You are on page 1of 3

LAMAS CARVAJAL, Valentín

  Reputado xornalista e escritor do Rexurdimento, Valentín Lamas Carvajal engrosa a listaxe


de protagonistas da historia mediática de Galicia como fundador de O Tío Marcos da Portela,
o primeiro periódico redactado integramente en galego.
  Naceu en Ourense o 1 de novembro de 1849. Fillo de José Francisco Lamas e de María
Manuela Carvajales, adoptou o seu apelido materno en singular na súa obra literaria, en
ocasións mesmo galeguizado como Carvaxal. Segundo López Aydillo, recibiu o ensino básico
nunha escola da rúa Lepanto rexentada por Antonio Agregán. Nesta época quedou orfo de pai
e faleceu o seu amigo Laureano Ubis, perda da que xurdiron uns versos temperáns. En
setembro de 1862 matriculouse no instituto ourensán, onde interrompeu os seus estudos no
segundo curso por causas médicas: desde el primero de agosto viene padeciendo una
oftalmía granulosa de ambos ojos con queratitis panniforme, de la que quedó medianamente
restablecido después del tratamiento que se le dio. En 1869 retomou a súa formación no
mesmo centro, no que tivo como profesores a García Mosquera e a Saco y Arce e como
camarada a Arturo Vázquez Núñez. Na cidade do Apóstolo pasou os primeiros anos da década
dos 70, estancia testemuñada polo propio Lamas na posterior "Carta de confianza a Eduardo
Álvarez Partierra" (El Heraldo Gallego, 1876): Haz memoria, Eduardo; en 1871 se publicaba
en Santiago, La Aurora de Galicia, revista cuya dirección me estaba encomendada. Nesa data
e lugar viron a luz, nos establecementos tipográficos de José Garabal e de Jesús Tomás Rey,
respectivamente, os seus dous primeiros libros, La monja de San Payo e Flores de ayer. A
totalidade dos seus biógrafos coincide en apuntar que se trasladou a Compostela para cursar
Medicina, carreira que para algúns investigadores abandonou, ben por non encaixar co seu
temperamento soñador, ben polos seus problemas coa vista, e que para outros, emporiso, si
rematou. Descoñécese cantos anos prolongou a súa permanencia en Santiago e o seu paso
pola facultade non está documentado mais, en opinión de Otero Pedrayo, a estaxe
compostelán deixóu en Lamas un tesouro de lembranzas, conformóu o seu senso histórico de
Galicia e foi ocasión do trato dos mellores inxenios da xuventude de entón. Ó termo do
período académico publicou, tamén en castelán, El cancionero del Miño. Leyendas y
tradiciones de Orense (1872) e Las dos perpetuas (1874).
  A xénese da súa traxectoria na prensa retrotráese ó 1 de xaneiro de 1874, día da aparición
de El Heraldo Gallego. Semanario de Ciencias, Artes y Literatura. Instalado definitivamente
en Ourense tralo seu casamento con Amalia Rosina Sánchez (unión que daría lugar a unha
prole numerosa), colaborou nel dende os seus comezos, en xullo erixiuse director e en
setembro converteuse amais no seu propietario. Nesta publicación inseriu as súas primeiras
composicións en galego, inaugurando este camiño a poesía "Desconsolo de nay".
Posteriormente recompilou estas creacións en Espiñas, follas e frores. Colección de versiños
gallegos, que denotou a ruptura do silencio editorial na lingua autóctona producido dende
Cantares gallegos de Rosalía; o Ramiño primeiro púxose á venda a principios de 1875, o
Ramiño segundo en 1876 e, conxuntamente, no ano 1877. Nesta etapa de consagración ó
xornalismo e á lírica, a súa afección ocular derivou nunha cegueira irreversible, doenza
patente na súa obra e influente no seu estado de ánimo; no futuro viuse na obriga de
recorrer ós seus colaboradores, que tomaban ó ditado as súas palabras. Pronto coñeceu o
éxito profesional. En resposta á boa recepción que a crítica lle dispensou a Espiñas, follas e
frores, a Deputación de Ourense adquiriu 200 exemplares deste poemario e mais 100 de La
monja de San Payo e de Las dos perpetuas e 60 de El cancionero del Miño. Entre o 20 e o 30
de xullo de 1875, co gallo do desenvolvemento da Exposición Regional de Santiago, concibiu
para o seu periódico unha serie de artigos e de poesías sobre este acaecemento, "Cartas ós
gallegos", logo reunidas no folleto intitulado Dez cartas escritas pr'os gallegos, e dedicóulle-lo
número 83 a este evento e ós contemporáneos xogos florais. En setembro pasou a formar
parte da sociedade intelectual galeguista Galicia Literaria, acabada de instituír en Madrid por
iniciativa de Vesteiro Torres e integrada por Curros Enríquez, Francisco Añón, os irmáns
Muruais, Emilia Calé e Vázquez Núñez, entre outros; Lamas Carvajal, como Benito Vicetto e
Xoán Manuel Pintos, ingresou en calidade de socio de mérito, mostra da súa crecente
importancia. Nesta sociedade escribiu os relatos "O animeiro" e "O codio" para o proxecto de
