You are on page 1of 6

Tema 23 –

1. A avaliación na Escola Infantil e noutros ámbitos de atención á infancia:


fins, funcións e tipos. 2. Procedementos e instrumentos. 3. Importancia da
avaliación inicial. 4. A observación. 5. Información ás familias e/ou outros
axentes. 6. Metodoloxía de investigación - acción.

A aplicación didáctica do presente tema estendese a toda a familia


profesional de Servizos Socioculturais e á Comunidade, actualmente composta
por 6 ciclos formativos de grao superior, un ciclo formativo de grao medio e un
título profesional básico.
Pero principalmente será idóneo para o ciclo superior de Educación
Infantil, cuxo currículo establece o Decreto 226/2008 de 25 de setembro para a
Comunidade Autónoma de Galicia. Tamén terá aplicación no CM de Atención a
Persoas en Situación de Dependencia, cuxo currículo establece Decreto
226/2012 do 18 de outubro na CA de Galicia. Así como o CS de Animación
Sociocultural e Turística, cuxo currículo establece o Decreto 205/2013 do 27 de
decembro na CA de Galicia.
Antes de comezar coa temática, gustaríame explicar que empregarei o
termo crianza para referirme ás nenas e aos nenos, a pesares de saber que é
un termo non recoñecido pola Real Academia Galega e que é un lusismo. O
emprego porque considero que é un termo máis inclusivo e unificador, e aínda
que podería empregar alumnado, paréceme máis achegado e familiar crianza.
Máis apropiado pola importancia da relación afectiva entre a persoa educadora
e as pequenas e pequenos nesta etapa.

1. A AVALIACIÓN NA ESCOLA INFANTIL E NOUTROS ÁMBITOS DE


ATENCIÓN Á INFANCIA: FINS, FUNCIÓNS E TIPOS.
O obxectivo prioritario da educación infantil é contribuír ao
desenvolvemento integral das crianzas. Isto se reflectirá de formas máis
concretas en calquera programación dirixida á infancia. Os eixos vertebradores
da actividade educativa serán as rutinas e o xogo. Mediante a observación,
rexistraremos o progreso e avaliaremos as estratexias de acción empregadas
para acadar os obxectivos propostos.
Segundo o Decreto 330/2009 do 4 de xuño que desenvolve o currículo de
educación infantil en Galicia, a finalidade da avaliación é a identificación das
aprendizaxes consolidadas polas crianzas, así como a valoración do
desenvolvemento alcanzado. Ten, polo tanto, un carácter netamente formativo.
Así, os criterios de avaliación que proporciona o Decreto, concíbense como unha
referencia para orientar a acción educativa.
Aos Centros lles corresponde desenvolver e completar os currículos
establecidos, o que se recollerá no Proxecto Curricular de Centro, que tamén se
avaliará para mellorar a súa calidade e a intervención.
Como dicimos a avaliación na educación infantil ten unha función formativa,
sen finalidade de promoción nin cualificación, e é un elemento máis do proceso
educativo. Isto significa, que se realizará ao longo de todo o proceso se ensino-
aprendizaxe, e polo tanto, regulará, orientará e autocorrexirá o proceso
educativo, proporcionando información constante. Que non ten como función a
promoción, xa que as crianzas promocionan automáticamente, e tampouco
serve para cualificar, xa que o que se pretende é o desenvolvemento das súas
capacidades. E por último, que a avaliación é un elemento básico do currículo.

