You are on page 1of 3

A DISERTACIÓN FILOSÓFICA

A disertación filosófica é un texto persoal no que realizamos un esforzo de reflexión


tratando de “resolver” un determinado problema filosófico. Trátase dun acto filosófico que
require aprender unha técnica, pois é un xénero particular de composición escrita que
segue unhas regras específicas ás que convén axustarse.
A disertación vai dirixida a un destinatario (lector, oínte), e con ela preténdese
argumentar racionalmente para lograr o seu convencemento. Nela ponse a proba o
espírito crítico de quen a elabora e a capacidade de presentar e analizar as nocións e
problemas que un tema pon en xogo. En definitiva, preténdese construír unha reflexión
clara, rigorosa e coherente.
O modelo de disertación máis estendido consta de tres partes: introdución,
desenvolvemento e conclusión.
Introdución
Ten que ser moi precisa e non moi extensa (dez ou quince liñas como máximo).
Nela suscítase o problema ou problemas presupostos no título da disertación, cal é a súa
importancia, a súa historia e si ten actualidade.
Se o tema non está formulado en forma de pregunta, entón é pertinente abrir unha
ou varias cuestións que mostren o problema ou problemas filosóficos contidos nel. Por
exemplo, se o tema é “Liberdade e liberación”, unha das preguntas que podiamos facer é:
A liberdade conduce sempre á liberación? Con iso, a reflexión enfócase de forma máis
directa.
Na introdución non é necesario adiantar a solución (tese) á que se quere chegar, esta
pódese descubrir ao fío das argumentacións expostas no desenvolvemento e expresar
con claridade na conclusión. Aínda que tamén se pode mostrar unha postura na
introdución, xustificala no desenvolvemento e afirmala de novo na conclusión.
É conveniente indicar os pasos que se van a seguir no desenvolvemento (un plano
de desenvolvemento).
Desenvolvemento
Nesta parte desprégase e chea de contido o plano proxectado. Así, hai que poñer en
xogo os coñecementos que se teñen sobre a materia en cuestión, sen divagar cara a
cuestións irrelevantes. É o espazo dedicado ao debate, á discusión de teses diferentes.
Tal discusión debe estar argumentada con claridade, precisión e coherencia, e ilustrada
con exemplos e comparacións.
Non existe un plano universal válido para todos os temas. Son sempre posibles
varios tipos de estratexias. Sen embargo, certos asuntos demandan un determinado
plano. Por exemplo:
a) Cando o tema esixe afirmar ou negar unha tese coma a seguinte: Pódese dicir
que os seres humanos son libres?, o plano pode comezar expoñendo a tese que se
rexeita; seguidamente, os argumentos da mesma; para despois refutar eses
argumentos e pasar a establecer a tese contraria, que é a que se quere defender.
Ou ben, pódese empezar expoñendo a tese e defender cos seus respectivos
argumentos; despois, as obxeccións contra a tese; e, por último, a refutación desas
obxeccións.
b) Cando permite afirmar ou negar unha tese, pero tamén unha postura intermedia:
unha síntese, entón pódese formular unha estratexia dialéctica. Por exemplo, ante
a cuestión Pódese dicir que a cultura é a que fai ao ser humano?, a resposta pode
defender que “a cultura é a que fai ao ser humano” ou que “o ser humano é o que
fai á cultura”, pero tamén ambas á vez. O plano dialéctico ten tres partes: a
primeira, a presentación e defensa dunha tese; a segunda, a exposición e o apoio
da antítese; e terceira, a síntese. Este procedemento implica que a tese e a
antítese non son realmente contraditorias, senón que son compatibles.
c) Cando se trata de análise dunha noción ou concepto, como por exemplo: Qué é
a verdade?, entón o plano será analítico: primeiro a noción descompoñerase nos
elementos que a integran e darase a súa definición; segundo, estudarase aqueles
conceptos que derivan inmediatamente dela; e terceiro, desenvolveranse os
problemas que xera: as súas interpretacións, a súa importancia e valor, etc.
d) Cando presenta a relación que existe entre dous o máis conceptos, por
exemplo: Opinión, crenza e saber, convén facer en primeiro lugar a análise da cada
un dos conceptos presentando desde o principio a relación entre eles; e, despois,
expoñer os argumentos que defenden a relación proposta, aclarando se son
conceptos que entran en contradición, se se presupoñen, se se reducen uns a
outros, etc.
Conclusión
Nela resúmense brevemente todos os argumentos expostos, así como destácase e
afirma a onde conducen tales argumentos. Si suscitamos preguntas na introdución, será o
momento de darlles resposta de xeito claro e conciso. Se non está pechado o asunto,
poderiamos formular algunha nova pregunta que invite a seguir reflexionando.
Na conclusión podemos implicarnos persoalmente con máis rotundidade, pero
sempre dando as razóns que xustifiquen as opinións expostas. É conveniente usar algún
recurso literario e esforzarse por coidar o final, intentando que o/a lector/a quédese
gratamente impresionado.
ALGÚNS CONSELLOS
1. Asegúrate de que a argumentación está ordenada e é coherente. É importante usar
correctamente as partículas de enlace tales como “logo”, “polo tanto”, etc.
2. Debes alcanzar un equilibrio entre a lonxitude de cada parte. A introdución e a
conclusión deben ser máis ou menos igual de extensas e ocupar cada unha delas unha
quinta parte do total. O desenvolvemento é o espazo máis amplo.
3. Separa a introdución, o desenvolvemento e a conclusión utilizando o punto e á parte, o
sangrado da primeira liña e un dobre espazo interlineal en branco (no caso de que a
presentación da disertación non sexa manual).
4. Redacta distinguindo parágrafos. Para iso utiliza o punto e á parte e o sangrado da
primeira liña. Os parágrafos son especialmente importantes no desenvolvemento, para
separar as ideas e argumentos expostos.
5. É aconsellable recorrer a exemplos da historia, da literatura, da arte, da relixión e da
túa experiencia da vida sen caer no superficial.
6. Recorda que o vocabulario técnico da filosofía non debe conducir á escuridade
incomprensible. Non uses un término se non sabes o que dis.
7. Garda un ton mesurado nos teus xuízos, tanto cando aprobes algo como cando o
critiques.
8. Coida a ortografía e, especialmente a puntuación, esta última fará máis intelixible o
texto. Non esquezas a túa caligrafía, procura que sexa lexible. Redacta preferentemente
frases curtas, afastadas da confusión e a complicación.

You might also like