publicación do libro colectivo Los gallegos pintados por sí mismos; o primeiro presentouse nas
planas de El Heraldo Gallego e ámbolos dous saíron á rúa ulteriormente en Gallegada.
Tradiciós, costumes, tipos e contos d'a terriña (1887), a súa estrea como prosista. Deste
período fecundo cómpre engadi-la difusión en Revista Europea dalgúns dos seus versos,
traducidos ó español por Ventura Ruiz Aguilera, e a súa incorporación á comisión
conmemorativa do segundo centenario do nacemento de Feijoo, onde a súa composición "A
Galicia" resultou premiada co Pensamento de Ouro. No entanto, a súa popularidade
consolidouse o 7 de febreiro 1876 co lanzamento de O Tío Marcos da Portela, ó alcance nas
grandes feiras do país. Meses máis tarde, en concreto o 4 de outubro, gañou con "Amor de
nay" a pluma de ouro doada por Modesto Fernández como galardón para un certame
convocado por El Heraldo. Este dinamismo tivo continuidade en 1877 coa tirada, o 5 de
xaneiro, da edición quincenal Intereses Generales, Ciencias, Literatura y Artes de El Heraldo
Gallego, co que se atopou simultaneamente á fronte de tres publicacións. Á altura de 1878,
Ourense emerxía como capital do xornalismo galego e Lamas como a súa figura sobresaínte.
Transformou El Heraldo Gallego nun diario, fusionado ó pouco con El Avisador Orensano, e en
xullo tirou do prelo Desde la reja. Cantos de un loco, unha escolma bilingüe de poemas,
maiormente dos seus inicios, dos que só cinco estaban en galego ("Unha vendima n-o
Riveiro", "O gaiteiro", "A Añón", "O namorado ausente" e "As campás de Vilanova"): Procuré
reunirlos en un libro, con el propósito de que los estrechase el vínculo de familia, y con el
único pensamiento de que si por desgracia llego a la vejez me recuerden las impresiones que
ha recibido mi alma en la juventud, y me sirvan de constante remordimiento por los pecados
literarios durante ella cometidos. Esta obra non correu a mesma sorte cás anteriores, sendo
Murguía un dos seus principais detractores: Tan escasa de mérito literario se presenta esta
colección de composiciones escritas en gallego y castellano, que, con sentimiento lo decimos,
no merece siquiera los honores de la crítica. Los versos gallegos, de los cuales puede al fin su
autor decir con entera justicia que no deben nada a nadie, son verdaderamente lastimosos.
¿Y qué diremos de los castellanos, con especialidad de la poesía titulada El Día de Difuntos,
especie de crimen literario sin absolución posible? Non foi o primeiro nin o último ataque
dentro dunha agre disputa sostida por aquel entón entre ámbolos dous escritores e
cualificada por J.A. Durán de episodio del galleguismo cultural totalmente silenciado o
desconocido por las historias o manuales al uso.
  Axiña pasou Carvajal, pois, da fortuna ó infortunio. A mediados de 1880 desapareceu o que
fora auténtico órgano ó servizo do galeguismo, El Heraldo Gallego, en crise dende 1879; de
feito, Lamas empezou a colaborar daquela en El Trabajo (aínda que sen firmar). Tampouco se
salvou da desventura O Tío Marcos da Portela, que cesou durante uns meses a súa
circulación, recuperada pouco despois, mais cunha periodicidade irregular. A maiores, a pesar
de que editou Saudades gallegas, trala súa polémica co autor de Historia de Galicia freou o
ritmo de publicación de libros. Emporiso, a pronta fundación de El Eco de Orense (ese mesmo
ano), a cargo do deputado liberal Vicente Pérez, concedeulle unha nova oportunidade no
ámbito xornalístico. Asinou nel dende a súa nacenza e tralos seus tres primeiros anos de
existencia substituíu a Rodríguez Quiroga na dirección, asumindo finalmente a súa
propiedade. Nese intre (1883) activou a segunda época estable de O Tío Marcos da Portela,
que se mantivo cunha asiduidade practicamente semanal ó longo do sexenio consecutivo, co
caciquismo provincial como obxecto dos seus denominados parrafeos, conferencias populares
cos paisanos galegos que lle carrexaron denuncias, multas, xuízos e incluso un enfado
transitorio con Curros por mor dos seus comentarios mordaces sobre o poeta de Celanova co
pretexto da aparición de O divino sainete (1888). En 1889 extinguiuse este semanario mítico,
testemuño da pluma de eximios literatos do Rexurdimento (Amor Meilán, Añón, Valladares,
Curros, Pondal, Brañas, Lugrís...) e espazo de proxección pública de O catecismo do gallego,
o xerme da célebre obra Catecismo do labrego, saída da imprenta aquel ano, baixo o
heterónimo de Frei Marcos da Portela, cunha acollida insólita entre os lectores: Lamas
Carvajal chegou a presencia-la tirada da décimo terceira edición da que foi a súa segunda e
última incursión na prosa. No abrente da década dos 90 mudou a frecuencia de El Eco de
