You are on page 1of 6

TEMA 2.- A poesía galega de vangarda. Características, autores e obras representativas.

A literatura e a arte galega experimentaron nos anos 20 e comezos dos 30 do século


XX un proceso de renovación, debedor en gran medida das denominadas vangardas.
Vangarda é un termo de orixe francés (avant-garde), que pasou a designar unha
serie de movementos estéticos, denominados ISMO, nacidos en Europa no primeiro terzo
do século XX. Difundíase a través dos chamados MANIFESTOS VANGARDISTAS, textos que,
seguindo o modelo dos manifestos políticos , difunden os principios de cada “ismo” nun ton
escandalizador e provocador.Os principais ISMOS europeos foron: cubismo, futurismo,
dadaísmo, creacionismo e surrealismo.
Estes “ismos” xurdiron como unha reacción ante o panorama político, económico e
social que se vive nestes anos ( sociedade acaba de saír da 1ºGM, revolución bolxevique,
ascenso dos tolitarismos fascistas , crak bursátil do 29, crise do capitalismo, etc.)
Fóronse sucedendo uns a outros de maneira vertixinosa e cunha curta duración,
algúns apenas meses, outros como o expresionismo ou o surrealismo perduraron moito
máis e deixaron unha profunda pegada nas artes contemporáneas.
Todos eles amosan :
 VONTADE DE RUPTURA co anterior, co que ata entón se entendía por arte en todas
as súas manifestacións (literatura, pintura, música, escultura…)
 Propugnan unha LIBERDADE CREATIVA ABSOLUTA.
 Rexeitan o sentimentalismo: son ANTIRROMÁNTICOS E ANTISENTIMENTAIS.
 Son ANTIRREALISTAS, distorsionan a realidade e nas súas composicións hai un claro
predominio da metáfora (o cal dificulta a comprensión).
O cotián pasa a converterse en material poético.
 Presentan unha profunda renovación da linguaxe, que non ten lóxica nin orde
sintáctica.
No campo da literatura, o Cubismo achegou novidades como os caligramas (poemas
visuais onde os propios versos compoñen deseños),
O Futurismo exaltaba as máquinas, a velocidade, a guerra e a cidade. Na literatura
fixo experimentos coa destrución absoluta da sintaxe, a supresión de adxectivos e adverbios
e a abolición de signos de puntuación.
O Dadaísmo, que era o máis demoledor, subversivo e provocador de todos,
defendeu a liberación total da creatividade do artista e acudindo ao mundo dos soños, á
escrita por azar e á primitiva expresividade infantil (o propio nome do grupo procede do
balbucido infantil Dá-Dá).
O Creacionismo defendeu unha arte que non imitase á natureza. Tratábase de facer
do poema un obxecto autónomo, unha creación absoluta. Así, o poeta, convertido nun
pequeño deus, non tiña por que escribir textos que se comprendesen , senón que
fascinasen. Incorporan a vida cotiá e afastan a ornamentación superflua (prescinde da
anécdota e de toda descrición), etc. Típicos dos poemas creacionistas son os versos sen
rima, a falta de nexos temáticos, a ausencia de signos de puntuación e a configuración
caprichosa da páxina.
O Surrealismo, foi a culminación das vangardas. A súa ruptura estética vai
acompañada dunha clara afinidade ás correntes de pensamento máis innovadoras da época,
o marxismo e a psicoanálise. Entre as súas achegas están a escritura automática, a
utilización dos soños, alucinacións e delirios como material literario, a superación das
barreiras entre soño e realidade e a entrada do irracional e o onírico como temas literarios.
Particularidade das vangardas en Galicia: 2
Non hai acordo entre a crítica literaria para valorar o papel do vangardismo na literatura en
Galicia, pola contra, é indiscutíbel a presenza neste período de figuras como Manuel Antonio
ou Cunqueiro que rompen definitivamente coa tradición poética galega e seguen de forma
consciente, aínda que de xeito moi persoal, a estética vangardista, ademais da publicación
do manifesto “¡Máis alá!” (1922), a existencia de diversas revistas galegas que acollen
producións de tendencia vangardista e a aparición de textos xornalísticos nos que se discute
sobre o tema.
De calquera maneira as vangardas galegas presentan diferenzas co resto das
europeas debido fundamentalmente a TRES CAUSAS:
A).- A vinculación dos nosos poetas co nacionalismo e galeguismo das Irmandades
da Fala e da Xeración Nós vai provocar que se procure conxugar o respecto á tradición coas
liberdades creativas das vangardas europeas (o galeguismo perseguía a dignificación da lingua
e cultura galegas e para iso precisaban acudir á tradición histórica e literaria, tradición na que os
grandes mestres do Rexurdimento posuían un destacadísimo papel. Non podían rexeitar a tradición ).
Por iso a vangarda galega non é unha vangarda ao estilo da europea, máis ben cómpre
dicir que nas nosas letras existiron determinados movementos que introducían nas súas
composicións poéticas algunhas características vangardistas dunha maneira bastante
moderada, agás o particularísimo caso de M. Antonio.
B).-A relación con Portugal e a influencia exercida por Teixeira de Pascoaes na
mocidade intelectual dos anos vinte. (escritor e filósofo da saudade, a súa actitude foi
denominada saudosismo e exerceu forte influencia nos escritores galegos do primeiro terzo do
século) Definiu unha liña peculiar do culto ao sentimento. Grazas a esta actitude os
vangardistas galegos non se deshumanizaron do xeito que o fixeron os cultivadores da maior
parte dos ismos.
C).-O descubrimento dos cancioneiros medievais galaico-portugueses supuxo unha
gran revelación e provocou un grande entusiasmo como consecuencia do espírito
nacionalista reinante que propiciaba un culto romántico a todo o propio.

