You are on page 1of 8

UNIDADE DIDÁCTICA 3

OS ESPAZOS NATURAL, RURAL E


URBANO E AS SÚAS
TRANSFORMACIÓNS EN ESPAÑA
E GALICIA. RETOS DE FUTURO

1. EVOLUCIÓN DUNHA PAISAXE.


Actividade 1: Análise dunha imaxe de transformación antrópica dunha paisaxe natural.
Observa atentamente a fotocopia (Páx 19 Cronos IV) coas imaxes da evolución dunha paisaxe e
responde:
1. Redacta un texto que faga referencia a cada un dos “momentos” reflectidos nestas ilustracións,
describindo a actuación humana (“acción antrópica”) e as súas consecuencias en canto á alteración
do medio. Coñeces outras formas de alteración que non aparecen nos debuxos?
2. Que espazo xeográfico se reflicte na ilustración 4. Explica as súas características.
3. Imaxina a ilustración 4, que reflicte a situación actual, dentro de 100 anos, en 3023. Debuxa
como cres que evolucionará.

2. OS ESPAZOS RURAIS E OS SEUS RETOS EN


ESPAÑA
O espazo rural actual é un espazo multifuncional que, xunto ás actividades agrarias tradicionais,
está implantando novas funcións industriais, terciarias e ambientais demandadas pola sociedade
urbana posmoderna.
Converteuse así nun espazo dinámico, complexo e heteroxéneo, onde conviven paisaxes e áreas
rurais de diferentes trazos e distinto nivel de modernidade, e onde a tradicional separación entre o
rural e o urbano tende a esvaecerse.

2.1 O ESPAZO RURAL: DINÁMICAS RECENTES


O espazo rural abrangue o territorio non urbanizado, que en España identifícase cos municipios de
menos de 10.000 habitantes. Do seu estudo ocúpase a xeografía rural, que analiza as interrelacións
entre as actividades rurais e o territorio onde se practican
O espazo rural caracterízase polo seu dinamismo e heteroxeneidade. Na actualidade é un espazo
complexo. Mantén o predominio das actividades e as paisaxes agrarias, pero tende a converterse
nun espazo multifuncional e heteroxéneo. Multifuncional, porque está recibindo usos distintos dos
agrarios; e heteroxéneo, porque coexisten espazos con diferente nivel de modernidade e
dinamismo.
a) A multifuncionalidade do espazo rural
Tradicionalmente foi cas exclusivamente un espazo agrario, no cal se practicaban actividades
agrícolas, gandeiras e forestais destinadas a proporcionar alimentos; polo que se diferenciaba
claramente do espazo urbano.
Actualmente, o espazo rural está diversificando as súas funcións, ao implantar outras diferentes ás
agrarias.
Causas
As causas que favoreceron estes novos usos foron variadas:
• Unha nova percepción positiva do rural pola sociedade urbana posmoderna. O crecente
malestar urbano revalorizou o rural, ao contrapoñer densificación con espazo libre; carestía
da vivenda con calidade residencial; contaminación con calidade medioambiental; estrés con
tranquilidade; inseguridade con seguridade; e exclusión social con sociabilidade. Vaise
superando a tradicional identificación do rural con atraso e pobreza.
• A tendencia a descentralizar a residencia, a produción e os servizos a áreas periurbanas ou
rurais por razóns económicas, o seu menor custo; e por razóns sociais, debido ao desexo
dunha orgnización territorial mís equilibrada.
• A mundialización da economía incrementa a competencia entre territorios. Os que non
poden competir en prezos con outros máis baratos adoptan novas estratexias baseadas na
seguridade, a diversidade e a calidade da produción.
Novos usos do espazo rural
Os novos usos que se foron implantando no espazo rural son os seguintes:
• Usos residenciais, como vivendas secundarias de fin de semna ou vacacións; ou residencias
principais nas áreas periurbanas, ante a carestía do solo urbano.
• Usos industriais, derivados do traslado de fábricas que buscan solo e man de obra máis
baratos; ou aproveitads as materias primas ou os recursos rurais.
• Usos terciarios, como infraestruturas de transporte e de aprovisionamento urbanos; grandes
superficies comerciais; e equipamentos recreativos relacionados co aumento do nivel de
vida e de tempo libre para o ocio e co desexo de gozar da natureza, que estenderon o turismo
rural.
• Usos ambientais, como son a conservación dos espazos naturais; das paisaxes que teñen un
gran valor e beleza; e do patrimonio histórico e cultural tradicional.
Consecuencias
As consecuencias destes novos usos foron positivas e negativas.
• No plano demográfico, a instalación de habitantes no espazo rural facilita unha
distribuación máis equilibrada da poboación, xa que frea ou inverte a tradicional tendencia
ao despoboamneto rural.
• No plano económico supón unha distribución máis equilibrada das actividades; aínda que
poden xurdir conflitos pola diferenza de intereses económicos e polo uso de recursos como a
auga ou o solo.
• No plano social, a chegada de novos habitantes (urbanitas, inmigrantes estranxeiros)
diversifica a antiga comunidade agraria. Pero pode provocar a perda de identidade do espazo
agrario tradicional; e o traslado do poder político local aos novos residentes urbanos, que
adoitan ter maior nivel cultural e máis desexo de participación política.
• No plano ambiental, increméntase a valoración da natureza, a paisaxe e o patrimonio
cultural rural. Pero nas áreas de maior valor, algunhas actividades poden causar degradación
medioambiental, ou o abandono das súas actividades produtivas en favor da conservación da
natureza, co risco de converterse en “paisaxes fósiles” ou “ reservas paisaxístico-
fotográficas”.
• No plano territorial, lógrase unha maior integración, debido a que vai rompendo coa
tradicional contraposición entre o rural e o urbano. Non obstante, seguen persistindo
contrastes entre espazos tradicionais que acentúan o seu decaemento; espazos dinámicos ou
emerxentes; e novos espazos rurais.

