You are on page 1of 5

ROSALÍA DE CASTRO

Quíxente tanto, meniña

«Quíxente tanto, meniña,


tívenche tan grande amor,
que para min eras lúa,
branca aurora e craro sol;
augua limpa en fresca fonte,
rosa do xardín de Dios,
alentiño do meu peito,
vida do meu corazón».
Así che falín un día
camiñiño de San Lois,
todo oprimido de angustia,
todo ardente de pasión,
mentras que ti me escoitabas
depinicando unha frol,
porque eu non vise os teus ollos
que refrexaban traiciós.
Dempois que si me dixeches,
en proba de teu amor
décheme un caraveliño
que gardín no corazón.
¡Negro caravel maldito,
que me fireu de dolor!
Mais a pasar polo río,
¡o caravel afondou!...
Tan bo camiño ti leves
como o caravel levou.
É un romance de Rosalía de Castro, da súa primeira obra en
galego "Cantares Gallegos". De acordo co contido deste libro,
é unha composición sinxela, de resonancias populares, tanto
pola métrica como polos recursos empregados, mais non
exenta de elaboración poética. Responde tamén ao método de
composición de todo o libro, ao figurar ao final dous versos
populares, perfectamente integrados no texto, nos que se
baseou a autora.
O tema é amoroso (como outros varios), e seguindo
igualmente a tónica xeral da obra, a autora non se identifica
co narrado: recorre a un protagonista masculino (para maior
distanciamento) que será o que relate as súas propias penas.
O argumento é sinxelo, como sinxela é a forma: o narrador
rememora unha declaración pasada, a aceptación e posterior
traizón e o seu actual desexo de vinganza; e está estruturado
en dúas partes, aínda que dentro da primeira hai unha
subdivisión clara (1-8/9-l6). Todo dito cunha grande
musicalidade fónica que lle vén dada polo predominio de
consoantes sonoras e abundancia de nasais.
Como xa dixemos, a autora sitúase fóra do texto, polo que
este, aínda que narrado en 1ª persoa, non responde á súa
interioridade, senón á dunha personaxe inventada que se
comunica cunha 2ª persoa, que tampouco corresponde (como
é máis usual) ao destinatario do poema, ao ouvinte ou lector,
senón que se trata dun destinatario interno, dentro do poema:
a que foi meniña, moza dos seus soños.
Comeza a composición "in media res", no medio da acción, e a
localización desa situación só nos será dada na segunda
subparte.
Os oito primeiros versos van entre aspas, fannos pensar logo
que son unhas palabras textuais que o protagonista
pronunciou, pero máis adiante comprobaremos que non é
exactamente así, e poderemos ver a sutil elaboración de
Rosalía, que deste xeito nos dá xa pistas desde a primeira
palabra sobre cal vai ser o desenlace do poema.
Despois destas consideración xerais, podemos comezar a
analizar o poema verso a verso.
Os dous primeiros, de construción semiparalelística, son como
un resumo de toda a 1ª subparte: expoñen directamente o
grande amor do protagonista cara á meniña: o feito de
estaren en pasado (=acabado) e que 3 dos 4 acentos recaian
sobre i (vogal de timbre agudo) fai que nos soe como un berro
desesperado e intenso, que contrasta coa placidez do
imperfecto seguinte (=acción durativa) e a estampa idílica
que presenta neses seis versos.
A acción queda totalmente estancada, estamos ante un cadro
idílico de recreación, non hai verbos e practicamente temos
aquí acumulados todos os adxectivos do poema. É a
idealización da amada, e para iso válese de símiles cos máis
fermosos (e ao mesmo tempo tópicos) elementos da
natureza, acumulándoos e enlazándoos coa axuda de
numerosas figuras retóricas que intensifican o significado
supremo que para el tiña a moza: comeza identificándoa
-mediante unha gradación ascendente- coa luz (gradación
que pode querer plasmar o progresivo aumento do amor:
desde a pálida lúa ate o sol, fonte de calor e vida); a esa
gradación hai que lle engadir primeiro a ausencia de
adxectivos e logo a construción paralelística, intensificativa de
adxectivo + substantivo (“branca aurora e claro sol”), con esa
anteposición subxectiva que expresa os seus sentimentos: a
brancura, a claridade, os símbolos de pureza da moza, que era
o máis perfecto que el nunca vira.
Pero a intensificación poética de Rosalía continúa,
acumulando de tal xeito os símbolos de pureza, que nos
converten a moza en algo case sobrenatural: o verso 5 é un
quiasmo pleonástico que insiste na limpeza, na frescura, e á
súa vez garda -sempre co mesmo afán intensificador- un
dobre xogo de quiasmo (branca aurora/auga limpa) e
