You are on page 1of 3

ESTEREOTIPOS E PREXUÍZOS LINGÜÍSTICOS

Co fin de comprender o tipo de bilingüismo que se dá nunha sociedade, á parte de


estudar os factores demográficos das linguas implicadas (número de falantes e
distribución), resulta fundamental analizar os estereotipos e prexuízos existentes cara
elas.

Os prexuízos non son máis que un tipo de actitude e, como tales, o grande interese que
espertan débese á súa suposta capacidade de influír no comportamento, tamén no
lingüístico. En efecto, en moitos casos os motivos do proceso de substitución dunha
lingua por outra cómpre buscalos na formación de prexuízos cara á lingua desprazada.
Por exemplo, os pais galegofalantes que deixan de transmitirlles a súa lingua aos fillos e
fillas poden facelo porque consideren que o uso do galego pecha portas á hora de
estudar e buscar traballo. Se pretendemos inverter este comportamento, co obxectivo
de que os pais volvan utilizar o galego para educar os fillos, un dos camiños máis
inmediatos consistirá en identificar os prexuízos e eliminalos. En definitiva, os prexuízos
e as actitudes en xeral, dado que se consideran unha das principais causas da conduta
humana, percíbense tamén como un poderoso instrumentos para modificala. De aí o
gran poder que se lles atribúe. De todos os xeitos, como veremos, esta capacidade de
incidencia tense sobrevalorado, desprezando a influencia doutros factores tamén
determinantes do comportamento.

A formación de prexuízos.

No proceso de formación dun prexuízo o primeiro paso é a creación do estereotipo, isto


é, a división dun grupo en clases en función de diversos criterios e a asignación a cada
clase de determinadas características en oposición ás outras. Así, en función do xénero,
dividimos o mundo en dúas clases, homes e mulleres, e a cada unha aplicámoslle uns
atributos distintos. Este proceso, que se coñece como categorización, supón sempre
algún tipo de xeneralización e, como tal, unha simplificación da realidade. Non obstante,
constitúe o único xeito de abranguer a complexidade do mundo que nos rodea e, neste
sentido, trátase dun proceso útil e necesario para o coñecemento humano. Polo tanto,
os estereotipos reflicten a realidade, pero sempre dun xeito simplificado. Precisamente,
o paso do estereotipo ao prexuízo prodúcese cando se obvia este feito. O prexuízo
aparece cando se leva a cabo unha interpretación errónea dos estereotipos, xeralmente
por dous motivos:

- Porque non se aceptan as excepcións, de xeito que ou ben se aplican as propiedades


dun grupo a todos e cada un dos seus membros, ou ben as características dun individuo
esténdense á totalidade do grupo de pertenza. É dicir, en lugar de concibir os
estereotipos como o que son, tendencias máis ou menos maioritarias, interprétanse de
maneira tallante e categórica. Ao non admitírense as excepcións, estas xustifícanse en
clave negativa. No caso do galegofalante que non encaixe nese perfil, por exemplo unha
rapaza nova que fale galego nunha cidade como Vigo. Para manter intacto o estereotipo,
estes casos, excepcionais pero cada vez máis frecuentes, cárganse de connotacións
pexorativas, do tipo “se non é da aldea, seguro que fala galego para presumir de
nacionalista, pero nótase que non é unha galegofalante auténtica, das de sempre”

Lingua e literatura galega - 2º Bacharelato (Ed. Xerais)


- Porque parten dunha percepción causal errónea, de xeito que as características dun
grupo se perciben como inherentes a este e non debidas a unhas determinadas
circunstancias históricas, sociais, políticas ou económicas, que constitúen sempre o
motivo real da situación de inferioridade dun grupo con respecto a outro. Así, se os
galegofalantes pertenceron tradicionalmente ás clases máis atrasadas cultural e
economicamente, non é porque o feito de falar galego implique ser ignorante e pobre,
senón porque a lingua galega estivo marxinada da escrita e dos usos formais durante
séculos e, en consecuencia, da educación formal e a cultura. Daquela, os que estudaban
eran os que dispoñían de recursos económicos e estudábase sempre o castelán e en
castelán. Estas circunstancias, entre outras, provocaron a separación de linguas en
función das clases sociais, así como a crenza de que para ascender socialmente (ser máis
rico e/ou máis culto) era necesario abandonar o galego e falar o castelán. En concreto,
o prexuízo lingüístico xorde no momento en que as características aplicadas ao grupo
de falantes se estenden á lingua en si mesma e, posteriormente, a cada un dos falantes
individuais desa lingua.