Tema 23 1
A avaliación é esencial xa que nos permitirá non só avaliar o que consegue
cada crianza senón tamén incorporar as modificacións necesarias para que o
proceso de ensino-aprendizaxe sexa exitoso.
Polo tanto, a avaliación debe facerse dende dous ángulos:
• A avaliación dos resultados
• A avaliación da programación
O progreso de cada crianza debe ser avaliado tanto individualmente como
segundo os criterios que tomemos como referencia. É dicir, os avances con
respecto a unha mesma e os avances con respecto aos obxectivos marcados.
Tamén teremos que avaliar se, coa programación que fixemos, estamos a
acadar os resultados que esperabamos ou se, no seu lugar, deberiamos
modificala para acadar máis éxito nos resultados.
A avaliación, no deseño curricular actual, permite axustar a axuda
pedagóxica ás características individuais das crianzas e determinar o grao no
que se acadaron os obxectivos educativos formulados.
Para axustar a axuda pedagóxica ás características do alumnado, é
recomendable facer unha avaliación inicial ao comezo de cada nova fase de
aprendizaxe, co fin de coñecer cales son os coñecementos previos.
Unha vez iniciado o proceso educativo, ao longo das actividades de ensino
e aprendizaxe, as crianzas expresan o progreso e as dificultades ás que as
persoas educadoras deben ser sensibles e ser capaces de responder cun axuste
in situ da intervención.
A avaliación durante o proceso de ensino e aprendizaxe co obxectivo de
proporcionar a axuda pedagóxica máis relevante en cada momento chámase
avaliación formativa. Poderemos empregar a observación sistemática durante
o proceso, coa axuda de táboas ou indicadores de observación. Tamén
poderemos rexistrar a información en follas de seguimento individuais ou
grupais.
Para a segunda función da avaliación – determinar se se alcanzaron as
intencións educativas e ata que punto – faise a avaliación final ou sumativa.
Esta avaliación lévase a cabo ao final dunha fase de aprendizaxe e mide se os
resultados acadados acadaron o nivel requirido.
A avaliación sumativa empregase normalmente para o seguinte:
• Acreditar e certificar a consecución dos obxectivos propostos.
• Como avaliación inicial: se as fases e as etapas do ensino secuencianse de
xeito consistente, entón acadar o coñecemento de cada fase da aprendizaxe
garante que os alumnos incorporaron contido funcional á súa estrutura cognitiva
para abordar con éxito outros contidos relacionados.

Ademais de avaliar a evolución das crianzas e a consecución de


obxectivos, tamén avaliaremos as intervencións do persoal educador.
A importancia de avaliar o comportamento da persoa profesional ten que
ver co feito de que o que unha crianza sexa capaz de aprender tamén depende,
ademais da súa competencia persoal, da atención individual que recibe.
(principio de individualización do ensino).

2. PROCEDEMENTOS E INSTRUMENTOS
Neste epígrafe abordaremos como avaliar, é dicir as estratexias, técnicas
e procedementos; e con que avaliar, os instrumentos que poderemos empregar.

Tema 23 2
A avaliación na educación infantil debe servir para identificar as
aprendizaxes adquiridas e o ritmo e características da evolución de cada crianza.
Para estes efectos, tomaranse como referencia os criterios de avaliación de cada
unha das áreas. Estes criterios, se concretarán nunha serie de indicadores,
aspectos moi concretos cuxo análise determinará se van acadando os
obxectivos e se o proceso de intervención se desenvolve de forma óptima.
Así, a avaliación cos indicadores xa definidos debe acompañar todo o
proceso orientando a boa práctica. Os indicadores nos serven de folla de ruta
para a intervención.
Podemos clasificar as técnicas de avaliación en dous tipos:
- Técnicas de recollida de datos,
- E técnicas de análise de datos.
Na etapa de infantil, a técnica de recollida de datos máis empregada é a
observación, á que se lle adica un epígrafe debido á súa importancia.
Tamén analizaremos as producións das crianzas, plásticas,
representacións ou dramatizacións, por exemplo.
Obteremos información da súa evolución grazas a intercambios orais,
como as asembleas, entrevistas ou debates.
Os datos recollidos mediante se reflectirán nun documento, son os
instrumentos de avaliación.
Na observación directa, os máis empregados son o diario de aula, o
anecdotario, listas de control e escalas de observación.
Na observación indirecta os instrumentos serán as entrevistas e
cuestionarios.
É convinte empregar diversos procedementos e instrumentos de
avaliación, para que a información obtida sexa máis rica e fiable. Ademais de
que para avaliar diferentes criterios, debemos aplicar sempre o máis axeitado.
Outra recomendación é que os instrumentos de avaliación se elaboren
para que sexan útiles e fiables, e se podan empregar varias veces durante a
intervención, o que nos permitirá valorar a evolución ao longo de todo o proceso.

3. IMPORTANCIA DA AVALIACIÓN INICIAL


Esta avaliación ten por obxecto proporcionar información sobre a situación
da que parte a crianza. Abarca os seguintes aspectos:
- A información proporcionada pola familia.
- A información aportada mediante informes médicos, psicolóxicos,
pedagóxicos ou sociais.
- A información obtida polo persoal educador mediante a observación
directa, tendo como referencia a súa formación sobre o
desenvolvemento das capacidades básicas correspondentes á etapa
evolutiva.
Con toda esta información, a persoa educadora poderá coñecer a
situación de partida de cada crianza, descubrirá a diversidade, as peculiaridades
e os intereses individuais; e poderá adecuar o proceso de ensino-aprendizaxe á
realidade das crianzas e posibilitará partir dos esquemas de coñecemento
previos.
Coñecendo e valorando os coñecementos e ideas previas das crianzas,
analizará as aptitudes globais e as actitudes e necesidades individuais. Será
quen de axustar a intervención educativa e de estimular o proceso de ensino-

Tema 23 3
aprendizaxe. E poderá concretar en obxectivos o desenvolvemento das
capacidades esperado.

