You are on page 1of 7

LITERATURA 1900-1936

CONTEXTO XERAL
Marcado pola aparición do movemento nacionalista a partir de 1916 coas Irmandades da Fala que reivindican o
galego como principal sinal da nosa identidade, procurando o seu prestixio e a súa normalización en todos os usos,
superando a diglosia e os prexuízos que a limitan. Crean editoriais ( Céltiga, Lar...) que permiten a publicación de
xornais ( A Nosa Terra, Nós) e de obras literarias: poesía pero tamén relatos, obras de teatro, novela e ensaio.

POESÍA 1900-1936: NORIEGA VARELA


-Primeira obra Montañesas (1904). Poesía de estilo costumista ou ruralista, tema paisaxístico inspirado nos
elementos máis humildes da paisaxe, versos de arte menor e rima asonante, continuísta da poesía do XIX.
-Do ermo, 1920. Mantense a temática tradicional característica deste autor, coñecido como poeta da montaña, que
se inspira nos elementos máis humildes da natureza. Pero o estilo evoluciona cara a un rexistro literario moi coidado,
con influencias dos clásicos latinos e tamén das novas correntes modernistas de poetas como Rubén Darío, Teixeira
de Pascoaes ou Guerra Junqueiro, participando así do desexo de dignificación da nosa lingua e cultura que xorde co
novo movemento nacionalista a partir de 1916, coas Irmandades da Fala, afirmando o noso orgullo como pobo
cunha lingua de noso. Este novo rexistro culto podemos observalo na escolla métrica (versos de arte maior, rima
consonante, estrofas clasicas como o soneto), na selección léxica chea de cultismos, nos recursos estilísticos e na
plasticidade das imaxes.

POESÍA 1900-1936: RAMÓN CABANILLAS


A obra de Cabanillas conxuga a poesía popular e a tradición culta do XIX coas novas tendencias modernistas e
simbolistas europeas, conseguindo un novo rexistro literario culto.
-Os seus dous primeiros libros: No desterro e Vento mareiro, publícaos en Cuba. Xa de volta en Galicia, Cabanillas
pon a súa pluma ao servizo dos ideais das Irmandades da Fala e publica Da terra asoballada(1917). RAMÓN
CABANILLAS formará parte do movemento nacionalista para quen é "Poeta da Raza", sucesor lexítimo de Rosalía,
Curros e Pondal, contribuíndo a afirmación da nosa identidade histórica e cultural.
CARACTERÍSTICAS PARA AS TRES: conxunto de poemas de temáticas e rexistros variados.
-Intimismo: un "eu" nostálxico e angustiado lembra os lugares nativos, da infancia, do amor.., soñando unha vida
repousada e tranquila á par dos seus.
-costumismo: folclore popular, léxico rural, anécdota narrativa, arte menor. Ás veces con innovacións modernistas.
-apertura ás novas tendencias da escola modernista: verso alexandrino ou soneto como estrofa; exotismo de
princesas, pierrots, mandaríns chineses... goce sensorial (descricións nas que se describe non só o que se ve senón
tamén cheiros, sons, tacto, sabor), os ambientes lánguidos, a musicalidade, o preciosismo verbal e os efectos
coloristas -poemas sociais, nas dúas primeiras obras apoian o agrarismo, a organización dos labregos en sociedades
agrarias ou en sindicatos agrícolas en Galiza para loitar contra o sistema foral e contra o caciquismo, chamando á
rebelión violenta dos labregos contra señores e caciques, unha exaltación do medio rural fronte á cidade; en Da
terra asoballada, actitude máis educadora, de concienciación do pobo para achegalo ao nacionalismo. Exalta os
persoeiros do galeguismo histórico ou contemporáneo, ao tempo que chama aos galegos a recuperaren o seu
orgullo nacional. O suxeito colectivo pasa a ser Galicia como un conxunto de grupos sociais (non só os labregos) e a
oposición aldea/vila é agora Galicia fronte a Castela ou España.
.
Se o fragmento é de NA NOITE ESTRELECIDA, 1926.
-Temática: Tres sagas baseadas en tres momentos da lenda artúrica: a proba da espada e a coroación de Artur ("A
espada Escalibor); a procura do Grial e a súa visión por Galahaz ("O cabaleiro do Saint-Grial"); a morte do rei Artur
("O sono do rei Artur").
Significado simbólico: influído polo Saudosismo portugués e polo atlantismo do grupo Nós, Cabanillas entronca a
lenda de Artur (Gales) e do seu mago Merlín (Bretaña francesa) con Galicia (onde localiza a espada Excalibur na illa
de Sálvora e o Grial que Galahaz atopa no cume do Cebreiro). BUSCAMOS NO TEXTO ELEMENTOS QUE O
DEMOSTREN. Ademais do argumento, referencias a trobeiros, bardos e druídas; liñaxes dos cabaleiros, topónimos
(Caerleón, Armórica), sentimento de saudade, paisaxe verde que se converten en elementos de unión con Gales,
Escocia, Eirín (Irlanda), Bretaña (terra de Merlín) facendo partícipe a Galiza do novo futuro para os pobos atlánticos
(atlantismo) expresado simbolicamente na profecía do regreso de Artur que non está morto senón que regresará
nun futuro glorioso. Esta mensaxe de esperanza para o nacionalismo refórzase co achado do Grial, símbolo de aquilo
que máis desexamos, nos montes do Cebreiro, é dicir, a identidade que o nacionalismo procura permanece viva na
nosa cultura tradicional que se mantén sen contaminar nos pobos da montaña.
-Forma: Estética modernista: BUSCAR NO TEXTO gusto polo exotismo e as idades antigas (celtismo, arturismo,
medievalismo), na linguaxe refinada e chea de cultismos, no predominio dos cadros descritivos de gran esplendor
sensorial, no gusto pola adxectivación e polas cores, no simbolismo da paisaxe ou na solemnidade do pareado
alexandrino, no aristocratismo dos personaxes, nos elementos litúrxicos, na mestura de maxia e relixiosidade …
elementos literarios que axudan á superación do ruralismo e crean un rexistro literario culto.
Nas obras posteriores de Cabanillas , seguimos atopando variedade de rexistros: unha lenda popular en verso: O
bendito San Amaro(1925) e un poemario intimista e amoroso con influencias de Rosalía ou de Becquer, de grande
sinxeleza formal e expresiva: (A rosa de cen follas(1927). As delicadas composicións de amor móstrannos outro dos
Cabanillas posibles.

