You are on page 1of 2

LGL 2º BAC Literatura Tema 5

A POESÍA ENTRE 1936 E 1975: A Xeración do 36, A Promoción de Enlace e a Xeración


das Festas Minervais.
O silencio literario imposto polo franquismo impide a publicación de calquera obra escrita en galego ata que, en 1947, Aquilino
Iglesia Alvariño publica Cómaros verdes. Son anos de silencio que, por unha banda, obrigaron ao galego a vivir un exilio editorial en
América e, por outra, provocaron a irrupción case simultánea no panorama da literatura galega de posguerra de poetas nados entre
1910 e 1920 e formados no marco da Segunda República (Xeración do 36); de poetas nados entre 1920 e 1930, de formación
autodidacta durante os primeiros anos da ditadura (Promoción de Enlace); e de poetas nados entre 1930 e 1940 (Xeración das
Festas Minervais), que non coñeceron a Guerra civil e teñen como referentes a Editorial Galaxia, como empresa cultural, e a Celso
Emilio, como autor de prestixio.

Orientacións da poesía de posguerra.


Ata a década dos 60, as orientacións poéticas que prevalecen pódense reducir a catro. Por un lado estaría a continuidade das
tendencias poéticas menos rupturistas da preguerra :
· O neotrobadorismo, con obras como Cancioneiro de Monfero (1953), de Xosé Mª Álvarez Blázquez.
· A poesía de tradición paisaxística, orientada cara ao hilozoísmo na liña de Amado Carballo, ou cara ao clasicismo ou virxilianismo,
no que abrolla unha visión descritiva da paisaxe filtrada polo mundo clásico (Virxilio, Horacio) e de contido relixioso, que inflúe en
poetas coma Xosé Mª Díaz Castro ou Aquilino Iglesia Alvariño.
E, por outro lado, as que xorden nos anos 50:
O intimismo existencialista, que reflicte o pesimismo, a angustia e a desesperanza que se vivían na posguerra, sempre desde unha
perspectiva intimista proxectándose na análise da propia alma, no afondar na interioridade da persoa chegando á desolación, na
cruel constatación do paso do tempo. Dentro da corrente intimista, o libro Fabulario novo (1952), de Manuel Cuña Novás, supuxo a
inauguración da chamada Escola da Tebra que inicia un intimismo relacionable co clima anguriado do existencialismo literario que
triunfaba en París con Sartre e Camus. Ademais xorde unha tendencia paisaxística de carácter renovador, que combina o intimismo
coa fusión panteísta entre o ser humano e a terra natal en autores como Manuel María (Terra Chá) ou Uxío Novoneyra (Os eidos). A
poesía de Novoneyra mostra o diálogo do poeta co universo, a paisaxe vivenciada intimamente, contemplada e humanizada. Por
que prevaleceu esta poesía? Por cuestións políticas, o réxime non consentía a publicación de libros de denuncia contra o sistema,
por tímida que fose. Así, a relixiosidade poética dun Díaz Castro, e a poesía paisaxística ou neotrobadoresca eran admitidas sen
problemas polo réxime. Incluso moitos dos poetas que máis tarde destacarían como pertencentes ó socialrealismo (Celso Emilio
Ferreiro e Manuel María), publicaron os seus primeiros libros nesta corrente, o intimismo existencialista. Se de 1939 ata 1962
predominaron o paisaxismo e o intimismo existencialista, durante a década dos
sesenta e gran parte dos setenta, a crítica social asolaga a poesía galega (tamén a española). É o denominado socialrealismo. Por
que agora? Porque amainara a represión militar, porque empezan a rebulir na clandestinidade os movementos políticos
contestatarios de carácter marxista e socialista e porque esa poesía de denuncia resulta útil para a concienciación social. O poeta
máis destacado é Celso Emilio Ferreiro con dous libros esenciais: Longa noite de pedra (1962) e Viaxe ó país dos ananos (1968). A
poesía social, máis ca unha liña específica, é unha actitude de compromiso asumida polos autores, pero que convive en moitos
casos coas formas máis subxectivas da experiencia poética.
Tamén a poesía de Xosé Luís Méndez Ferrín anterior a 1975 é perfectamente encadrábel dentro do socialrealismo, aínda que
presenta un maior rigor formal.
Apartada desa corrente socialrealista, discorre a obra de Álvaro Cunqueiro, que no seu libro Herba aquí e acolá (1980) nos amosa
unha poesía culturalista –este vai ser un dos trazos da poesía galega posterior ao 75. É unha tendencia intelectual caracterizada
polo emprego de referencias artísticas e literarias, intemporal, de reflexión sobre a identidade humana, afastada das preocupacións
do momento, moi escura en numerosos poemas.

