You are on page 1of 9

REGULAMENTO DE FUNCIONAMENTO DA CASA

DE XUVENTUDE DE RIVEIRA.
Ámbito:

Artigo 1.
O presente Regulamento conterá as normas de funcionamento polas que se rexerá a
Casa de Xuventude de Riveira, situada na Avenida da Constitución s/n, dependente da
Concellería de Xuventude do Concello de Riveira.

Obxectivos do Centro:

Artigo 2.
Os obxectivos da Casa da Xuventude de Riveira son os seguintes:

2.1. Proporcionar á mocidade a infraestructura e os medios necesarios para que poidan


crecer, desenvolverse e madurar en harmonía, e propiciar a práctica de valores de
solidariedade, sentimento de pertenza, respecto e responsabilidade nun ambiente
democrático e de cooperación entre todos e todas.

2.2. Dispor dun espazo para a mocidade, onde poidan realizar múltiples actividades que
lles permitan desenvolver as súas capacidades e fomentar a súa creatividade.

2.3. Fomentar entre a poboación xuvenil o uso do tempo de ocio en torno aos
instrumentos e ferramentas que ofrece a Casa da Xuventude, buscando o
desenvolvemento persoal e o uso creativo do tempo libre.

2.4. Incrementar a participación activa da mocidade co fin de mellorar a súa calidade de


vida.

2.5. Favorecer o intercambio con mozos e mozas doutros municipios ou países coa
intención de fortalecer a formación e a aprendizaxe de novas culturas e costumes.

2.6. Fomentar a coordinación entre distintos recursos (municipais, autonómicos,


nacionais, etc.) que estean directa ou indirectamente relacionados co colectivo xuvenil,
establecendo cauces de traballo en rede.

2.7. Favorecer e propiciar o coñecemento satisfactorio de técnicas, recursos e


actividades susceptibles de formar parte dun ocio pleno e autoxestionado polos propios
participantes, posibilitando o acercamento ás novas tecnoloxías e garantindo as
accesibilidade e o correcto uso das mesmas en beneficio do progreso persoal e social.

2.8. Favorecer hábitos de participación xuvenil, en base ao diálogo, a busca de consenso


e a codecisión, impulsando o desenvolvemento de proxectos e a incorporación da
mocidade ao mundo das responsabilidades individuais, sociais e comunitarias.
Instalacións:

Artigo 3.
As instalacións da Casa da Xuventude están dispostas para o disfrute de toda a
mocidade, sempre nun ámbito de respecto mutuo e coidado permanente.

Artigo 4.
O mal uso e abuso das instalacións poderá carrexar medidas e sancións disciplinarias
importantes, en beneficio do colectivo xuvenil e do óptimo aproveitamento de cada área
do Centro.

Artigo 5.
A Casa da Xuventude de Riveira posúe unha serie de instalacións cuxas áreas están ao
servizo de toda a poboación xuvenil do municipio: recepción, oficina de información
xuvenil e de deportes, sala multimedia, sala polivalente de reunións e xogos de mesa,
sala polivalente de reunións, formación, ensaios,..., albergue con capacidade para 38
persoas, comedor, terrazas, patios interiores, almacéns, duchas e aseos.

5.1.
Recepción: A función deste espazo é a de prestar aos asistentes toda a información
referente ás instalacións e servizos que o centro ofrece, ademais de levar o control de
accesos.

5.2.
Oficina de información xuvenil: É un servizo destinado á poboación xuvenil en xeral.
A súa principal función é propiciar información á mocidade xa sexa de forma
presencial, telefónica ou por correo electrónico sobre temas de interese xuvenil.

A oficina de información xuvenil funciona de forma bidireccional, ofrecendo


información chegada dos ámbitos internacionais, nacionais, autonómicos e municipais;
así como respondendo aos requirimentos de cada usuario en particular.

5.3.
Oficina de deportes: Da información de todas as actividades deportivas municipais,
das escolas deportivas, deporte escolar. Fomenta e potencia a creación de clubs e
asociacións deportivas.

