You are on page 1of 4

FOI AQUÍ

Foi aquí. Onde a costa se presenta feiticeira e evocadora, e os chíos das gaivotas

anticipan o retorno dos barcos.

O luscofusco xa barnizara cos seus tons o día, e o escumallo lambía a area con luxuria.

As ondas do mar, acariñaban os cons, e abrazaban con pleitesía a cintura das gamelas.

Foi aquí onde o coñecín.

Eran as sete da mañá. Os mariñeiros marchaban ó mar, co recendo do amencer na

epiderme. Esa noite eu non fora quen de conciliar o sono. Decidira vencer o meu

insomnio, camiñando descalza pola area da praia.

As triscadelas das ondas do mar, agatuñaban as primeiras raiolas do sol.

E entón foi cando o vin. Sorriu nada máis verme e xuntos paseamos en silencio. Non

fun quen de pronunciar ningunha sílaba, apreixada como estaba na gaiola dos seus ollos.

O paseo rematou, e con el descendín os mil banzos da escaleira de ilusións pola que

subira.

Os seguintes días repetín o meu paseo matinal tentando atopar o contraste da súa pel

escura, coa branca area da praia, pero non atinei a conseguilo.

Unha semana máis tarde, da man dun vello mariñeiro, coñecín a súa historia.

Boris era novo no barco do Caimán. Chegara a Cangas dende Nixeria, escapando da

podredume da miseria que engaiolaba os seus soños.

Pronto aprendeu o oficio do mar, a bordar o trazo das ondas nos curutos das pedras.

A súa tenrura, e o seu apego polo traballo, convertírano nun dos traballadores máis

respectados dos que tiña ó seu mando o Caimán.

O destino fixo que os nosos encontros se multiplicaran, e mentres tanto as arañeiras de

Cupido tecían as súas redes sobre as nosas almas.


Boris tiña a pel escura como as noites nas que tanto pensara nel. Chegara ó pobo, para

romper a cadencia dos ciclos lunares, para encher a miña vida de tolería.

Os seus ollos eran folerpas de neve negra, que me acariñaban a alma, e o seu corpo a

caligrafía, que anceiaban os meus dedos. Boris non falaba o noso idioma, pero falaba a

lingua universal da tenrura. Era un políglota das emocións.

Moitas foron as mozas que se namoraron del, da súa mirada espilida, dos seus

movementos parsimoniosos e pensativos, pero só eu fun quen de apreixar o arume da

súa tenrura, de encher o bandullo da súa paixón.

Os seus bafos eran os cristais da pouca conciencia que me quedaba. Boris aniquiloume

co gume da navalla dos seus sorrisos. O enigma dos seus silencios, engaiolou a escuma

do meu corazón. Tiven que turrarlle dos sorrisos, coa forza da miña algarabía, e

comezar a escribirlle manifestos na alma para que se fixase en min.

As súas verbas contiñan o fel dos ocasos de fame, que na súa terra sufrira, e o calor do

noso primeiro bico fundiume as entrañas. As súas mans, precisas e lixeiras, percorreron

o meu corpo, debullándome a alma.

Boris quebrara os meus algoritmos de paixón, fendendo as brechas dos calafríos

cos que eu fora construída. Naquela nosa primeira vez, el concebira instantes eternos

no meu útero de contornos febles. Alí deixara gravadas as pegadas do seu sexo.

Daquela souben que o amor eran anacos do seu corpo e que nós escribiriamos no libro

dos amantes, mecanografiando as cicatrices dos amores imposibles.

A ese primeiro encontro, seguírono, moitos máis. Ata cheguei a pensar, que o seu

membro, era xa parte de min.

Boris traducía o meu van a distintos idiomas, e a pureza era a esmola que pagaban os

meus beizos. Coa súa lingua escribíame versos que xa murcharon, e coas súas mans

habitaba os meus ocos con sonetos nómadas.


O seu corpo converteuse no caderno de bitácora dos meus amenceres.

Daquela poñiámoslle nome ós sorrisos e os meus seos eran prolongación dos seus

dedos, e o meu sexo o punto de partida das súas mans.

Eu vivía cun chafariz de ilusión no peito, e o argazo do desexo habitaba en min. A

ardentía das augas abalaba os nosos soños dun proxecto en común, e os nosos bicos

entrelazábanse nas mallas das nasas.

Boris fixérame un burato na capa de ozono das entrañas, e agora tiraba dos fíos de la,

que me escorregaban da alma.

Eu cadraba o meu corpo imperfecto con escuadra e cartabón, para que el coubera nos

meus recunchos anoréxicos. Axustaba os meus contornos sedentos sobre os camiños

que trazaban as súas mans.

Porque dende que Boris me arrincou o corazón, souben que o primeiro que coñecín ó

nacer foi o seu baleiro espúreo, e os seus acenos de po, esgazando os meus sorrisos.

El era o alén das palabras, a luz que apagaba as miñas noites, os ollos que me

condenaban á escuridade, o ser, que había anos eu deixara de ser.

Tiñamos que roubarlle horas ás agullas enferruxadas do tempo para poder estar xuntos.

Moitos do pobo non puideron entender a maxia do meigallo que existía entre nós, e a

miña familia xamais viu con bos ollos, a nosa relación. Pero a min, xamais me

importou.

Boris era a pel que eu levaba tatuada con bágoas.

Na súa ausencia sentía que a putrefacción se colaba no meu ventre, e que as catro

paredes da miña casa se convertían nos meus vinte metros cadrados de desidia, no meu

recuncho de soidades.

Pero o destino é maleabel e nauseabundo. Dous meses despois daquel primeiro

encontro, Boris faleceu afogado. Ninguén me puido explicar o que sucedera.


O seu corpo apareceu flotando na area daquela praia na que chegara á miña vida. As

coordenadas do meu futuro ficaron murchas dende entón.

Daquela entendín que o amor é un longo adeus dándoche a benvida.

E por iso cada tarde, volvo a esta praia. Porque foi aquí, onde o amor verdadeiro chegou

a min.

You might also like