CONCLUSIÓN PARA NORIEGA VARELA E CABANILLAS


A obra destes poetas axuda a superar o estancamento do ruralismo de principios de século ao crear para a literatura
galega un novo rexistro literario culto que se abre ao diálogo coas novas correntes europeas modernistas e
simbolistas, preparando o camiño á renovación das Vangardas.

POESÍA DE VANGARDA.
Poetas da Xeración do 25, xuventude intesada nas Vangardas europeas. Publican revistas (Alfar, Papel de color) e
manifestos. O máis coñecido é Máis alá, do poeta Manuel Antonio e o debuxante Álvaro Cebreiro. Espállano por
toda a xeografía cultural da época enviándoo a revistas francesas, italianas e checoslovacas, unha norteamericana e
unha holandesa. O texto galego ía coa tradución ao inglés e ao francés. Foi un manifesto xuvenil debedor da
tradición de manifestos franceses e ingleses. A súa orixinalidade radica en que non se adscribe a ningún movemento
concreto e no seu compromiso político: defensa da lingua, proxecto republicano, loita política. É a época
protagonizada pola Xeración Nós que deu a coñecer desde as páxinas da revista Nós estas novas correntes culturais
europeas no seu afán de universalización da cultura galega.
As Vangardas son movementos europeos (ismos) que xorden nas primeiras décadas do XX (1900-1930) en todas as
artes, cunha actitude de crítica ao tradicional ou convencional e de desexo de ruptura. Combaten todo aquilo que se
considere verdade inmutábel, rompendo coas tendencias artísticas consagradas (Romanticismo, Realismo,
Naturalismo...)e defendendo a autonomía da arte e a súa finalidade puramente estética. Destacan as características
da deshumanización da obra artística, o antirromanticismo e o antisentimentalismo. Reivindican a liberdade absoluta
de creación, os soños e a imaxinación: non hai unha única realidade senón moitas e é tarefa do artista crear a súa
propia, afastada de toda imitación.

