You are on page 1of 2

Departamento de Lingua Galega Curso 2022-23

Lingua Galega e Literatura II 2º Bach.

Indicacións desenvolvemento da P2 Produción textual

O COMENTARIO CRÍTICO
Consiste en expresar organizada e claramente unha valoración argumentada sobre un texto dado.
Debes construír un texto argumentativo.
É recomendable que o texto presente tres partes: introdución, desenvolvemento e conclusión.
-Introdución: debe ser breve (un parágrafo) e pode enlazar coa lectura do texto, recollendo a súa idea
principal. Podes opinar sobre a importancia e actualidade do tema ou sobre a orixinalidade ou enfoque
co que está tratado o asunto.
-Desenvolvemento: é a parte máis extensa. Nela debes ordenar e relacionar as túas ideas. Evita as
contradicións, as repeticións e as afirmacións non razoadas.
-Conclusión debe ser breve (un parágrafo) e resumir a esencia do exposto anteriormente.
Fases:
- Lectura do texto, subliñando o máis importante de cada parágrafo e resumo do mesmo a partir das súas
ideas fundamentais.
- Unha vez que xa sabes o que di, tes que reflexionar sobre o que sabes ti deste tema e sobre o que pensas
das ideas expostas nel. Todo o que digas debe estar argumentado. Podes utilizar os seguintes tipos de
argumentos:
Racionais: son as ideas aceptadas pola maioría da xente por moral, principios, tradición, etc (Por
exemplo: Evitar os accidentes de tráfico benefícianos a todos).
De autoridade: testemuño de persoas coñecedoras do tema. Poden ser autores ou obras.
De feito: ofrecen probas reais dos feitos. (Por exemplo: Segundo un estudo realizado recentemente,
…)
De exemplo: un caso concreto que exemplifique as ideas que se queren defender. (Exemplo: Un
claro exemplo constitúeo un accidente acontecido en Nadela a semana pasada).
De experiencia persoal: emprego das propias vivencias en defensa dunha idea. (Exemplo: Eu
mesma teño presenciado …)
De analoxía: comparación de dúas situacións similares. (Exemplo: Este ano producíronse menos
accidentes có ano pasado.)
Legais: referencia ao establecido na lexislación. (Exemplo: Segundo a lexislación vixente, o límite
de velocidade en autoestradas é de 120 km/h)
- Debes realizar un borrador previo ao texto definitivo.
- Redacción do comentario, desenvolvendo o esquema borrador. Ten en conta:
Cohesión:
Orde de palabras: procura manter a orde habitual: suxeito-verbo- complementos
Mantén a concordancia en xénero, número e persoa.
Tamaño das oracións: procura combinar oracións breves e longas, pero ten en conta que non
deberían superar as trinta palabras: usa signos de puntuación e nexos. Ten coidado cos
anacolutos (ruptura sintáctica da oración).
Nexos: non repitas os mesmos nexos ao longo do texto.
Adecuación: O rexistro adecuado para o comentario é o formal.
Coherencia: a información que queres transmitir debe cumprir unha serie de requisitos:
Estar organizada de xeito lóxico organizando as diferentes ideas en parágrafos.
Ser completa e suficiente, pero non redundante: non repitas o xa exposto.
Non pode ser contraditoria e debes expoñela de xeito claro, comprensible e sen rodeos.
Departamento de Lingua Galega Curso 2022-23

Lingua Galega e Literatura II 2º Bach.


Corrección léxica: revisa:
castelanismos.
léxico repetitivo: evítao empregando sinónimos, hiperónimos ou a substitución pronominal.
palabras comodín: cousa, facer, dicir, bo, malo … (procura outras máis exactas)
. impropiedades léxicas: se non tes claro o significado dunha palabra, non a utilices.
linguaxe sexista.
Corrección morfolóxica: revisa:
concordancia: suxeito e predicado; adxectivo e substantivo; ten en conta os substantivos que
presentan un xénero distinto ao do castelán e realiza as concordancias necesarias.
. verbo: ten en conta que o infinitivo non pode ser o verbo principal dunha oración e que a
construción a+infinitivo con valor de futuro non é correcta.
Ortografía e puntuación: revisa a acentuación (especialmente os acentos diacríticos), o uso de
maiúsculas e minúsculas e os signos de puntuación. OLLO: a coma non pode separar nunca o
suxeito e predicado dunha oración.
Presentación: presta atención á caligrafía, limpeza do texto, marxes (sangra os parágrafos) e
segmentación de palabras.
UTILIZA MARCADORES DO DISCURSO:
Para organizar o texto: en primeiro lugar, primeiramente, por unha banda, dunha parte, dun lado...
Para continuar o texto: en segundo/terceiro/cuarto... lugar, por outra (parte), por outro (lado), pola
súa banda, doutra (parte), doutro (lado), así mesmo, igualmente, de igual forma/modo/xeito, logo,
despois...
Para rematar o texto: para rematar, en último lugar, en último termo, en fin, por fin, finalmente, en
conclusión..
Para reformular ou explicar a información: ou sexa, noutras palabras, en todo caso, isto é...

O QUE NON DEBES FACER:

Expresar impresións persoais de agrado ou rexeitamento sen xustificar. Realizar afirmacións sen
fundamento.
Facer un "longo resumo" ou paráfrase.
Empregar o texto como pretexto para tratar o que é tanxencial ou para desenvolver un tema de teoría.
Redactar de xeito confuso, o que revelará unha organización mental deficiente.
Expresarse a través de coloquialismos, frases feitas e metáforas manidas...

PAUTAS DE CORRECCIÓN (sobre 2,5 puntos)


1) Construción textual: Valorarase: 1.a) A adecuada selección da información, coa presenza da información pertinente e
necesaria para que o texto sexa cabalmente comprendido, evitando tanto a súa excesiva previsibilidade (clixés, estereotipos,
lugares comúns) como a “orixinalidade” gratuíta. 1.b) A coherencia discursiva: a sucesión de enunciados do texto debe presentar
asemade continuidade temática e progresión informativa, e non introducir contradicións. 1.c) A organización da información:
estruturación do texto (introdución, desenvolvemento, conclusión), argumentación, organización en parágrafos. [1 punto]
2) Adecuación léxico-gramatica e cohesión: Valorarase a capacidade de construción de textos adecuados á situación (formal)
en que estes se producen. Requírese un apropiado manexo dos rexistros da lingua, tanto nas escollas lexicais como no emprego
das construcións gramaticais. Deben evitarse tanto os trazos propios da oralidade e dos textos espontáneos e non planificados
como os que amosan un requintamento afectado. Bo manexo dos recursos cohesivos, tanto gramaticais como léxicos. [0,5
puntos]
3) Corrección ortográfica e gramatical: Valorarase o correcto dominio da ortografía, dos signos de puntuación e da
gramaticalidade das construcións sintácticas e das escollas morfolóxicas, desde o punto de vista do galego estándar. Aplicaranse
os mesmos criterios que na valoración ortográfica xeral. [1 punto]

You might also like