You are on page 1of 32

A LINGUA GALEGA NO TEMPO DO

REXURDIMENTO
Galiza no século XIX
A situación socioeconómica

Galiza é no século XIX un país eminentemente rural, cunha economia precapitalista, case exclusivamente
agraria e mariñeira. A propriedade da terra segue a articularse arredor dos foros (situación que non
modificará a Desamortización) e en réxime de minifundio.

A industria tivo un papel pouco relevante. Os sectores artesanais tradicionais (téxtil, curtidos, ferraría…)
arruináronse pola competencia doutras zonas: o liño, por exemplo, foi vencido pola industria algodoneira.
O sector da conserva constituíu a industria máis sobranceira en Galiza, sobre todo a partir da década dos
80 do século XIX nas Rías Baixas, da man de fomentadores e empresarios cataláns. Esta industria
empregou en condicións de explotación moita man de obra feminina e serviu como motor de
transformación da pesca galega. Xunto ás conservas destacaron tamén a construción naval en Ferrol e
Vigo e a Fábrica de Tabacos na Coruña.
A falta de infraestruturas e as deficiencias e retrasos nas vías de comunicación causadas pola

marxinación política de Galiza no deseño estatal estrangularon en boa medida as posibilidades de

desenvolvemento económico durante o século XIX. No caso do ferrocarril, a primeira liña, entre Santiago e

Carril, inaugurouse en 1873 mais só a partir de 1883 houbo conexión coa rede estatal.

Polo que di á demografía, na segunda metade do século prodúcese un estancamento orixinado pola crise

agraria, que reforzou ainda máis a sangría migratoria cara a América. No interior do país esta situación

foi cada vez máis grave, fronte á evolución das zonas costeiras, que experimentaron crecementos notábeis

(Vigo, Vilagarcía, Ferrol, A Coruña). A poboación pasou dos 1.800.000 habitantes de 1860 aos

aproximadamente 2.125.000 de 1920.


A emigración é o factor determinante da demografía galega no XIX. Só nos dez anos que transcorren

entre 1885-1895, abandonaron Galiza rumbo a países como Arxentina, Uruguai, Cuba ou Brasil mais de

165.000 persoas. Aínda que houbo quen fixo fortuna, a meirande parte dos emigrantes voltaban

avellentados e case tan pobres como marcharan. Os cartos feitos en América serviron nuns casos para

redimir os foros, noutros para construír escolas, mais non se investiron na industria nin no comercio. A

emigración provocou o aumento das taxas de mulleres solteiras, o avellentamento da poboación e a

escaseza de forza de traballo.


Contexto político

No primeiro terzo do século XIX escenifícase o enfrontamento entre dous bandos ideolóxicos:

absolutistas e liberais. En 1808 prodúcese a invasión francesa, ben acollida polos afrancesados, porque

entendían que contribuía ao triunfo dos ideais da Revolución Francesa. Liberais e absolutistas optaron polo

rexeitamento da invasión e promoveron, con axuda británica, unha firme resistencia contra o invasor. A

fidalguía e o clero contribuíron a mobilizar a poboación campesiña.

En Galiza formouse unha “Xunta Suprema do Reino” para coordinar a resistencia contra o invasor. Esta

constitúe unha experiencia de recuperación da consciencia colectiva e o autogoberno galego.


Os liberais promoveron nas Cortes de Cádiz a elaboración da Constitución de 1812. En 1814 Fernando

VII regresou ao trono, derrogou a Constitución e reinstaurou a monarquía absoluta, reprimindo os

levantamentos liberais, como os protagonizados na Coruña por Sinforiano López (1814) e Porlier (1815).

Esta situación mantívose por longo tempo, ata a súa morte en 1833, co único lapso do Trienio Liberal

(1820-1823). Á morte de Fernando VII, a loita pola sucesión dá lugar ás Guerras Carlistas. Coa subida ao

trono de Isabel II, os políticos liberais desmontan o sistema do Antigo Réxime, levan adiante a

Desamortización de bens eclesiásticos e, ao mesmo tempo, instauran un modelo estatal hipercentralista e

uniformizador.
Galiza deixa de existir como unidade política en 1833, ao ser dividida en catro provincias. Esta reforma

provoca o nacemento do primeiro movemento de carácter galeguista, o Provincialismo. Entre 1843 e

1868, coa única paréntese do “bienio progresista (1854-1856), a raíña Isabel II apóiase en gobernos

moderados ou abertamente reaccionarios que encabezan xenerais como Narváez e O’Donnell.


