacía do papa, o culto á virxe e aos santos, a indisolubilidade
do matrimonio e a validez das boas obras para alcanzar a salvación.
• Ditáronse normas para fomentar a moralidade do clero e fundáronse seminarios
para mellorar a súa formación. Esixiuse que todos os bispos residisen nas súas
dioceses.
• Buscáronse novos métodos para estender a doutrina católica, como o catecismo
ou a creación de escolas.
A reforma das ordes relixiosas

Moitas ordes relixiosas foron reformadas, como os agostiños e os franciscanos, para


recuperar a austeridade e disciplina das súas orixes.
Entre elas destaca a reforma da orde carmelita levada a cabo por Santa Tareixa de Xesús,
baseada nunha estrita clausura e unha vida simple na que se daba grande importancia
á oración e meditación.
A orde máis importante foi a Compañía de Xesús, fundada por San Ignacio de Loyola, xa
que foi o grande apoio co que contaron os papas para expandir o espírito da
Contrarreforma.
Os xesuítas dedicáronse á predicación e ao ensino, fundando misións en América e Asia
e creando escolas para formar aos alumnos e transmitir o dogma católico.

Intolerancia e represión

A pesar de todo, non foi posible o acordo entre católicos e protestantes e Europa
dividiuse en dous bloques relixiosos: os países do centro e norte apartáronse da
obediencia do papa e os do sur mantivéronse no catolicismo.

Esta división orixinou numerosas guerras de relixión que, no fondo, encubrían unha loita
polo poder político. A máis importante foi a guerra dos Trinta Anos (1618-1648).

Tamén se xeneralizou a intolerancia relixiosa: nos países católicos perseguíase aos


protestantes e nos protestantes aos católicos.
Nos países católicos fortaleceuse a Inquisición e nos protestantes leváronse a cabo
matanzas de católicos e unha intensa propaganda anticatólica utilizando o recente
invento da imprenta.

7.- As guerras da Monarquía Hispánica

Tres obxectivos principais marcaron a política exterior do Imperio no século XVI:


• Conservar todos os territorios.
• Afianzar a hexemonía en Europa.
• Defender a fe católica.

A súa consecución foi a orixe de todas as guerras que Carlos I e Felipe II mantiveron con
outras potencias.
A rivalidade con Francia

Francia foi o principal rival da monarquía hispánica no século XVI. Durante todo o seu
reinado, Carlos I estivo en guerra con Francisco I de Francia polo dominio de Italia. Os
enfrontamentos empezaron cando os franceses ocuparon Milán. Na batalla de Pavía
(1525) os terzos españois derrotaron aos franceses, caendo prisioneiro o propio rei
Francisco I. Carlos I incorporou o Milanesado á monarquía, pero este non foi o fin das
hostilidades.
Felipe II e Enrique II herdaron as guerras de seus pais. En 1557, Felipe II derrotou aos
franceses en San Quintín e obrigounos a asinar a paz de Cateau-Cambresis, o que puxo
fin a ameaza francesa durante moito tempo.

O Imperio Otomán

A expansión do Imperio Otomán supuxo unha dobre ameaza para Carlos I. Por unha
banda conquistaron algúns territorios no leste de Europa e, en 1529, sitiaron Viena, non
chegando a ocupala.
Pola outra, no Mediterráneo, os ataques dos piratas berberiscos dificultaban o
comercio. Carlos I organizou varias
campañas contra eles e conquistou Tunes.
Na época de Felipe II os otománs seguían
sendo un perigo, polo que formou unha
alianza contra eles, na que entraron
Venecia e o papa, e vencéronos na batalla
de Lepanto (1571).

As guerras de relixión

O protestantismo estendeuse con rapidez por Europa e moitos príncipes alemáns


uníronse á Reforma. Carlos V loitou contra eles para
defender o catolicismo e derrotounos na batalla de
Mühlberg (1547). Con todo, o emperador viuse
obrigado a permitir que cada príncipe elexira a
relixión dos seus súbditos na Paz de Augsburgo
(1555).
Felipe II continuou a obra de seu pai e foi tamén o
gran defensor do catolicismo. Así interveu nas
guerras de relixión en Francia entre católicos e
calvinistas.
Inglaterra e as guerras de Flandres

A expansión do calvinismo polos Países Baixos, unido aos elevados impostos, provocou
unha rebelión nestes territorios en 1566.
As provincias do norte, baixo o liderado de Guillerme de Orange, declaráronse
independentes co nome de Provincias Unidas, comezando así unha longa e custosa
guerra que duraría 80 anos. A independencia destes territorios sería recoñecida en 1648
na Paz de Westfalia.

A guerra prexudicou o comercio co Báltico e con Flandres, e ademais provocou o


enfrontamento con Inglaterra. Isabel I de Inglaterra apoiou decididamente aos rebeldes
flamencos, o que levou a que Felipe II enviase unha armada contra Inglaterra, a chamada
Armada Invencible (1588), que foi derrotada polos temporais.
Máis tarde Inglaterra enviaría a Contraarmada (1589), contra Felipe II, que sería
derrotada.

8.- A conquista de América

A rápida conquista do continente

A comezos do século XVI os casteláns só ocuparan as illas do Caribe, nas que as


dificultades de adaptación ao clima eran moitas e o ouro pouco. Por esa razón
lanzáronse á conquista do continente.