b) A heteroxeneidade do espazo rural


Os problemas e os novos usos do espazo rural non afectaron por igual todo o territorio. Así,
coexisten situacións de tradición e modernidade que lle confiren grande heteroxeneidade ao espazo
rural.
• Algúns espazos rurais manteñen o predominio das actividades agrarias tradicionais,
xeradoras de baixas rendas e despoboamento. Son os chamados “espazos rurais
profundos”, que quedaron á marxe da modernización, como moitas zonas de montaña; e os
espazos fráxiles, especializados en producións extensivas pouco competitivas, como
algunhas bisbarras das concas meseteñas e da penechaira estremeña.
• Outros espazos rurais diversificaron as súas actividades e presentan empregos nos
sectores primario, secundario e terciario, que incrementan as rendas e frean ou reinverten a
tendencia ao despoboamento. Son espazos agrarios dinámicos que se especializaron en
producións competitivas orientadas á transformación e á comercioalización nacional ou
internacional, co mo os regadíos intensivos e algunhas campiñas de secaño especializadas en
vide e oliveira de calidade. Tamén se inclúen neste grupo espazos rurais emerxentes, que
adoptaron o modelo posprodutivista orientado a producións variadas e de calidade
(explotaciópns de agricultura e gandería ecolóxicas ou integradas), ou introduciron novas
funcións no espazo rural, como algunhas zonas de montaña que asumiron funcións turísticas
e de conservación do patrimonio natural e cultural.
• Certos espazos rurais adquiriron o predominio das actividades urbanas ou do turismo
de masas, permitindo rendas máis elevadas e unha poboación crecente e cunha maior
densidade. Son os espazos periurbanos das grandes cidades ou das franxas costeiras.
Neles, as actividades agrarias son reducidas e intensivas (cultivos de horta nas veigas dos
ríos e gandería estabulada) e, ademais, a presión dos espazos urbanos próximos.
2.2 O ESPAZO HABITADO
a) O poboamento rural
O poboamento rural é o conxunto de asentamentos humanos existentes no espazo rural, que ata
datas recentes foi case en exclusiva un espazo agrario. En España considéranse rurais os municipios
inferiores a 2000 habitantes e semiurbanos os comprendidos entre 2000 e 10.000. Non obstante,
existen municipios con actividades predominantemente agrarias que superan esta cifra, como as
chamadas “agrocidades” do sur peninsular.
Tipoloxía
A tipoloxía do poboamento rural responde a dous modelos, disperso e concentrado, con variedade
de situacións intermedias.
• O poboamento disperso está cosntituído por casas separadas entre sí, rodeadas de terras
(campos de cultivo, prados ou bosques). Domina no norte peninsular, como por exemplo en
Galicia, e en Baleares e Canarias, presentando diversas modalidades:
- Disperso absoluto: todas as casas están illadas unhas doutras. É excepcional e limítase a
algúns espazos da montaña media cantábrica, o val do Pas e o Prepireneo catalán.
- Disperso laxo: está constituído por pequenas agrupacións de casas ou aldeas diseminadas.
É característico de Galicia e da cornixa cantábrica.
• O poboamento concentrado está constituído por casas agrupadas formando vilas e aldeas,
separadas das terras. Esta modalidade existe en toda España, pero predomina no interior
peninsular. Na metade norte desta zona consta de núcleos pequenos e próximos entre sí
(concas do Duero e Ebro); mentres que na metade sur inclúe núcleos maiores e máis
separados, alcanzando a súa maior expresión nas “agrocidades” andaluzas.
Segundo o seu plano, o poboamento concentrado presenta dúas modalidades:
