You are on page 1of 18

NOVOS GRAVADOS RUPESTRES NO CONCELLO DE VILARMAIOR:

PRIMEIRAS REPRESENTACIÓNS DE ARMAS E ANIMAIS


Novos gravados rupestres
no concello de Vilarmaior:
Primeiras representacións de armas e animais

GRUPO DE ARQUEOLOXÍA DA TERRA DE TRASANCOS*

Sumario:
Despois dun parón de nove anos, retomamos o traballo sobre os gravados rupestres no concello de
Vilarmaior (NL da provincia da Coruña), coa localización de 47 novos paneis, que sumados ós xa
publicados neste Anuario Brigantino entre 1999 e 2011, confirman que este pequeno concello ten
unha das maiores concentracións de gravados rupestres de Galicia. Nesta publicación documentamos
as primeiras representacións de armas e animais.
Abstract:
After a break of nine years, we resumed work on cave engravings in the municipality of Vilarmaior (NE
in the province of A Coruña), with the location of 47 new panels, which added to those already published
in this Anuario Brigantino between 1999 and 2011, confirm that this small municipality has one of the
largest concentrations of rock engravings in Galicia. In this publication we document the first
representations of animals and weapons.

I-INTRODUCIÓN
Despois da última publicación de gravados neste concello, no ano 2011, fomos
recompilando novos datos, localizando novos paneis e colaborando con diversas institucións
para continuar coa divulgación e preservación deste patrimonio. Por tanto, nove anos
despois, retomamos o estudo de novos gravados rupestres no concello de Vilarmaior. Este
traballo, ó igual que os anteriores, é descritivo a partir da localización de paneis con gravados,
en maior ou menor medida, en todas as parroquias do concello, corrixindo os erros de
localización cometidos nos traballos anteriores e situándoos nas parroquias que lle
corresponden. A maioría dos novos paneis forman parte dos grupos xa localizados en anos
anteriores ou próximos ás zonas xa estudadas. A súa localización foi posible grazas á
sistematización empregada pola nosa Asociación ó longo destes anos e á continua labor de
control sobre as variacións sufridas no terreo de estudo, sobre todo derivadas das
actividades forestais que, nalgún dos casos, provocou agresións ou destrucións parciais
dalgúns gravados, antes de ser localizados.
Tamén cabe destacar que no ano 2016 a nosa Asociación colaborou coa Fundación L.
Monteagudo e o concello de Vilarmaior para a realización dunha posta en valor, aberta ó
público, en dezaseis dos paneis máis representativos do concello, aos que en época estival
se fan excursións guiadas diúrnas e nocturnas, tan só interrompidas polas restricións
derivadas da Covid-19.

II-SITUACIÓN XEOGRÁFICA
Vilarmaior é un pequeno concello duns 30 km² que se sitúa na área das Mariñas orientais.
A súa orografía está formada por unha densa rede de regachos que converxen nos ríos

* A Asociación Cultural «Grupo de Arqueoloxía da Terra de Trasancos» constituíuse en Ferrol


en 1991, ten por fins a investigación, inventariado, divulgación e preservación do patrimonio histórico-
arqueolóxico.
Anuario Brigantino 2020, n. 43

11
GRUPO DE ARQUEOLOXÍA DA TERRA DE TRASANCOS

Fig.1.- Plano de situación das parroquias de Doroña e Grandal. As estrelas azuis son os paneis
con gravados xa publicadas en anos anteriores, as vermellas as dos paneis novos.

Lambre e Baxoi e que permiten a división do terreo en pequenos vales. As maiores alturas
do concello atopámolas ó N no monte do Catasol (444 m) e ó NE do monte Grande (374 m).
O seu clima pode englobarse no dominio oceánico-húmido, propio da costa setentrional
galega. No aspecto litolóxico, está composto por rochas de xistos, granitos gnéisicos e
granitos granulados de dúas micas. Nestes últimos é onde se atopan a maioría dos gravados.
Vilarmaior linda ó N cos concellos de Pontedeume a Monfero, ó L con Monfero, ó O con
Miño e ó S con Irixoa. Está composto, de N a S, polas parroquias de Santa María de Doroña,
San Pedro de Grandal, San Pedro de Vilarmaior, San Xurxo de Torres, Santiago de Vilamateo
e San Cristovo de Goimil.

III-DISTRIBUCIÓN XEOGRÁFICA DOS GRAVADOS


Para unha mellor comprensión do texto describiremos os gravados pola súa situación
xeográfica, de N a S e de O a L, englobados dentro de cada parroquia.

Santa María de Doroña


Situada ó NO do concello, ten unha superficie de 5,52 km2. Linda ó N coa parroquia de
Ombre (concello de Pontedeume); polo L con Grandal (Vilarmaior) e Vilachá (Monfero); ó S
con Vilarmaior e Torres (ambas de Vilarmaior) e ó L coas de Andrade (Pontedeume) e
Carantoña (Miño).
Anuario Brigantino 2020, n. 43

12
NOVOS GRAVADOS RUPESTRES NO CONCELLO DE VILARMAIOR:
PRIMEIRAS REPRESENTACIÓNS DE ARMAS E ANIMAIS

Ata hoxe, só se publicaron


desta parroquia dous paneis con
gravados, a Pena Branca (GATT
2003) e Chousa de Conde-1, que
é un panel que fai de linde dos
concellos de Pontedeume e
Vilarmaior e que foi publicado no
traballo dos gravados do
concello de Pontedeume (GATT
2019), pero, como se aclara no
artigo, este afloramento sirve de
linde dos concellos e os
gravados rupestres están no
concello de Vilarmaior (fig. 1). Fig. 2.- Situación do panel de Agra do Conde,
O Grupo do Castelo está San Pedro de Vilarmaior.
situado a 150 m SSL do
mencionado panel de Chousa do
Conde-1. Componse de varias rochas de ortoxistos mesaglandulares de pequenas
dimensións, produto da acción antrópica do home, nas que dúas delas presentan gravados
dunha cronoloxía incerta. Estas rochas foron localizadas durante a prospección do gasoduto
e foron catalogadas pola Xunta cos números 28 e 29 do inventario do concello de Vilarmaior.
Posteriormente foron eliminadas como xacementos e pasaron a estar no inventario como
fichas de referencia.
1) Castelo-1 (Coordenadas UTM 570341 – 4804306, cota de altitude 327 m). Pequena
pedra de 133 cm de longo x 28 de ancho e 42 de alto. Nela podemos ollar seis cazoletas
simples de 4 e 3 cm de Ø e outra cazoleta cun suco de saída de 20 cm de longo.
2) Castelo-2 (Coordenadas UTM 570342 – 4804303, cota de altitude 327 m). Situada a 3
m ó SSL (155º) da anterior, é tamén unha pequena pedra de 110 cm N-S x 60 de L-O e 65 de
alto, na que ollamos tres cazoletas de 7, 5 e 3 cm de Ø respectivamente. Nas pedras do
arredor tamén se pode ver algunha cazoleta, aínda que semellan de cronoloxía máis moderna.

