You are on page 1of 4

O DEBATE ACADÉMICO

1- INTRODUCIÓN OU DISCURSO INICIAL


Os seus obxectivos son:
• Captar a atención do público e xerar unha boa impresión.
• Sentar as bases do debate mediante unha explicación completa e exhaustiva da postura que
vas defender.

PARTES

1.O exordio (é o que vai antes do discurso). O seu obxectivo é cativar a atención do público.
Características:
• Orixinal e creativo.
• Ten que ir aliñado coa idea principal da túa argumentación. Para que sexa efectivo e cumpra
o seu obxectivo debe recoller dun modo orixinal e creativo a túa tese sobre o debate.
• Breve. O efecto que busca o exhordio é impactar e este efecto acábase perdendo se se
estende moito.
Ideas para un exhordio:
• Citas célebres: Podes empregar as palabras dun personaxe coñecido ou que sexa relevante
na materia pero esas palabras deben estar conectadas coa idea que vas contar.
• Datos: Os datos rechamantes poden axudarche a poñer de manifesto algunha cuestión
correcta que poida resultar relevante.
• Storytelling: As historias, os contos, pequenas narracións poden axudar a transmitir unha
pequena moralexa, e explicar unha idea de maneira visual e próxima.
• Recursos visuais: As imaxes, os elementos físicos ou representacións gráficas poden ser
tamén unha boa forma de represesntar a túa argumentación.

2. Presentación do equipo
O segundo paso habitual dun discurso de introdución é a presentación do teu equipo e da
institución á que representas ou o nome do equipo.

3. Formulación da tese
Explica de maneira sintética a tese ou a liña argumental que defenderá o teu equipo ao longo do
debate. Dita tese non é máis ca un resumo da túa postura, ou a resposta que darías á pregunta do
debate se o puideses dicir nunha frase. Para que unha tese sexa boa debe ser breve e conectar cos
argumentos. Por exemplo:
Pregunta: Debería eliminarse a prisión permanente revisable do ordenamento xudírico español?
Tese: Si, porque é profundamente inxusta.
Argumento 1: é inconstitucional.
Argumento 2: Dificulta a reinserción
Argumento 3: Atenta contra os dereitos humanos máis básicos do reo.

4. Definición de termos
Debes definir aqueles termos da pregunta que poidan resultar controvertidos. Aínda que a definición
de termos se poida empregar para posicionarse no debate, esta debe ser honesta.
5. Anuncio dos argumentos
A oradora ou orador presenta de maneira clara e estruturada os seus argumentos. O anuncio destes
axuda a que os/as xuíces/-as teñan unha idea ordenada desde o principio sobre o que o equipo vai
defender.

6. Desenvolvemento dos argumentos

Unha vez que xa anunciaches os argumentos do teu equipo, é o momento de desenvolvelos un a un


para sentar as bases da postura do teu equipo.
• Esta é unha das partes máis importantes do discurso.
• Podes empregar o método AREI. Aínda que despois os refutadores terán a oportunidade de
profundizar nos argumentos, é imprescindible que estes queden desenvolvidos da forma
máis completa posible.

7. Recapitulación
Para rematar o discurso inicial, é importante facer un pequeno resumo que permita asentar as ideas
que explicaches. Lembra que a estrutura e a organización do discurso é moi importante e debe ser
remarcada para que lle quede clara ao público.

8. Final contundente
Un bo final, ao igual que un bo comezo xera unha actitude positiva no público. Cómpre que sexa
impactante. Por exemplo, podes vinculalo co comezo, para que se peche o círculo.