4. A OBSERVACIÓN
É a técnica máis empregada para a avaliación na intervención no ámbito
infantil, e os instrumentos máis utilizados son os de rexistro desta observación.
Esta observación pode ser de dous tipos: directa, aquela na que a persoa
avaliadora comproba por si mesma aquelas condutas que quere analizar; e
indirecta, cando a información se obtén a través de probas ou terceiras persoas.
Na observación directa, rexistraremos as observacións diarias que facemos
dos comportamentos de cada crianza. Axudarannos a recoñecer cando
podemos comezar a intervención e que estratexias serán as máis axeitadas.
O rexistro da observación pódese facer individualmente ou de xeito grupal.
É aconsellable facelo individualmente sempre que observemos que unha crianza
ten máis dificultades que as demais.
É moi importante ter en conta que sempre que facemos un patrón de
observación tamén debemos rexistrar para quen o facemos, que queremos
avaliar e cando o facemos. Tamén teremos que facerlles saber ás crianzas o seu
progreso ou erros.
A persoa educadora debe establecer, antes de observar o comportamento
das crianzas, unha serie de variables que lle permitan avaliar o grao de
consecución dos obxectivos.
Para avaliar as accións que as crianzas realizan, observamos o progreso
e/ou dificultades que presentan e, con esta observación, debemos considerar o
porque desas posibles dificultades. Se non avanza pode ser porque necesitamos
insistir nunha acción previa que aínda non interiorizou o suficiente. Un xeito de
facela máis doada é dividila noutras máis sinxelas para que de xeito gradual
poda facela completa. Ao decatarse de que está a facer pequenas accións
exitosas, animaraa a seguir facendo outras accións para ver se tamén é capaz
de facelas sen a nosa axuda.
A observación será periódica e rexistraremos as accións para que
poidamos avaliar se avanzou dende a última observación. Deste xeito
poderemos saber se os cambios ou modificacións que introducimos no seu
proceso de aprendizaxe funcionaron ou non e actuaremos en consecuencia
manténdoos ou modificándoos de novo.
En resumo, a avaliación baséase na observación que facemos de xeito
sistemático. A partir desta observación, decatámonos como está cada crianza,
como participa en cada situación e actividade e se precisamos axustar estas
situacións e a nosa axuda para facilitar a súa participación e experiencias.
Tamén ofrécenos elementos de reflexión e acción sobre a nosa práctica
educativa.

5. INFORMACIÓN ÁS FAMILIAS E /OU OUTROS AXENTES


A pesar da variedade de motivacións que levan ás familias a decidir enviar
á súa descendencia á escola, sempre debemos ter en conta a importancia desta
decisión e o vulnerable que se sinte a familia neses momentos. A relación entre
a escola e as familias na etapa de educación infantil debe ser de confianza e
estreita colaboración.
Unha forma clave de colaboración é o intercambio de información. Existen
outras formas de participación máis comprometida, que cada centro debería

Tema 23 4
discutir e acordar nun plan de participación familiar, así como as formas de
implementalo.
A transmisión da información é básica é debe ser bidireccional. A avaliación
de calquera tipo, pero sobre todo a inicial, sería imposible sen que a familia
colaborase nesta tarefa.
A implicación familiar debe estar garantida e desenvolvida cunha
planificación coidada, froito dun enfoque común e consensuado por parte de todo
o persoal educador do centro.
As necesidades básicas son o centro prioritario de atención e conversación
entre educadores e familias. Para lograr unha comunicación fluída, son válidas
tanto as ferramentas de comunicación informal (conversas durante as entradas
e saídas diarias) como as canles e protocolos formalizados (axendas individuais,
apps como TokApp, Escolapp, ..., entrevistas, reunións, charlas, etc.).