Xeración galega de vangarda: A xeración de poetas galegos nos que se manifestaron


as vangardas foron denominados de distintas maneiras segundo os estudosos:
Novecentistas: debido á data do seu nacemento, xa que todos eles nacen arredor de 1900;
Xeración do 25: data na que se constitúe a xeración; Xeración de vangarda: pola súa
pertenza a este movemento. Son autores nados entre 1895 e 1911 que actúan nun comezo
seguidores do grupo Nós e colaboran nas actividades promovidas por eles. Precisamente foi o
grupo "Nós" co seu labor restaurador da nosa cultura e a súa visión universalizadora quen
abriu as portas á incorporación das vangardas á literatura galega.
O medio de expresión desta renovación estética en Galicia foron un manifesto e seis revistas
que desde o ano 22 aos primeiros da década dos trinta viñeron incorporar e adaptar as
vangardas ás nosas letras.
¡MÁIS ALÁ!: é un manifesto publicado en 1922 e firmado polo poeta Manuel
Antonio e o debuxante Álvaro Cebreiro. Na nosa literatura é o único manifesto publicado. O
destinatario era a mocidade intelectual galega e mostra unha actitude de ruptura coa
tradición e de incitación ao intelectualismo rebelde. Renega dos Mestres, dos temas
obrigados e fai un canto ao individualismo.
Está dividido en catro partes: nas dúas primeiras faise unha crítica do pasado e 3
presente cultural galego, na terceira céntrase na afirmación dos seus conceptos novos e na
cuarta fai un chamamento ás novas xeracións para que rompan co pasado.
As revistas, que realizan un importante papel de difusión das vangardas en Galicia,
son: ALFAR (con ilustracións de artistas como Dalí, Picasso…) RONSEL, CRISTAL, RESOL e
YUNQUE .

Direccións e autores da poesía galega de vangarda:


Dentro do movemento vangardista galego existen dúas direccións:

1.- VANGARDA MATIZADA, representada polo HILOZOÍSMO de Amado Carballo e o


NEOTROBADORISMO de Bouza Brey e Cunqueiro, ismos netamente galegos que mesturan
elementos foráneos e autóctonos. Non rompen totalmente coa tradición (o hilozoísmo ten
certa relación coa tradición paisaxística e popular; o neotrobadorismo relaciónase coa
tradición medieval)

HILOZOÍSMO (do grego hilo: materia e zoe: vida): Algúns autores denominan este
movemento como Imaxinismo por ser os poemas desta tendencia unha sucesión de imaxes,
outros atendendo ao significado desas imaxes danlle o nome de Animismo ou Hilozoísmo, xa
que hai unha personificación da paisaxe, os elementos da natureza aparecen humanizados.
Ten os seus precedentes máis inmediatos na tradición paisaxística do século XIX e, sen
romper con esta tradición, combínaa cos recursos metafóricos das vangardas.
A imaxe pasa a ser o centro do poema e este está inundado de cor, que é o elemento
predominante.
A métrica é sinxela baseada nos metros populares: versos curtos, predominando o
octosílabo, e rima asonante.
Nos poemas desta tendencia non se dá o versolibrismo.