2- AS REFUTACIÓNS
Refutar é contradicir con argumentos ou razóns o que os outros din.
En que consisten as quendas de refutación? Están destinadas a demostrar que a túa postura debe
prevalecer sobre a do equipo contrario como resposta correcta á pregunta do debate. Polo tanto, o
obxectivo de cada quenda é dobre:
a) refutar os argumentos e ideas do equipo contrario, probar a súa falta de veracidade, de
importancia, os problemas que pode ter ou porque eses argumentos non son boas respostas para a
pregunta formulada. Para iso:
• Elixe ben as ideas que sexan premisa fundamental do equipo contrario.
• Debes procurar que unha refutación teña o mesmo rigor que un argumento.
• Non sexas superficial nas túas refutacións porque iso leva a que as ideas do equipo
contrario sigan tendo vixencia.
• Evita as reiteracións innecesarias.

b) Reforzar e reconstruír os argumentos que se expuxeron na introdución e que son a forma na que
o equipo defende a súa postura no debate:
• Non repitas argumentos que xa foron probados no debate.
• Expande a explicación dos argumentos que se expuxeron na introdución.
• Reconstrúe os ataques que sufriran os teus argumentos e explica por que non son certos ou
non son correctos.
• Sé comparativo/-a. A clave está em demostrar que as túas evidencias son comparativamente
mellor que as do equipo contrario.

É importante que combines ben estes dous elementos porque se só atacas pero non sabes defenderte
ou viceversa, a túa refutación frouxeará.
Como se estrutura a quenda de refutación?

1. Modelo clásico: refutar e despois construír.


Este modelo ten a vantaxe de que é ordenado e sinxelo e resulta fácil de seguir. Ademais,
permíteche atacar primeiro os argumentos do equipo contrario que poñen en dúbida a túa liña e
rematar explicando a túa argumentación. Deste xeito, o que permenece na cabeza do público ao
final desta quenda é a túa idea.

2. Modelo de refutación alternativa: refutación integrada.


Consiste en integrar a refutación e a construción. Este modelo ten sentido cando para refutar unha
idea do equipo contrario precises empregar o teu argumento. Neste caso, trátase de ir
desenvolvendo a argumentación e á medida que se fai xa se van refutando os argumentos do
contrario.

En que se distinguen as dúas quendas de refutación?

• A segunda quenda de refutación dedica máis tempo á decostrución.


• As quendas da primeira refutación dedicarán, en xeral, máis protagonismo á expansión
argumental propia (explicar a fondo os argumentos e menos á reconstrución). O motivo é
que nesta quenda hai menos ataques recibidos.

As preguntas

O que ambas refutacións comparten é que se poden admitir preguntas. Aínda que non existe ningún
límite case nunca se admiten máis de dúas preguntas. Por iso, debes pensar moi ben o contido das
preguntas e cando as vas formular.
Consellos:
• Non levantes a man en canto comece a quenda. Agarda a que o outro grupo dixera o
suficiente para poder formular unha pregunta.
• Non sexas demasiado insistente. É o outro grupo o que decide se contestarchas ou non.
• Pensa ben cando as vas empregar porque teñen un carácter estratéxico xa que o outro equipo
debe parar o seu discurso para responderche.
• As preguntas poden ser de todo tipo: poden atacar o equipo contrario, reforzar a túa
argumentación ou poden pretender evidenciar o escaso dominio do outro grupo sobre o
tema.
Recibir preguntas:

• Nunca aceptes máis de dúas preguntas nunha quenda de intervención, quítanche moito
tempo e logo non poderás defender a túa postura como merece.
• Podes aceptalas cando consideres, pero ten que pasar un tempo razoable desde que levantou
a man.

3- AS CONCLUSIÓNS
O seu obxectivo é:
• Explicarlle ao público que as ideas do equipo contrario non foron suficientes para contestar
á pregunta do debate.
• Por que a túa argumentación si é suficiente para responder á pregunta.
Características das conclusións:
• Non poden introducir información nova no debate.
• Non é un resumo do debate.
• Para facer unha boa conclusión é importante ter unha boa escoita activa e irse amoldando a
todo o que aconteceu no debate.

Estrutura dunha conclusión:

1- O comezo cativador: un pequeno exordio ou comezo atractivo para a conclusión e un


agradecemento polo debate.

2- A análise do acontecido coa argumentación exposta polo equipo contrario:


• Breve mención ao argumento empregado polo equipo contrario.
• Análise das refutacións que recibiu esse argumento.
• Explicar por que as refutacións empregadas foron suficientes para combater ese argumento.

3- Análise do acontecido coa túa argumentación:


• Breve mención ao argumento empregado polo teu equipo.
• Análise das refutacións que recibiu ese argumento e por que non foron suficientes.

4- Peche contundente

You might also like