San Pedro de Grandal


Parroquia situada ó NE do concello, ten unha superficie de 7,16 km2. Linda ó N coa
parroquia de Ombre (concello de Pontedeume); ó L con Taboada e Queixeiro (Monfero); ó
S con Vilachá (Monfero) e ó O con Doroña (Vilarmaior).
En Grandal, ata a data, non foramos quen de localizar ningún gravado, a pesares de que
a parroquia, en toda a súa extensión, está atravesada pola mesma veta granítica que as súas
parroquias limítrofes de Vilachá (Monfero) e Torres (Vilarmaior), onde si atopamos grandes
densidades de gravados.
3) Penedo do Xunco (Coordenadas UTM 571546 – 4802208, cota de altitude 198 m).
Pequeno afloramento situado a carón da entrada dunha finca moi pendente, cara ó S (fig. 1).
Ten unhas dimensións de 2,25 m N-S x 2,40 m de L-O, cunha altura que oscila entre os 1,40
m polo L a 0,80 polo SL. Nel podemos ollar unha combinación circular de 26 cm de Ø, con
cazoleta central e dous semicírculos, o segundo incompleto. Un círculo de 22 x 16 cm
interrompido por unha diáclase e dúas cazoletas de 9 e 6 cm de Ø respectivamente.

Anuario Brigantino 2020, n. 43

13
GRUPO DE ARQUEOLOXÍA DA TERRA DE TRASANCOS

San Pedro de Vilarmaior


É unha parroquia, situada na parte
central do concello. Ten unha superficie de
5,5 km2, linda ó O e ó N coas parroquias de
Carantoña (concello de Miño) e Doroña
(Vilarmaior); polo L con Torres (Vilarmaior);
polo S con Callobre (Miño), e ó O con
Bemantes e Leiro (tamén de Miño). Nesta
parroquia sitúase no lugar da Armada a
capital do concello.
Ata a data foron documentados
dezasete paneis con gravados nos grupos
(GATT 2011): Torreiro (13) e Súa Lomba (4)
aínda que estes últimos foron incluídos por
erro na publicación de 2011 na parroquia
de Torres (fig. 3).
4) Agra do Conde (Coordenadas UTM
567802-4800289, cota de altitude 168 m).
Trátase dunha curiosa rocha con tres
variacións litolóxicas, lousa polo canto
superior, de granito no resto e cunha veta
Foto 1.- Parte central do panel Súa Lomba-6.
de seixo que a atravesa horizontalmente.
Situada no medio do antigo camiño de Leiro
a Vilarmaior, quizás esa curiosa diversidade
litolóxica e a súa situación no centro dun vello camiño, fixo que este afloramento natural
servise de marco dos actuais concellos de Vilarmaior e Miño (fig. 2), estando documentado
dende primeiros do século pasado no deslinde do IGN de 1924 e posteriores revisións dos
ano 1940 a 1943 «...Décimo tercer mojón... piedra de pizarra y forma irregular cuyas
dimensiones visibles son dieciocho centímetros de altura, un metro cuarenta centímetros
de longitud y setenta centímetros de latitud. Está situado en el paraje llamado «Agra do
Conde» formando parte del camino que conduce del lugar de Leiro al pueblo de
Villarmayor...». Na actualidade presenta unhas medidas visibles de 152 cm de longo x 80 de
ancho e unha altura máxima de 21 cm. Na parte granítica podemos ollar, dúas cazoletas de 6
a 11 cm de Ø e unha cazoleta ovalada de 9 x 5,5 cm, todas elas de cronoloxía incerta.
5) Torreiro-14 (Coordenadas UTM 570570-4800282, cota de altitude 269 m). Este pequeno
afloramento foi localizado ó L do panel Torreiro-2 e ó N dos paneis Torreiro-4 a 7 (GATT
2011), durante o acondicionamento da posta en valor realizada en 2016. Trátase da cornixa
dun afloramento de 4,5 m N-S x 1,80 L-O que se inclina cara ó NL. Nela podemos ollar dous
pequenos círculos simples de 12 cm de Ø, que aproveitan dous tetos da pedra e unha
cazoleta de 5 cm de Ø.
6) Súa Lomba-5 (Coordenadas UTM 570552-4799925, cota de altitude 253 m). Pequeno
afloramento que foi nomeado no noso traballo anterior do 2011, pero non foi numerado.
Está situado entre os paneis Súa Lomba-1 e 3 (GATT 2011). Trátase dunha pequena pedra
a ras de chan de 1,50 m N-S x 2,30 L-O. Nela pódese ollar unha cazoleta de 7 cm de Ø, e os
restos dunha combinación circular de dous aros case imperceptibles, de 37 cm de Ø con
cazoleta central de 7 cm.
Anuario Brigantino 2020, n. 43

14
NOVOS GRAVADOS RUPESTRES NO CONCELLO DE VILARMAIOR:
PRIMEIRAS REPRESENTACIÓNS DE ARMAS E ANIMAIS

Fig. 3.- Plano de situación dos paneis con gravados das parroquias de Vilarmaior,
Torres, Vilamateo e Goimil.

7) Súa Lomba-6 (Coordenadas UTM 570545-4799941, cota de altitude 250 m). É o panel
situado máis ó N do grupo, na finca contigua ó resto do grupo. Ten unhas dimensións de
4,80 m N-S x 3,20 L-O e unha altura máxima polo O de 1,30 m (foto 1).
Anuario Brigantino 2020, n. 43

15
GRUPO DE ARQUEOLOXÍA DA TERRA DE TRASANCOS

O afloramento está inclinado ó O na aba do monte cara ó regacho do Monduriz. Na súa


parte central podemos ollar dúas combinacións de círculos concéntricos de 30 e 44 cm de
tres e catro aros, con cazoleta central e o máis pequeno con suco de saída; unha combinación
de círculos concéntricos de 35 cm de Ø, sen cazoleta central e suco de saída. Na parte inferior
destas, tres combinacións máis. Tamén hai os restos dunha combinación de dous círculos
moi esvaecidos de 36 cm de Ø. Na parte S do afloramento hai outras tres combinacións de
dous semicírculos de 20, 24 e 25 cm de Ø respectivamente, só unha delas con cazoleta
central e ó N do afloramento outra combinación de dous semicírculos de 30 cm de Ø.