Unha das finalidades da avaliación é o coñecemento da situación, polo que


debemos informar da mesma ás familias, que deben recibir periódicamente a
información necesaria sobre o progreso das crianzas mediante as canles
especificadas no Proxecto Educativo de Centro. E tamén informaremos ás
persoas profesionais implicadas na intervención, para que podan adaptar as
súas actuacións.
A comunicación desta información se produce entre os membros do equipo
docente, entre o equipo docente e a familia ou entre a dirección do centro e
persoas profesionais externas ou equipos multidisciplinares de atención á
infancia, que estean implicados nun caso concreto.
Prodúcese durante a observación dos procesos (avaliación formativa) e
tralas conclusións, para dar a coñecer os resultados (avaliación sumativa). A
normativa educativa establece que as consideracións derivadas do proceso de
avaliación deberán ser comunicadas ás familias de maneira periódica, para
facelas copartícipes do proceso educativo das crianzas.
Os informes de avaliación organizan sistematicamente as observacións
recollidas sobre o desenvolvemento das crianzas ao longo da intervención.
Á hora de avaliar as observacións, debemos ter en conta algúns puntos básicos:
• Os datos reflicten a condición da crianza nunha faceta específica do
desenvolvemento e nun momento determinado. Debemos ter en conta que as
posibilidades de cambio nestas idades son inmensas, calquera cambio na
contorna da crianza pode dar a volta ao seu estado actual. Polo tanto, evitaremos
xuízos persoais e avaliacións escritas que tenden a “etiquetar” e categorizar ás
crianzas, xa que poden condicionar a súa escolarización e desenvolvemento
posterior.
• Evitaremos avaliacións negativas. Ademais de ser inxustas coas crianzas, dada
a súa flexibilidade e capacidade de cambio, se adoptamos un ton negativo
podemos espertar sospeitas totalmente xustificadas nas familias, que poden
perder a confianza na nosa capacidade e profesionalidade. A tendencia a
etiquetar pode acabar luxando a relación ata o punto de adaptar o seu
comportamento ao estereotipo. Durante o proceso educativo podemos atopar
dificultades coas crianzas, dende condutas agresivas e enfrontamentos ata falta
de iniciativa ou pasividade. Todos estes comportamentos requiren unha coidada
observación e intervención pola nosa parte. Non podemos fuxir deles e debemos
consideralos aspectos sobre os que debemos reflexionar, xa sexa en conversas,
observacións ou informes.

Tema 23 5
• Tamén é recomendable evitar comparacións con outras crianzas ou con
estatísticas medias do seu grupo de idade. Avaliaremos o progreso das crianzas
con respecto ao seu propio desenvolvemento. Debemos darlle máis importancia
ao progreso realizado que ao que queda por acadar.
Existen diferentes modelos de informes de valoración. Adoitan elaborarse
formalmente con listas de control e estimación, acompañadas dun informe
descriptivo. Recoméndase que cada escola traballe en equipo revisando as
propostas existentes e adoptando as que mellor se axusten á realidade de cada
centro e cada aula e de cada intervención. Debemos elaborar un modelo que
permita, con pequenas variacións, expresar todo o que consideramos importante
valorar nas crianzas e transmitilo ás familias; empregando unha linguaxe clara e
sinxela pero rigorosa. O traballo en equipo entre profesionais levará a debates
sobre o que se considera relevante e o que non, e fomentará a comunicación, a
argumentación e a conciencia sobre a práctica educativa, como veremos no
seguinte epígrafe.

6. METODOLOXÍA DE INVESTIGACIÓN - ACCIÓN


Kurt Lewin (1946) desenvolveu o método de investigación–acción e o
aplicou a todos os ámbitos sociais. Na educación e en intervencións
socioeducativas, este modelo engade unha nova posibilidade, na que a persoa
educadora, á vez que ensina, investiga sobre a súa propia práctica e contribúe
ao desenvolvemento da teoría pedagóxica. Está en consonancia, polo tanto coa
autoavaliación e coa actualización e a formación permanente como actitudes de
mellora profesional na intervención.
Isto é así xa que o método investigación- acción é un proceso continuo en
espiral, de acción – observación – reflexión- nova acción de forma constante. E
a conexión con outras persoas profesionais proporciona unha retroalimentación
continuada.
Os obxectivos da investigación-acción son: Mellorar a calidade do ensino
mediante a investigación profesional de persoas educadoras ou multidisciplinar,
e Favorecer o papel activo do persoal educador na súa actualización e
perfeccionamento.

CONCLUSIÓN

BIBLIOGRAFÍA

WEBGRAFÍA

Tema 23 6

You might also like