5.4.
Sala Multimedia: Sala informática con 10 equipos con conexión a internet en sistema
de ADSL. Os tempos serán de 30 a 60 minutos dependendo das necesidades do usuario.
O sistema contrólase desde a mesa do dinamizador situada neste espazo ou desde a
recepción e con restriccións a webs ou direccións que poidan conter información non
acorde aos principios e valores que como obxectivos persegue o centro.
5.5.
Sala polivalente de reunións, formación, ensaios: Esta sala está destinada a ser punto
de encontro de aquelas asociacións ou grupos que non teñan unha sede onde reunirse.
Os grupos deben entender o senso formativo de cada unha das actividades que se
desenvolvan nesta área como condición para a súa realización. A sala deberá reservarse
para o seu uso cun mínimo de 7 día hábiles antes da fecha de utilización, especificando
os materiais e equipos que se desexan utilizar. A reserva só poderá recibirse de forma
escrita para o seu rexistro formal e baixo a responsabilidade dunha persoa particular. A
instalación debe quedar de forma ordenada e limpa, tal e como se recibe antes do seu
uso.

5.6.
Sala polivalente de reunións e xogos de mesa: Esta sala está deseñada para o ocio dos
usuarios. Nela atópanse gran variedade de material lúdico destinado ao recreo
permanente da mocidade usuaria do centro.

A sala polivalente busca que os usuarios disfruten de numerosas atraccións e que se


encontren nun ámbito de boa comunicación, interrelación e un ocio san e respectuoso.

Os tempos de utilización dos xogos non deben pasar de 30 minutos. Si non existe
demanda, poderán seguir usándoos por un maior tempo ata que sexa requirido por
outros usuarios.

5.7.
Terraza e patios interiores: Dependendo das condicións meteorolóxicas, utilizarase
como unha extensión ao aire libre da sala polivalente.

5.8.
Albergue xuvenil: O Albergue está pensado para acolle-los intercambios desenvolvidos
polos distintos departamentos do Concello de Riveira, así como, polas entidades sen
ánimo de lucro que estean inscritas no rexistro municipal de asociacións do Concello de
Riveira.

De todos os xeitos o Concello de Riveira terá a capacidade de decidir, en circunstancias


especiais (enténdase estas como actividades de interese xeral para a poboación, realce
do noso municipio, etc..; por exemplo: campionato nacional de socorrismo en augas
abertas, campionato internacional de fútbol base, campionato internacional de tae-
kwondo, encontro nacional de xuventude,…), a quén e en qué condicións se lle cede o
uso do Albergue.

As asociacións sen ánimo de lucro inscritas no rexistro municipal de asociacións, terán


dereito ao uso do albergue nas seguintes condicións:

• Solicita-lo por escrito mediante instancia dirixida ó Sr. Alcalde.


• Acatar o informe vinculante da Concellería oportuna.
• Aboar unha fianza do 30 % do custe, para cubrir posibles desperfectos.
• Terán un desconto do 10 %, se permanecen un período superior a 7 días.
• O aloxamento terá un custe de 6 €/persoa/día, para sufragar os gastos de
lavandería, limpeza, …

NOTA: os prezos mencionados neste documento son coma exemplo e se levarán a


cabo previo informe e despois de que o aprobe o Pleno Municipal.

5.9.
Almacéns: Lugares destinados para o depósito e resgardo de utensilios e materiais de
limpeza, equipos e materiais en xeral segundo as áreas de traballo.

Tamén contempla un número amplo de estanterías e taquillas onde as asociacións


poidan gardar o seu material de uso diario.

5.10.
Duchas: Son de uso exclusivo dos usuarios do Albergue.

Idade dos Usuarios:

Artigo 6.
As idades que terán prioridade no uso da Casa da Xuventude están comprendidas entre
os 14 e os 35 anos.

Artigo 7.
Para actividades especiais externas ou internas, obradoiros, cursos, conferencias,
programas especiais, eventos, festas; poderán participar persoas doutras idades, sempre
que se haxa determinado previamente, segundo a programación.

Horario da Casa de Xuventude:

Artigo 8.
O horario de atención ao público virá determinado acorde ás expectativas dos usuarios,
polo que o Concello de Riveira a través da Concellería de Xuventude estará sempre
atento a estas demandas.