Nos prexuízos o estereotipo vai sempre acompañado de sentimentos de rexeitamento


e dunha tendencia á discriminación. Ademais, os prexuízos cumpren unha función
defensiva, xa que se utilizan co fin de xustificar e manter a posición dominante de certos
grupos sobre outros (a oposición clásica de NÓS fronte a ELES). De aí que se acentúen
nas épocas de cambios sociais, nas que o estado de cousas imperante se ve ameazado.
No que caso que nos ocupa, o grupo dominante e privilexiado en Galicia foi
tradicionalmente o dos castelanfalantes. Entre outros “privilexios”, estes podían
manterse no monolingüismo, mentres que eran os galegofalantes os que se vían
obrigados a aprender e utilizar, polo menos en determinadas ocasións, a outra lingua, o
castelán. Isto é o que se denomina bilingüismo asimétrico. A raíz da transición
democrática e o inicio do proceso de normalización, os castelanfalantes senten perigar
os seus vellos privilexios, véndose obrigados por primeira vez, por exemplo, a aprender
a outra lingua da comunidade, o galego. De aí o rexeitamento que se ten producido ás
veces ante medidas que supoñen unha perda de espazos para o castelán, como por
exemplo o aumento de materias en galego no ensino, que implica necesariamente a
diminución das materias impartidas en castelán.

O estudo dos prexuízos lingüísticos en Galicia

A maioría das investigacións sociolingüísticas levadas a cabo en Galicia inclúen o estudo


das actitudes en prexuízos, proba da importancia que se lles concede a estes factores.
En xeral, os resultados son positivos, pois poñen de manifesto a superación dos antigos
prexuízos cara ao galego e que as actitudes cara a esta lingua melloran a medida que
diminúe a idade. Unicamente nos maiores de 41 anos castelanfalantes as actitudes
descenden lixeiramente por debaixo do 3. Isto invitaba ao optimismo, pero o problema
xurdía ao comparar os resultados actitudinais co uso da lingua. En efecto, en contra do
esperado, semellaban seguir camiños diverxentes, o que poñía sobre a mesa a cuestión
da importancia das actitudes á hora de influír nos comportamentos, incluído o
lingüístico.

Lingua e literatura galega - 2º Bacharelato (Ed. Xerais)


Para entendermos a diverxencia entre as actitudes cara ao galego e o seu uso, cómpre
recorrer a diversos tipos de causas. En primeiro lugar, as conclusión que acabamos de
comentar hai que matizalas. En efecto, máis que actitudes positivas o que reflicten os
estudos cuantitativos son actitudes neutrais ou indiferentes. Isto lévanos a reflexionar
sobre a propia natureza deste tipo de estudos, xa que en xeral contestamos as enquisas
coma se dun exame se tratase, intentando ofrecer unha imaxe positiva de nós mesmos.
Así, o que se recolle nas enquisas non son tanto as actitudes internas dos individuos,
senón o que está ben considerado socialmente nunha época e cultura determinadas,
isto é, o “politicamente correcto”. De aí que os prexuízos queden ocultos.

Con todo, estes estudos ofrecen unha información fundamental, que pon de relevo os
cambios producidos a raíz da fin da ditadura e a chegada da democracia. En efecto, hoxe
en día non é aceptable socialmente expresar de xeito explícito prexuízos contra a lingua
galega, como por exemplo, cualificala como inferior á castelá, e isto, sen dúbida, supón
un avance moi importante con respecto a épocas pasadas, aínda que, por suposto,
insuficiente.

Por último, debemos outorgarlles ás actitudes o papel que realmente desempeñan na


determinación dun comportamento, pois hai outros factores que tamén inflúen
decisivamente e, nalgúns casos, cun peso maior aínda. En Galicia hai moitos factores
que nos empurran a utilizar unha lingua e non outra. Así, un rapaz que intente falar
galego na cidade vai atopar toda unha serie de obstáculos, polo que terá que realizar un
esforzo extra, cousa que non ocorre no caso do castelán, a lingua non marcada
socialmente. De aí que resulte como mínimo cuestionable a liberdade de elección
lingüística, pois para que esta se faga efectiva, cómpre dispor de dúas opcións e
igualdade de oportunidades.

Lingua e literatura galega - 2º Bacharelato (Ed. Xerais)

You might also like