You are on page 1of 13

Viaxe a Turistia

Decepcionante. Así describiron os habitantes da estrela Turistia o


solpor producido pola terceira lúa do planeta EO 343..
Impresión totalmente xustificada se temos en conta que para que
tal marabilla natural aconteza son necesarios dous elementos impropios
dun solpor, nubes e escuridade.
Aquel día facía sol.
O asteroide turisteo, residencia da civilización encargada das
denominacións, descricións e valoracións de todas aquelas “marabillas”,
naturais ou artificiosas, susceptibles de ser denominadas, descritas e
valoradas, mantiña unha constante emisión de viaxeiros autóctonos.
Como norma xeral, non eran ben recibidos naqueles lugares
centrados nunha economía dependente da idea de que o contido no seu
planeta é digno de ser observado a cambio dun prezo pouco realista.
As súas recensións adoitaban ser precisas dende un punto de vista
obxectivo, sen un anaco de poética ou estética.
Un claro exemplo é a anotación incluída baixo a imaxe das
“Murallas da constelación Qalil”.
—Coidado! Pedras!
Non faltaban á verdade, mais obviaban completamente o curioso da
súa construción.
Erixidas polo xefe Espazo Amplo, quen por falta de empatía ou por
absoluta non pertenza, pretendía cercar a constelación, de cantas
constelacións coñecemos, con máis claustrofóbicos por metro cadrado.
Como resultado, ditas murallas, foron construídas dunha forma
peculiar. Por cada dous metros de muro, dous metros de espazo diáfano.
Aínda a día de hoxe, segue a ser a constelación máis invadida do universo.
Quizais os turistios non eran os máis indicados para o traballo, pero
todo sexa dito, desenvolvían o seu labor dunha forma extremadamente
precisa e correcta.

Mentres os enviados na nave T-5 “A Obxectiva”, viaxeiros coa


misión avaliadora do solpor luar do planeta EO-343 plasmaban nos seus
cadernos a famosa e pouco lucrativa impresión “Decepcionante”, unha
parella de silafamis tomaba a decisión de introducirse dentro do
transporte turistio.

A Obxectiva partía de regreso á súa base. Os tripulantes ,


ensimesmados no funcionamento de cada botón, panca ou resorte,
permanecían atentos a calquera aviso por parte da mesa de control.
—Engalaxe correcta, procedemento de viaxe en 3,2,1 —dixo cunha
voz harmónica o viaxeiro sentado no centro da nave.
Coa súa orde toda a tripulación atribulouse durante cinco segundos
e, dun modo repentino, quedaron inmóbiles nos seus asentos. A nave fixo
un ruído, despois un renxer seguido dun golpe e, dun xeito súbito,
comezou a desprazarse lentamente.
—Procedemento de viaxe en 3,2,1 —repetía a mesma voz, cunha
afinación tres semitóns máis alta.
De novo, comezou a barafunda e a continua soba de botóns, pancas
e resortes. Acto seguido quedaron tesos nos respectivos asentos.
A nave volveu coa mesma ladaíña de notas desafinadas, desta vez,
detendo definitivamente a súa travesía lenta e sosegada.
—Sobrecargo Visor! Informe de erros! Solución xa! —inquiriu a voz
melodiosa proxectada en toda a súa plenitude cara ao tripulante situado á
súa dereita.
—Á orde, capitán Oding! —respondeu o sobrecargo Visor nunha oitava
máis baixa.
Case de inmediato, e cun impulso acorde ao seu cargo, o oficial
comezou a falar con todos e cadanseu compañeiro de viaxe. Cando reuniu
toda a información precisa e contrastada, acudiu ao capitán.
—Capitán!, Informe de erros concluído —dixo dun xeito confiado.
—E ben? —O capitán mirou cara el.
—Capitán! A tripulación da nave T-5 concorda en que, con toda
seguridade, matemática e fisicamente falando, non nos movemos —
aclarou obxectivamente Visor facendo honra ao seu traballo.
—Sobrecargo Visor! Solución?! —berrou Oding cambiando de escala.
—Moverse —respondeu o sobrecargo.
—Proceda —concluíu o Capitán.

