You are on page 1of 9

Tema 2. A poesía de vangarda. Características, autores e obras máis representativos.

Contexto: = tema 1

As primeiras décadas do século XX asisten a unha serie de movementos artísticos (os ismos) que
comparten a intención de ruptura e total renovación estética, asentada nunha orixinalidade
antitradionalista, internacionalista e experimentalista. No ámbito europeo os principais foron:
A. Futurismo, que exalta a civilización mecánica, a guerra... Nace en 1909 coa publicación en Le
Figaro do Manifesto Futurista de Marinetti. Suprimen adxectivos, adverbios, signos de
puntuación para captar o dinamismo da velocidade.
B. Expresionismo, aparece en 1911 na revista alemá Der Sturn, esteticamente defende a
interpretación subxectiva da realidade, distorsionando as formas e cores, para expresar o
drama interior.
C. Cubismo, nace, na pintura, con Picasso en 1913. Procura a libre recomposición de elementos
da realidade cunha nova disposición tipográfica dos versos, configurando imaxes visuais e
distorsións sintácticas.
D. Dadaísmo, lanzado en 1916 por Tristan Tzara érguese como repulsa violenta contra a
“racionalidade” que conduciu á 1ª Guerra Mundial. Persegue a destrución total da linguaxe
convencional, alentando o máximo grao de arbitrariedade no discurso.
E. Surrealismo, en 1924, André Bretón dá a coñecer o Manifesto surrealista. Explora o
subconsciente, os soños e os delirios como vías de coñecemento.
F. Creacionismo, nace en París da man do poeta chileno Vicente Huidobro. Bota man da
xustaposición de imaxes inconexas, pero peneiradas polo intelecto, para perfilar unha nova
realidade.
Son coñecidos co termo xenérico de vangarda (termo forxado durante a primeira guerra europea) e
reivindican a autonomía da arte. A arte pola arte é a súa máxima. Iso significa que a arte xa non debe
ser imitación da natureza, nin vehículo para propósitos ideolóxicos ou a intervención social. Ao
tempo, rexéitase o sentimentalismo romántico, primando a percepción intelectual (o azar, o “obxecto
achado”, a psique cotiá). Os avances da técnica influíron no cambio de mentalidade artística. Os
símbolos da vangarda van ser o tren, o cinema e o automóbil. O vangardismo tivo enorme fe no home
e na civilización.
A atmosfera europeísta das Irmandades da Fala e o grupo Nós crea o caldo de cultivo para que os
creadores galegos que van aparecendo entre 1922-25 incorporen á nosa literatura as novas
tendencias, amosando unha liña posmodernista baseada nos “ismos” europeos, así como unha
actitude individualista motivada polo espírito nacionalista e a descuberta do cancioneiro
galego-portugués.
En xeral, os ismos galegos conxugan tradición e ruptura. Así, pódese falar de “vangarda enxebre ou
matizada” para o neotrobadorismo e hilozoísmo; e “vangarda plena” para tendencias, como o
creacionismo, o surrealismo ou o cubismo. As revistas ( Alfar, Ronsel, Papel de Color, Yunque, Cristal,
Resol ) nas que colaboran poetas noutras linguas, van xogar un importante papel na difusión desta
poesía.
Amado Carballo, Álvaro Cunqueiro, Bouza-Brey e Manuel Antonio son os máis significados
expoñentes.
1. A vangarda enxebre ou matizada:
1.1. O hilozoísmo
O hilozoísmo combina as novas tendencias vangardistas de imaxes audaces (de aí o nome de
imaxinismo co que tamén se coñece) coas formas tradicionais da nosa poesía.
A súa temática céntrase na paisaxe, entrelazando elementos visuais e auditivos de gran poder
sensorial cunha métrica sinxela baseada nas formas populares.
A paisaxe aparece personificada (animismo), os elementos da Natureza (camiños, árbores, fontes,
animais...) son humanizados. Os seus principais cultivadores foron Luís Amado Carballo, Evaristo
Correa Calderón, Eduardo Blanco Amor, Euxenio Montes, Roberto Blanco Torres e Manuel Luís
Acuña.