En Galicia xorden escolas con características vangardistas pero sen chegar á ruptura total.
-Se o poema é de AMADO CARBALLO, Proel: HILOZOISMO: influencia vangardista na sucesión de imaxes creativas e
orixinais sen argumento, dando vida a elementos da natureza. Pero mantén a medida e a rima polo que non rompe
cos elementos métricos tradicionais.
-Se o poema é de BOUZA BREY (Nao senlleira) e ALVARO CUNQUEIRO (Cantiga nova que se chama ribeira):
NEOTROBADORISMO. Rompe coa poesía do momento pero faino volvendo ás cantigas medievais, combinando
recursos formais (paralelismo, leixaprén, refrán) e temáticos (amor, amigo, dama, cabaleiro) co uso dunha linguaxe
vangardista no léxico e nas imaxes.
VANGARDA PLENA
- Se o poema é de Álvaro Cunqueiro (Mar ao norde), poemario que nos fala dun mar abstracto e hermético, de
trazos cubistas; Poemas do si e do non, SURREALISMO, historia de amor con grandes doses de erotismo a través de
imaxes irracionais nas que se rompe a cadea sintáctica e son frecuentes os paradoxos e as asociacións semánticas
que desafían a lóxica e pretenden a conexión co inconsciente.
-Se o poema é de Manuel Antonio, De catro a catro. Nos seus manifestos poéticos (“Máis alá”), declárase
ferozmente individualista, afirmándose na idea de que a mellor maneira de servir á literatura e ao país está na
creación dun universo poético persoal e renovado. Faino influído polas vangardas europeas (Creacionismo,
Futurismo) pero fuxindo de toda imitación e chegando a unha poética plenamente orixinal.
CREACIONISMO:creación dunha nova realidade orixinal e propia mediante a sucesión de imaxes orixinais, sen liña
narrativa nin coordenadas espazo-temporais, cunha nova visión que esixe a interpretación intelixente do lector.
Tamén pegada do FUTURISMO no emprego de voces doutros idiomas e de léxico técnico da navegación combinado
con termos da tradición popular mariñeira. Tamén son características vangardistas a desorde na presentación formal
dos versos, a eliminación do ritmo e da rima, a liberdade no uso da sintaxe e da gramática... Pero a obra presenta
unha unidade estrutural e temática en torno ao mar, descoñecida nas vangardas europeas. Detrás das imaxes están
as sensacións vividas nunha viaxe a bordo do pailebote "Constantino Candeira", dende a emoción da saída do
primeiro poema ("Intencións") ata a saudade do mariñeiro xa en terra polas vivencias que quedan atrás("Adeus");
nos poemas centrais, as imaxes reflicten as experiencias vividas, positivas e negativas, nun mar en branco e negro,
sen ribeiras nin costas, perdido entre constelacións, con especial protagonismo do barco, a terra como oposición ao
mar, o vento, a noite... que conectan coas preocupacións existenciais do home: a monotonía da repetición de días e
noites, o calafrío das distancias, a soidade nun mar sen horizontes, o paso do tempo como ronseis que desaparecen
tralo barco... invitando a unha lectura máis profunda e que ofrece unha visión totalmente nova e diferente porque é
a súa propia. Esta é, sen dúbida, a poesía máis moderna e universal da época.
CONCLUSIÓN: A poesía de Vangarda significa a superación do costumismo e a poesía social do XIX, abríndose ao
diálogo coas correntes artísticas europeas e pescudando novos camiños de renovación para a literatura galega.

TEATRO 1900-1936
O teatro galego anterior ás Irmandades :-precariedade e escaso cultivo -falta de autores e compañías. -obras breves -
temática costumista ou social-anticaciquil -linguaxe dialectal.
As lrmandades da Fala impulsan o teatro galego porque é medio moi eficaz para: -trasladar o ideario nacionalista a
amplos sectores da sociedade -axudar á dignificación da lingua, construíndo un rexistro coidado.
Como? –Infraestrutura teatral: na Coruña funda en 1919 o "Conservatorio Nazonal de Arte Galega" ou "Escola
Dramática Galega" e grupos en Santiago e Vigo.
-Actividade dos Coros, cadros e escenas costumistas de música e danza.
-Invítanse compañías de fóra, sobre todo catalás e portuguesas.
-Concursos de textos orixinais e traducións e edición de coleccións nas ed, Céltiga, Lar e Nós.
Novas propostas que foxen da liña conservadora (teatro social e costumista) e procuran un teatro culto e moderno.

AUTORES DAS IRMANDADES.


