You are on page 1of 2

COMENTARIO TEXTO

“Tríptico” in Epiderme de estío, (2001) Lucía Novas (p. 213 do libro). Ver o vocabulario
traballado no ex. 8 da p. 215.

1. Contido e interpretación.

Unha voz lírica en 3ª persoa descríbenos a intensidade e o pracer provocados por unha caricia. Os
movementos das mans póusanse sobre un corpo ao que se alude no emprego dunha segunda persoa
("unha brisa que move as ondas do teu corpo"). Malia á desaparición da primeira persoa, esta parece
intuírse, xa que mesmo semella compartir o desfrute e o goce de quen a acompaña.
Preséntase unha parella amándose nunha paisaxe solidaria e os corpos parecen fusionarse en
comuñón coa natureza. De maneira plástica, como no Tríptico1 dunha pintura, plásmase o avance desa
caricia transportadora dun tacto sensual sobre a derme do ser amado. Pode interpretarse que os moventos
se sobrepoñen para viren xuntarse e pregarse como os pétalos dunha flor, uns sobre os outros ("A caricia
elabórase con múltiples pétalos").

2. Liña ou liñas temáticas.

A liña temática que protagoniza en exclusiva esta composición poética é a intimista e subxectiva.
Malia que non se presenta claramente a 1ª persoa e que todo o manifestado parece describir os
movementos dunha caricia, como se dunha voz en off dun documental nos dese conta do percorrido, a
adxectivación empregada reflicte os sentimentos propios desa voz que se oculta, pero que semella
participar activamente no acto amoroso ("tepidez sincera que pousa na pel") e refórzase aludindo, coa
2ª persoa, a ese ser ao que acaricia ("unha brisa que move as ondas do teu corpo").
Dentro da liña intimista, Lucía Novas amosa unha poetización erótica do amor. Pode verse isto
ao longo de toda a composición, pero hai versos máis evidentes: Baixa polo lombo suave,/crea espirais
de pracer,/amplíase coa delicia do ar,/nútrese no fondo/e é marabillosa nas nádegas altas.

3. Figuras literarias.

A metáfora é a figura literaria que sobresae de forma evidente ao longo do poema e convértese
nun motivo reiterado cada vez que se fai unha identificación da caricia, apoiada no uso do verbo ser en
presente de indicativo. Esas identificacións, no exemplo que recollemos a continuación, enlázanse unhas
a seguir das outras nunha enumeración das mesmas. A poeta bota man de referencias a unha paisaxe
marítima, na que o corpo parece deitado nunha praia, integrado nunha natureza coa que se funde. Así,
establécese un paralelismo entre os elementos da paisaxe dun areal (herbas, dunas, esporas, pétalos,
nácara...) e os lugares corpóreos transitados pola man sobre os que o ar, a brisa e o vento sopran (lombo,
pel, nádegas, corpo...).

A caricia é unha onda


de vento e de océano,
unha brisa que move as dunas do teu corpo
con elegancia altísima
e tenrura alba.

A personificación preséntase como outro recurso retórico que acada relevancia na composición,
ao semellar que a caricia está dotada do poder da decisión de dar pracer ("crea espirais de pracer").
Desaparece a entidade humana e vén a ser substituída polos seus actos.

1
Tríptico. 1. Obra de pintura ou escultura que consta dun panel central e dous laterais móbiles que poden abaterse sobre o central. 2. Folla do
tamaño dun folio aproximadamente, que se divide en tres partes iguais, dúas laterais que se abaten sobre unha central, e que se utiliza para difundir
información, propaganda etc. 3. Obra que consta de tres partes.
O ocultamento dese axente que realiza as caricias conséguese co emprego da metonimia ("A
caricia é (...) tepidez sincera que se pousa na pel). Son as mans do ou da amante as que realizan eses
movementos e a decisión é evidente que está nese ser sincero que ama, desexa e proporciona pracer.

You might also like