Luís Amado Carballo (Pontevedra, 1901-1927), impulsa esta tendencia cuxa enorme influencia se
estenderá tanto antes, como despois, da guerra civil. A súa obra poética, breve como a súa vida,
recóllese en dous libros: Proel (1927) e O galo (1928). Neles mestura imaxes vangardistas con metros e
ritmos populares, de cara a ofrecer unha visión plástica e animada da paisaxe e na que o elemento
humano case desaparece, humanizando en cambio o inanimado (toda a súa obra é unha busca da
humanización da paisaxe). Así mesmo amosa un gusto inequívoco pola metáfora, cousa que o achega
ao ultraísmo.
Evaristo Correa Calderón poeta inserido, ademais de no hilozoísmo, no ultraísmo, no
neotrobadorismo e no neopopularismo, quen publicou n’A Nosa Terra entre 1917 e 1921 os seus Poemas
sinxelos, verdadeiro documento inaugural do vangardismo en Galicia, trinta e dúas composicións
centradas na exaltación de motivos interiores, a través de elementos paisaxísticos e temporais. Como
poeta só publicou en galego un libro, Ontes,que abala entre un modernismo serodio e os reflexos da
vangarda neotrobadoresca.
Manuel Luís Acuña só publicou Fírgoas, libro, que partindo do hilozoísmo, mostra outras liñas
vangardistas como o creacionismo, neotrobadorismo e certas doses de cubismo.
Roberto Blanco Torres, no seu poemario Orballo da media noite, pretendeu combinar a poesía
vangardista de base hilozoísta, conceptualista, cívica, saudosista e ultraísta cunha poética filosófica.
Salientar, así mesmo, o hilozoísmo e neopupularismo de Eduardo Blanco Amor con Romances galegos
e
Poemas en catro tempos; e a Euxenio Montes, un dos introdutores e divulgadores das vangardas en
Galicia, con Versos a tres cás o neto de dirección hilozoísta e impresionista.
1.2. O neotrobadorismo
Iniciado por Fermín Bouza-Brey con Nao senlleira, o neotrobadorismo recupera temas e
procedementos formais propios dos cancioneiros medievais das cantigas de amigo (paralelismo,
leixaprén, refrán), mais en certo modo Bouza-Brey mantense nos parámetros dun clasicismo
formalista que o afasta das vangardas, cunha poética dunha enorme perfección e moi traballada.
Máis próximo ao espírito vangardista é o neotrobadorismo de Álvaro Cunqueiro, quen en Cantiga
nova que se chama riveira, sintetiza popularismo e imaxes rupturistas.
Igual que o hilozoísmo terá un amplo seguimento na posguerra, rematando en 1953 coa publicación
de Cancioneiro de Monfero de Xosé Mª Álvarez Blázquez, na que leva ao extremo o xogo literario da
imitación poética.
2. A vangarda plena:
2.1. Manuel Antonio e o creacionismo
Manuel Antonio (Rianxo 1900-1930) representa, na nosa literatura, a máis decidida asunción dos
presupostos da ruptura literaria das vangardas, a vangarda plena.
En 1922, asina con Álvaro Cebreiro o manifesto ¡Máis alá!, expresión do seu nacionalismo radical e o
seu total compromiso coa arte. Con el, a literatura libérase da función pedagóxica e ideolóxica que lle
asignaba o grupo Nós. (Vid. anexo 2)
O Creacionismo é o movemento máis influínte na poesía de Manuel Antonio. A estética vangardista
exprésase no versolibrismo, a ortografía expresiva, a fragmentación da realidade en imaxes e a súa
posterior recomposición, o antisentimentalismo, a temática afastada do mundo social, o humor, o
mecanicismo e a metalinguaxe literaria.