Estiráronse pancas, infláronse botóns e estragaron resortes. Visor


colleu os mandos, apertou un chisco os ollos e, cando estaba a piques de
pulsar o botón de arranque , un silafami pousou sobre a mesa de control e
dixo
—SI LA!
Toda a tripulación quedou enmudecida ante tal aparición. Unha
expresión de pánico, mesturada con terror e aderezada co desasosego
causado pola non proximidade dun baño cando fai falla, fíxose perenne
nos seus rostros.
Silafami: Ave tardoplantígrada de pequeno tamaño. Habita nas lúas dos
planetas próximos á constelación de Armis. Debe o seu nome á súa
facilidade para reproducir as notas Si, La, Fa e MI.
Cando un silafami produce o seu canto, sendo este un canto completo
cando inclúe tódalas notas presente no seu nome, todo ser consciente
que se atope ao seu redor é susceptible de ser transportado a outro lugar
dentro do campo de visión do propio animal espacial.
Estudos recentes manteñen a teoría de que existe un compoñente
claro de “malignidade” na evolución da especie.
—SI, LA, FA!! —berrou a ave mostrando o adaggio característico das
femias da especie.
O sobrecargo colocouse no seu asento lentamente, pretendendo non
chamar a atención do silafami e, con todo o tino que puido reunir, deu un
salto coa intención de atrapalo.
Colleuno polo rabo cun movemento áxil e creativo impropio dun
turistio común. Tratou de agarrar o que sen dúbida era a cavidade
resoante do seu aparato fonador, pero sen éxito.
O Silafami, ao ver a man do viaxeiro tan preto do que chamariamos a
súa cara, optou por demostrar que tiña dentes, e para que podían servir.
A escena posterior quedou composta por un berro de Visor, as
consecuentes bágoas interplanetarias e o doce canto dun Silafami.
—SI, LA, FA, MI!!! —sentenciou a pequena criatura con aire vingativo.
Un resplandor cubriu a estancia. O sobrecargo desapareceu e apareceu
tan rapidamente que nin tempo tivo de decatarse da súa posición
respecto da nave.
De estar situado case no centro da mesma, a manter a súa horizontal,
pero non a súa vertical. Permanecía estático sobre a nave, xusto enriba do
teito que outrora tiña sobre a súa cabeza.
O silafami, case orgulloso do que acababa de facer e, sen unhas mans
que o suxeitasen dende o momento en que o teletransporte se produciu,
baixou relaxadamente cun movemento de ás torpe e pouco elegante,
aterrando sobre o botón de arranque.
Sen mais reparo que o que unha nave interplanetaria pode ter, A
Obxectiva, comezou a súa viaxe de volta a Turistia.
Neste punto da historia debemos ter en conta a situación na que se
atopa a tripulación da nave T-5 “A Obxectiva”.

Todos os pasaxeiros pendentes dunha pequena ave espacial capaz


de teletransportar a calquera ser consciente, como de feito xa ocorrera co
sobrecargo Visor, quen se atopaba de pé sobre unha nave espacial
comezando a súa aceleración.

E ante tal situación, non queda máis que tentar que non se volva
producir.

Un primeiro grupo de tripulantes tomou a decisión inamovible de


atrapar o silafami. O responsable da porta de carga traseira, Aldo,
encargouse do rescate ao pobre Visor, quen levando xa uns segundos
sobre o teito da nave, é agora, cando “A Obxectiva” comeza a moverse,
cando de verdade está nun apuro.

Para o primeiro grupo non foi complicado atrapar o pequeno animal


que, previo amordazamento, estaba xa nunha pequena gaiola enriba da
mesa de mando.
Para o viaxeiro Aldo, con todo, o rescate de Visor resultou máis
complexo do que, nun principio, podía parecer; abrir a porta, recoller o
sobrecargo e pechar a porta de novo.

O primeiro paso, abrir a porta, non opuxo resistencia ningunha ao


avance do plan. Poderíase dicir que dita porta mantiña unha actitude
colaboradora.

Recoller o sobrecargo Visor, tampouco foi causa de preocupación,


máis alá de saír despedido cara fóra, ocasionando a consecuente demora
na itinerancia, ao verse a nave obrigada a volver para recoller o náufrago
espacial.

Foi no último paso, pechar a porta, onde residiu o conflito do


rescate.

Non por rebeldía da propia porta. Tampouco por falta de actitude


por parte de Aldo, e moito menos por non interese do rescatado que, con
moita paixón, agradecía o xesto mostrando o tamaño das súas mans. En
Turistia, este xesto significa “grazas”.

Estando Visor xa dentro da nave, no momento en que Aldo pechaba


a porta, podía ver o seu compañeiro Visor de novo agarrado a un saínte da
porta traseira da nave a través dunha pequena fiestra en forma de letra
“té”.

