You are on page 1of 2

DEPARTAMENTO DE LINGUA GALEGA E LITERATURA (4º ESO)

COLEXIO PLURILINGÜE
COMPAÑÍA DE MARÍA
A CORUÑA

A POESÍA ENTRE 1936 E 1976


PROMOCIÓNS DE POETAS
Con Luís Pimentel (Sombra de aire na herba) como autor de enlace coa xeración de preguerra, os
poetas desta etapa poden dividirse, seguindo un criterio cronolóxico en:
▪ XERACIÓN DO 36 (nacidos entre 1910 e 1920): Participan na Guerra Civil, que está moi presente na
súa obra. Cultivan tendencias de preguerra e desenvolven as temáticas social-realista, intimista e
clasicista. Autores: Iglesia Alvariño (Cómaros verdes, primeira obra de poesía publicada tras a guerra
civil), Díaz Castro (Nimbos), Celso Emilio Ferreiro (Longa noite de pedra e O soño sulagado).
▪ PROMOCIÓN DE ENLACE (1920-1930): Inícianse baixo a influencia da poesía española. De formación
autodidacta, móvense entre o intimismo e a angustia existencial (existencialismo).
Autores: Antón Tovar (Calados esconxuros), Luz Pozo Garza (O paxaro na boca), M. Cuña Novás
(Fabulario novo).
▪ XERACIÓN DAS FESTAS MINERVAIS (1930-1940): Non viviron directamente a Guerra civil,
realizaron estudos universitarios (participaron e gañaron os premios poéticos das Festas Minervais
da Universidade de Santiago, colaboraron no xornal La Noche), influídos polas correntes literarias
europeas, cultivan unha poesía comprometida onde se mesturan social-realismo (denuncia da falta
de liberdades que se daba na sociedade) e o existencialismo (Escola da Tebra→ tendencia poética
baseada na poesía de desarraigamento e angustia, presidida polo conflito da persoa consigo mesma.
Chamouse así pola visión atormentada da vida que ofrecía). Protagonizaron unha fonda renovación
temática e formal.
Autores: Uxío Novoneyra (Os eidos), Xosé Luís Méndez Ferrín (Con pólvora e magnolias), Manuel
María (Muiñeiro de brétemas), Bernardino Graña (Profecía do mar).

XERACIÓN DO 36. CELSO EMILIO FERREIRO


É o autor máis importante desta xeración e o principal representante da poesía social. A súa poesía
comprometida foi un referente básico na resistencia antifranquista. As temáticas reivindicativas
(solidariedade cos oprimidos, defensa do idioma, denuncia dos males da sociedade: fascismo, guerra,
inxustiza, emigración) compleméntanse con outras liñas intimista e satírica.
Obras: O soño sulagado, Viaxe ao país dos ananos, Longa noite de pedra. Esta última, de gran
popularidade, converteuse nunha obra de culto da loita contra a ditadura. O título é unha metáfora da
situación que se vive durante o réxime (sinxeleza expresiva, rexistro ás veces coloquial; importancia da
mensaxe: a poesía é unha arma de concienciación social que debe ser accesible a calquera lector).

XERACIÓN DAS FESTAS MINERVAIS


▪ UXÍO NOVONEYRA: O máis salientable da súa lírica é a temática paisaxista, presentada como un
diálogo co medio natural desde unha perspectiva transcendente, ás veces mística e panteísta (que
identifica a Deus co mundo, coa totalidade do Universo). A natureza convértese nun instrumento
para reflexionar sobre a natureza humana. Tamén presenta unha vertente social, comprometida
con Galiza e coa loita antiimperialista e antibelicista.
Obras: Os eidos, Elexías do Caurel, Os eidos 2, Poemas caligráficos.

▪ MÉNDEZ FERRÍN: Iníciase na poesía seguindo a corrente estética da “Escola da Tebra”,


manifestando sempre unha predilección pola poesía comprometida. O seu libro Con pólvora e
magnolias supón un auténtico revulsivo na poesía galega da década dos 70. Renova a poesía de
reivindicación social, dándolle un enfoque menos tópico e “panfletario” e introducindo elementos
estéticos novidosos e abundantes referencias culturais. O poemario combina a proclama política (a
pólvora) e a introspección persoal e intimista (as magnolias).
Obras: Voce na néboa, Con pólvora e magnolias, Poesía enteira de Heriberto Bens, O fin dun canto.

▪ MANUEL MARÍA: Comeza a súa obra poética desde os presupostos intimistas e existencialistas
da “Escola da Tebra”. Posteriormente, decántase cara ao descritivismo paisaxista e a poesía de
compromiso social: defensa das clases populares, reivindicación nacional de Galiza e crítica da tiranía
e do imperialismo. A sinxeleza da expresión e a temática popular contribúen á súa grande aceptación
social.
Obras: Muiñeiro de brétemas, Morrendo a cada intre, Terra chá, Documentos personaes, Os soños
na gaiola.

▪ BERNARDINO GRAÑA: Presenta unha traxectoria común á maioría dos membros da súa xeración:
inicio na órbita da “Escola da Tebra” e posterior achegamento á poesía social e a outras temáticas
máis intimistas. A súa poesía, de marcado ton vitalista, trata de maneira singular o tema do mar; nas
últimas obras adquire maior peso a vivencia amorosa e o sentimento de alienación do ser humano
nunha sociedade mercantilizada en exceso.
Obras: Profecía do mar, Non vexo Vigo nin Cangas, Se o noso amor e os peixes...

You might also like