Grupo de Chousa Vella-Monduriz


Este novo grupo está moi preto do linde coa parroquia de Torres, e é a continuación
cara ó N do grupo de Chousa Vella (parroquia de Torres). Está formado por tres pequenos
afloramentos.
8) Chousa Vella-Monduriz-1 (Coordenadas UTM 570379-4799629, cota de altitude 225
m). Pequeno afloramento composto por dúas pedras que, en conxunto, miden 1,40
m N-S x 1,60 L-O e unha altura de 50 cm. Na pedra situada máis ó N, ollamos unha
cazoleta de 3 cm de Ø e dúas de 4,5 cm.
9) Chousa Vella-Monduriz-2 (Coordenadas UTM 570381-4799571, cota de altitude 219
m). É o panel máis interesante e diferente, non só deste traballo, senón de todo o concello.
Ten unhas medidas de 2,70 m N-S x 4 L-O e unha altura que oscila entre os 0,80 m polo S a
1,20 polo O, mentres que polo L e N o afloramento métese a ras do chan na aba do monte.
A parte O do afloramento é onde presenta unha maior altura. No seu cume hai dezaseis
cazoletas de entre 4 a 13 cm de Ø e dous baleirados unidos entre si de 80 cm de longo, no
que ó N deles ollamos un semicírculo que os bordea. Na vertical, cara ó L hai una pequeno
rectángulo de 10 x 12 cm, probablemente moderno, e no lateral, cara ó O podemos ollar dous
pequenos círculos simples e tres combinacións e círculos concéntricos de 23, 25 e 40 cm de
Ø respectivamente, todas elas de dous aros e con suco de saída, aínda que a algunha das
combinacións se lle engaden outras figuras de difícil interpretación pola gran erosión que
presenta esta parte da pedra. Na caída S, desta parte do afloramento, podemos ollar moi
esvaecidos, dous pequenos círculos unidos entre si; tres cazoletas, unha delas con suco
de saída e unha figura rectangular, con outras formas asociadas.
Despois deste resalte, cara ó L, o afloramento polo N é plano e nel concéntranse a
maioría dos gravados. Hai polo menos sete cazoletas de 4 e 5 cm de Ø e once combinacións
de círculos concéntricos, de entre 28 e 11 cm de Ø, de un ou dous aros, todos eles con
cazoleta central e tres deles con suco de saída. Oito destas combinacións teñen aros
solapados e unidos entre si, formando unha figura moi interesante. Por enriba destas
combinacións, e moi cerca dunha diáclase, está representada sobre unha raia horizontal,
unha pequena figura esquemática dun animal (foto 2), de 18 cm de longo por 10 de alto no
que podemos ver un longa raia que puidera ser a cola. O corpo está feito por dous trazos
paralelos que nos permite visualizar as catro patas, e parece ter un apéndice co que
poderíamos interpretar que se trata dun macho. A cabeza, que mira cara
abaixo, é o trazo máis deteriorado e está unida ó corpo, sen pescozo, o que nos fai
pensar que non se trate dun cérvido, pois de tratarse dun macho, tería cornamenta (foto 3).
No borde da cornixa cara ó NL hai outra pequena combinación de círculos concéntricos de
18 cm de Ø, de dous aros con cazoleta central e suco de saída que vai cara a diáclase.

Anuario Brigantino 2020, n. 43

16
NOVOS GRAVADOS RUPESTRES NO CONCELLO DE VILARMAIOR:
PRIMEIRAS REPRESENTACIÓNS DE ARMAS E ANIMAIS

Foto 2.- Conxunto de figuras xeométricas na parte superior do panel Chousa Vella-Monduriz 2.
Na parte superior, marxe esquerda está a figura do animal.

Foto 3.- Representación animal do panel Chousa Vella-Monduriz 2.

Anuario Brigantino 2020, n. 43

17
GRUPO DE ARQUEOLOXÍA DA TERRA DE TRASANCOS

Na parte inclinada desta zona do


afloramento, ó O, ollamos unha rara
combinación de tres triángulos paralelos de
28 x 30 cm, con dous sucos de saída que
rematarían nunha combinación circular, á súa
vez asociada a outras combinacións
circulares rotas pola parte inferior. Cara ó L,
unha representación, con moitas reservas,
do que puidera ser un escutiforme, máis
cadrado do que soe ser o habitual nas
representacións rupestres galegas, e que
Foto 4.- Posible escutiforme do panel Chousa
Vella-Monduriz 2. máis parece unha cara, semellante a unha
máscara funeraria. Esta figura está rota na
parte inferior por un esconche da pedra (foto
4). Continuando polo lateral cara ó L, unha
clara representación dunha alabarda, cunha
vara de 50 cm de longo, que parece rematar
na parte superior nunha cazoleta.
Inmediatamente despois dunha greta, a
representación dunha posible espada ou
puñal (foto 5). Nesta zona da pedra hai outras
sete cazoletas de entre 7 e 4 cm de Ø, e moitas
raias, todas elas máis esvaecidas. Por estas
representacións, este panel convértese
nunha excepción no NL de Galicia ó aglutinar
non só diferentes figuras xeométricas senón
tamén unha representación dun animal e
armas (foto 6).
10) Chousa Vella-Monduriz-3
(Coordenadas UTM 570487-4799584, cota de
altitude 237 m). Pequeno afloramento de 2,70
m N-S x 1,65 L-O e 1,10 m de altura polo O.
Na parte que cae cara ó N podemos ollar
unha combinación de círculos concéntricos
de 29 cm de Ø con cazoleta central e suco de
Foto 5.- Armas do panel
saída, composta por dous aros dos que
Chousa Vella-Monduriz 2. penden varias raias e que formarían outra
probable combinación, hoxe en día
estragada. No resto da pedra hai tres
cazoletas e catro pequenos círculos
encadeados de 8 e 9 cm de Ø.

San Xurxo de Torres


Situada na zona central do concello, ten unha superficie de 4,26 km2. Linda polo N coas
parroquias de Doroña (Vilarmaior) e Vilachá (Monfero), polo L con San Fiz de Monfero,
polo S con Vilamateo e polo O con Callobre (Miño) e San Pedro de Vilarmaior.
Anuario Brigantino 2020, n. 43

18
NOVOS GRAVADOS RUPESTRES NO CONCELLO DE VILARMAIOR:
PRIMEIRAS REPRESENTACIÓNS DE ARMAS E ANIMAIS

Foto 6.- Vista xeral do panel Chousa Vella-Monduriz 2. Na parte superior as figuras
xeométricas e unha figura animal e na parte inferior, zona inclinada as armas.