Sen parar a pensar o porqué, Aldo volvía de novo recoller o


sobrecargo, pechaba novamente a porta, e acto seguido, atopaba a Visor
tentando non saír despedido.

Isto aconteceu tres veces máis.


Non foi até que o capitán viu polos monitores o que ocorría, que
ninguén tomou conciencia do suceso.

Este, nun exercicio mental sen antecedente, comunicoulle á tripulación


presente a súa teoría.

—Algo non vai ben- Aseverou cun ton desafinado.

Os tripulantes, de acordo co seu oficio, déronlle a razón ao capitán,


celebrando sosegadamente a súa obxectividade.

Nese intre, no momento exacto en que Visor volvía reaparecer na


parte exterior da nave, todos os enrolados nesta aventura foron quen de
escoitar.

—Si, La, Fa, Mi!

A voz procedía do corredor que unía a sala de control coa bodega.

Todos miraron cara ao silafami engaiolado, que aínda amordazado, era


quen de amosar un sorriso maquiavélico no seus ollos.

De novo.

—Si, La, Fa, Mi!

O capitán e tres dos seus subalternos desapareceron, reaparecendo,


case dun xeito circense, agarrados da man do Sobrecargo Visor, que de
novo estaba loitando por manterse unido á nave.

Aldo continuaba rescatando os seus compañeiros con esforzo e tesón,


pero sen eficacia. Coma quen recolle froita cun cesto furado.
Mentres todo isto sucedía, a nave intergaláctica levaba xa percorridos
máis de 4,3 Bandeis (aproximadamente dous anos luz) situándose na
metade da viaxe a Turistia.

Atopándose todos dentro da nave, grazas ao inmenso esforzo de Aldo,


ficou a tripulación olliplática ao divisar a figura dun silafami no medio e
medio do corredor.

Cabe destacar que, coma en tódalas partes do universo coñecido, as


coincidencias existen.

Esta lei universal, foi a que permitiu que sucedera o narrado a


continuación.

O silafami do corredor, abriu un pouco as pernas. O capitán Oding


agarrou con forza e intención de tomar pulo os ombreiros de dous dos
seus tripulantes. O silafami inflou o peito por riba das súas posibilidades
biolóxicas. O capitán propulsouse cara á pequena ave e alongou as mans.

O animal comezou a abrir a boca mentres dúas das súas tres cellas
conformaban un deseño típico de calquera vilán que se prece.

Xusto na nota Fa, o capitán conseguiu alcanzar o paxaro colléndoo


polas súas patas.

Canto este rematou o seu caótico canto, ambos os dous foron


transportados ao exterior da nave.

Flotando no inmenso baleiro que rodeaba a nave, Oding aferrouse ao


paxariño, e o devandito fixo o mesmo coas mans do viaxeiro.
A tripulación estaba perdida, o seu capitán sucaba o inmenso mar
negro apertado a un silafami, mentres a nave, inalterable, proseguía a súa
viaxe.

Foi a Visor a quen se lle ocorreu unha solución. Durante un momento,


observando o seu reo emplumado, comprobou que ao ver este que o seu
compañeiro silafami saía teletransportado, o seu rostro mudaba en
preocupación e desasosego.

Sen previo aviso, tomando a iniciativa, abriu a porta da gaiola e


permitiu, cun xesto de compaixón, que o pequeno animal saíse en
dirección á fiestra, e cun triste e melancólico “Si, La, Fa, Mi” trouxese de
volta os dous róbinsons deste caos.

Todos os viaxeiros romperon nun berro de alegría. Nada esaxerado,


baseándonos no pragmático e eficaz de todo canto podían facer durante o
desenvolvemento do seu traballo.

Os silafamis fregaron as súas colas, saltaron conxuntamente e


mostraron na súa faciana a expresión mais leda e afable que podía
conxurar un animal que, de base, sería catalogado coma “sinistro e pouco
agraciado”.

O Capitán, aínda dubitativo, achegouse cara a eles e mirando cara ao


que acaba de liberarse, xuntou os dentes e amosou un sorriso.

Pola contra, os dous silafamis devolvéronlle ao capitán unha mirada


seca e vingativa, no fin de contas, formaba parte da súa natureza.

Cunha marabillosa e inesperada cabriola, unha das pequenas aves


subiu enriba do seu compañeiro, comezando ao mesmo tempo unha
especie de coreografía. Alzaron as ás, despois ergueron a cola, xirárona e
finalmente xuntaron as súas cabezas.

—Si, La, Fa, Mi! —dixeron ao unísono.