Autores e obras máis representativos


A Xeración do 36.
Esta xeración está constituída por escritores nados entre 1910-20 e formados no marco da Segunda República. Nun principio
recoñécense discípulos da Xeración Nós e da do 25, pero non tardarán en atopar as súas propias liñas creativas. Moitos deles xa
publicaran antes da guerra, pero a súa obra acada maior orixinalidade nos anos 50 e 60.
Aquilino Iglesia Alvariño. Participa na súa obra de moitas das orientacións poéticas que definen a súa xeración, xa que, agás a
faceta socialrealista que non está presente, ofrécenos imaxinismo, neotrobadorismo e intimismo. A Iglesia Alvariño débese o
primeiro título importante da literatura galega de posguerra Cómaros verdes (1947), no que a paisaxe é o núcleo temático máis
importante.
Xosé Díaz Castro. Combina a súa formación clásica co surrealismo. O seu único libro Nimbos está considerado como un dos cumes
da nosa lírica. A concepción tráxica da vida, o amor, a morte, xunto con Galiza constitúen o núcleo temático da súa poesía.
Álvaro Cunqueiro. Probablemente sexa a súa obra en prosa a que máis fama lle proporcionou; no entanto, Cunqueiro comezou o
seu labor literario publicando poesía e o conxunto da súa obra poética acada unha altura excepcional no panorama da literatura
galega do século XX. É, ademais, un dos escritores máis influíntes para a meirande parte da poesía posterior a 1975. Na etapa de
preguerra escribira títulos coma Mar ao norde ou Poemas do si e non, ambos de corte vangardista. Dentro da estética do
neotrobadorismo publicou Cantiga nova que se chama riveira. Na posguerra, volverá ao neotrobadorismo con Dona do corpo
delgado (1950).
Desde mediados dos 50, a produción literaria de Cunqueiro céntrase na narrativa, ata 1980, ano no que sae á luz Herba aquí e
acolá. Algúns críticos considérana a súa obra poética cume e mesmo o mellor da poesía galega do XX.
Celso Emilio Ferreiro. Celso Emilio é un dos poetas máis destacados da Xeración do 36 e o máximo representante da poesía social
en Galiza. Porén, na súa obra tamén se pode constatar a pegada do paisaxismo e do intimismo. O primeiro grande acerto poético de
Celso Emilio é o libro O soño sulagado (1955) no que aparece como tema recorrente a saudade polo paraíso perdido, que se
identifica coa súa infancia en Celanova, mais tamén aparece un profundo antibelicismo e as dolorosas vivencias existenciais.
Longa noite de pedra (1962). Con esta obra acadará un éxito impresionante en Galiza e fóra dela, debido, en grande parte, á súa
oportunidade histórica e política: a mensaxe que transmite, unha denuncia implacábel contra a opresión e o poder, é a que moita
xente quería articular ou, cando menos, a que estaba desexando escoitar. En Longa noite de pedra coexisten basicamente dúas
grandes liñas temáticas: a liña social que expresa a defensa dos oprimidos e marxinados, a acusación contra as estruturas opresoras
e contra os vencedores da guerra, o antibelicismo … e por outro lado a liña intimista, integrada por poemas nos que o poeta, cun
sentimento de saudade, evoca a infancia e a mocidade, tempos de paraísos perdidos.
Viaxe ao país dos ananos e Cantigas de escarnio e maldecir (1968). Nestas dúas obras, Celso Emilio “axusta contas” con
determinados sectores da emigración galega en Caracas, aos que denuncia por frustraren as súas esperanzas de atopar alí un lugar
no que vivir en liberdade, nun ambiente galeguista e de estima pola cultura. Outras obras salientábeis é Onde o mundo se chama
Celanova.