ANTÓN VILAR PONTE, animador e teórico do teatro.
Obras -Almas mortas, Os evanxeos da risa absoluta, Nouturnio de medo e morte-
Características: ritmo lento, linguaxe poética e abundante simboloxía, con influencias dos folk-dramas irlandeses que
el mesmo traduciu.
RAMÓN CABANILLAS
-A man da santiña, comedia galega de asunto amoroso que supera o costumismo e o bilingüismo ao presentar
personaxes de clase nobre falando en galego.
CABANILLAS E VILLAR PONTE: O Mariscal, drama histórico, figura mitificada de Pardo de Cela, nobre galego
presentado como símbolo da resistencia fronte a política centralista dos Reis Católicos.
-Leandro Carré, director da "Escola Dramática Galega", ambientación rural e urbana (O engano, A venganza...)
-Xaime Quintanilla, autor dunha comedia, Alén, de ambientación neoiorquina;
-Armando Cotarelo, teatro universitario. Ambientación histórica e mariñeira: Trebón, Lubicán, Hostia...

ACHEGA AO TEATRO DOS AUTORES DO GRUPO NÓS


-Na época da ditadura de Primo de Rivera: teatro máis pensado para ler que para representar.
RISCO: O bufón d'El rei, drama de inspiración simbolista que se sitúa nun castelo e reflexiona sobre a existencia do
Mal, da perversión moral relacionada co resentimento, os celos e a envexa dun bufón deformado fisicamente que
está namorado da raíña.
OTERO PEDRAYO A lagarada, no Ribeiro, durante a vendima, conta o asasinato dun vello que non concede a
herdanza que lle prometeu a unha criada tras gozar dos seus favores.
-Xa na II República retómase con forza o obxectivo de crear un teatro galego moderno, pensado como espectáculo,
que combine o popular, o culto e a vangarda.
CASTELAO E OTERO crean, tras a viaxe de estudos de Castelao, para coñecer o teatro europeo, ruso e chinés, crean
un "Teatro da Arte", sintetizando elementos de procedencia popular e culta e influído polas concepcións máis
modernas do teatro como espectáculo audiovisual. Otero Pedrayo escribe Teatro de Máscaras e Castelao comezará
Os vellos non deben de namorarse, pero ningunha das dúas chega a representarse pola chegada do franquismo ata
anos despois.

-INFLUÍDO POLAS VANGARDAS.


RAFAEL DIESTE: A fiestra valdeira, a obra dramática de maior calidade deste período. -
Estruturada en tres lances: introdución, nó e desenlace
-D.Miguel, emigrante retornado, encarga un retrato. Muller e filla queren un fondo de xardín fidalgo o que provoca a
indignación dos seus antigos compañeiros mariñeiros que o consideran unha traizón ás súas orixes rachando o cadro
e deixando a fiestra baleira. Tras unha loita interna, o protagonista e a súa familia, coa mediación do pintor,
arrepíntense e aceptan o fondo mariñeiro, conservando a súa autenticidade.
–Reflexión sobre o problema da identidade individual a través da reflexión do papel que xoga na sociedade e dos
conflitos que isto provoca.
-O elemento popular galego mestúrase coa incorporación das técnicas de vangarda, na procura da harmonización de
cor, luz, ritmo, música, espazo, palabras e silencios para chegar ao espectáculo integral, como no teatro de Otero e
Castelao.
Toda a produción teatral en galego será cortada de raíz coa sublevación militar de Franco no ano 1936. O teatro,
polas súas especiais características, e pola forza que tiña como transmisor de ideas, saíu especialmente danado e foi
fortemente censurado. O proxecto de creación e consolidación do teatro galego quedará en suspenso máis de 30
anos, ata que se retome a partir das Mostras de Teatro de Ribadavia, nos anos 70.

-PROSA 1900-1936:
Ademais do contexto xeral, para Otero e Risco.
O chamado Grupo Nós -Otero, Risco e, colaborando con eles Castelao- nace ao redor da revista Nós, na época da
ditadura de Primo de Rivera que forza ao nacionalismo a centrarse na defensa da identidade cultural, abandonando
as demandas políticas. Otero e Risco, tras unha primeira etapa de xuventude na que renegan das preocupacións
sociais, evadíndose na literatura e filosofía europea, descobren, grazas ás Irmandades da Fala, que a cultura galega
lles ofrece ese mundo orixinal e diferente que buscaban lonxe, converténdose en figuras fundamentais, participando
nos proxectos editoriais das Irmandades e sendo destacados colaboradores do S.E.G. Son os creadores da moderna
narrativa galega (relato e novela), iniciadores do ensaio e introdutores das correntes europeas do momento.