A intención é que a casa de xuventude estea coxestionada polos colectivos xuvenís,


deportivos, culturais,..., de Riveira polo tanto os horarios de apertura e peche poderán
ampliarse a fins de semana e festivos.

Formas de participación:

Artigo 9.
Proponse un sistema de participación aberta.
Os beneficiarios da casa de xuventude de Riveira accederán libremente no momento que
desexen e permanecerán nela o tempo que lles apeteza, sempre e cando sexa dentro do
horario establecido.
Dentro de ditos beneficiarios, establécese unha distinción entre:

• Visitantes: Son aqueles que acoden á casa de xuventude nun día ou actividade
puntual.
• Usuarios/as: Todos aqueles que acoden á Casa con frecuencia, realizando e
participando das súas actividades, pero que non desexan constituírse coma
socios/as.
• Socios/as: Son aqueles que se rexistran como tal, e se caracterizan por
beneficiarse dos recursos e actividades da Casa. Este rexistro lles vai a aportar
unha serie de vantaxes fronte a outros tipos de persoas:

1. Prioridade no uso da Casa.


2. Voz e voto en asembleas (cando se realicen).
3. Capacidade para presentar candidatura ao consello rector da casa (cando
se constitúa).
4. Os únicos que poden favorecerse do préstamo exterior.

Organización do servizo:

Artigo 10.
O servizo articularase nun plan anual de actividades que responderá aos obxectivos dos
distintos programas que se executen neste plan.

O plan será elaborado polos xestores da casa de xuventude tendo en conta as


necesidades detectadas na poboación xuvenil, as demandas dos usuarios expresadas
individualmente ou a través das asociacións e colectivos xuvenís, e a coordinación co
resto de servizos públicos dedicados á xuventude en Riveira. Primarase especialmente
no plan a cobertura de obxectivos que non estean xa atendidos polo resto de centros
públicos ou polas asociacións, e as actividades que se realicen en coordinación cos
anteriores. Unha vez elaborado o plan, será aprobado pola Concellería de Xuventude,
dando conta ao Concello.

Deberes dos usuarios:

Artigo 11.
Como estructura comunitaria e pública ao servizo da mocidade, a casa da xuventude de
Riveira prevé unha serie de deberes cos que se busca manter un clima de san
convivencia e uso adecuado das instalacións, así como o disfrute de todo canto
contemple a súa programación. O cumprimento de ditos deberes, será avaliado e
supervisado de forma periódica e acorde ás necesidades do entorno. Os deberes son os
seguintes:
• Coidar e facer uso correcto das instalacións e material da Casa da Xuventude de
Riveira dentro e fora da mesma.
• Tratar de forma respectuosa aos usuarios e aos responsables da Casa da
Xuventude de Riveira dentro das instalacións e en toda actividade que se xere
interna ou externamente.
• Cumprir os trámites administrativos para o disfrute de calquera instalación ou
equipo, libros, xogos de mesa, xogos en xeral, ordenadores, material didáctico,
áreas do centro, materiais funxibles, mobiliario, etc.
• Aboar as tarifas e cantidades previstas para o uso de instalacións e participación
en actividades especiais ou obradoiros. No caso de que calquera usuario deixe de
asistir a algunha actividade, sen previo aviso nin causa xustificada, perde a
totalidade do importe de tal actividade.
• Cumprir coas quendas que correspondan de préstamo de xogos e uso de
instalacións, así coma a notificación que corresponda a tales efectos.
• Utilizar material funxible propio, cando se refira a impresións e uso de
disquetes, debéndose aboar, noutro caso, as tarifas establecidas de impresión en
color e en branco e negro, excepto cando estean incluídas dentro dunha
actividade formativa xa prevista na programación do centro.
• Avisar ao equipo do centro sobre calquera desperfecto ou dano observado nun
equipo, xogo ou área das instalacións. No caso de non facer a debida
notificación, o último usuario será responsable dos dano que se presenten.

Dereitos dos usuarios.