En 1868, coa chamada Gloriosa, comezará unha nova etapa política, o Sexenio Democrático. Figuras

galegas como Murguía, Curros Enríquez, Montero Ríos etc. participaron deste movemento. En 1873,

instáurase a Primeira República. Nesta etapa encáranse algúns problemas históricos do país, pero a

brevísima duración do réxime impediu calquera cambio. Un levantamento militar supón o regreso da

dinastía borbónica ao trono e dá paso a un período denominado Restauración. Desde 1875 alternan no

goberno liberais e conservadores, nun sistema político oligárquico, centralista, corrupto e caciquil.
A evolución do pensamento galeguista

A medida que se vai agravando a situación de marxinalidade de Galiza nun Estado cada vez máis
centralista e unitarista, aumenta en certos sectores da sociedade a preocupación polo presente e polo
porvir do país, retomando as análises que fixeran algúns ilustrados no século XVIII.

O Provincialismo (1840-1864), liderado por figuras como o betanceiro Antolín Faraldo e alentado por
xornais de títulos reveladores como El Idólatra de Galicia, El Centinela de Galicia, La Aurora de Galicia,
El Emancipador Gallego, El Porvenir etc., reivindica a unidade de Galiza fronte ao novo deseño
provincial implantado en 1833, defende postulados liberais, progresistas e antiabsolutistas, protesta
contra a marxinación e o atraso nas infraestruturas e salienta o carácter diferenciado do pobo galego, con
base na súa historia e na súa cultura.
O levantamento de 1846 protagonizado en Lugo polo comandante Miguel Solís, de carácter liberal e
provincialista, foi esmagado. Os seus dirixentes foron fusilados en Carral ou víronse obrigados a marchar
ao exilio, como fixo Francisco Añón. O Provincialismo, coa súa defensa incondicional do país e da súa
identidade, puxo as bases para que acabase xurdindo unha nova valorización do idioma como máximo
sinal colectivo do pobo galego.

O Rexionalismo é a etapa que se abre coa obra Los precursores (1886) de Manuel Murguía e que cadrará
co Rexurdimento literario. A súa principal demanda política foi a descentralización. As obras
historiográficas sobre Galiza fundamentan a súa definición nacional na existencia dun pasado celta e na
pervivencia dunha lingua e cultura propias. O Rexionalismo fixo do idioma unha bandeira nas súas
reivindicacións, promovendo e difundindo o seu uso por medio de xornais, certames literarios etc.
A lingua galega no século XIX

Axentes da castelanización

O galego era ao finalizar o século XIX o idioma usado habitualmente de maneira oral, sobre todo en
contextos informais e familiares, por unha grande maioría da poboación, que se calcula que se
aproximaría a un 85% do total. Con todo, durante o século XIX prodúcese un incremento no ritmo e na
intensidade do proceso de penetración e de imposición do castelán na sociedade galega. Ese incremento,
máis notorio no ámbito urbano e vilego que no rural-mariñeiro, deriva da aparición en escena de novos
axentes como son:

◦ Os medios de comunicación escritos (prensa periódica), que por regra xeral excluíron o galego das súas
páxinas.
◦ O incremento no número de escolas, a partir da entrada en vigor da chamada “Ley Moyano” (1857). O

Estado, interesado en estender o máis posíbel unha rede pública de centros que formase os novos

cidadáns e que lexitimase ideoloxicamente o novo statu quo, estabeleceu a marxinación explícita, tanto

activa como pasiva, do galego. O castelán aparece así no ámbito educativo como a única lingua

lexítima, a única que conta con gramática e con libros. Falar castelán acaba identificándose con “falar

ben” e falar galego con “falar mal” (máis aínda con trazos dialectais como a gheada e o seseo). A escola

vai ser, por iso, un dos principais focos de expansión social do castelán, de reforzamento das pautas

diglósicas e de difusión de prexuízos sobre o galego, tildado de “dialecto”.


◦ O tipo de formación auspiciado pola Igrexa católica nos seus Seminarios, que comezaron a nutrirse a

partir da segunda metade do século dun alumnado maioritariamente formado por fillos de familias

campesiñas. Buscábase que o futuro párroco se desprendese do idioma que traía da casa e empregase

logo o castelán entre os seus fregueses como un símbolo da súa superioridade, non só cultural.