Nesta parroquia, ata hoxe, foron documentados trinta e un paneis con gravados (GATT
1999, 2003, 2008, 2009, 2011) nos grupos: Cainzo (2), Pena da Zoca (2), Chousa Vella (6), O
Castro (2), Bordello (4), Monte Grande (os paneis 6, 7 e 8) e outros paneis soltos en Chousa
do Tras, Fontevella/Belsar, O Pleito, Lamelas, Chousa do Penedo, Tras a Laxe, Rego de
Pazos, Maceira, Tras da Igrexa, Roza Nova, Coto da Fraga e Coto do Abeledo. Non incluímos
nesta parroquia os conxuntos de Revolto, Calvela, Chousa do Montañés, parte do Monte
Grande (números 2 o 6) e Monte Grande-A Chaeira que erroneamente foron situados nas
publicacións anteriores nesta parroquia e que se atopan na de Vilamateo (fig. 3).
11) Monte Grande-9 (Coordenadas UTM 572312-4799425, cota de altitude 319 m).
Probablemente situado no linde das parroquias de Torres e Vilamateo, é un afloramento de
4,10 m N-S x 9,30 L-O. A parte oriental da pedra está chea de pías naturais e nela tan só
chegamos a ollar dúas cazoletas de 5 e 6 cm de Ø e a metade dun aro que formaría parte dun
círculo de 17 cm. Cara ó O, e separado por unha greta, hai oito cazoletas, dúas na parte
superior e as outras seis na parte inclinada da pedra, de entre 6,5 a 4,5 cm de Ø; máis ó O e
separadas de novo por unha greta, outras catro cazoletas de entre 7 e 5,5 cm de Ø.
12) Monte Grande-10 (Coordenadas UTM 572588-4799817, cota de altitude 347 m).
Panel inclinado ó SO cunhas dimensións 1,85 m N-S x 2,50 L-O. Nel podemos ollar cinco
Anuario Brigantino 2020, n. 43

19
GRUPO DE ARQUEOLOXÍA DA TERRA DE TRASANCOS

cazoletas de entre 7 e 6 cm de Ø e unha combinación circular moi esvaecida de 27 cm de Ø


con cazoleta central. Tanto ó N, a 2,50 m, como ó SO hai pedras que presentan unha cazoleta
solta de 9 e 10 cm de Ø respectivamente.
13) Monte Grande-11 (Coordenadas UTM 572580-4799820, cota de altitude 347 m). A
escasos 8 m ó NO do panel anterior, hai un pequeno afloramento a ras de chan de 1,80 m N-
S x 2,45 L-O, nel podemos ollar seis cazoletas de entre 4 a 6 cm de Ø.
14) Chousa do Penedo-2 (Coordenadas UTM 570636-4799190, cota de altitude 257 m). É
un panel inclinado ó SSL a uns 14 m ó S do gran panel de Chousa do Penedo (GATT 2008).
Aínda que moi desgastado, podemos ollar un pequeno círculo simple de 14 cm de Ø con
cazoleta central, e una cazoleta solta de 3 cm.
15) O Foro (Coordenadas UTM 570481-4799153, cota de altitude 228 m). Situado ó SO
do anterior, é un pequeno afloramento de 1,25 m N-S x 2,80 L-O. Cabe destacar no centro
unha figura humana de 21 cm de alto x 13 de ancho coas súas dúas pernas e pes claramente
definidos. Mostra o brazo esquerdo levantado e o dereito cunha prolongación que chega
ata a metede da perna; enriba da cabeza ten dúas pequenas cazoletas. Pola súa forma e trazo
ven podería pasar por prehistórico, pero á esquerda dela hai unha cruz de 9 x 14 cm e á
dereita un rectángulo, cunha cruz gravada no interior de 16 x 18 cm. Ante a ausencia
doutros gravados prehistóricos, creemos que está figura humana é moderna.
16) O Castro-3 (Coordenadas UTM 570905-4799159, cota de altitude 263 m). Pequeno
afloramento a ras de chan de 1,90 m N-S x 2,50 L-O, situado a 4 m ó S do panel O Castro-1
(GATT 2009). É un afloramento que está inclinado cara ó L, e na súa zona intermedia
podemos ollar nove cazoletas de entre 3,5 a 8 cm de Ø.

Santiago de Vilamateo
Parroquia situado no S do concello, ten unha superficie de 5,55 km2. Linda ó N coa
parroquia de Torres, ó L con San Fiz de Monfero, ó S con Ambroa (Irixoa) e ó O con Goimil
(Vilarmaior) e Callobre (Miño).
Corrixidos os erros de situación dos paneis anteriormente mencionados, esta é a parroquia
que presenta a maior densidade de gravados de todo o concello. Ata a data foron
documentados sesenta e oito paneis con gravados (GATT 1999, 2003, 2008, 2009, 2011) nos
grupos: Calvela (7), Revolto (7), Chousa do Montañés (13), Calvela de Arriba (2), Calvela de
Abaixo (2), Anido (4), Monte Grande (os paneis 1 a 5), Chousa do Monte (3), Lugarexo (5),
Penedo do Boi (4), Parrocha (2), A Peneda (4), Chousa de Anido (4) e outros paneis soltos
en Chousa da Calvela, Regueiro, Monte Grande-A Chaira, Pena Cadeira, Gaián e Chousa de
Cerquido (fig. 3).
O terreo no que se sitúan os grupos Revolto, Calvela e Monte Grande, está plantado
maioritariamente de pinos con moi pouca capa vexetal, o que permitiu que, tralo paso dos
temporais destes últimos anos, moitas das árbores caeran e debaixo das súas raíces
puidéramos localizar novos gravados nos paneis Revolto-3, Revolto-4, Monte Grande-3 e
mesmo a localización dun novo panel, Revolto-8.
A) Revolto-3 (Coordenadas UTM 570698-4798768, cota de altitude 251 m). Engadimos
neste panel unha combinación de círculos concéntricos de 50 cm de Ø de tres aros e
cazoleta central, situada a 1,3 m ó OSO da publicada en 2008.
B) Revolto-4 (Coordenadas UTM 570713-4798801, cota de altitude 255 m). Ó igual que
a anterior engadimos unha combinación de círculos concéntricos de 27 cm de Ø, de dous
aros e cazoleta central, situada a 2,5 m ó SSO da publicada en 2008.
Anuario Brigantino 2020, n. 43

20
NOVOS GRAVADOS RUPESTRES NO CONCELLO DE VILARMAIOR:
PRIMEIRAS REPRESENTACIÓNS DE ARMAS E ANIMAIS

Foto 7.- Representación animal do panel Calvela 2.

