You are on page 1of 5

Lingua Galega e Literatura 1º Bacharelato

Tipoloxía textual.

TRABALLANDO CON TEXTOS

O título

Un título é o enunciado do contido dun libro ou doutro escrito que se coloca ao comezo del. Debe
presentar de modo obxectivo, agradable e sintético a información que vén no texto.

Características:

- Breve (non máis de seis ou oito palabras).

- Preciso e exacto en relación co contido esencial do texto.

- Adecuado ao sentido e á intención do texto.

- Orixinal e atractivo.

Os títulos case sempre carecen de verbos e adoitan presentar a idea central do texto ao que se refiren.
Algúns dos esquemas máis empregados para os títulos son os seguintes:

✓ Frase nominal cuxo núcleo é un substantivo abstracto: A revolta irmandiña.


✓ Frase nominal, seguida dunha aposición explicativa: A revolta irmandiña: xénese e
desenvolvemento.
✓ Título bimembre: Xénese e desenvolvemento da revolta irmandiña.

O tema

Determinar o tema dun texto consiste en expresar con poucas palabras a idea que o autor nos quixo
transmitir. Trátase, pois, de expresar de forma concisa a idea fundamental dun texto (dez ou quince
palabras abondan).

Para saber cal é o tema dun texto pode ser útil formular algunhas preguntas como: de que fala o
texto?, ou cal é o obxecto do texto? A resposta a estas pode ser o tema.

A definición do tema ha de ser clara, breve e exacta. Por iso se debe ter coidado de non incluír nel
contidos anecdóticos ou ampliacións de contidos, que pertencerían ao asunto ou argumento.

En textos argumentativos, o tema adoita coincidir coa tese que se pretende demostrar; mentres que
nos textos narrativos, pode non ser máis ca unha especie de resumo do resumo.

Non se debe confundir o argumento dun texto co tema. Aquel extráese seleccionando as accións,
acontecementos ou ideas fundamentais do texto reducíndoas na súa extensión e conservando os
detalles máis importantes.

Se do argumento se eliminan todos os detalles e se define a intención do autor, obterase o tema. O


argumento dun texto pode desenvolverse nun ou varios parágrafos, mentres que para indicar o tema
abondaría cunha oración.

O esquema

O esquema, xunto co resumo, é unha das técnicas máis habituais de síntese. Sintetizar é reducir ao
fundamental algo que está desenvolto con maior extensión.

Páxina | 1
Lingua Galega e Literatura 1º Bacharelato
Tipoloxía textual.

O esquema consiste en expresar graficamente o que se subliñou, é dicir, en representar a estrutura


dun tema.

▪ Requisitos:

- Debe aparecer o fundamental dos contidos do texto, xerarquizado por orde de


importancia.

- As ideas han estar enunciadas de xeito breve: unha palabra ou unha frase curta.

- No esquema cómpre evitar o emprego de frases e oracións longas.

▪ Proceso de elaboración.

A elaboración dun esquema require:

- Unha lectura previa do texto e a súa posterior lectura comprensiva.

- O subliñado das ideas principais e secundarias.

- A determinación dos grandes apartados.

- A formulación das ideas de xeito breve e claro.

- A disposición gráfica das ideas segundo a súa importancia.

Cómpre ter en conta que para que o esquema de ideas sexa completo e reflicta de forma coherente a
información do texto, é preciso extraer deste, polo menos, dúas ideas principais, das cales derivarán,
a súa vez, polo menos dúas ideas secundarias.

As ideas han de estar enunciadas no esquema con concisión, precisión e rigor. Un golpe de vista debe
abondar para ter unha visión completa e xeral do tema.

Existen varias maneiras de realizar os esquemas, pero as máis empregadas son o esquema de chaves
e o esquema numérico.

▪ Esquema de chaves

No esquema de chaves, o título principal vai colocado á esquerda e despois, mediante chaves, vanse
incluíndo os contidos. Canto máis á dereita están colocados, menor importancia e maior concreción
teñen.