Luís Amado Carballo (Pontevedra 1901-1927) é o principal autor desta corrente. A


súa existencia transcorre practicamente toda na cidade natal, por iso os arredores de
Pontevedra e a paisaxe mariñeira do interior da ría van estar moi presentes nos seus versos.
Como poeta publicou en vida unha soa obra: Proel (1927) e, postumamente, apareceu O galo
(1928).
 A súa poesía especialízase na temática paisaxística.
 Predomina o campo sobre a mariña e o elemento humano está case desaparecido
(influencia das vangardas), pola contra a paisaxe aparece humanizada.
 Na métrica e rima é conservador, non usa o versolibrismo, prefire os versos de arte
menor e a rima asonante.
NEOTROBADORISMO: xorde a partir da publicación da edición das cantigas de amigo
e de amor de José Joaquím Nunes en 1928 e organízase en torno ao Seminario de Estudos
Galegos. Os seus máximos representantes foron Fermín Bouza Brey e Álvaro Cunqueiro.
Este ismo, exclusivamente galego, iníciase en 1933 coa publicación de Nao senlleira
de Bouza Brey e remata en 1953 co Cancioneiro de Monfero de X. M. Álvarez Blázquez.
A poesía neotrobadoresca caracterízase por:
 unha extraordinaria perfección formal que recupera procedementos estilísticos
propios da lírica medieval tales como o paralelismo, o refrán ou o leixaprén
 suxeita a estrofa a cómputo silábico e rima.
 recrea a temática das cantigas pero combinándose con outros elementos de
procedencia vangardista.
Fermín Bouza-Brey (Ponteareas 1901-Santiago 1973), como dixemos, é un dos máis
4
destacados representantes desta dirección poética co poemario Nao senlleira (1933)
composto por 20 poemas que foron aparecendo na revista Nós desde 1922. Xa na posguerra
apareceu Seitura (1955) composto por un conxunto de poemas de circunstancias que non
presentan a orixinalidade do seu libro anterior.

Álvaro Cunqueiro con Cantiga nova que se chama riveira (1933) e Dona do corpo
delgado.(1950)

2.-VANGARDA PLENA, representada polo CREACIONISMO de Manuel Antonio e o


SURREALISMO e o CUBISMO de Álvaro Cunqueiro, que serían a verdadeira vangarda galega.
Rompen máis radicalmente coa tradición (ruralismo, costumismo, poesía patriótica...)

Manuel Antonio (Rianxo 1900-1930) É o representante máis xenuíno do


vangardismo na literatura galega. En vida só deu á imprenta un libro de poemas: De catro a
catro (1928), posteriormente sóubose que tiña outros poemarios que foron editados
postumamente: Con anacos do meu interior, Foulas e Viladomar.

De catro a catro (1928): breve poemario subtitulado Follas sen data dun diario de a
bordo. Este poemario foi o único que publicou en vida quizais porque foi co que máis se
sentiu identificado. Para a crítica é tamén a súa mellor obra.
Son 19 poemas estruturados como unha viaxe marítima, case sempre de noite,
simboliza a súa concepción absolutamente pesimista da vida: monótona, repetitiva, en
completa soidade (como perdido no mar), en continua despedida.
Estrutura superficial: unha viaxe marítima (desde a súa preparación ata a súa
finalización, con parada intermedia) monótona, repetitiva e contraditoria: o tempo pasa
pero está parado, só existe o presente. Estrutura profunda: viaxe interior, iniciática; visión
desilusionada, negativa, da vida desde a soidade.
Manuel Antonio é o poeta do MAR e a NOITE. O RONSEL simboliza o pasado (o que
queda atrás na navegación), a PROA o futuro, que traerá experiencias xa vividas polo cal a
MONOTONÍA preside toda a travesía, a sensación de estar suxeitos a ciclos que se repiten
eternamente. Esta monotonía de vivir o xa vivido conleva unha continua despedida das
cousas que enche todo de adeuses, causantes do ton melancólico do poemario, cheo dunha
saudade magoante (que tamén pode deberse á influencia do saudosismo portugués). En
realidade a navegación do poemario pasa a ser unha navegación polo mar da vida.
No subtítulo da obra aparece “follas sen data…”polo tanto sen orde, sobrepostas
unhas a outras, sen dirección. Non habería unha orde cronolóxica nin lóxica. Do libro
despréndese a sensación de que a existencia é un ir e vir constante. Así “Intencións” e
“Adeus” expresarían o mesmo, a falta de esperanza porque as ilusións foron frustradas de
antemán.
Características formais:
 Hai que falar aquí da técnica vangardista coa utilización de imaxes creacionistas:
“Na man do Mar esquencidizo
os loceiros peteiran a bicada.
A estrela dos cabarets
cun cigarro nos beizos
pide lume aos catro puntos cardinaes.
Pola Galaxia chea de seixos
un astro vello vai co seu farol”
 versolibrismo, aínda que nalgúns poemas aparecen certas rimas dispersas,
5
 a tipografía expresiva que, aínda que neste libro non chega ao uso do caligrama, si
utiliza de maneira expresiva o espazo en branco (para resaltar a significación das palabras
ou axudar á percepción da mensaxe) e as sangrías combinadas
 introdución de léxico recollido do mundo moderno (distintivo, tamén, das
vangardas), no caso de M. Antonio atopamos palabras especificamente mariñeiras:
barlovento, alar, trincar, etc. mesturadas con termos tirados de innovacións tecnolóxicas
do momento: diagrama, mecanógrafos, ortodrómicas, etc. asociados xeralmente a
elementos da natureza: “os chubascos mecanógrafos”( no poema “ O cartafol do
vento”)isto defínese como mecanicismo.
 a incorporación ao seu léxico de termos estranxeiros: leit motiv, salf-tope (tipo de
vela), cock- tail…
Este libro é, por todo isto, unha obra fundamental, tanto polo tema como pola forma, na
renovación poética dos anos 20. O seu carácter vangardista pode apreciarse na ruptura
temática e formal coa literatura galega anterior.

