You are on page 1of 4

LITERATURA 2º DE BACHARELATO

COMPLENTO AO TEMA 5. A poesía entre 1936 e 1975: a Xeración do 36, a Promoción de Enlace, a
Xeración das Festas Minervais

DESENVOLVEMENTO DE AUTORES E OBRAS:

A XERACIÓN DO 36

AQUILINO IGLESIA ALVARIÑO (Abadín (Lugo) 1909 – Santiago 1961): Aínda que xa publicara no
período de preguerra será agora na posguerra coa publicación de Cómaros verdes en 1947 cando
acade a súa madurez como poeta.
Desde o punto de vista formal abandona a rima e acada unha grande precisión descritiva.
Desde o punto de vista temático o paisaxismo é o centro do poemario, a paisaxe está totalmente
humanizada e sérvelle ao autor para expresarnos os seus sentimentos.
Aínda publicará De día a día (1960) e Lanza de soedá (1961) nos que vai introducir a temática
existencialista, así aparece a noite como escenario simbólico, realiza un xogo constante entre
día/noite, luz/sombra, símbolos de vida/morte.

CELSO EMILIO FERREIRO (Celanova 1912-Vigo 1979):


O poeta de Celanova vai vivir unha serie de acontecementos que terán unha influencia decisiva
na súa obra. O primeiro o seu encarceramento durante a guerra nunha cela de pedra, o segundo a súa
vivencia na emigración que resultou do máis frustrante posto que ao desempeñar o cargo de
Secretario de Cultura da Irmandade Galega de Caracas comprobou que os emigrantes galegos que
traballaban alí estaban completamente desideoloxizados, non sendo conscientes das súas raíces e
preocupados só de enriquecerse. Precisamente debido a enfrontamentos coa directiva desa
Irmandade foi expulsado.
A súa obra poética é de grande transcendencia na evolución da poesía galega do XX e nela
podemos distinguir tres grandes liñas:
1.- A SOCIAL (os seus precedentes máis destacados son os Mestres do Rexurdimento): nela
amosa a súa solidariedade cos oprimidos de calquera latitude, defende o idioma, denuncia os males
sociais: fascismo, guerra, falta de liberdade, emigración, inxustizas…
Esta temática está presente sobre todo en: Longa noite de pedra (1962) recompilación de
poemas feita durante moitos anos (xéstase no transcurso da Guerra e nos anos posteriores á mesma)
que se caracteriza formalmente pola utilización dunha linguaxe poética coloquial para poder chegar a
un público amplo. Converteuse, sobre todo a partir da divulgación en cancións no ano 68, no grande
acontecemento da poesía galega do XX. Ademais da liña social tamén atopamos a lírico-intimista
(evocación da infancia, reflexión sobra a morte, a existencia de Deus, etc.
2.- A INTIMISTA. Nela manifesta o seu inconformismo e desacougo existencial, a forte
identificación coa terra, a fugacidade da vida, a saudade da infancia e a vivencia do amor.
Esta liña poética desenvólvese sobre todo en: O soño sulagado (1954) e Onde o mundo se
chama Celanova (1975). No primeiro tamén atopamos algúns poemas de temática social e no segundo
hai unha parte no que motivo fundamental é a presenza de Moraima, a súa muller, en poemas
amorosos ou como confidente do poeta.
3.- A IRÓNICA. É esta unha liña moi crítica, que evoca as cantigas medievais satíricas, a
literatura popular do Entroido, etc. Utiliza un ton satírico e mordaz e xorde, sobre todo, a raíz da súa
mala experiencia na emigración a Caracas.
Desenvólvese fundamentalmente nos poemarios: Viaxe ao país dos ananos (1968), Os
emigrantes que provocan a súa decepción son aos que chama “ananos”. No poemario hai tamén
poesía social, e intimista. Cantigas de escarnio e maldicir (1968), Paco Pixiñas (1970) e Cimenterio
privado (1973) froito da mesma experiencia.

páxina 1 de 4
LITERATURA 2º DE BACHARELATO

ÁLVARO CUNQUEIRO (Mondoñedo 1911 - Vigo 1981): poeta que na posguerra continúa o seu
labor literario e no que respecta á poesía publica aínda dous poemarios máis:
-Dona do corpo delgado (1950), estruturado en dúas partes. A primeira (Cantigas do amor
cortés) pertence á estética neotrobadorista. Na segunda predominan os poemas intimistas cunha
visión pesimista do mundo.
-Herba aquí e acolá (1980. Recolle a súa produción posterior a 1950). Este poemario está
dividido tamén en dúas partes: “As historias” e “Vellas sombras e novos cantos”. Na primeira
atopamos unha reinterpretación poética de mitos clásicos, personaxes históricos e figuras literarias,
abordando a través deles temas trascendentais do ser humano. Na segunda parte volve ao intimismo,
a angustia ante a presenza da morte e a imposibilidade de acadar o paraíso.
A súa poesía en conxunto segue dúas liñas fundamentais: a neotrobadoresca e a vangardista e
mitolóxica, onde xorde a preocupación existencial.