◦ O reforzo do aparello administrativo estatal. Contra mediados do século XIX as autoridades impoñen

taxativamente a obriga de empregar o español en ámbitos concretos da vida social e administrativa:

rexistros, notarías, xulgados, correos…. As novas entidades do Estado liberal centralista, Deputacións

provinciais e Concellos, marxinan totalmente o idioma galego, tanto oralmente como por escrito. Para

acceder aos postos na burocracia funcionarial, no sistema educativo, no exército, etc. o dominio e uso do

castelán faise requisito imprescindíbel.


◦ O estabelecemento na Galiza ao longo do século XIX de burgueses (comerciantes, armadores,

empresarios) de orixe foránea (cataláns, maragatos, cameranos etc.), que reforzaron a identificación

apriorística entre riqueza, progreso e ascenso social co idioma castelán.

◦ O influxo da emigración transoceánica a países de fala hispana por parte de importantes continxentes

da poboación rural galega. Durante o século XIX, é posíbel detectar tamén unha maior extensión das

actitudes despectivas cara ao galego e dos prexuízos sobre as súas capacidades e características. A

identificación entre galego e atraso cobra agora aínda máis forza, se couber, ca durante os Séculos

Escuros. Como resposta a ese incremento do uso do castelán e como reacción contra esas opinións

pexorativas e minusvalorizativas sobre a nosa lingua, aparece un movemento de minorías cultas

galeguistas que coñecemos co nome de Rexurdimento.


Valoracións sociais, ámbitos e niveis de uso do galego

A lingua galega vive no século XIX fenómenos contrapostos. Por unha banda, continúa a perder falantes
en favor do castelán, sobre todo nas capas medias urbanas; mais, por outra, recupera a categoria de
lingua literaria e de cultura da man de escritores da dimensión e calidade de Rosalía de Castro, Curros
Enríquez, Eduardo Pondal etc. Por unha banda é obxecto de descualificación, marxinación e desprezo por
parte do aparello ideolóxico, institucional e administrativo do Estado (Escola, Universidade, Imprenta,
Administración, Exército, Xustiza...); mais, por outra, recibe atención e resulta reivindicado e prestixiado
por unha minoría culta que pon en marcha o movemento sociopolítico rexionalista e funda en 1906 unha
institución para o seu estudo e dignificación, a Academia Galega.
Todo o esforzo literario, ideolóxico e reivindicativo do Rexurdimento non foi capaz de frear a corrente de

penetración do español en todas as capas da sociedade galega. As capas altas instálanse practicamente no

monolingüismo en español; as clases medias das vilas e cidades costeiras sobre todo, tórnanse

diglósicas e no mundo rural, comeza a quebrarse o monolingüismo no noso idioma.

O século XIX coñece tamén unha clara intensificación no grao de interferencias lingüísticas existentes

entre galego e castelán. Os dous “castrapos” (galego interferido por castelán e castelán interferido por

galego) gañan presenza.


Kahoot para repasar
https://create.kahoot.it/my-library/kahoots/e47ba87c-bf6f-42bb-9bd7-6b07d868d7fd
CLAVES DO REXURDIMENTO. OS PRECURSORES

Na historia da Literatura Galega chamamos “Rexurdimento” a un período que abrangue boa parte do século XIX

e que se caracteriza por dous fenómenos intimamente relacionados:

a) A definitiva recuperación da escrita literaria do galego, despois dos tanteos precursores de ilustrados como

o Padre Sarmiento. Esa recuperación enmárcase dentro dun movemento máis amplo que visou a dignificación do

galego como lingua, a recuperación e ampliación social dos seus usos e a demanda da súa oficialización.

b) A aparición dun movemento político-ideolóxico que adopta sucesivamente os nomes de Provincialismo e

Rexionalismo e que reivindica, en síntese, a personalidade e os dereitos colectivos do pobo galego.


Períodos do Rexurdimento (Prerrexurdimento, precursores)

É común distinguir na etapa do Rexurdimento tres fases ou períodos principais:

Período Precursor: 1833-1862. Engloba a actividade e a obra de autores (Pastor Díaz, Alberto Camino,

Francisco Añón, Xoán Manuel Pintos...) que participaron ou simpatizaron en maior ou menor medida co

movemento provincialista e que usaron o galego con anterioridade á aparición do libro auroral da literatura

galega moderna, Cantares Gallegos (1863), de Rosalía de Castro.