Características xerais da obra de M. Antonio: De modo xeral a poética de M. Antonio


caracterízase pola ausencia de argumento no poema, pola presenza constante dun referente
mariño, pola creación de imaxes autónomas con respecto á realidade e polo trasfondo
existencial dos poemas.
A súa liña estética nace e morre con el, non imitou a ninguén e ninguén o imitou a el. O afán
de orixinalidade é o que mellor caracteriza a súa poesía. Non quixo seguir mimeticamente
ningún dos ismos senón que asimilou con criterio propio elementos dos mesmos,
nomeadamente do creacionismo (ao influxo desta corrente débese por ex. o emprego de
numerosas voces estranxeiras, as peculiares imaxes que utiliza, a presenza de elementos
propios da linguaxe científica e tecnolóxica, a ausencia de ritmo e rima, etc.). Do cubismo e o
futurismo son o valor significativo dos espazos en branco e as peculiares disposicións dos
versos.
Álvaro Cunqueiro (Mondoñedo 1911- Vigo 1981) Antes da guerra foi
fundamentalmente poeta, creou en Mondoñedo a revista Papel de color e empezando , ao
mesmo tempo, a colaborar na prensa e nas revistas Nós e Yunque. A súa poesía amosa unha
clara influencia do vangardismo europeo (surrealismo e cubismo) pero tamén, e moi
especialmente, do neotrobadorismo.
A súa produción poética está composta por: Mar ao norde, libro de iniciación
composto por poemas breves nos que xorde a expresión da saudade, encadrado dentro do
cubismo; Poemas do si e non, libro composto por 24 poemas nos que se reflicte a
volubilidade do sentimento amoroso e a contradición inherente ao corazón humano, cunha
pegada claramente surrealista; Cantiga nova que se chama Riveira, no que asume a liña
neotrobadorista e demostra a súa habilidade poética utilizando as atrevidas imaxes das
vangardas en poemas arcaizantes nos que están presentes as formas e os motivos da lírica
medieval; Dona do corpo delgado (1950), este poemario, publicado despois da guerra,
presenta novamente a influencia do neotrobadorismo nas dez últimas composicións do libro
que levan por título: Cantigas do amor cortés e amosa un ton melancólico e nostálxico
moito máis acusado que nos libros anteriores

Luís Pimentel (Lugo 1895-1958) Aínda que a súa obra segue unha liña ben diferente
dos poetas que acabamos de estudar e aparece publicada despois da guerra, tende a ser
incluído por boa parte dos estudosos da nosa literatura entre os poetas deste tempo. En
vida só publicou algúns poemas na revista Ronsel e outras revistas da época e un poemario:
Triscos), postumamente aparece: Sombra do aire na herba que recolle case todos os seus
6
textos en galego. Poderiamos incluílo dentro dunha estética de surrealismo humanista
Os seus versos son produto da asimilación dun grande número de influencias
(Rosalía, Bécquer, Rubén Darío, Valle-Inclán, os poetas da xeración do 27, Juan Ramón
Jiménez, etc) e o seu mundo poético está constituído por seres e obxectos que convidan á
intimidade, ao recollemento: nenos, hospitais, prazas baleiras, ríos, a lúa, a choiva…
Na súa poesía predominan:
 as anáforas e os paralelismos,
 renuncia á rima e á estrofa, o que lle dá un aire de prosa poética, aínda que chea
de musicalidade e delicadeza.
 o emprego dunha linguaxe coloquial ( “ Enterro do neno pobre”.
 tende a un surrealismo humanista cunha técnica sinxela caracterizada pola
xustaposición de imaxes aparentemente inconexas
.

You might also like