. Lineal, coas casas dispostas ao longo dunha vía ou estrada.
. Apiñado, coas casas agrupadas arredor dun núcleo, de forma irregular ou máis ou menos
regular.
• O poboamento intercalar, intermedio entre o disperso e o concentrado, está constituído por
casas diseminadas a partir de núcleos concentrados primitivos. Débese ao crecemento
demográfico destes e ao desexo de explotar novos espazos agrarios. Predomina nalgunhas
zonas de montaña media; no norte peninsular (caserío vasco, casería asturiana, casa galega);
na costa mediterránea (masía catalá, alquería valenciana, riu-rau alacantino, posessió balear)
nas veigas andaluzas (cortijo) e en certas zonas manchegas (casas de quintería).
Os cambios recentes experimentados polo poboamento rural son numerosos. Os asentamentos das
zonas menos accesibles e con recursos máis escasos reducen o seu tamaño ou quedan abandonados
debido ao éxodo rural. Os das áreas costeiras perden o seu carácter agrario pola implantación de
edificacións e infraestruturas relacionadas co turismo. E os das áreas periurbanas incorpóranse ao
continuo urbano ou reciben usos residenciais e recreativos desde a cidade.
b) O hábitat rural
O hábitat rural comprende as vivendas e as dependencias agrarias. Varía segundo o material
construído, a forma das cubertas e o plano.
• Os materiais tradicionais da casa son os propios da zona e orixinan varios modelos de
vivenda:
- A casa de pedra emprega pedras irregulares (cachotaría) ou bloques regulares (perpiaños),
colocados sen cemento, ou unidos con barro ou cal. Predomina no norte peninsular, como en
Galicia,e nas illas Baleares e Canarias.
- A casa de madeira entramada consta dunha estrutura de madeira, visible no exterior, que
se enche con cachotaría ou ladrillo. É características do País Vasco (caserío), a Terra de
Pinares en Segovia, a serra de Francia en Salamanca e a Alcarria en Guadalajara.
- A casa de barro tradicional utiliza barro cru mesturado con palla, secado ao sol. Pode
moldearse en bloques (adobe) ou colocarse entre paneis de madeira (tapia). É característica
de ambas as dúas mesetas, o val medio do Ebro, as hortas de Valencia e Murcia e a campiña
do Guadalquivir. Actualmente predomina o barro cocido ou ladrillo.
• A forma da cuberta adoita ser inclinada nas áreas de alta pluviosidade e plana nas de
escasas precipitacións.
• O plano da casa responde a actividade agraria desenvolvida:
- A casa bloque encerra baixo o mesmo teito a vivenda e as dependencias agrarias: corte,
celeiro, almacén, etc. A casa a rentes do chan é dun só piso e pode ter unha soa dependencia
onde conviven persoas e animais (palloza galega), ou dependencias separadas para vivenda
e usos agrarios. A casa en altura está dividida en pisos e adoita ter as dependencias agrarias
na planta baixa, a vivenda na superior, e un espazo baixo o tellado para palleiro ou celeiro
(caserío vasco; casa grande asturiana e cántabra).
- A casa composta consta de edificios diferentes para cada función (vivenda, almacén,
celeiro), dispostos arredor dun patio pechado ou aberto (cortijo andaluz, masía catalá).
Os cambios recentes no hábitat rural débense á desaparición dos modos de vida tradicionais que
orixinaronas casas. Este feito supuxo o abandono e a destrución de moitas; ou a súa substitución por
novas tipoloxías que imitan os modelos urbanos de chalé. O resultado, é a ruptura da harmonía coa
paisaxe tradicional e a perda dun importante patrimonio cultural. Por iso, recentemente adoptáronse
iniciativas encamiñadas a conservar e protexer o estilo tradicional.