Artigo 12.
Dentro do marco de atención e apoio integral que o Concello de Riveira desexa prestar
á mocidade a través da Casa de Xuventude, quérese potenciar os dereitos destes
contemplados nas distintas Declaracións, e que de forma esquemática incluiría sen
detrimento doutros os seguintes supostos:

• Dispor dos xogos, equipos, áreas e instalacións en xeral, propias da Casa de


Xuventude de Riveira, nos horarios e condicións establecidas e nas formas
reservadas para elo.
• Acceder á información en todas as súas formas e modalidades a través dos
medios de que dispón a Casa de Xuventude.
• Ser tratados de forma respectuosa, tanto por parte do resto de usuarios como dos
responsables da Casa de Xuventude de Riveira.
• Participar en todas as actividades previstas dentro e fora do centro, sempre e
cando se cumpran as condicións regulamentarias e non existan impedimentos
disciplinarios.
• Propoñer ideas, proxectos e actividades que vaian en beneficio do colectivo
xuvenil e de todos os usuarios do centro como unha vía permanente de escoita e
desenvolvemento da mocidade dentro do ámbito municipal.
• Formar parte activa das asociacións, comisións ou equipos que se poidan crear
en torno á Casa da Xuventude, dentro dos marcos e condicións previstos.
Prohibicións do Centro.

Artigo 13.
A efectos dun normal funcionamento da Casa de Xuventude de Riveira sen prexuízo de
ningún dos seus usuarios e coa intención de evitar calquera dano das instalacións,
prevíronse certas prohibicións na utilización e uso das mesmas, sempre na búsqueda do
ben común e do correcto mantemento de todo o centro.

Artigo 14.
As prohibicións están suxeitas aos parámetros lexislativos e regulamentarios nos que se
sustentan os Centros Xuvenís con este perfil e cuxos obxectivos son semellantes aos da
Casa de Xuventude, sempre en conformidade coa promoción da mocidade e o respecto
dos seus dereitos. O seu incumprimento pode carrexar sancións, que serán impostas
acorde ás circunstancias e condicións en que se sucedan os feitos, así coma o historial
que para tales efectos poidan ter os usuarios, e suxeitas ao Regulamento Interno nos
seus artigos sobre os tipos de sancións.

Artigo 15.
Acorde ás disposicións anteriormente descritas queda prohibido:

A. Acceder ás instalacións sen rexistrarse como usuario na Oficina de Xuventude.


B. Fumar en calquera das áreas, actividades e horarios da Casa da Xuventude de
Riveira.
C. Inxerir bebidas alcohólicas ou consumir sustancias estupefacientes en calquera
das áreas, actividades e horarios da Casa de Xuventude, independentemente da
participación especial de adultos en torno a festividades particulares.
D. Igualmente, o inxerir bebidas alcohólicas, drogas ou fumar en actividades
organizadas pola Casa de Xuventude fora das instalacións, mentres os usuarios
atópense baixo responsabilidade directa do equipo do Centro.
E. Consumir alimentos e bebidas de calquera tipo fora das zonas sinalizadas para
tal efecto.
F. Colocar carteis, facer debuxos ou pintar en paredes. Así mesmo, non se permite
o proselitismo que instigue á violencia, o racismo, o rexeite en todas as súas
modalidades ou os actos sexuais que vaian en contra das boas costumes e da boa
imaxe do Centro.
G. Ver páxinas en internet de contido pornográfico, xenófobo, violento, racista ou
que inviten á omisión ou ruptura dos valores e boas costumes así como
programas ou películas en televisión con estes contidos. O incumprimento destas
normas supón a perda do dereito ao uso deste servizo e as sancións previstas
neste Regulamento.
H. Utilizar materiais que sexan susceptibles de autorización sen notificarllo ao
equipo de dinamizadores do centro.
I. Ensuciar as instalacións de forma intencionada, onde se evidencie o descoido
pronunciado ou un acto con aleivosía.
Medidas disciplinarias e sancións.