Cabe salientar, dentro deste período, a publicación en 1853 do libro A gaita gallega, de Xoán Manuel Pintos; o

chamado “Banquete de Conxo” (1856); a publicación dos Ensayos poéticos en dialecto berciano (1861), de

Fernández Morales; a celebración dos Xogos Florais da Coruña (1861) e a edición do Álbum de la Caridad

(1862).
Período do Rexurdimento Pleno: 1863-1888

Son estes os anos centrais do Rexurdimento. Unha serie de autores/as, ademais de conseguiren pór

traballosamente en pé un sistema literario galego autónomo, lograrán acadar cotas moi altas de calidade

nalgunhas das súas obras, fundamentalmente poéticas.

Este período está marcado pola presenza dos tres grandes escritores do XIX galego: Rosalía de Castro,

Manuel Curros Enríquez e Eduardo Pondal. De feito, é a data da publicación de Cantares Gallegos (1863),

primeiro libro escrito integralmente en galego, a convencionalmente admitida como o inicio do período.
O xénero predominante é a poesía, se ben comezan a aparecer as primeiras mostras narrativas e teatrais: en

1880 a novela Maxina ou a filla espúrea, de Marcial Valladares, e en 1882 o drama A fonte do

xuramento, de Francisco Mª de la Iglesia.

Nesta etapa proliferan en diversas cidades e vilas (A Coruña, Santiago, Betanzos, Tui...) os “Xogos

Florais”, concursos literarios que serven para fomentar o uso escrito do galego. Tamén aparecen as

primeiras gramáticas e dicionarios sobre a nosa lingua, a primeira editorial dedicada aos libros en

galego (a Biblioteca Gallega de Andrés Martínez Salazar, en 1885) e unha prensa periódica escrita

integramente en galego: O Tío Marcos da Portela (Ourense), A Tía Catuxa (Pontevedra), O Galiciano

(Pontevedra), A Monteira (Lugo) etc.


O ano 1880 é o momento culminante xa que coincide a edición de tres das mellores obras da nosa

literatura decimonónica: Follas novas, de Rosalía de Castro, Saudades gallegas, de Valentín Lamas

Carvajal e Aires da miña terra, de Curros Enríquez. Como colofón, prodúcese a publicación de

Queixumes dos pinos de Pondal en 1886 e O Divino Sainete de Curros en 1888.


Período da Depresión finisecular: 1889-1914

No contexto da Restauración borbónica o movemento sofre un declive. Na poesía decae a calidade das

obras. A narrativa e o teatro enraízan da man de autores como López Ferreiro, Aurelio Ribalta, Galo

Salinas, Lugrís Freire, Xan de Masma, Álvarez de Nóvoa etc. A Revista Gallega é a publicación máis

importante, dirixida por Galo Salinas e auspiciada polo grupo da chamada Cova Céltica. Destaca tamén a

fundación da Academia Galega en 1906.

Esta etapa chega ao seu fin co nacemento en 1916 das Irmandades da Fala, entidade que co seu discurso e

actuación política e cultural provocará un segundo rexurdimento da literatura galega.


Obxectivos do Rexurdimento

Pódese dicir que os obxectivos básicos dos intelectuais, homes e mulleres, do Rexurdimento galego foron catro:

1. Mudar a consideración negativa do idioma galego. Empregarán argumentos de prestixio (a orixe latina, o
pasado glorioso medieval, a figura do rei Sabio, a propia obra xenial coetânea de Rosalía), argumentos de
utilidade (lingua maioritarísima dos galegos, idioma internacional grazas ao vínculo xenético co mundo lusófono)
e argumentos de identidade (a lingua como máximo sinal de identidade colectiva galega, a lingua como herdo
familiar e vínculo de unión cos devanceiros).

2. Ampliar os ámbitos de uso do idioma galego, recuperando o espazo da literatura (cultivo e fixación da escrita
en galego), introducíndoo tamén na prensa periódica e demandando o recoñecemento oficial do galego, a súa
implantación nos distintos niveis do ensino e a extensión do seu uso á vida oficial e eclesiástica.
3. Estudar e depurar o idioma galego. Desta época son as primeiras gramáticas e dicionarios (Francisco
Mirás, Marcial Valladares, Xoán Antonio Saco e Arce, Xoán Cuveiro Piñol...). Os escritores en galego
comezan entón a elaboración dun modelo de galego culto ou estándar, superador da diversidade dialectal, o
que orixina debates sobre cal debe ser o modelo normativo.