RISCO Ensaio: Teoría do nazonalismo galego de Risco e Ensaio histórico sobre a cultura galega ou Síntese xeográfica
de Galicia de Otero. Compromiso coa identidade galega que identifican co sentimento da Terra, os valores do
cristianismo e as tradicións da cultura popular, valores que compartimos coas culturas tradicionais atlánticas que están a
emerxer con forza (Irlanda, Bretaña...): teoría do atlantismo.
RISCO NARRATIVA:
1ªetapa: -Relatos: defensa do soño, presenza do mito, a lenda e a cultura tradicional, simbolismo e función didáctico-
ideolóxica que educa nas ideas do nacionalismo.
Do caso que lle aconteceu ó doutor Alveiros. Ten como escenario o mundo de ultratumba no que o protagonista
(doutor Alveiros) entra en contacto co mundo dos mortos a través de Dhemel, o esqueleto dun alemán falecido, que
lle pagará por conseguir un reescrito máxico que liberará á momia Tutankamon das súas vendas para que poida bailar
a danza macabra.
A velliña vella: Unha vella, con características atribuíbeis á súa Galicia soñada, atopa ao escudeiro Pai Soares, unha
ánima que peregrina a Santo André de Teixido, ao principio e á fin do relato. Visita ao seus catro dos seus fillos (que
somos todas e todos os galegos) e exponlle os seus problemas: un avogado que di non dispor de leis axeitadas que
defendan á vella; un escritor que di que el escribe o que a xente quere e non sobre preocupacións que non teñen; un
indiano retornado de América que promove co seu diñeiro numerosas obras que o fan coñecido; e por último, un
labrego, que non pode facer máis que preocuparse do seu e conclúe que a solución para a vella pasa por “un
goberno que quitara os foros, que quitara os caciques, que quitara os trabucos (impostos)”, plasmando así as
principais reivindicacións do nacionalismo galego en 1925.O relato remata coa vella petando nun dolmen, pedindo
axuda aos mortos.
O lobo da xente. Nun outono, preto de Trives, un rapaz de Sobrado está a apañar follas de castiñeiro para estercar.
Un veciño recoméndalle que marche para casa porque anda pola comarca o lobo da xente. Un lobo que nos últimos
tempos atacara varias persoas. Xa na casa Ánxel atranca a porta e acende a lareira, pero ao cabo nota que comezan
a rañar na porta. Ao pouco asoma unha gadoupa de lobo, e escóndese. O lobo ole a estancia, e cando pensa que está
só tira a pelella e baixo dela aparece unha rapaza nova e fermosa vestida cunha camisa. Ánxel aproveita un despiste
dela para botar a pelella no lume, e entón ela explícalle que a liberou dun meigallo. A súa nai, viúva, casara con outro
home e este intentara abusar da rapaza; ela defendeuse cortándolle unha man co fouciño, e a nai botouna da casa e
botoulle o malfado de convertela en lobishome. Finalmente, Ánxel e a moza acaban casando.
A trabe de ouro e a trabe de alquitrán fai referencia a unha lenda popular galega, segundo a cal os tesouros
dos mouros están escondidos en trabes, mais quen se aventure a ir na súa procura pode atopar no canto do tesouro,
unha trabe con alcatrán. Risco asocia a trabe de ouro a sabios celtas que son bautizados, homes de espírito, e a trabe
de alcatrán ao materialismo e ás riquezas materiais, que destrúen o mundo.
A coutada . Diálogo entre Minia e Eladio cando este recibe os eidos da Coutada en herdanza do seu tío e quere rectificar
o erro de marchar á cidade e volver ás orixes, á vida sinxela do campo.