▪ Esquema numérico

No esquema numérico, dous números separados por puntos indican: o primeiro a que apartado se fai
referencia, e o segundo a idea importante nese apartado.

O sangrado (separación da marxe esquerda) indica a importancia das ideas: canto máis á esquerda a
idea será máis importante e xeral; canto máis á dereita, menos importante e concreta.

O resumo

Resumir é condensar nun texto breve, eliminando o accesorio, os contidos básicos doutro texto máis
extenso. Polo tanto, un resumo expresa de maneira integradora, condensada, coherente e con
palabras do autor ou autora (sempre que sexa posible) o contido esencial dun texto.

Páxina | 2
Lingua Galega e Literatura 1º Bacharelato
Tipoloxía textual.

▪ Características:

- Brevidade e selección: deben aparecer só as ideas importantes e os datos


imprescindibles.

- Claridade e precisión: empregaranse palabras e expresións exactas.

- Orde: as ideas deben estar ordenadas, relacionadas e redactadas.

▪ Extensión: o resumo debe supoñer un terzo ou un quinto da extensión do texto


orixinal, pero isto depende do tipo de texto: hai textos curtos, pero complexos con
moita información mentres que outros máis longos pódense resumir máis ao ter
menos información básica.

▪ Elaboración: o resumo debe ser un texto redactado, composto por unha serie
coherente de enunciados e non dunha simple enumeración de ideas, como é o caso
do esquema.

A ortografía, a expresión e a presentación son aspectos básicos de calquera traballo escrito que se
han de ter en conta e que se deben coidar na confección dun resumo.

Para elaborar un resumo cómpre ter feito unha lectura comprensiva do tema e o subliñado das ideas
principais e secundarias.

Explicación do significado de palabras ou expresións (nun texto)

Explicar o significado non é o mesmo que achegar un sinónimo

Se non se sabe o significado, tratarase de deducilo polo contexto. Sempre hai que tentalo porque, en
xeral, entendemos os textos.

Debemos seguir unhas pautas para empezar a explicación, dependendo da clase/categoría de


palabra:

1. Se é un substantivo: empezar con substantivo (se a palabra é derivada, pode servir de axuda
fixarse no sufixo ou prefixo: acción de, efecto de, actitude, etc.)
2. Se é un adxectivo: é moi útil empezar con “que ten/ pode/ consta…”; tamén con adxectivo e
finalmente con “dise do que…”
3. Se é un verbo: comezamos con outro verbo mantendo persoa, número, tempo e modo da
forma para definir!
4. Se é un adverbio ou locución adverbial, normalmente de modo: empezamos con “de modo
ou maneira que…”

Non debemos utilizar na definición dunha palabra outras da mesma familia léxica á que pertence.

Páxina | 3
Lingua Galega e Literatura 1º Bacharelato
Tipoloxía textual.

O COMENTARIO CRÍTICO

Que é?

Consiste en expresar organizada e claramente unha valoración argumentada sobre un texto dado.
Vanse valorar, polo tanto, dúas cuestións:

a) A túa capacidade crítica: debes demostrar que tes os teus propios coñecementos e opinións e que
sabes razoar a partir deles para contrastalos co que se di no texto.

b) A túa expresión lingüística: debes demostrar que es capaz de expresar as túas ideas de xeito
organizado, correcto e eficaz.

Daquela, non debes empregar o comentario crítico para:

- Expoñer todos os coñecementos que posúas sobre o tema proposto, tomando o texto como un
pretexto.

- Expresar coñecementos moi xerais que poidan aplicarse a calquera texto, pero que non achegan
nada relevante nin orixinal sobre o que se propón.

- Tomar o texto como unha escusa para comentar cuestións secundarias ou alleas ao tema.

- Repetir un resumo ampliado ou realizar unha paráfrase do texto proposto.