Artigo 16.
Faltas leves. Considéranse faltas leves os seguintes comportamentos:
A. A actitude agresiva ou pouca respectuosa cos demais usuarios ou co persoal
laboral responsable do centro.
B. Non coidar convenientemente as instalacións e o material:
1. Sentarse sobre as mesas de ordenador, xogos,...
2. Pisar as mesas ou as cadeiras.
3. Xogar con materiais con fins distintos aos previstos para o seu uso.
4. Raiar ou pintar paredes, piso, columnas, materiais ou equipos que non
impliquen perda parcial ou total da zona ou elemento afectado.
C. Estar baixo os efectos do alcohol ou outras sustancias que vulneren o correcto
desenvolvemento dentro das instalacións.
D. Coller calquera material sen autorización de calquera dinamizador.
E. Correr ou gritar de forma estentórea e intencional, chamando a atención dos
presentes de forma negativa e intimidatoria.
F. Non seguir as indicacións do persoal responsable do centro.
G. As faltas leves conlevan, segundo o caso, a retirada temporal do usuario da
actividade que está realizando, o seu apercibimento para que desista da súa
actitude e a restitución dos materiais ao seu estado orixinal.

Artigo 17.
Faltas graves. As faltas graves conlevan sancións específicas:

A. Agresión verbal entre usuarios: Intentarase a solución de forma verbal entre os


afectados, en presencia dos dinamizadores do centro, como mostra de boa
vontade na mellora das relacións interpersoais. No caso de non chegar a un
acordo expulsarase aos implicados dúas semanas.
B. Agresión física entre usuarios: Intentarase a solución de forma verbal entre os
afectados, imporase a realización dun traballo comunitario como medida
disciplinaria. Segundo a gravidade das lesións ocasionadas denunciarase ante as
autoridades. A falta de acordo carrexará a expulsión dos implicados por dous
meses.
C. Perda, dano responsable ou subtracción intencional: Obrigarase a repoñer o
material e imporase a realización dun traballo comunitario como medida
disciplinaria. Naqueles casos que así o requiran, poderase compensar a
reposición do material por traballos comunitarios. En caso de non chegar a un
acordo expulsarase aos implicados ata a reposición do material.
D. Agresión verbal a responsables: Expulsión por dúas semanas e realización dun
traballo comunitario como medida disciplinaria. A falta de acordo carrexará a
expulsión indefinida.
E. Agresión física a responsables: Expulsión por dous meses e realización dun
traballo comunitario como medida disciplinaria. A falta de acordo carrexará a
expulsión indefinida. Segundo a gravidade das lesións ocasionadas denunciarase
ante as autoridades.
F. Inxerir bebidas alcohólicas, fumar ou consumir sustancias estupefacientes
en calquera das áreas, actividades e horarios da casa de xuventude:
Expulsión por dúas semanas e realización dun traballo comunitario como
medida disciplinaria. A falta de acordo carrexará a expulsión indefinida.
G. A solicitude dun espazo reservado, e a non utilización posterior do mesmo por
causas imputables ao solicitante.
H. Reincidencia en calquera caso: Expulsión indefinida e denuncia ás autoridades
segundo a gravidade das faltas cometidas.

Artigo 18.
Consello disciplinario. Está composto polo Concelleiro de Xuventude en calidade de
presidente; o responsable da oficina municipal de información xuvenil, dous membros
das asociacións que utilizan a casa de xuventude. A súa función é a de impor e regular
todas as sancións disciplinarias, tanto as establecidas neste regulamento como aquelas
que puidesen xurdir nun futuro. Para o levantamento dunha expulsión indefinida, o
afectado deberá elevar escrito ao Consello Disciplinario da casa de xuventude
especificando o seu arrepentimento e o se desexo de cumprir coas sancións que no seu
caso se establezan.

Asociacións xuvenís ou prestadoras de servizos á xuventude.

Artigo 19.
A casa de xuventude será coxestionada polos colectivos xuvenís rexistrados no rexistro
municipal de asociacións.
Todos os grupos ou asociacións poden utilizar calquera área ou sala da casa da
xuventude de forma temporal ou periódica previa petición escrita e aprobación oficial
por escrito da Concellería de Xuventude.

Disposición final. O presente regulamento entrará en vigor ao día seguinte da súa


aprobación e permanecerá vixente ata a súa modificación ou derogación expresa.

NOTA: Este Regulamento é un borrador para a consulta


e posibles modificacións por parte das Asociacións de
Riveira.
Unha vez consensuado levarase ao Pleno Municipal do
Concello de Riveira para a súa aprobación.

You might also like