You are on page 1of 3

Cruz Fernández González <cruzfergon@hotmail.com> Grao Filosofía.

2º curso

Comentario de texto 25-XI-2011

Rosalía de Castro. “Negra Sombra”, en Follas Novas. Santiago, 1880.

Introdución

Rosalía de Castro (Santiago de Compostela 1837- Padrón 1885) está considerada como unha
das figuras representativas do Rexurdimento, ese movemento intelectual e literario, con
vinculacións románticas que trataba de reivindicar en Galicia un sentimento de afirmación nacional.
Se ben Rosalía escribe tamén unha parte moi importante da súa obra en castelán, a súa poética en
galego, “Cantares Gallegos”1863 e “Folla Novas”1880 resultan ser o espello daquela idiosincrasia
propia que o pobo galego atopa por fin mentres busca a súa autoafirmación. Esta última obra
“Follas Novas”, está escrita segundo a autora afirma no prólogo na emigración en terras de Castela.
O poema que imos comentar, “Negra sombra”, é un dos máis famosos da autora quizais por referir o
tema da saudade, ese sentimento característico galego que define coma ningún outro o noso
particular carácter.

Tema

A negra sombra como representación dun sentimento de tristura que pode chegar a invadir
cada momento da vida.

Comentario

A “Negra Sombra” é normalmente coñecido como poema independente pero non é así como
o escribe Rosalía. En realidade é o último fragmento dun poema máis longo en catro partes titulado
“O toque de alba”. Todo o poema evoca unha paisaxe marcadamente romántica, ese momento preto
do amencer, as campás da igrexa soando anunciando a saía do sol, que non parece ser quen de
esvaecer as negruras da alma, como fai coas da noite. A autora desperta a un novo día cheo de
angustia e escuridade que supón un reencontro con esa negra sombra que pareceu que marchara na
calma da noite. A negra sombra que representa a tristeza sen referente, de carácter cotiá que
simplemente permanece sobre nós día tras día sen causa clara desencadeante e polo mesmo sen
posibilidade de ser conxurada. A saudade é case unha maneira de ser, forma parte do máis íntimo
das persoas que a padecen e por iso non poden librarse dela. Rosalía explica moi ben ese carácter de
compañeira constante que ás veces xoga a esconderse como “facendo mofa” contra a que non vale
rebelarse. E por outro lado trátase dun sentimento absoluto que o cobre absolutamente todo. Sendo
sombra móstrase no mesmo sol, invade a nosa vida vivindo por nos e facéndonos vivir por ela. Os
versos describen con crueza a sensación de derrota, de que non se pode loitar. A sombra está en todo
e o é todo, vive por nos e dentro de nos. E nunca nos vai deixar. Resulta especialmente desolador o
verso no que reitera o carácter de sombra que asombra onde o verbo asombrar ten aquí o significado
de escurecer. Non estaría de máis traer a relación o que se da en chamar a “sombra dos mortos”
unha especie de meigallo que, segundo a tradición popular, afectaba a algunhas persoas a modo de
maldición e provocaba nas vítimas unha tristeza e melancolía que facía perigar a propia vida.

Non deixa de ser un poema de difícil interpretación. Por unha banda a dureza da vida de
Rosalía, que perde varios fillos de corta idade, a súa natureza enfermiza, o feito de ser filla de
solteira e sobre todo as dificultades que padeceu pola dobre discriminación de muller e escritora
nunha lingua desprestixiada podería suxerir unha visión máis individual e particular. A negra
sombra describiría á propia angustia e desesperación ante unha vida difícil como o foi sen dúbida a
da autora. Pero o poema transmite a sensación dun sentimento máis complexo que parece
referenciado a unha experiencia vital profunda. Rosalía non se queixa, non rexeita a tristeza que
sabe que non ten unha orixe circunstancial senón que forma parte constituínte do seu ser e como tal
admítea como compañeira cotiá do seu vivir diario. A negra sombra parece recordar á saudade, ó
desarraigo existencial do individuo ou por que non, á propia morte que nos acompaña dende que
nacemos e de algunha maneira da sentido á vida, algo que o poema parece expresar nos últimos
versos: “En todo estás e ti es todo / pra min en min mesmo moras...”

Dende un punto de vista estilístico tódolos poemas de Rosalía están cheos de musicalidade.
Parecen escritos para seren cantados e esta é a razón de que moitos músicos os tomaran como
referencia. “Negra Sombra” non é unha excepción e xa en 1892 Xoan Montes compón unha
fermosa balada que acadaría gran popularidade. A estrutura do poema semella unha metáfora do que
a saudade significa. Trata de transmitir a través de anáforas esa sensación de incesante escuridade.
“Cando penso... Cando maxino... i es a estrela que..., i es o vento que, i es o marmullo..., i es a
noite... En todo... e ti es todo... par min i en min...” e por suposto ese verso repetido a modo de
retrouso da “sombra que sempre asombra” onde as tres palabras “sempre”, “sombra” e “asombra”
foneticamente reforzan mutuamente o seu significado expresando de maneira inefable ese carácter
de negrura constante e a imposibilidade de escapar de ela.

Conclusión

“Cantares galegos” e “Follas Novas”, pese a teren en común o feito de ser as dúas únicas
obras en galego da súa autora, amosan un carácter moi distinto. A propia Rosalía afirma no prólogo
de “Follas novas” que “non son fillos da mesma inspiración”. Se en Cantares pretende reflectir esa
“alma enteira de Galicia” en Follas Novas trata de temas moito máis persoais. Por un lado a
preocupación pola problemática social do seu pais, a emigración ou a situación do campo. Pero
sobre todo Rosalía fainos partícipes do seu lado máis íntimo, que nos descobre cheo de tristura,
melancolía, nunha palabra, de saudade. A súa lírica ó falarnos do máis persoal ten a facultade de
conectarnos co universal, pois a súa desesperanza e tristeza representa a que experimenta o
individuo desarraigado e adquire así connotacións de carácter metafísico. Nese sentido a
importancia de Rosalía transcende máis aló de ser capaz como ninguén de reflectir a alma de
Galicia e do seu pobo. Algo que por si só xa a consagraría como unha das figuras máis relevantes da
nosa literatura.

You might also like