Orense, entón trisemanal, para competir coas novas publicacións ourensás El Derecho e
Álbum Literario, non obstante, en agosto de 1892 cambiouna outra vez, dando lugar a un
Diario político, como plasmou o seu subtítulo, que perdurou neste estado ata o seu traspaso a
La Región, xa falecido Lamas. Dende este medio suscitou múltiples controversias, por
exemplo, co grupo de rexionalistas coruñeses que percorreron as cidades galegas co fin de
conformar xuntas provinciais en protesta polo traslado da Capitanía Xeral de Galicia da
Coruña a León; en principio burlouse do seu labor pero despois uniuse a eles, aínda que con
certa tensión, e participou nas súas tertulias do Gabinete Negro, no café La Unión da capital
ourensá. Corresponden a esta tempada os seus derradeiros libros, A musa d'as aldeas (1890)
e Mostacilla. Versos humorísticos (1897-98), unha antoloxía de composicións dadas a coñecer
con anterioridade en El Eco.
  No albor do século XX foi nomeado socio protector do Círculo Católico de Obreros da súa
cidade natal e membro fundador da Real Academia Galega, cargo do que non tomou posesión
debido ó seu pasamento, o 4 de setembro de 1906. Postumamente púxose en marcha a
publicación do seu corpus na colección "Obras completas" (1909), proxecto interrompido en
varias ocasións e que finalmente non incluíu tódolos textos de Lamas. En adiante si
frutificaron outras tentativas de reedición dos seus títulos, mesmo de facsímiles, e leváronse
a cabo xornadas literarias e actos rememorativos, como o organizado pola Irmandade da Fala
de Ourense no décimo aniversario da súa morte. Na actualidade perdura un monumento na
súa honra nos xardíns do Posío, esculpido por Faílde nos anos 50 para substituí-lo busto
colocado en 1918. En 1972, a súa lembranza protagonizou o Día das Letras Galegas.
  Dentro do descoñecemento xeral ou da redución interpretativa á que foi sometida a
literatura galega do século XIX, Valentín Lamas Carvajal non constitúe unha excepción.
Galicia foi a súa única motivación literaria. Dedicouse con especial entrega á defensa do
campesiñado, ó combate da emigración, á condena do sistema caciquil, á evocación dos
esquecidos fillos ilustres do país e á divulgación do uso do galego, sendo o autor máis
prolífico por aquel entón na lingua vernácula. Malia todo, os escritores coetáneos que se
ocuparon da súa crítica debuxaron un arco de valoracións dende a invectiva totalmente
descualificadora de Leopoldo Pedreira, que declarou que os seus versos eran popularísimos
entre los aguadores, horteras, mozos de cuerda y demás individuos de la mayoría de nuestra
colonia en Madrid, ata a visión paternalista de Emilia Pardo Bazán, para quen Lamas era o
arquetipo case perfecto do triste e quejumbroso canto galego, pasando pola dura visión de
Murguía, condicionada e mediatizada por elementos extraliterarios. Que segregaba a súa obra
nesta percepción reducionista? Costumismo, amor á terra, pintura verista de tipos,
caracteres, cerimonias e festas da aldea, queixa resignada e doente do mal presente e o peor
futuro dos campesiños... e pouco máis. Se a esta concepción se lle engade que non se podía
salvar polo coidado técnico, a preocupación formal ou o estilo depurado, o saldo non era
favorable en exceso. Non pasou de ser un poeta menor, traballador e incansable, iso si, pero
frustrado, da literatura galega. Porén, este parecer dista do actual. En primeiro lugar, a súa
falta de retoricismo ou de formalismo foi unha característica xenérica de toda a poesía
daquela centuria e resultou inmanente ó propio emprego do galego e ás súas connotacións;
en segundo lugar, foi máis alá da pintura costumista, desempeñando a función, en palabras
de Carballo Calero, dun cronista fiel, no seu verso humilde e na súa prosa paifoca, da historia
sin historia da aldea galega, increíbelmente esquecida, indecíbelmente resignada; e, en
terceiro lugar, manifestou un alento patriótico e unha clara vontade denunciadora que non se
pode obviar, pois estivo moralmente preocupado pola situación e o porvir de Galicia e escribiu
forzado por este imperativo ético, leitmotiv de toda a súa produción. Precísase, pois, unha
reformulación do seu estilo e dos seus logros que o libere do seu encadramento falso no
pintoresquismo, a graza aldeá e o localismo, para situalo correctamente, como pedía Blanco
Amor, como artífice dunha obra que non pervive soio do seu contido lírico senón tamén da
súa rebeldía e da súa sorprendente intuición dos deberes da Galiza nova, de cuia formulazón
él foi, ó seu modo, esgrevio precursor.
(Xosé María Dobarro Paz)

© Enciclopedia Galega, SA, 2005


Tódolos dereitos reservados.

You might also like