- Adoptar un ton polémico, agresivo ou “de peloteo”. Nin o eloxio excesivo nin a crítica feroz son
mostras de maior madurez, senón todo o contrario. Debes moderar as túas opinións, tanto no contido
coma na forma, e expoñelas sen medo, pero sempre de xeito razoado.

Como se fai un comentario crítico?

O comentario ten dúas vertentes: as opinións e a correcta expresión desas opinións. As dúas son
igualmente importantes no resultado final. Para saber o que pensas sobre un texto antes tes que
comprendelo e para garantir unha correcta exposición do teu pensamento convenche realizar un
borrador.

Por iso imos distinguir unha fase de preparación e outra de redacción do comentario.

Para a preparación do comentario podes seguir estes pasos:

a) Que di o texto?

- Dálle unha lectura xeral ao texto e soluciona todas as dúbidas sobre o significado das súas palabras.

- Realiza unha segunda lectura subliñando o máis importante de cada parágrafo.

- Extrae a idea principal de cada parágrafo e mais as ideas secundarias, intentando establecer
relacións entre elas. Podes empregar as marxes para facer anotacións.

- Resume o texto, así obterás unha expresión obxectiva das súas ideas fundamentais.

- Establece o tema do texto.

Páxina | 4
Lingua Galega e Literatura 1º Bacharelato
Tipoloxía textual.

b) Que opino sobre o texto?

Agora que xa sabes o que se di no texto tes que reflexionar sobre o que sabes ti dese tema e sobre o
que pensas das ideas expresadas nel, é dicir, tes que decidir que tese vas defender e con que
argumentos.

Para que a túa tese quede ben defendida é conveniente que combines distintos tipos de argumentos
dos estudados anteriormente e procura evitar os seguintes erros:

- Argumentos de apelación á forza ou ofensivos: Levo vinte anos conducindo e non admito que
ninguén me diga o que teño que facer. Os axentes de tráfico son todos uns chulos, só queren amolar e
racadar cartos.

- Argumentos de falsa relación causa-efecto: A mocidade consome moito alcohol, de aí que provoque
moitos accidentes.

- Argumentos de xeneralización: Onte morreu un mozo nun accidente por exceso de velocidade; a
xente moza nunca respecta os límites de velocidade.

- Argumentos baseados en prexuízos: A proba de que as mulleres son peores condutoras que os homes
é que hai menos mulleres con carné.

c) Como expreso a miña opinión?

Cando saibas o que pensas tes que expresalo. Para garantir a calidade e a rapidez da redacción
definitiva do comentario convenche realizar un borrador. Atende ás seguintes pautas:

- A extensión aproximada do comentario son 200-250 palabras, debes seleccionar e organizar ben as
túas ideas.

- É recomendable que o texto presente tres partes: introdución, desenvolvemento e conclusión.

Daquela deberá contar, como mínimo, con tres parágrafos. Nesta fase debes esquematizar o que vas
incluír en cada unha.

Introdución: debe ser breve (un parágrafo) e ten que conter a idea principal do texto (xa a terías
determinada cando fixeches o tema do texto). Podes opinar sobre a importancia e actualidade do
tema ou sobre a orixinalidade ou o enfoque co que está tratado o asunto.

Desenvolvemento: é a parte máis extensa e pode conter máis dun parágrafo. Aquí debes expoñer os
teus argumentos, ordenados e relacionados. Evita as contradicións, as repeticións e as afirmacións
non razoadas.

Conclusión: debe ser breve (un só parágrafo) e resumir a esencia do exposto anteriormente, é dicir,
debes expoñer a tese que defendiches. O que expreses aquí vai ser o que configure a impresión xeral
do comentario na mente de quen o lea, por iso convén meditalo ben.

Unha vez realizado o esquema-borrador debes realizar a redacción definitiva; non esquezas que é
tan importante a corrección da expresión coma a calidade da túa argumentación.

Páxina | 5

You might also like