En vida, á parte de diversos poemas soltos, só publicou De catro a catro: Follas sin data dun diario de
abordo (1928) que, inspirado nas súas vivencias na mariña mercante, é o libro máis emblemático da
vangarda galega, que nos ofrece unha viaxe interiorizada de estrutura circular e de carácter mítico
manifestada a través dun fondo simbolismo manuelantoniano (ver anexo 1), no cal o barco é o eu do
poeta que pode deixar paso ao nós tripulación, converténdose en símbolo do corpo ou vehículo da
existencia que representa a viaxe nocturna polo mar, que funciona como dinamismo vital (co barco
relaciónanse dous grandes mitos, o bíblico de Moisés, que simboliza a vida; e o grego de Caronte, a
morte); a proa ou foula a aventura, o futuro; a terra, a protección materna, a popa ou ronsel, a
saudade o pasado; a navegación a vida, a noite as forzas ocultas negativas, o vento simboliza a forza,
o espírito, que pode chegar a borrar o pasado; o mundo astral representa o conflito entre a luz e as
tebras, nel a Lúa simboliza os ritmos da vida ou tempus fugit; o sol, principio vital por excelencia,
inaprensible ou mero espectador, reforza a visión dun universo nocturno...; conxugando este
simbolismo cos postulados vangardistas, sobresaíndo o creacionismo e certo cubismo.
Con anacos do meu interior (mestura de elementos tradicionais, modernistas e vangardista), Foulas
(reafirmación do vangardismo coa presenza de caligramas en dous poemas, influencia do carácter
cubista de G. Apollinaire), e o inacabado Viladomar (cinco poemas sobre a nostalxia do mar),
publícanse postumamente.
2.2. Álvaro Cunqueiro: surrealismo e cubismo
Á parte da liña neotrobadoresca (Cantiga nova que se chama riveira), cultiva –introducíndoos– nas
nosas letras dous movementos de vangarda plena: o surrealismo en Poemas do si e non, 1933, poemas
de carácter inxenuo e sentimental e con influencias ultraístas e cubistas, e o cubismo en Mar ao
norde, 1932, breves poemas de carácter metafórico e influencia manuelantoniana; ademais de Soma
de craridades (1932), sete poemas na liña de Mar ao norde.
Despois da guerra publicará Dona do corpo delgado (1950), que combina vangardismo pleno,
neotrobadorismo e clasicismo (no que latexa o tema do ubi sunt?) e Herba aquí e acolá (1980), neste
último, ‘cume da poesía do XX’, segundo Ferrín, amosa unha nova estética: o culturalismo (onde
clasicismo, mitoloxismo e surrealismo se mesturan) que influirá nos poetas dos 80.
3. Outros autores e tendencias:
Federico García Lorca , con Seis poemas galegos de carácter neopopularista e ultraísta, poemas de
amor e amizade que, en palabras de Jorge Luis Castillo; “recrean unha Galicia transoñada a partir
das inquedanzas existenciais e metafísicas dun poeta moderno”.
Por último, lembrar a aparición do neovirxilianismo ou paisaxismo humanista, máis cultivado na
posguerra, na xeración do 36, da man de Aquilino Iglesia Alvariño ou Xosé María Díaz Castro.
(2) OUTA MAR
Sal o fato albar das foulas
a espallarse polo mar
a lúa vainas gardando
con fidelidá de can
Encol do berce das augas
está o vento adormecido
no ceo morno e cincento
ficou o día esquecido
No mar noviño do trinque
báñanse as nubes preñadas
que pra curar mal de andacio
viñeron da montaña
As estrelas pescadoras
maman o leite do abrente,
na cunca de pau das dornas
a escuma das velas ferve
Nas ágoas do amañecer
a choiva larga o aparello
fican pechadas as roitas
e o mar tornarase cego
Foxe o día encol das ágoas
nas velas do galeón
que leva a estrela da tarde
na punta do botalón
Cabela, cabela,
arado e trainera
unha polo mar,
outro pola terra,
Amado Carballo, O galo.

You might also like