4. Reivindicar o pasado histórico e o carácter de Galiza como pobo que ostenta todos os requisitos
esixíbeis a unha nación (língua e cultura propias, territorio ben definido, conciencia colectiva...), con
dereito a gobernarse por si mesmo.
Ámbitos de actuación e principais iniciativas

As propostas e actividades que fixeron os homes e mulleres do Rexurdimento galego encamiñáronse sobre
todo aos seguintes ámbitos:

A historiografía, coa edición das primeiras obras que falaron da nosa historia e que asentaron, non sen
polémica, as teses celtistas sobre as nosas orixes como pobo. Foron escritas por autores como Verea e
Aguiar, Benito Vicetto e Manuel Murguía. Tratábase de demostrar, en paralelo ao movemento político
rexionalista, que Galiza era un pobo con historia singular, constatando que existiran épocas no pasado en
que gozara da liberdade e do total respecto de que estaba a carecer naquel presente.
A filoloxía, coa aparición dos primeiros dicionarios e gramáticas do galego, que abriron o debate

ortográfico e normativo entre as tendencias foneticistas (partidarias de elaborar a norma escrita de acordo

coa lingua falada e simplificando as regras ortográficas) e as etimoloxistas (partidarias dunha norma

depurada, fiel á fonte latina e tendente a coincidir sempre que fose posíbel co portugués). En 1906

fundouse a Academia Galega, presidida por Murguía, que se marcou como principal cometido a confección

dunha gramática e dun dicionario do galego, mais que non conseguiu culminar ningunha desas tarefas,

rodeada de limitacións económicas, polémicas cos seus detractores, incorporacións discutíbeis e

contradicións internas, como redactar os seus boletíns, actas, etc. en castelán. É significativo que só 7 dos

seus 40 membros fundadores adherisen en 1916 ás Irmandades da Fala.


A prensa escrita, coa edición de xornais, almanaques e revistas integral ou parcialmente redactados en

galego. Estas publicacións facían, por regra xeral, unha apaixonada defensa dos intereses de Galiza,

denunciaban os abusos que padecía a clase labrega, achegaban materiais para o coñecemento da historia de

Galiza, pescudaban diversos aspectos do folclore galego, trababan debates ideolóxicos sobre cuestións

candentes como os dereitos da muller e contribuían á difusión dos textos literarios, sobre todo poéticos e

narrativos, que se producían na nosa lingua. En realidade, a maior parte da literatura galega do s. XIX viu

lume nas páxinas da prensa periódica e non en formato libro.


O folclore, coa recompilación por parte de autores como Murguía, Saco Arce, Pérez Ballesteros ou Marcial

Valladares de abondoso material procedente do acervo literario oral popular (cantigas, refráns, contos,

adiviñas, lendas etc.) e coa reivindicación da beleza e autenticidade presentes en bailes, traxes,

instrumentos musicais, romarías e demais tradicións populares.


A música, coa creación de orfeóns que, ademais de rescatar, dignificar e difundir as cantigas e aires

populares, serviron de canle para a divulgación de baladas, melodías e outras pezas baseadas en textos dos

escritores do Rexurdimento, musicadas por compositores como Xoán Montes (“Negra sombra”, de

Rosalía; “Unha noite na eira do trigo”, de Curros); Pascual Veiga (“Alborada”, de Francisco Mª de la

Iglesia; “Os pinos”, de Pondal); Xosé Castro Chané (“Adiós a Mariquiña” e “Xuramento”, de Curros);

Xosé Baldomir (“Dous amores”, de Salvador Golpe; “¿Cómo foi?”, de Curros; “Maio longo” e “Mais ve

que o meu corazón”, ambas de Rosalía) etc.


A pintura e a escultura, coa aparición de figuras como Jenaro Pérez Villamil, Dionisio Fierros, Serafín

Avendaño, Isidoro Brocos, Parada Justel, Ovidio Murguía etc. que procuran no paisaxismo, no costumismo

e nos cadros de tema histórico unha arte que transmita o auténtico ser de Galiza. Entre as mulleres

pioneiras da arte galega cabe citar a betanceira Elvira Santiso.


A literatura, coa paulatina recuperación de xéneros literarios escritos para o galego, coa convocatoria de

certames literários como os Xogos Florais e coa fundación das primeiras imprentas dedicadas total ou

parcialmente ao libro en galego. As máis destacábeis foron a de Juan Compañel, a de Soto Freire, a de

Carré Aldao e, moi especialmente, a “Biblioteca Gallega” de Martínez Salazar.

You might also like