2.3 RETOS: OS PROBLEMAS AGRARIOS E O


DESENVOLVEMENTO RURAL
a) Problemas demográficos
A diminución, o envellecemento e a masculinización da poboación rural é o resultado da
emigración da poboación nova e das mulleres. Ocasiona despoboamento e falta de relevo
xeracional; ademais, a poboación activa envellecida dificulta a innovación.
Fronte a este problema concédense axudas para a instalación de novos agricultores (menores de 40
anos) e de mulleres, promóvense actividades rurais do seu interese e foméntanse a formación
profesional específica e a formación continua.

b) Problemas económicos
• A modernización e a competitividade agraria son insuficientes para asegurar unha rensa
adecuada e afrontar a crecente competencia de países emerxentes no mercado mundial.
Actividade: Pescuda que medidas se toman fronte a este problema.
• A diversificación económica do espazo rural é escasa, pois existe unha excesiva
dependencia das actividades agrarias.
Fronte a este problema, promóvese a transformación artesanal, industrial da produción; o
comercio de produtos agrarios (agrotendas); o turismo rural nas súas distintas modalidades.
• As esixencias de seguridade alimentaria, sanidade e benestar animal da PAC
incrementan os custos e reducen a competitividade fronte aos produtos de áreas menos
esixentes. A cambio, xeran confianza nos consumidores e compénsanse con axudas
destinadas a este fin.
A seguridade alimentaria pretende evitar as fraudes implantando a trazabilidade dos
alimentos, unha identificación que permite coñecer toda a súa traxectoria, desde a
explotación agraria ata a venda no mercado co fin de determinar, se é necesario, as
responsabilidades. Tamén se propón controlar os produtos transxénicos e evitar o emprego
de certas substancias (aditivos, aromas, engordantes, medicación do gando) elaborando unha
lista das que se poden utilizar ou non.
A sanidade pretende evitar as pragas vexetais e as epidemias do gando (campañas de
erradicación de enfermidades e de saneamento gandeiro, e creación dunha rede de
epidemiovixilancia e de alerta sanitaria para unha intervención rápida.
O benestar animal esixe un trato adecuado ao gando, evitándolle sufrimentos innecesarios.
Para garantilo, elaborouse unha normativa respecto á cría, o transporte e o sacrificio de
gando.