Un pentagrama luminoso percorreu a estancia. Sobre el, as catro


notas que, dispostas na posición dun acorde, comezaron a estalar en mil
luces.

Acto seguido, cadansúa pequena luminaria licuaba os seus átomos


conformando pequenas pingas de cores diferentes.

Unha pequena tormenta multicolor precipitou sobre o chan.


Lentamente , as gotas homocromáticas comezaron a amorearse. De
cadansúa unión naceu unha burbulla. Esta xuntouse con outras da mesma
sección do pantone. Da suma resultante xurdiron tres “pompas” de cada
unha das cores primarias: vermella, amarela e azul.

Os pequenos polisóns acababan de executar o que máis tarde, tras


un intenso debate no que cada parte expuxo os seus argumentos dunha
forma elegante e coherente, as dúas faccións de zoólogos inmersas nesta
discusión acordaron chamar o acto da “Reprodución total”.

Todos e cada un dos tripulantes desapareceran no intre en que o


pentagrama luminoso comezaba a súa posta en escena. Por desgraza non
puideron apreciar o espectáculo carnal posterior.

No canto de ocupar o espazo libre, resultante da súa desaparición,


un obxectivo silencio, foron as tres burbullas as que substituíron aos
viaxeiros. Quedaba así confirmada a transmutación da materia como
resultado da observación do acto reprodutivo dos silafamis.
A nave T-5 “A Obxectiva”, continuaba a súa travesía, mentres medio
centenar de pequenas aves espaciais xogaban, durmían e executaban
bailes de dubidosa aparencia sexual dentro da mesma.

Nada máis sucedeu durante os escasos 3,2 bandeis restantes para


culminar tan calamitosa viaxe.

Os motores apagáronse en canto o tren de aterraxe tocou o chan de


Turistia.

Unha pequena luz advertiu da inminente apertura da porta traseira


de carga.

Cando esta abriu, un milleiro de silafamis foi expulsado por mor da


presión interna na nave. A inxente reprodución, sumada a un espazo
limitado, segundo as leis da física básica, ten como resultado unha
elevación da presión. Dita forza proporcionaba unha nada envexable
capacidade de proxección de aves a través dun orificio, neste caso a porta
traseira.

Despois dun par de minutos de incesante sementar de silafamis


pola superficie do planeta, o último destes individuos saíu da nave
camiñando sen moito pesar.

Esta breve historia non tería sentido atesourala coma un feito


representativo, nin moito menos histórico e de desencadeamento do
porvir, se non fose pola chegada dos silafamis a Turistia.

Dende ese momento, os diversos biólogos espaciais tacharon esta


introdución da especie nun hábitat descoñecido coma o “Cataclismo
harmónico”, posto que foi o primeiro paso cara á extinción e destrución
dos turistios, así como do seu planeta.
Os últimos estudos realizados a dita especie modificaron e aumentaron
a definición antes recollida.

Silafami: Ave tardoplantígrada de pequeno tamaño, axilidade


sorprendente e voz melodiosa.

Habita nas lúas dos planetas próximos á constelación Armis.


Considérase especie invasora de alto potencial destrutivo.

Debe o seu nome á súa facilidade para reproducir as notas Si, La, Fa
e Mi.

Cando un exemplar da especie produce o seu canto, sendo este un


canto completo cando un inclúe todas as notas presentes no seu nome,
todo ser consciente que se atope nas proximidades e susceptible de ser
transportado a outro lugar, dentro do campo visual do propio animal
espacial.

Posúe a capacidade de transmutar a materia e convertela en novos


exemplares, mediante o seu acto reprodutivo. (Véxase máis no Anexo A:
Ritual da reprodución total).

Atribúeselles a desaparición das poboacións residentes nos


seguintes planetas:

- Turistia: Ano: 3056 D.C. Causa: Introdución accidental da especie no


ano 3054 D.C.
- ResorT-i: Ano : 3060 D.C. Causa: Introdución accidental nas Arcas de
salvación proporcionadas polo Antigo Réxime Turistio con destino
ao planeta veciño no ano 3056 D.C.
- Vuelinga: Ano: 3100 D.C. Causa: Desastre nuclear producido polos
estudos, pouco acertados e moi imprecisos, feitos coa fin de
destruír a especie.
- Dai Kir I: Ano: 3202 D.C. Causa: Invasión levada a cabo polas forzas
armadas silafamis, na primeira das conquistas motivadas pola
superior intelixencia dos individuos tras os experimentos nucleares
levados a cabo en Vuelinga.

You might also like