Das moitas expedicións que se organizaron a América Central e do Sur, as máis


importantes foron a de Hernán Cortés, que conquistou o imperio mexica (tamén
chamado azteca), e a de Francisco Pizarro, que conquistou o imperio inca.
Estas expedicións eran empresas privadas, dirixidas por particulares, que asinaban co
rei unhas capitulacións de conquista. O rei autorizaba a recrutar un exército e
conquistar un territorio, correndo todos os gastos a cargo do conquistador, pasando o
territorio conquistado a depender do monarca. A cambio, o conquistador recibía o título
de gobernador, terras e parte do botín obtido.

Entre os pobos conquistados algúns eran civilizacións avanzadas e, en todo caso, eran
moito máis numerosos ca eles. A facilidade da conquista debeuse a varios motivos:
• Ningunha destas civilizacións coñecía avances como a roda ou o ferro.
• A superioridade do armamento castelán: armaduras, cabalos, armas de fogo,
etc.
• As antigas crenzas indíxenas, que falaban de homes barbudos procedentes do
océano, que haberían de dominalos.
• As disputas entre os diversos pobos indíxenas, que os conquistadores
aproveitaron para establecer alianzas.

A conquista do imperio mexica (azteca)

En 1519 Hernán Cortés, que saíra de Cuba con 400 homes, desembarcou en Veracruz.
Alí tivo noticias da existencia dun gran imperio e decidiu conquistalo, aliándose cos
pobos sometidos polos mexicas.

Cortés entrou na capital mexica, Tenochtitlán, sendo recibido polo emperador


Moctezuma de forma pacífica. Con todo os mexicas acabarían por rebelarse e Cortés e
seus homes víronse obrigados a fuxir de Tenochtitlán na chamada Noite Triste.
Un ano máis tarde, en 1521, Cortés aliouse cos tlaxcaltecas, inimigos dos mexicas, e
conquistou Tenochtitlán.
Nos anos seguintes conquistou o resto do territorio mexicano.

A conquista do Perú

Francisco Pizarro organizou a conquista do Imperio


inca. Aproveitou o descontento dos pobos
sometidos polos incas e os problemas internos do
Imperio, que se atopaba inmerso nunha guerra
civil.
En 1532, Pizarro desembarcou en Cajamarca con
200 homes. Conseguiu apresar ao emperador inca,
Atahualpa, e aínda que pagou un fabuloso rescate
en ouro, foi executado.
En 1533 tomaron a capital, Cuzco, aínda que o
dominio completo do territorio resultou longo e
complexo debido á orografía e á resitencia dos
incas.

Outros conquistadores do século XVI


• Diego de Almagro: foi socio de Pizarro no Perú. Despois inciou a conquista de
Chile, que finalizou Pedro de Valdivia.
• Vasco Núñez de Balboa: descubriu o océano Pacífico, ao que chamou mar do
Sur.
• Juan Ponce de León: descubriu e conquistou a península de Florida.
• Cabeza de Vaca: explorou o Mississippi.
• Francisco de Orellana: percorreu o río Amazonas ata a súa desembocadura.
• Miguel López de Legazpi: conquistou Filipinas.

9.- A organización dos territorios americanos

O goberno das Indias

Os territorios conquistados foron anexionados á Coroa de Castela e pasaron a aplicarse


alí as súas leis. Con todo, pronto se viu a necesidade dunhas leis propias e, en 1512,
redactáronse as Leis de Indias.
Carlos I creou o Consello de Indias, e en
1542 promulgáronse as Leis Novas, que
serviron para reorganizar os territorios e
velar polo trato que se debía dar aos indios.

Inicialmente creáronse dous


vicerreinados: o de Nova España e o do
Perú, á fronte dos cales había un vicerrei.
Os vicerreinados dividíanse en
gobernacións ou capitanías. Tamén se
crearon audiencias nas principais cidades,
que se encargaban de aplicar as leis e
impartir xustiza.

A sociedade colonial

Dentro da sociedade americana, seguindo criterios raciais, destacaban os seguintes


grupos:
• Os españois e os seus descendentes brancos, chamados crioulos, que ocupaban
unha posición superior.
• Os mestizos: fillos de español e india. Ocupaban un lugar intermedio, por riba
dos indíxenas.
• Os indios: eran os que realizaban os traballos manuais. Sufriron múltiples
abusos.
• Os escravos negros: levados de África para realizar os traballos máis duros
naquelas rexións onde a poboación india diminuíu por enfermidades ou guerras.
A explotación dos recursos

A conquista puxo en mans dos casteláns riquísimos xacementos de metais preciosos,


como Potosí (actual Bolivia) e Zacatecas (México).
As minas explotábanse mediante a mita, sistema de traballo por quendas, obrigatorio
para os indíxenas, en condicións moi duras.

Os conquistadores tamén crearon en América grandes facendas agrícolas e gandeiras


que se traballaban mediante o sistema da encomenda. Segundo este sistema, o rei
concedía a un colono (encomendeiro) terras para o seu cultivo. Estas terras incluína aos
indíxenas que vivían nelas. O encomendeiro estaba obrigado a protexer aos indios e a
educalos na fe cristiá e, a cambio, estes traballaban as terras. Na práctica este sistema
deu lugar a múltiples abusos.

O comercio con América era monopolio real e organizábase desde a Casa de


Contratación de Sevilla. Desde América chegaban fundamentalmente metais preciosos
e produtos agrícolas. Para o seu transporte organizábanse, dúas veces ao ano, as frotas
de Indias, nas que buques de guerra escoltaban aos convois.

You might also like