Promoción de Enlace.
Trátase de poetas nados na década dos 20, que non constitúen un grupo homoxéneo. Formáronse nos anos máis duros da
posguerra, na cultura castelá, e comezan, polo xeral, publicando nesa lingua. Acusan a pegada das vangardas galegas e da Xeración
do 27 española. Colaboran nas mesmas revistas ca os autores da Xeración dos 50 (Alba, Posío, Cristal) e a súa poesía caracterízase
pola temática existencial e anguriada e polo compromiso social.
Luz Pozo Garza.
O seu primeiro libro, O paxaro na boca, ten como tema o amor, tratado dun xeito delicado e sensual, con imaxes eróticas que
funden amor e natureza. Nos seguintes libros percíbese un cambio radical cara a sentimentos de saudade e anguria. Quebrado o
vitalismo do seu primeiro libro, o amor segue presente, mais agora aparece marcado pola nostalxia e pola presenza da morte. A
partir de Códice Calixtino (1986) abrolla o permanente recurso á memoria e ao pasado vivido intensamente
Manuel Cuña Novás En Fabulario novo (1952) ofrece a súa persoal concepción poética, caracterizada polo sentimento de anguria e
unha actitude desesperada, que se manifesta no emprego de motivos recorrentes: as tebras, a escuridade, o desacougo, o espanto.
Este poemario sintoniza co ambiente pesimista e de anguria existencial dominante na Europa do momento e inaugura a chamada
“Escola da Tebra”..

Xeración dos 50 ou das Festas Minervais:


Escritores nados entre 1930-40, que ou non viviron a guerra ou só o fixeron na súa infancia, e formáronse dun xeito máis libre e
completo cós da xeración precedente dándose a coñecer nos seguintes medios:
As Festas Minervais: certames de tradición renacentista e barroca -restaurados en Santiago a partir de 1953- en que participan
universitarios con inquedanzas literarias. Colaboran no suplemento cultural do diario compostelán La noche. O grupo Brais Pinto,
constituído en Madrid por emigrantes e universitarios, que crean unha colección de poesía para editar as súas creacións. A
colección Illa Nova de Galaxia, onde publican moitos destes autores.
Manuel María é o primeiro poeta novo da posguerra e o máis prolífico. Entre a súa obra salientan títulos como Muiñeiro de
brétemas ou Morrendo a cada intre cos que se adscribe á Escola da Tebra. Son, pois, libros nos que predomina a poesía existencial.
Desde esa posición evolúe cara ao paisaxismo descritivo en Terra Chá (1954). Despois retomará a tradición da poesía social,
empregando o realismo coloquial e o humor como medio de denuncia en Documentos persoaes (1958). Posteriormente, continúa a
liña socialrealista con obras como Versos para un país de minifundios (1969) nas que se tratan os problemas do momento como a
nuclearización, as expropiacións de terras, a ruína forestal, etc. Esta poesía é un berro de protesta, por veces unha sátira aceda,
perante as eivas da sociedade.
Uxío Novoneyra
É, por antonomasia, o poeta do Courel, das paisaxes e das terras altas de Lugo, ás que adicará varias obras que serán recollidas con
posterioridade baixo o título Os eidos. Libro do Courel (1981). Trátase dunha poesía que destaca pola expresión breve, procurando
reflectir a natureza espida, esencial, do Courel, onde o ser humano é un elemento mínimo dentro da inmensidade cósmica, e cunha
forte presencia do fonosimbolismo, definido como “evocación de sensacións non auditivas (senón anímicas, visuais, táctiles ou
cinéticas) a través da expresividade dos fonemas”.
Méndez Ferrín
Nomeado no 2010 presidente da RAG (dimitiu en 2013), é, sen dúbida, unha das máis importantes figuras da literatura galega do s.
XX. Fundador, en 1957, do grupo Brais Pinto, publica nese mesmo ano o seu primeiro poemario, Voce na néboa, na liña da Escola da
Tebra, mais deixando entrever xa a presenza do elemento imaxinativo e fabulador tan característico da súa prosa. Porén a súa
poesía máis salientable deste período aparece co título Con pólvora e magnolias (1976). Esta obra pecha definitivamente o período
de posguerra na poesía galega, e nela aparecen os temas que terán maior relevancia na poesía posterior: a nostalxia, o amor
relacionado co paso do tempo, a morte. A combinación de fórmulas estéticas vangardistas, formalmente moi elaboradas, e a
ideoloxía revolucionaria fan deste poemario unha auténtica revolución na poesía galega.
Nesa mesma liña experimentalista e culturalista sitúase O fin dun canto (1982) e posteriormente Erótica (1994) e Estirpe (1994).
Bernardino Graña
Bernardino Graña vai adoptar, logo da cativa experiencia existencialista en Poema dun home que quixo vivir (1958), unha postura
vitalista, na que abundan os versos que procuran o contacto do home coa natureza e o ambiente marítimo, que ten o seu principal
logro en Profecía do mar (1966), con pegadas de socialrealismo máis evidentes en Non vexo Vigo nin Cangas (1975), que é un brado
ecolóxico contra a destrución do mar e da terra .
Outros autores desta xeración son Antón Avilés de Taramancos e Arcadio López Casanova

You might also like