2ªetapa.-Novela: O porco de pé
Sátira que selecciona a clase burguesa e a animaliza co obxectivo de ridiculizala e destacar características que a
deshumanizan e afondan na súa fealdade, como representantes do materialismo, da falta de espírito e de sabedoría,
como sucede coa identificación metafórica co porco de D.Celidonio, comerciante convertido en alcalde a pesar da súa
ignorancia porque ten diñeiro. O relato vai partir da visión presente do personaxe (alcalde da vila e presidente de
importantes Sociedades), destacando un ascenso social que en nada lle afecta a nivel persoal: "ascendeu de porco a
marrán e chegou a ser alcalde". Faisenos entón unha caricatura pormenorizada do físico do personaxe: parte por parte
todo se identifica co animal, alcanzando mesmo ao retrato psicolóxico: "é igual por dentro e por fóra: todo graxa". Feita
a descrición, o narrador vai poñer ao lector en antecedentes da evolución que fixo posible chegar a este punto.
Mediante unha analepse de varios anos cóntanos a súa orixe castelá e retrátase a unha serie de personaxes
secundarios que non fan senón axudar á caracterización do protagonista. D.Celidonio chega a unha vila galega que non
interesa precisar de rapaz, sendo gordo e case bonito, para traballar na tenda de D.Baldomero e dona Emerenciana. Ela
caracterízase polo seu xenio enrabechado; el, polo agarrado que é. Este matrimonio representa á 1ªxeración de
tendeiros casteláns que chegan a Galicia: amontoan cartos a base de pasar fame e non gastar un peso e viven á marxe
da vida social. D.Celidonio casará coa filla, Nicasia, e herdará o negocio. Pero é outra xeración. O narrador xa adiantara
ao comezo do relato: "verede-lo que vai de tempos a tempos". Seguen a ser ricos pero pasan de simples tendeiros a
comerciantes (catro mancebos traballando para eles, inversión no negocio das fariñas, accionista do Banco de España,
a Luz e os Teléfonos). Adáptanse aos tempos modernos coidando ata a esaxeración a aparencia no vestir pero, e aí está
a sátira do narrador, seguen igual de ignorantes e carentes de educación (non cambia o físico, nin o cheiro, nin o ruído
ao comer...) E precisamente a resaltar a ignorancia do protagonista ao que o narrador dedica as dúas máis longas
digresións descritivas do fragmento: as ideas non están na cabeza senón na chistera de D.Celidonio que se pasma
pensando como os editores poderán escribir libros en todos os idiomas...
A propia educación que reciben as fillas nun colexio de monxas é só un baño superficial co único obxectivo de
preparalas para alternar en sociedade. E a sátira tremenda do narrador vai dar un paso máis no retrato personificado
da Política, esa dama xa entrada en anos pero aínda de bo ver que se interesa pola nova aparencia de D.Celidonio e
coquetea con el sen importarlle a súa ignorancia. Así el e sobre todo a Nicasia, a quen nin a roupa cara convertera en
señora, interésanse na política non pola súa función social senón para darse ton e relacionarse coa clase distinguida.
É a caricatura dun personaxe burgués que evoluciona socialmente pero sen crecer como persoa e sen saír da súa
ignorancia e, indirectamente, é tamén a crítica a unha actividade, a Política, que ten como cargos máis destacados non
aos mellor preparados intelectualmente senón aos máis ricos e, en suma, a unha nova sociedade capitalista onde o ter
cartos e aparentar está máis valorado que as calidades e a sabedoría das persoas.

A sátira comeza con el e esténdese a toda unha sociedade de señoritos e intelectuais, responsables do seu éxito. Mesmo
o antagonista, o doutor Alveiros, identificado nun principio co home de espírito que se resiste a aceptalo, acabará
participando na súa homenaxe, tras dúas visitas do Demo, que representa a tentación do capitalismo, o que certifica a
vitoria definitiva do diñeiro fronte a intelixencia, mentres arde a Biblioteca Municipal.
-Orixinalidade da voz narradora que se introduce a si mesmo (1ªp.sg) como personaxe e tamén aos lectores (2ªp.pl),
dando a impresión dunha conversa ou dunha confidencia feita a un auditorio ("vouvos referi-la vida de D.Celidonio",
"verede-lo que vai de tempos a tempos"). Vai ser, polo tanto, narrador testemuña duns feitos (vida de D.Celidonio)
nos que non pretende en absoluto a obxectividade. A que se nos dá é unha visión parcial, é o que o narrador pensa
do personaxe, aproveitando mesmo para expoñer as súas propias teorías filosóficas con digresións que rompen o
ritmo do relato e o deteñen ralentizándoo (clasificación dos personaxes en coágula e solve pola súa relación cos
cartos, disertación sobre a confección artificial dos produtos alimenticios...). E tamén o narrador o que selecciona os
momentos que considera pertinentes na evolución do personaxe e detense en longas pausas descriptivas nos
aspectos fundamentais da sátira (cando conta como as ideas de D.Celidonio lle apareceron ao poñer chistera ou a
súa admiración ante o descubrimento dos libros). O resultado é un relato de ritmo moi desigual, acelerado ou
pausado á vontade do narrador. E nesa visión subxectiva atopamos loxicamente o predominio do estilo indirecto: o
lector non accede directamente, fóra nalgunha ocasión esporádica, ás palabras e os pensamentos dos personaxes.
Só sabemos o que o narrador nos conta deles, dándonos unha visión fría e distante que facilita a crítica e a
caricatura.
-Paródianse as formas de discurso que ridiculiza os personaxes polo seu xeito de falar ata deixar patente a inadecuación
e a falsidade. -Empréganse longas enumeracións.