paralelismo (claro sol/fresca fonte) co verso anterior.
No 6º compáraa coa flor máis fermosa por excelencia, pero
ademais non dun xardín calquera, senón co de Dios (e aquí
aparece xa explícito o elemento sobrenatural do que antes
falábamos), continuando coa ansia intensificadora por medio
desa dobre construción substantivo + de + substantivo +
de + substantivo (“rosa do xardín de Dios”) .
E acaba a descrición con dous versos paralelísticos, (máis
estancamento, máis intensificación) que ademais son
totalmente sinónimos, non engaden nada novo, e mesmo
atendendo á concreción e abstracción son idénticos:
ABSTRACTO+DE+POSESIVO+CONCRETO
alentiño peito
vida corazón
Vemos pois como en toda esta 1ª subparte, case todos os
substantivos (menos alentiño e vida) son concretos. Xoga así
Rosalía a conseguir a idealización, a abstracción dos
sentimentos, mediante cousas concretas, naturais e
populares, que se entenden por todos, e non mediante
conceptos abstractos de difícil comprensión.
Os oito versos seguintes, a 2ª subparte, constitúen, no
decorrer lóxico, un momento anterior ao xa narrado: é a
ambientación das palabras: o lugar (concreto), o tempo
(indefinido), e a situación persoal de cada un.
Dicíamos ao comezo que aquelas non eran palabras textuais;
agora temos a clave que nolo indica: "Así che falei un día" foi
polo tanto unha declaración amorosa e loxicamente non se
puido facer en pasado (quíxente, tívenche, eras). Se non son
palabras textuais, aí está a man do poeta con algunha
intención: sutilmente Rosalía fai unha superposición de planos
temporais (cambia o presente lóxico por un pasado
narrativamente ilóxico) para que o lector non se engane, xa
desde o primeiro verso: non vai ler un amor pleno, realizado,
senón algo frustrado, xa acabado no tempo.
A situación dos dous protagonistas está tamén
maxistralmente plasmada:
- a del mediante dous versos paralelísticos e anafóricos, que
intensifican o seu estado, recalcado ademais pola contradición
semántica: como contraditorio é o seu ánimo ante a dúbida do
resultado.
- a dela mediante 4 versos nos que practicamente por
primeira vez fai a súa aparición o encabalgamento, suave,
como se o home tivese présa por coñecer a súa resposta. A
súa actitude é presentada xa como contraposta á del: non hai
coordinación, senón “mentres que”, e ademais ela está
depenicando unha flor (símbolo popular de indecisión) o que
ao mesmo tempo lle serve de ocultación, e aparece a primeira
palabra negativa e clave de todo o texto: TRAICIÓS (se ben
antes aparecían palabras que poderíamos considerar
negativas -“angustia”, “oprimido”-, estas estaban
relacionadas cunha situación concreta e contraditoria, que
encerra en si mesma o positivo e o negativo e non en relación
directa co tema) non percibida naquel momento polo mozo.
A segunda parte, aínda que enlazando coa anterior, supón
unha ruptura, pois aí estarán os sentimentos do presente e
non só as lembranzas do pasado.
Comeza coa resposta da moza, ese ansiado si sabiamente
realzado polo hipérbato e a prenda de amor regalada,
ese caraveliño, ese símbolo tenramente engrandecido polo
diminutivo cariñoso, que é o máis prezado para o home.
Pero o sentimento actual, a realidade, xorde bruscamente,
entre exclamacións que non se poden conter, rompendo a
delicia do pasado. Nela, o caraveliño perde o seu diminutivo e
adquire unha dobre adxectivación (único caso en todo o texto)
totalmente negativa: un paradoxal caravel negro e maldito. E
só despois deste exabrupto pode explicar o que pasou (que o
lector aínda descoñece): o tempo, que todo o leva, tamén
levou o amor: a felicidade, o idilio, durou pouco, como xa
presaxiaba o depenicar inconsciente da moza e os reflexos de
traizón. E acaba o poema con eses puntos suspensivos,
ferintes e tristes que seguen levando o caravel cada vez máis
lonxe.
O único que lle queda por facer agora á autora é integrar a
maldición popular (irónica) como desexo vingativo do mozo
ferido e traizoado...
Poderíamos concluír logo, en poucas palabras, que estamos
ante un poema costumista característico de Rosalía, no que
partindo de elementos populares e sinxelos (o dito, os
recursos, as figuras, os símbolos...) crea unha composición
lírico-narrativa (conta unha situación, mais predomina o
sentimento) estilisticamente elaborada (a interferencia
temporal, o xogo co caravel...), dunha grande beleza e forte
musicalidade.

You might also like