17) Revolto-8 (Coordenadas UTM 570698-4798771, cota de altitude 251 m). Situado
inmediatamente ó N do panel de Revolto-3 (GATT 2008). Afloramento a ras de chan cunhas
dimensións de 5,60 m N-S x 4 L-O, está divido de N a S por unha pequena veta de seixo. No
L do afloramento hai varias pías naturais, e nos pequenos curutos que forma a pedra ollamos
tres cazoletas de 4 e 4,5 cm de Ø e un pequeno circulo de 15 cm de Ø con cazoleta central. Na
parte O da veta encóntranse a maioría dos gravados, tres cazoletas simples de 5 e 7 cm Ø, dúas
cazoletas de 4 cm unidas por unha raia e unha cazoleta con dous sucos de saída de 24 cm de
longo, en forma de V. Tamén podemos ollar unha combinación de círculos concéntricos de
tres aros e un cuarto incompleto, de 30 cm de Ø, con suco de saída; outra combinación de
círculos concéntricos de 40 cm de Ø, de dous aros con cazoleta central e tres raias que forman
un apéndice rectangular do que parte o segundo aro; un pequeno círculo de 12 cm con
cazoleta central e os restos dunha combinación circular de 24 cm de Ø de dous aros.
C) Calvela-2 (Coordenadas UTM 570492-4798853, cota de altitude 233 m). Este panel xa
foi publicado pola nosa Asociación en 2008 e posteriormente ampliado no 2009. Nel
represéntanse diferentes figuras xeométricas e cazoletas, pero o que nunca se citou, por
prudencia, porque sería unha excepción entre os gravados deste concello, é unha pequena
figura que se atopa na parte inclinada da pedra. Hoxe en día e trala aparición da figura dun
animal no panel de Chousa Vella-Monduriz-2, podemos presentala como outra figura
esquemática doutro animal, posiblemente un cérvido, polo pescozo que amosa, aínda que
con reservas, porque a parte da cabeza, practicamente non se conserva (foto 7).
18) Chousa do Montañés-14 (Coordenadas UTM 570458-4798704, cota de altitude 216
m). Está situado entre os paneis de Chousa Montañés 1 e 3 (GATT 2008, 2011). É un
afloramento de forma redondeada de 2,40 m N-S x 3,30 L-O e unha altura de 80 cm polo SO,
Anuario Brigantino 2020, n. 43

21
GRUPO DE ARQUEOLOXÍA DA TERRA DE TRASANCOS

Foto 8.- Combinacións de círculos concéntricos do panel Calvela de Abaixo 4.

que é por onde cae fundamentalmente. En principio pasou desapercibido, posto que polo
único motivo que foi inventariado é por unha cruz de 16,5 cm de alto x 23 de ancho, que se
amosa na parte máis inclinada do panel, pero na parte superior tamén se pode ollar un
semicírculo de 26 cm de Ø e unha cazoleta de 4,5 cm de Ø.
19) Chousa do Montañés-15 (Coordenadas UTM 570364-4798519, cota de altitude 196
m). Situado abaixo do panel Chousa do Montañés-4 (GATT 2008), foi localizado tralo
acondicionamento deste panel para a posta en valor de 2016; ten unhas dimensións de 2,10
m x 1,50. O panel está divido polas gretas en catro partes, no cuadrante inferior dereito
podemos ollar unha combinación de círculos concéntricos de 29 cm de Ø, con cazoleta
central e dous aros dos que penden catro sucos de saída.
20) Calvela de Abaixo-3 (Coordenadas UTM 570457-4798300, cota de altitude 194 m).
Pequeno afloramento de 90 cm N-S x 1,20 m L-O. Na parte da pedra que inclina ó L hai un
pequeno círculo simple de 15 cm de Ø, e na outra vertente da pedra, unha cazoleta e os
restos do que poderían ser outros dous pequenos círculos simples.
21) Calvela de Abaixo-4 (Coordenadas UTM 570439-4798206, cota de altitude 184 m).
Afloramento cunhas dimensións de 2,70 N-S x 4,70 L-O. Na zona central cara ó O está moi
deteriorada e chea de diáclases de seixo. Foi utilizado como canteira e partido polo O, sendo
na zona SL onde se conservan os gravados. Ollamos unha combinación de círculos
concéntricos de 33 cm de Ø de tres aros, o terceiro incompleto por una greta e cinco sucos
de saída que penden en horizontal do segundo e terceiro aro. Pegada a ela, outra combinación
de círculos concéntricos de 29 cm de Ø de dous aros, o segundo incompleto do que penden
dous sucos de saída en vertical, tendo ambas combinacións un baleirado central de 11,5 e
12,5 cm respectivamente. Paralelo a esta última combinación, hai un pequeno círculo simple
Anuario Brigantino 2020, n. 43

22
NOVOS GRAVADOS RUPESTRES NO CONCELLO DE VILARMAIOR:
PRIMEIRAS REPRESENTACIÓNS DE ARMAS E ANIMAIS

de 9 cm de Ø que abaixo presenta unha posible


figura rectangular de 24 x 28 cm, que está
dividida polo medio (foto 8). Este panel está
practicamente no linde das parroquias de
Vilamateo e Goimil.
22) Abeal-1 (Coordenadas UTM 571418-
4798608, cota de altitude 232 m). Conxunto de
dúas pedras situadas na caída dunha terraza
de terras de labor ó L, e un vello camiño ó O.
En conxunto teñen unhas dimensións de 2,80
m N-S x 2 L-O e unha altura polo S e O de 3 m.
Na pedra situado ó NO podemos ollar un
círculo simple de 15 cm de Ø con cazoleta
central e dezaseis cazoletas simples de entre
6 a 4 cm de Ø. Na pedra situada ó NL outras
doce cazoletas de entre 10 a 4 cm.
23) Abeal-2 (Coordenadas UTM 571411-
4798596, cota de altitude 230 m). Afloramento
situado na marxe dereita do camiño, cunhas
dimensións de 3 m N-S x 2,20 L-O e un altura
Foto 9.- Novos gravados no panel
que oscila entre 1,85 m polo N a 1,20 polo L. Monte-Grande 3.
Nel podemos ollar un pequeno círculo
incompleto de 17 cm de Ø con cazoleta central;
unha cruz de 18 x 10 cm que esta rodeada na parte superior por un semicírculo; una cazoleta
ovalada e oito cazoletas de 4-8 cm de Ø, sete delas gravadas no canto superior da pedra.
Tódolos gravados se encontran na cara oposta ó camiño.
24) Abeal-3 (Coordenadas UTM 571410-4798582, cota de altitude 228 m). Está situada ó
igual que o anterior na marxe dereita do camiño. Creemos que se trata dunha pedra exenta
que está rota polo N e polo O. Ten unhas medidas de 1,20 m N-S x 0,90 L-O e nela podemos
ver tres cazoletas de 5-6 cm e os restos dun aro que tería uns 37 cm de Ø, cunha cazoleta
inserida no aro.
25) Revolta (Coordenadas UTM 571257-4798357, cota de altitude 224 m). Conxunto de
dúas pedras con abundancia de xistos. A pedra máis alta mide 75 cm N-S x 3 m L-O e nela
pódese ollar un círculo simple, probablemente moderno de 11 cm de Ø.
D) Monte Grande-3 (Coordenadas UTM 572331-4799211, cota de altitude 311 m). É
unha ampliación do panel publicado pola nosa Asociación en 1999 e 2003. A caída dunha
árbore permitiunos localizar, na parte O do afloramento, novos gravados. Na parte superior,
dúas combinacións de círculos concéntricos de dous aros, con cazoleta central e baleirado
central respectivamente; e, máis abaixo, outra combinación de círculos concéntricos que
semella estar cortada ó medio por unha raia que parece unha embarcación, pero que en
verdade cremos que é posterior á combinación de círculos. Esta raia zigzaguea pola rocha
e remata nun cadrado, cunha cruz no interior (foto 9).
26) As Lamas-1 (Coordenadas UTM 572258-4798999, cota de altitude 289 m). Afloramento
xunto a un valo e pedras, que forma un socalco polo S onde ten unha altura de 90 cm. As
dimensións son de 5 m N-S x 5,50 L-O. Nel están representadas unha cazoleta ovalada de 5
x 7 cm, catro pequenos círculos simples de entre 11 a 18 cm de Ø que rodean unha pía
Anuario Brigantino 2020, n. 43