OTERO PEDRAYO ENSAIO: Ensaio histórico sobre a cultura galega NARRATIVA: relatos e novelas.
CARACTERÍSTICAS: -a saudade polo esplendor do pasado e a crítica ao fidalgo que esmorece en vez de manterse fiel á
terra - a presenza continua da paisaxe, universo vivo que marca a vida dos personaxes
- ritmo lento con constantes digresións históricas, filosóficas e literarias,
- estilo barroco, con oracións longas e as descricións moi coidadas con abundante adxectivación.
Novelas realistas: narrador omnisciente que nos conta uns feitos con referencias constantes á historia de Galicia.
Exemplo: Os camiños da vida que narra a vida de dúas familias fidalgas en decadencia mentres vai mostrando os
cambios que se produciron na Galicia rural do século XIX (desde a desamortización de Mendizábal (1837) ata a
revolución de 1868). Nesta obra hai unha nostalxia polo Antigo Réxime, que el vía como o período de maior harmonía
social na nosa historia, con presenza das clases sociais que o caracterizaron (clero, fidalgos, labregos) que están en
decadencia pola aparición dunha nova clase social: a burguesía, unha nova forma de vida que aparece coa chegada dos
novos comerciantes foráneos que Otero, igual ca Risco, critica e rexeita. Fronte a decadencia dunha das familias
(maorazgo entregado ao viño e ás mulleres dilapidando a herdanza), o fillo da outra, Paio Soutelo. vai a Santiago estudar
Medicina e volve á aldea para exercer a función de líder nacionalista que para Otero debía ter asumido a fidalguía.
Novelas culturalistas: subxectividade do personaxe narrador, viaxe interior que nos fala das súas sensacións e reflexións,
con referencias filosóficas e literarias. Son obras máis de ideas que de acción. Exemplo: Arredor de si : o protagonista,
instalado en Madrid, inicia unha viaxe espiritual na procura de si mesmo ata reencontrarse consigo mesmo e retornar a
Galiza. O autor pretende narrar a súa propia descuberta e a dos compañeiros do Grupo Nós no personaxe de Adrián
Solovio. Devalar reflexiona sobre o mundo de preguerra, destacando o protagonismo dos rapaces que nacen ao
galeguismo da man do Seminario de Estudos Galegos.)