c) Os problemas sociais
• A calidade de vida de moitos núcleos rurais encóntrase minguada pola deficiente
accesibilidade; as carencias de infraestruturas, servizos elementais (comercios, recollida de
lixo, electrificación, telefonía), servizos avanzados (TIC e novas tecnoloxías) e
equipamentos colectivos (educativo, asistencial, sanitario, deportivo, cultural). Esta
situación explícase en parte polas baixas densidades demográficas e nalgúns casos agrávase
pola distancia respecto a núcleos urbanos que poidan proporcionar estes servizos.
Actividade: Pescuda que medidas se toman fronte a este problema.
• A exclusión social, a pobreza e o desemprego están máis estendidos no mundo rural.
Actividade: Pescuda que medidas se toman fronte a este problema.
d) Os problemas medioambientais
As actividades agrarias orixinan problemas medioambientais que son causados fundamentalmente
por dous motivos:
• A utilización pouco eficiente dalgúns recursos. Require un uso máis racional da auga
(mellores sistemas de rega), e da erexía (aforro nas instalacións, uso da biomasa e dos
residuos gandeiros).
• As prácticas agrarias inadecuadas:
- O aire contamínase e quéntase coas emisións de GEI (gases de efecto invernadoiro)
procedentes da maquinaria, as instalacións de rega, a fermentación entérica do gando e o
manexo do esterco. Por iso, as actividades agrarias deben contribuír a conseguir unha
economía baixa en carbono, usando modelos máis eficientes de máquinas e bombeo de
auga; controlando a alimentación do gando e a xestión do esterco; usando eficientemente a
enerxía; conservando e estendendo a superficie forestal como sumidoiro de CO2; e
adoptando medidas de adaptación fronte ao cambio climático.
- Outros danos causados polas actividades agrarias son a contaminación das augas e do solo
polos fertilizantes e produtos fitosanitarios químicos, o que require medidas de uso sostible.
A desaparición da vexetación por tallas e incendios, que trata de evitarse fomentando a
silvicultura e previndo incendios. E a redución da biodiversidade polo uso dun número
limitado de especies vexetais e animais, xeralmente estranxeiras, que intenta deterse
promovendo as variacións autóctonas
É necesario fomentar actividades agrarias respectuosas co medio ambiente, o uso de boas prácticas
agrarias e o fomento da produción ecolóxica e integrada.

Actividade: Galería de imaxes de espazos rurais en España e Galicia


Tipo de presentación: O alumnado elixirá o máis adecuado.

3. O ESPAZO URBANO: UN MUNDO DE CIDADES


(ver tema)

páxina 46 cronos I.
fotocopia

4. ESPAZOS NATURAL, RURAL E URBANO: ANÁLISE


DE PAISAXES
A paisaxe xeográfica é o aspecto visual que ofrece un territorio. Depende dos elementos naturais
que o integran e das actividades humanas que se desenvolven nel. De acordo con iso, as paisaxes
xeográficas clasifícanse habitualmente en naturais e humanizadas, aínda que a maioría son mixtas.
• As paisaxes naturais son áreas xeográficas cuxo aspecto visual depende sobre todo da
interacción entre os elementos do medio natural: o relevo, o clima, as augas, a vexetación e
o solo.
• As paisaxes humanizadas resultan da transformación das paisaxes naturais pola acción
humana para unha finalidade concreta, relacionada co poboamento, coa economía e coa
cultura. Xorden así paisaxes humanas diferenciadas, como as urbanas, rurais (agrícolas,
gandeiras), minerais, industriais, turísticas, etc. En xeral, esta transformación humana do
medio natural produciuse ao longo do tempo, polo que algunhas paisaxes conservan
elementos do modo de vida e das crenzas das sociedes pasadas, constituíndo paisaxes
culturais que presentan un gran valor histórico e patrimonial.
Actividades: Análise de paisaxes naturais, de paisaxes rurais e de paisaxes urbanas.

You might also like