23
GRUPO DE ARQUEOLOXÍA DA TERRA DE TRASANCOS

natural, unha combinación de círculos en forma de oito de 38 x 20, bastante deteriorada e,


máis ó S, aproveitando un teto da pedra, outros dous pequenos círculos de 18 e 20 cm de Ø,
ambos con suco de saída que se unen a unha raia horizontal duns 60 cm de longo. Todo o
afloramento está bastante deteriorado polas labores forestais.
27) As Lamas-2 (Coordenadas UTM 572240-4798881, cota de altitude 281 m). Afloramento
de dúas pedras a ras de chan, no que na pedra situada máis ó S hai un trazo semicircular
duns 44 cm que podería formar parte dunha combinación. A pedra está rota polo S, e o seu
estado de conservación non nos permite asegurar a cronoloxía do gravado.
28) As Lamas-3 (Coordenadas UTM 572259-4798876, cota de altitude 282 m). Pequeno
afloramento a ras de chan que, o mesmo que o anterior, está moi estragado polas labores
forestais. Ten unhas dimensión de 2 m N-S x 2,80 L-O e nel podemos ollar unha cazoleta de
7 cm, e os restos dunha combinación circular de 21 cm con cazoleta central.
29) Regueiro-2 (Coordenadas UTM 572001-4798663, cota de altitude 274 m). Afloramento
situado ó S da mámoa do Regueiro (GATT 2013). Ten unhas dimensións de 3,10 m de N-S x
3,40 L-O, no que tan só ollamos dúas cazoletas de 7 e 11 cm de Ø.
30) Chousa do Monte-4 (Coordenadas UTM 571837-4798578, cota de altitude 274 m).
Panel situado ó pé mesmo da mámoa Regueiro-3 (inédita), e a uns 10 m LSL do panel de
Chousa do Monte-1 (GATT 2009). Trátase dun afloramento a ras do chan de 2,70 m de N-S
x 5,40 m de L-O, no que podemos ollar corenta e dúas cazoletas circulares de entre 3 e 15 cm
de Ø e dezasete cazoletas ovaladas cunhas medidas que van dende 10 x 5 a 21 x 10 cm.
Tamén hai dous círculos simples, co suco do aro moi vasto e ancho, ambos de 43 cm de Ø
e con cazoleta central.
31) Lugarexo-5 (Coordenadas UTM 572157-4798445, cota de altitude 259 m). Afloramento
fragmentado en varias pedras, inclinadas ó O que, en conxunto, ten unhas medidas de 2,70
m N-S x 3,5 L-O. Os gravados, na pedra máis alta son unha cazoleta de 8 cm e outra ovalada
de 19 x 8 cm. E na pedra situada ó S, tres cazoletas de 6,5 a 16 cm de Ø e outra de 9 cm situada
no corte do afloramento.
32) Penedo do Boi-5 (Coordenadas UTM 572489-4798430, cota de altitude 261 m).
Afloramento a ras do chan de 3 m de N-S x 4,20 m de L-O, xunto a unha pía natural. Está moi
estragado polas labores forestais e vense os restos dunha combinación circular duns 35 cm
de Ø, posiblemente con dous aros e cazoleta central.
33) Modriqueira (Coordenadas UTM 571522-4797940, cota de altitude 206 m). É un
conxunto de pedras que forman parte dunha cerradura de fincas, situadas ó S dun sendeiro.
Na pedra máis grande do afloramento podemos ollar un total de vinte e sete cazoletas de 2,5
a 10,5 cm de Ø e outras cinco cazoletas ovaladas de entre 7 x 4 cm a 13 x 7,5 cm. A pedra está
cortada ó S e ó O, onde ollamos as marcas de cuñeiras dos canteiros.
34) Chousa do Anido-5 (Coordenadas UTM 571639-4797704, cota de altitude 198 m).
Pequeno afloramento situado a escasos metros ó LSL do panel de Chousa do Anido-4
(GATT 2011). Ten unhas dimensións de 2,80 m N-S x 2,30 L-O no que tan só puidemos ollar
os restos dun pequeno círculo incompleto de 11 cm.

San Cristovo de Goimil


Parroquia situada no SO do concello, ten unha superficie de 2,34 km2. Linda ó N e L coa
parroquia de Vilamateo (Vilarmaior), ó S con Ambroa (Irixoa) e ó O con Callobre (Miño).
O mesmo que ocorre coa parroquia de Grandal, ata o de agora non localizaramos ningún
gravado nesta parroquia, pero, a diferencia de Grandal, en Goimil a metade occidental da
Anuario Brigantino 2020, n. 43

24
NOVOS GRAVADOS RUPESTRES NO CONCELLO DE VILARMAIOR:
PRIMEIRAS REPRESENTACIÓNS DE ARMAS E ANIMAIS

Foto 10.- Combinacións circulares da terceira pedra do panel Calvela de Abaixo 6.

parroquia está formada por xeoesquistos e a veta granítica tan só ocupa a metade oriental,
que é onde localizamos os gravados (fig. 3).
35) Calvela de Abaixo-5 (Coordenadas UTM 570650-4798173, cota de altitude 198 m). É
a continuación cara ó SL do grupo descrito na parroquia de Vilamateo. Este afloramento ten
unhas dimensións de 1,50 m N-S x 3 L-O e unha altura polo S de 1,20 m. O panel está
inclinado ó O que é onde ollamos unha combinación de círculos concéntricos de 32 cm de
Ø de tres aros, os dous exteriores incompletos. Pola parte de arriba ten cazoleta central e
suco de saída no que está inserido un semicírculo no medio. Nun plano inferior hai outra
combinación de círculos concéntricos de 21 cm de Ø, con cazoleta central e dous aros, o
exterior incompleto.
36) Calvela de Abaixo-6 (Coordenadas UTM 570649-4798097, cota de altitude 184 m).
Afloramento fragmentado en catro pedras situadas no alto dunha antiga canteira, dúas
delas a ras de chan e as outras dúas, as situadas máis preto do corte da canteira, forman un
socalco polo SO. En conxunto ten unhas dimensións de 3,60 m N-S x 4,80 L. Na pedra
superior localizamos un círculo simple de 12 cm, aproveitando un teto da pedra e unha
figura de dous cadrados paralelos de 19 x 21 cm situada entre dúas diáclases que, igual que
o anterior, están gravados no borde da pedra. Na parte máis plana hai un círculo simple de
28 cm e un semicírculo de 21 cm con cazoleta central. Situada máis ó SL, está a segunda
pedra na que se pode ver unha cazoleta solta de 4,5 cm de Ø e dous semicírculos de 16 x 14
e 19 x 16 cm, ambos con cazoleta central e suco de saída. Ó SO da anterior, está a terceira
pedra, na que se poden ver tres cazoletas de 5 a 7 cm de Ø; un círculo simple de 20 cm
gravado no mesmo borde da pedra e, na zona central (foto 10), unha combinación de
círculos concéntricos de 22 cm de Ø con baleirado central e a figura principal que é unha
combinación en forma de oito de 46 cm de longo, formada por dúas combinacións de
círculos, con baleirados interiores, que na parte inferior do círculo presenta unha abertura
Anuario Brigantino 2020, n. 43