CASTELAO. Forma parte das Irmandades da Fala desde o comezo e do proxecto cultural do grupo Nós na época da
ditadura de Primo de Rivera época na que comeza a publicar. Lidera, xunto con Bóveda, o nacionalismo na 2ªRepública,
fundando o Partido Galeguista (1931) e desenvolvendo a campaña do Estatuto de Autonomía. Tras a guerra, seguirá
liderando a resistencia cultural e política no exilio.
CARACTERÍSTICAS:
- protagonismo das clases populares, labregos e mariñeiros, que constitúen para el, a Galiza verdadeira, a que mantivo
viva durante séculos o noso espírito colectivo.
-narrador, que ás veces é fácil identificar co propio Castelao, moi achegado ao lector chegando mesmo a dirixirse
directamente a el.
- Elementos poéticos (formas rítmicas: fundamentalmente paralelismos e antíteses).
- humor que mestura ironía e lirismo, buscando o sorriso e tamén a emoción que conmova ao lector. Os personaxes,
tirados do pobo, moven á empatía ou a compaixón, empregándose a ironía pero nunca o sarcasmo.
-Historias que se sitúan no momento presente, ofrecendo unha visión que move á reflexión sobre nós mesmos, sobre as
nosas virtudes e defectos, sobre os desequilibrios e as inxustizas sociais, animando ao pobo a sentirse dono do seus
destino.
- Prosa sinxela e sintética. Mediante unhas escasas liñas, Castelao consegue transmitir a mensaxe, que non está dirixida a
un lector erudito pero si con intelixencia e sentido común, capaz de desentrañar as sutilezas da retranca e responder
activamente á proposta de reflexión sobre a realidade.
E certamente o pobo galego recoñeceuse na proposta artística de Castelao que soubo chegar cos debuxos e os relatos,
ao corazón e tamén ao cerebro do pobo.
Obra: Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete. O relato parte do recurso do manuscrito atopado e trasládanos á vida
de ultratumba a través de esqueletos que lembran quen eran de vivos. Faise así unha crítica social negativa da vida na
cidade.
Cousas, pequenos textos acompañados de debuxos, anacos de vida que moven á reflexión.
Retrincos, cinco contos presentados como autobiográficos nos que se reflexiona sobre o medo, o odio, o amor e a
morte. Son narracións coidadosamente construídas, cun punto de humor e moita intensidade lírica ou emotiva.
Os dous de sempre, a súa única novela, está estruturado en corenta e catro capítulos (que son como relatos con
autonomía propia) que contan a vida de Pedriño e Rañolas, dúas personalidades opostas: ansia por comer e
conformismo fronte a ideais e ansia de superación.
- Pedriño, fillo máis vello dunha familia pobre, críase coa tía Ádega que o mima e o protexe excesivamente. De
natureza pusilánime, vago, inactivo, a súa única aspiración é comer moito traballando o menos posíbel. Tras unha
serie continuada de fracasos (estudos, traballo, emigración na Pampa arxentina a onde marcha obrigado pola sogra),
consegue, por intercesión da sogra ante o alcalde, un posto de traballo cómodo, onde “pasa unha vida folgada e
feliz, porque xa vai sendo vello e o ventre pídelle menos comida”.
- Rañolas, eivado das pernas, está condicionado tamén pola súa orixe familiar: A súa nai “era ladra, borracha e
candonga. O seu pai... nin a mesma nai podería decir quen fora”. Superando estes obstáculos, Rañolas móstrase
como unha persoa aguda, activa, emprendedora, capaz de deixar atrás as maiores dificultades. Marcha cuns
feirantes e logo emigra a Francia. En París Rañolas ve colmadas as súas aspiracións: ter unhas pernas coas que se
erguer do chan (cousa que consegue cunhas pernas ortopédicas dunha viúva de guerra) e aprender un oficio
(reloxeiro). Entón regresa a Rianxo, mais comeza a se sentir infeliz e escravo do traballo, porque perdera a liberdade
con que pasara a vida anterior. O sentimento de fracaso empúrrao ao suicidio. A novela “estoupa” co suicidio de
Rañolas, invitando a preguntarnos sobre que desexamos realmente na vida e a caer na conta do engano da promesa
de felicidade nos valores burgueses.
ENSAIOS (Diario, 1921; As cruces de pedra na Bretaña)

DIESTE: Dos arquivos do trasno é a contribución á prosa deste autor, máis novo, pertencente á Xeración do 25,vinculada
ás Vangardas. Esta colección de contos é unha das primeiras mostras de relato moderno da nosa literatura, na liña da
mellor narrativa universal: Allan Poe, Cortázar. Nela conflúen dúas correntes importantes: a tradición popular galega e
as modernas innovacións no campo da literatura narrativa.
-Características dos contos tradicionais: constan dunha presentación (un caso ou situación especial) e dunha narración
que é contada para un público; isto relaciónase coa estrutura oral dos contos populares.
-Modernidade influenciada pola Vangardas: hai unha nova dimensión do real que a partir de sucesos ordinarios nos leva
a experiencias máis profundas: a dúbida, o medo, a liberdade, a soidade, o escepticismo. Ás veces os acontecementos
son posibles, pero dubidosos; son ambiguos e problemáticos, mesmo dentro da liña do realismo máxico.
-Os temas son máis filosóficos e estudan a psicoloxía do home galego, os seus valores éticos. Estamos diante dun
aunténtico mosaico de comportamentos populares: os nenos que aprenden o misterio (“Espanto de nenos”), a
dignidade (“Nova York é noso”) ou a solidariedade (“De cómo veu a Rianxo unha balea”); os emigrantes que á súa volta
descobren a grandeza e marabilla da súa patria (“O grandor do mundo”); a vella que agarda inútilmente a volta do fillo
(“A volta”); o indiano que se mantén nas súas conviccións sen ceder ás presións (“De cómo se condanou o Ramires”);
vellos que no paso do tren enxergan todo o que a vida lles negou e senten a saudade do descoñecido (“O vello que
quería ve-lo tren”). O tratamento é tráxico nunhas ocasións e humorístico noutras.
-Personaxes populares – do campo, das vilas mariñeiras… - que se encontran, nun determinado momento, ante o
misterio (a morte, un sobresalto).
-Colaboración dun lector activo que ten que interpretar o texto.
-Pode haber pluralidade de voces narrativas (narradores).
-Estrutura moi coidada na que destaca a importancia dun remate que, segundo o propio autor, ten que facer estoupar o
conto.

You might also like