XOSÉ MARÍA DÍAZ CASTRO (Guitiriz 1914-Lugo 1989): Publicou un único libro: Nimbos (1961),
de grande valor estético. Desde o punto de vista formal é unha poesía culta e desde o temático ofrece
unha profunda reflexión sobre os problemas trascendentais do home: o amor, a vida e a morte que,
xunto coa paisaxe galega e a preocupación pola súa terra, constitúen o núcleo temático da súa poesía.

PROMOCIÓN DE ENLACE

MANUEL CUÑA NOVÁS (Pontevedra 1926-1992): En 1947 publica Flauta na noite que segue as
correntes de preguerra (hilozoísmo e neotrobadorismo). En 1952 chega a súa obra clave: Fabulario
novo porque con ela abre un novo camiño estético na poesía galega coñecido como a “ESCOLA DA
TEBRA”, chamada así porque a temática céntrase na anguria existencial que se manifesta no emprego
de motivos recorrentes como as tebras, a escuridade, o terror, o desacougo… Sobre todo a
omnipresencia da escuridade nas imaxes poéticas para expresar unha visión anguriada da existencia,
de aí o nome que recibiu esta tendencia. Amosa tamén a influencia do surrea lismo na confección das
imaxes.

ANTÓN TOVAR (A Limia – Ourense – 1921 – Ourense 2004): A súa produción poética está
composta por: Arredores (1962), Non (1967), O vento non ten colo (1974), Calados esconxuros (1980)
e Berros en voz baixa (1990).
Predomina nel nos primeiros libros a poesía existencialista (intimista, metafísica, de constantes
preocupacións relixiosas). Despois evoluciona cara a unha preocupación social, pero nos derradeiros
poemarios aparece un profundo pesimismo, angustia e escepticismo ante a vida (“Eu”).

LUZ POZO GARZA (Ribadeo 1922): A súa produción en galego está constituída por catro obras:
O paxaro na boca (1952), Verbas derradeiras (1972), Concerto de outono(1981) e Códice Calixtino
(1986). A temática da súa poesía xira en torno ao amor, a saudade, a angustia e a morte. Hai unha
clara evolución ao longo da súa vida, así no primeiro libro destaca o vitalismo amoroso e a natureza,
pero estes sentimentos irán cambiando ata converterse en amor marcado pola nostalxia, en pasado,
morte, angustia, saudade…

XERACION DAS FESTAS MINERVAIS

MANUEL MARÍA (Outeiro de Rei (Lugo) 1929 - A Coruña 2004): Comezou como poeta coa liña
intimista e existencialista da Escola da tebra: Muiñeiro de brétemas (1950), Morrendo a cada intre
(1952) e Advento (1954). Despois foi ensaiando, ao longo de case 50 volumes poéticos, moitas outras

páxina 2 de 4
LITERATURA 2º DE BACHARELATO

propostas e estilos como o paisaxístico: Terra Cha(1953); o socialrealismo: Documentos persoais


(1958), Mar maior (1963), Poemas para construír unha patria (1976), etc.; o intimismo amoroso ou
elexíaco: Poema ao outono(1977), Poemas da labarada estremecida (1981),etc.
Motivos recorrentes na súa poesía son a presenza e defensa de Galicia, da súa lingua e das súas
clases populares, a sensibilidade ecoloxista na visión da paisaxe, a denuncia das inxustizas, a forza do
amor, da amizade, etc.

UXÍO NOVONEYRA (O Courel 1930 - Compostela 1999): Destacado membro do Grupo Brais
Pinto. Mostra influencias do paisaxismo de Noriega Varela e A. Iglesia Alvariño, pero cunha
personalidade propia. A súa obra destaca por un diálogo permanente co entorno natural, unha
comuñón coa natureza; a natureza dos versos de Novoneyra é a do Courel reflectíndose nunha
linguaxe poética chea de dialectalismos, vulgarismos, hiperenxebrismos… o cal quere representar a súa
fidelidade á lingua oral.
Os eidos (1955) é o seu punto de partida. A partir do 60 ensaia novos camiños, sen deixar o
paisaxismo, que o levan ao experimento tipográfico, á escrita fonética, o poema caligramático… E fai
incursións tamén na poesía social (“Vietnan Canto”, “Letanía de Galicia” son poemas representativos
desta liña patriótica e antibelicista). Para el a poesía é para ser dita e oída o que explica a especial
atención que presta aos recursos fónicos da linguaxe: aliteracións, silencios, fonosimbolismo,
simbolismo gráfico-visual, etc.
“VIETNAMMMMMMMM VIET-
NAMMMMMMMMMMMMMM
VIETNAMMMMMMMMMMMM
metan na casa a verba na cociña na mesa na cama xa está
e calar calarcalaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaar
hastr´o berro que te acusa USAUSAUSAUSAUSAUSAUSAUSAUSA”

Outras obras son: Elexías do Courel (1966), Os eidos 2 (1974), Poemas caligráficos (1979),
Muller pra lonxe (1987) , este último sobre o sentimento amoroso.