25
GRUPO DE ARQUEOLOXÍA DA TERRA DE TRASANCOS

da que parten dous semicírculos cara arriba e outro baleirado por abaixo. Esta figura é moi
similar ás localizadas en Calvela-3 (GATT 2008) ou Edreiros-1 (GATT 2003, 2016). Tamén hai
dous pequenos círculos de 4 e 5 cm respectivamente, así como unha combinación de dous
pequenos círculos unidos entre si, de 8 x 13 cm. A cuarta pedra está separada da anterior por
unha greta, no vertixe mesmo da canteira. Está rota na zona NO, pero, aínda así, pódense
ollar dúas combinacións de círculos concéntricos de 20 cm de Ø, de dous aros, o exterior
incompleto e con baleirado central.
37) Calvela de Abaixo-7 (Coordenadas UTM 570722-4798124, cota de altitude 190 m).
Pequeno afloramento inclinado ó S de 1,30 m N-S x 1 m L-O. Na parte superior pódese ver
un semicírculo e un círculo simple, ambos de 15 cm.
38) Calvela de Abaixo-8 (Coordenadas UTM 570768-4798177, cota de altitude 199 m).
Afloramento cunhas dimensións de 2 m N-S x 1,20 L-O e un 1m de altura polo SL. Os
gravados concéntranse na parte alta onde localizamos nove cazoletas de entre 5 a 8 cm.
39) Chousa Vella de Goimil (Coordenadas UTM 570730-4797656, cota de altitude 199
m). A pedra está inclinada ó N e rota polo S por labores de cantería. Conserva unhas
medidas de 1,35 m N-X x 3,10 L-O e unha altura de 75 cm polo S. E nela podemos ollar os
restos dunha combinación de círculos concéntricos de catro aros, todos eles incompletos,
de 92 cm de Ø, con cazoleta central e suco de saída.
40) Paínza (Coordenadas UTM 571117-4797491, cota de altitude 144 m). Conxunto de
pequenos afloramentos situados na aba do monte. No superior de 90 cm N-S x 80 L-O, hai
gravada un pequena figura ovalada de 17 x 15 cm. Na pedra máis grande, cunhas dimensións
de 1,45 m de alto (N-S) x 3,30 de L-O, podemos ollar, gravadas na cara S, tres cruciformes de
32 cm de alto x 18 de ancho; 22 de alto por 13 de ancho e 29 de alto x 17 de ancho, todas elas
de diferentes formas. Cremos que estes gravados poden ter relación co antigo mosteiro de
San Cremenzo de Vilamateo (GATT 2002), situado na mesma ladeira do monte, a uns 150 m
SSL de distancia en liña recta.
41) Pena Grande-1 (Coordenadas UTM 570707-4797415, cota de altitude 195 m). Gran
afloramento utilizado como canteira e cortado polo N. As medidas totais son 5,50 m N-S x
11,50 L-O. Na marxe superior (lado S) conserva un semicírculo de 15 cm de Ø con cazoleta
central e suco de saída e outra combinación de dous círculos concéntricos de 24 cm de Ø
con cazoleta central e dous sucos de saída en forma de V de 26 e 48 cm de longo. No resto
do afloramento, a pesares das súas dimensións, non atopamos ningún gravado máis.
42) Pena Grande-2 (Coordenadas UTM 570802-4797265, cota de altitude 169 m).
Afloramento de 1,90 m N-S x 3,80 L-O e unha altura máxima de 2,40 m polo NL. A pedra cae
cara o L e O. Na divisoria das vertentes, parte máis alta da pedra, pódese apreciar un círculo
simple de 20 cm de Ø con cazoleta central.
43) Pena Grande-3 (Coordenadas UTM 570957-4797269, cota de altitude 169 m).
Afloramento que forma parte dun socalco sobre o río Lambre. Ten unhas dimensións de 3
m N-S x 2,40 L-O e unha altura de 2,60 m polo LNL. Na parte central do panel, case inapreciable,
ollamos os restos dun círculo simple de 11 cm con cazoleta central.
44) Chousa Nova de Goimil (Coordenadas UTM 570647-4797284, cota de altitude 173
m). Afloramento que forma parte dunha antiga canteira. A parte visible mide 7,30 m de NO-
SL x 4 m na parte inferior do afloramento, e unha altura que vai dende 2,40 ós 5 m. Na parte
alta do afloramento, e aproveitando un teto, hai un semicírculo de 21 cm de Ø, e na parte
media unha figura ovalada de 20 x 17 cm.

Anuario Brigantino 2020, n. 43

26
NOVOS GRAVADOS RUPESTRES NO CONCELLO DE VILARMAIOR:
PRIMEIRAS REPRESENTACIÓNS DE ARMAS E ANIMAIS

45) O Cal (Coordenadas UTM 570465-4797079, cota de altitude 170 m). Situado nas
inmediacións do parque infantil que hai preto da igrexa de Goimil, é un afloramento
fragmentado, cortado polo NL e cuberto de maleza. Ten unhas dimensións de
aproximadamente 5,80 m N-S x 4 m L-O. Nel podemos ollar tres cazoletas de 5 a 9 cm de Ø e
outras dúas ovaladas de 12 x 9 e 9 x 7 cm respectivamente.
46) Foxo-1 (Coordenadas UTM 570520-4796911, cota de altitude 156 m). Afloramento
suspendido sobre un cantil que mira cara o río Lambre. Ten unhas medidas de 3,70 m N-S x
2,70 L-O e unha altura que vai dende os 2,70 m polo N ós 5 m polo L. A parte superior é
bastante plana e cae cara ó O; nela podemos ollar unha gran figura humana de 1,20 m de
alto, de cronoloxía claramente moderna e, polas informacións recollidas, representaría
posiblemente un crego, xa que ten unha prenda superior e unha inferior (tipo saia) con
botóns, aínda que tamén puidera tratarse dunha muller. Enriba da cabeza ten unha inscrición
ilexible moi deteriorada.
47) Foxo-2 (Coordenadas UTM 570485-4796905, cota de altitude 156 m). Ó OSO do
anterior, é un afloramento redondeado, roto polo O e cabalgado sobre outras pedras. Ten
unhas dimensións de 1,50 m de N-S x 2,50 L-O x 0,80 de altura. Na cara SL hai gravada unha
gran cruz de 37 cm de alto x 26 de ancho, cos brazos ensanchados e baleirada no seu
interior.

