You are on page 1of 2

A NOSA ROSALÍA feminista 2023

Concurso escolar de ilustración, colaxe e reciclaxe


con perspectiva feminista

Deputación de Pontevedra

Un ano máis, o 23 de febreiro conmemoramos o Día de Rosalía, data de nacemento da nosa autora
galega máis representativa da literatura e referente do feminismo.

Co obxectivo de homenaxeala e de resaltar a súa figura e obra, poñemos en marcha unha nova edición
de A Nosa Rosalía, que este ano adopta o formato de colaxe. Esta convocatoria está dirixida a todo
o alumnado dos centros de educación primaria da provincia de Pontevedra, aos que este ano se
suman os centros de educación especial, que poderán participar, de maneira colectiva, elaborando
unha colaxe feminista feita de materiais reciclables sobre a vida de Rosalía ou sobre a súa obra. Coa
idea de que se realice unha colaxe por aula ou por grupo, esta actividade servirá para resaltar a
importancia da escritora dentro do feminismo como unha das nosas referentes culturais
fundamentais, hoxe símbolo da nosa identidade galega, que demostrou que se podía ser muller e
dedicarse á escrita e que, a través das súas novelas e poemas, deixou claro o seu compromiso coas
causas sociais e coas súas raíces.

Seguindo a folla de ruta marcada pola Axenda 2030 e cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible,
a sostibilidade ocupa este ano un oco central compartido coa igualdade. Co fin de transmitirlles ás
xeracións máis novas a necesidade de reducir o consumo de produtos contaminantes e de reciclar e
darlles unha segunda vida aos produtos sen utilidade e beneficiosos co medio, valoraranse as colaxes
máis creativas que incorporen a sostibilidade de forma máis clara.

Unha vez finalizada a colaxe, a mestra ou mestre ou a Dirección do centro deberá enviar unha
fotografía desta (realizada con cámara ou teléfono móbil e sempre en formato horizontal), tendo de
prazo ata o 12 de febreiro para remitilo ao correo electrónico: anosarosalia@depo.gal, directamente,
ou a través de Wetransfer (se o peso do arquivo o require). Especificaranse o nome da aula ou do
grupo no título do arquivo e no correo, a categoría correspondente e o nome e os datos da persoa de
contacto do centro.

Categorías nas que se poderá participar:

1. Categoría Campaniñas: 1.º, 2.º e 3.º de primaria (de 6 a 9 anos)


2. Categoría Airiños: 4.º, 5.º e 6.º de primaria (de 9 a 12 anos)
3. Categoría Paxariños: esta nova categoría está dirixida a aulas ou grupos de centros de
educación especial

Como incentivo para que os colexios e o profesorado animen o alumnado a colaborar, todos os grupos
ou aulas que participen recibirán un lote de libros. As segundas mellores colaxes por categoría serán
galardoadas cun obradoiro creativo de reciclaxe que se impartirá nas propias aulas. Ademais, os
grupos que presenten as mellores colaxes poderán gozar dun contacontos sobre Rosalía, que se
representará nos centros e que achegará as e os máis cativos aos primeiros anos e á obra da nosa
poeta referente do Rexurdimento. Por outro lado, a categoría Paxariños recibirá tamén un premio
para as dúas mellores colaxes, pero neste caso o obradoiro e o contacontos adaptaranse ás
necesidades do centro.

Os grupos premiados anunciaranse o 23 de febreiro, nun acto que a Deputación de Pontevedra


realizará polo Día de Rosalía en Vigo e Pontevedra. Unha ou un representante de cada centro será
convidado a participar na gala de forma presencial e os grupos de nenas e nenos premiados poderán
facelo mediante streaming. Ademais, proxectaranse todas as colaxes, lerase o manifesto polo Día de
Rosalía e realizaranse actuacións musicais que amenizarán os actos.

Os actos poderán seguirse vía streaming a través da páxina web da Deputación de Pontevedra:
www.depo.gal.

E vós, reciclades coa nosa Rosalía feminista? Participade!

You might also like