BERNARDINO GRAÑA (Cangas 1932): É un dos fundadores do grupo Brais Pinto. O seu primeiro
libro, Poema do home que quixo vivir (1959), encádrase na liña poética da Escola da Tebra. A dor ante
a vida percorre o poemario.
A súa traxectoria posterior afástase desta liña. Serán o mar, a xente mariñeira, o amor e a
denuncia contra a barbarie que destrúe a natureza os temas que acadarán o protagonismo. As obras
son: Profecía do mar (1966), Non vexo Vigo nin vexo Cangas (1975), Se o mar e os peixes Sar arriba
andasen (1981), etc.

SALVADOR GARCÍA-BODAÑO (Teis, Vigo 1935): Segue a Escola da Tebra nos seus poemarios
Sonetos da esperanza presentida (1965) e Palabra de honor (1967). En O pé de cada hora (1967)
presenta unha poesía de grande riqueza formal na que a temática amorosa e o compromiso coa terra
son os temas principais. En Tempo de Compostela (1978) ofrece uns versos nos que Galica e Santiago
(a súa paisaxe urbana interiorizada polo poeta) constitúen o núcleo temático.

AVILÉS DE TARAMANCOS (Noia 1935-A Coruña1992): A súa traxectoria poética fai que sexa
dificilmente encadrable nun grupo ou xeración. Precisamente pola data de nacemento (1935) e a
relación que mantivo con algúns membros do grupo, Méndez Ferrín encádrao nesta Xeración das
Festas Minervais, pero tamén pola súa separación de Galicia (tivo que emigrar a Colombia onde pasou
boa parte da súa vida) e a publicación serodia da maior parte da súa obra (a partir do 84)
relacionaríase cos poetas da Xeración dos 80.

páxina 3 de 4
LITERATURA 2º DE BACHARELATO

Os diferente espazos xeográficos nos que viviu o escritor marcaron a súa obra: desde o mar e
os bosques do Barbanza ata o exotismo da natureza colombiana.
Precisamente a exaltación da natureza é un dos temas da súa poesía, ben sexa a galega: As
moradías do vento (1955) ou a colombiana: Cantos caucanos (1985).
A saudade de Galicia aparece evocada en Os poemas da ausencia (1961-1981), a nostalxia de
Colombia en: Nova crónica de Ulises (1978).
En As torres no ar (1989) regresa á infancia, ás orixes, á evocación da nai.
O erotismo é outro tema presente nos seus poemas xa desde moi cedo, moi claro en : Poemas
soltos a Maricarme Pereira (1961).
Última fuxida a Harar (1992), é xa unha obra escrita coa consciencia da inmediata morte, polo
cal se tomou coma o seu testamento poético.

XOSÉ LUÍS MÉNDEZ FERRÍN (Ourense 1938): Participou na fundación do Grupo Brais Pinto. A
súa poesía é clave para entender a evolución da poesía galega moderna.
O seu libro máis destacado é, sen dúbida, Con pólvora e magnolias (1976), posto que supuxo
un cambio de rumbo dentro da poesía galega que quedara un pouco estancada no socialrealismo. O
libro combina a proclama política revolucionaria (a pólvora) co intimismo e esteticismo (as magnolias).
Atopamos aquí unha apetura temática (a temática política, a intimidade do poeta dominada pola
morriña e a nostalxia, o erotismo..) e estilística (vólvese a unha poesía preocupada pola estética: a
musicalidade, a forza expresiva da linguaxe…)
Destaca tamén o seu marcado carácter culturalista con invasión de referencias míticas,
históricas, literarias ou artísticas (de músicos, escritores galegos, europeos, americanos de distintas
épocas; referencias mitolóxicas, filosóficas, etc.) Características que van estar presentes na nova
poesía galega a partir de aquí.
Os seus primeiros libros inscríbense na preocupación existencial que caracteriza a Escola da
Tebra: Voce na néboa (1957) e na poesía social : Antoloxía popular (1972), Poesía enteira de
Heriberto Bens(1980), aínda que Ferrín apártase un pouco do socialrealismo, por exemplo coidando a
linguaxe en todos os aspectos.
Para rematar cómpre lembra que o ano 1976 foi una ano clave para a renovación da poética
galega xa que nesta data viron a luz: Con pólvora e magnolias, de Xosé Luís Méndez Ferrín; Mesteres
de Arcadio López Casanova e Seraogna, magnífico libro do quizais algo esquecido Afonso Pexegueiro

páxina 4 de 4

You might also like