IV-CONCLUSIÓNS
Dende as publicacións realizadas entre os anos 1999 a 2011, este pequeno concello de
Vilarmaior con apenas 30 km² xa era un referente na arte rupestre galega, non só pola
cantidade de paneis localizados (118), nin pola densidade (xa que máis do 90% se
concentraban en apenas 2,5 km²), senón pola diversidade de formas, maioritariamente
xeométricas, pero con particularidades nas formas, ó que había que engadirlle as figuras
antropomorfas, moi singulares e propias da zona.
Agora, coa documentación de 47 novos paneis, por unha parte completamos a
localización de paneis en tódalas parroquias do concello (faltaban en Grandal e Goimil) e
ademais engadimos novas figuras naturalistas, o que vén completar o amplo catálogo de
figuras que forman o denominado «Grupo Galaico da Arte Rupestre».
De tódolos novos paneis, sen dúbida destaca o de Chousa Vella-Monduriz-2 (San
Pedro de Vilarmaior) no que localizamos non só a figura esquemática dun animal, senón
tamén armas, unha alabarda e posiblemente unha espada ou puñal, ademais dun posible
escutiforme ou máscara. A localización desta figura animal tamén nos permitiu constatar
as sospeitas que tiñamos doutra figura do panel de Calvela-2 (Santiago de Vilamateo) e
que non fora divulgada ata o momento.
As representacións de animais soen estar acompañadas doutros animais, formando
unha escena de caza, de monta, pastoreo, ou asociadas a figuras xeométricas, pero neste
caso as dúas figuras están soas. No caso da Chousa Vella-Monduriz-2, como apuntamos
anteriormente, probablemente sexa un macho, e non parece ser un cérvido o carecer de
cornamenta. Se representa mirando para abaixo, sen pescozo, e cunha longa raia a forma
de rabo, pero o mero feito de estar soa, sen asociar a outra escena que recoñezamos, nin
atopar ningún outro paralelo na zona, non nos permite de que animal se trataría. No caso
de Calvela-2, si poderíamos aventurar que posiblemente se tratara dun cérvido, pero aquí
temos que manter a prudencia destes últimos anos, si ben o corpo e pescozo
corresponderíase cun cérvido, a falta da maioría da cabeza, non nos permite aseveralo.
Anuario Brigantino 2020, n. 43

27
GRUPO DE ARQUEOLOXÍA DA TERRA DE TRASANCOS

Consideremos que estas dúas figuras son as representacións de animais máis ó N de


Galicia, as anteriores atopámolas na zona da Costa da Morte, na Cova da Bruxa (Corme).
Ademais, este excepcional panel de Chousa de Vella-Monduriz-2, proporciónanos a
representación de armas. Estas representacións son moi importantes ó confirmar a utilización
da metalurxia polos antigos gravadores dos petróglifos. Todas elas están gravadas de pé,
na zona inclinada da pedra, o que permite unha maior visibilidade e unha notoriedade
dentro do panel, algo que non ocorre cas dúas representacións animais antes mencionadas,
que están gravadas nas esquinas ou zonas marxinais dos seus paneis respectivos. No
caso da alabarda, é a representación máis clara; a espada ou puñal, en cambio, está moi
deteriorada/o e faltaríalle a parte superior, se ben a súa disposición no panel e a mesma que
a da alabarda, de pé, pero máis esquinada, sen tanta relevancia (foto 5). Pola súa parte, o
posible escutiforme ou máscara, sitúase na parte central, co trazo moito máis tenue e
esconchado pola parte inferior (foto 4).
Este panel, ademais, ten unhas combinacións de círculos concéntricos situadas na
única zona plana do afloramento. O ancho dos sucos e a irregularidade dos mesmos, así
como a situación dentro do panel, fainos crer que estas representacións son máis antigas
que as figuras animais e arma/s, que teñen un trazo máis estreito e definido que as
representacións xeométricas (fotos 2 e 3).
Tamén queremos destacar que a localización da pedra de Agra do Conde, San Pedro de
Vilarmaior, coa representación de tres cazoletas, xunto con Chousa do Conde-1, Santa
María de Doroña (GATT 2019), coa representación de cazoletas e combinacións de círculos
concéntricos, nos confirma a reutilización de gravados rupestres, como marcos de deslinde
dos territorios, neste caso dos concellos de Vilarmaior e Miño e Vilarmaior en Pontedeume,
respectivamente.

AGRADECEMENTOS:
O noso agradecemento a todas as persoas que durante estes anos colaboran coa nosa
Asociación, en especial á Fundación L. Monteagudo que xunto co concello de Vilarmaior,
permitiunos axudar na divulgación e preservación dos gravados por medio da posta en
valor (inaugurada en 2016) dos paneis máis senlleiros deste. Tamén a José Salgado pola
seu inestimable e desinteresada labor na realización do material fotográfico nocturno, tan
complicado de facer nestes tempos de pandemia, e a David Valiño, pola súa paciencia e
inestimable axuda na xeolocalización dos xacementos.
BIBLIOGRAFÍA
Grupo de Arqueoloxía Terra de Trasancos (GATT) (1999): «Gravados rupestres en San Xurxo de Torres
(Vilarmaior, A Coruña)». Anuario Brigantino nº 22: 21-34.
-(2002): «O mosteiro de San Cremenzo de Vilamateo», Anuario Brigantino nº 25: 87-102.
-(2003): «Gravados rupestres na comarca do Baixo Eume», Anuario Brigantino nº 26: 51-76.
-(2008) «O Monte da Calvela: unha estación rupestre singular no concello de Vilarmaior», Anuario
Brigantino nº 31: 11-32.
-(2009) «Novos gravados rupestres nas parroquias de Torres e Vilamateo -Concello de Vilarmaior-
(I)», Opus cit. Anuario Brigantino nº 32: 11-30.
-(2011) «Novos gravados rupestres nas parroquias de Vilarmaior, Torres e Vilamateo – Concello de
Vilarmaior- (II)», Anuario Brigantino nº 34: 27-40.
-(2013) «Túmulos prehistóricos no concello de Vilarmaior (A Coruña)», Anuario Brigantino nº
36: 11-22.
-(2016) «Gravados rupestres no concello de Monfero (A Coruña)», Anuario Brigantino nº 39: 11-26.
-(2019) «Gravados rupestres no concello de Pontedeume», Anuario Brigantino nº 42: 11-20.
Anuario Brigantino 2020, n. 43

28

You might also like