You are on page 1of 2

TEMA 3 – O galego: lingua en vías de normalización

As aproximadamente 6.500 linguas que se falan no mundo gozan de diferentes status e de distinto grao
de vitalidade. Mentres existen linguas oficiais protexidas e promocionadas polos Estados, outras sofren restricións
nos seus usos. Se ben é certo que hai linguas que podemos caracterizar simultaneamente como minoritarias e
minorizadas, debemos distinguir os dous conceptos, xa que non sempre coinciden.
Lingua minoritaria é aquela que conta cun reducido número de falantes. Uns autores cifran ese número
en menos de 20.000, mentres outros elévano a menos de un millón de usuarios. En todo caso, as linguas
minoritarias poden presentar moi diferentes status e niveis de vitalidade. Algunhas delas están en claro perigo de
extinción, pero outras, como o islandés, con 200.000 falantes, gozan dunha situación de plena normalidade
dentro do seu territorio. O termo lingua minoritaria non se pode aplicar para describir a situación de moitas
linguas que contan cun número de falantes que pode superar mesmo o millón, pero que padecen restricións en
determinados usos. Falaremos entón de linguas minorizadas. O idioma islandés goza dunha situación de plena
normalidade no seu territorio. As pautas de comportamento urbano da nova sociedade galega contribúen a
acelerar a desgaleguización.
Lingua minorizada é aquela á que se lle negan dun xeito ou doutro as condicións para poder
desenvolverse con plena normalidade dentro da súa propia comunidade. Atópase nunha situación de
inferioridade ao ver restrinxidos os seus usos públicos (medios de comunicación, administración de Xustiza, vida
comercial, publicidade, ensino, burocracia, liturxia etc.) e mesmo privados.
O galego tivo un desenvolvemento normal ata comezos da Idade Moderna, momento en que, xunto coa
dominación política, Galiza pasoa padecer unha dominación lingüística e cultural que levou á minorización do seu
idioma propio. Na actualidade, a pesar de ter un status de cooficialidade e unha importante vitalidade dentro da
sociedade, o galego é unha lingua que sofre a presión constante do castelán, lingua dominante que tivo durante
centos de anos e segue a ter na actualidade apoio por parte dos poderes políticos e económicos. Por iso, o galego
segue a ser unha lingua minorizada, aínda que de ningún xeito minoritaria. Cos seus dous millóns e medio de
falantes, o galego supera amplamente as cifras que se barallan para falar de linguas minoritarias.

O galego: lingua en proceso de normalización

Falamos de proceso de normalización lingüística cando estamos ante a recuperación dunha lingua que,
sendo propia dunha comunidade, foi desprazada por outra foránea e viu restrinxidos os seus usos, especialmente
os máis prestixiosos.
O proceso de normalización lingüística está constituído por todas as medidas e accións legais, políticas,
sociais e lingüísticas que teñen como obxectivo o uso normal dunha lingua minorizada en todos os ámbitos
(educativo, académico-científico, sociocultural, laboral etc.) e a recuperación de todas as funcións dentro da súa
propia comunidade.
Desde finais da Idade Media produciuse unha imposición do castelán e, ao longo dos séculos, tomáronse
medidas políticas e legais destinadas a concederlle unha situación de supremacía con respecto aos outros idiomas
falados nos territorios que constitúen o Estado español. Esta política fixo que o galego se desenvolvese nunha
situación de anormalidade lingüística durante máis de cinco séculos. Iso non quere dicir que o galego vise
notabelmente reducido o seu uso. A anormalidade lingüística afectou especialmente á súa consideración social e
ao seu desenvolvemento nos ámbitos formais e máis prestixiosos. Numerosos concellos galegos dotáronse de
Servizos de Normalización Lingüística.
Cando no último cuarto do século XX se inicia o proceso de recuperación institucional, xa existían unhas
bases estabelecidas polos axentes sociais e culturais que reivindicaron o idioma durante a ditadura franquista. Na
década dos 80 o proceso de normalización lingüística prodúcese dentro dun marco legal que contempla unha
serie de institucións públicas que teñen como obxectivo a promoción social do idioma, ou sexa, a súa
normalización.
A nivel gobernativo, o organismo que legalmente desenvolve e centraliza a acción normalizadora é na
actualidade a Secretaría Xeral de Política Lingüística, que depende da Consellería de Cultura, Educación e
Ordenación Universitaria. Este organismo, porén, focalizou a súa actividade no ámbito educativo, deixando a
actuación noutros ámbitos nun plano moi secundario. Na administración local existe tamén o Servizo de
Normalización Lingüística, un órgano do que se dotaron case que todos os concellos. As Universidades galegas, a
Real Academia Galega e o Consello da Cultura Galega, son outras institucións que tamén desenvolveron iniciativas
destinadas a promover o uso da nosa lingua.

137
A limitada acción institucional deu lugar a que ao longo destas décadas fosen xurdindo unha serie de
colectivos que pretenden impulsar a normalización lingüística. A Mesa pola Normalización Lingüística, fundada en
1986, e Prolingua, nacida en 2009, teñen un ámbito de actuación xeral. Outros colectivos actúan en ámbitos
específicos como o ensino – é o caso de Nova Escola Galega e da Asociación Socio-Pedagóxica Galega–; a
administración pública –Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística–; a actividade económica e
empresarial –a Fundación Galicia-Empresa– etc. Ao seu carón, o traballo realizado por numerosas entidades
socioculturais (asociacións veciñais, culturais, deportivas, sindicais etc.) foi e segue a ser imprescindíbel no
proceso de normalización lingüística.
No ano 2004 o Parlamento de Galiza aprobou por unanimidade o Plan Xeral de Normalización da Lingua
Galega (PXNLG), un documento que propuña medidas para potenciar a nosa lingua en distintos ámbitos sociais: a
administración; a educación, a familia e a mocidade; os medios de comunicación e as industrias culturais; a
economía; a proxección exterior da lingua etc. Os obxectivos máis importantes deste Plan eran garantir a
posibilidade de vivir en galego a quen o desexase, conseguir máis funcións sociais e máis espazos de uso para o
idioma e promover unha visión moderna, afábel e útil da lingua que desfixese os prexuízos e que reforzase a
estima e a demanda do uso do galego. Foron moi escasas, porén, as iniciativas desenvolvidas polo Goberno
autonómico desde a súa aprobación en 2004. Garantir a posibilidade de vivir en galego debe ser o obxectivo da
normalización lingüística de Galiza.
55 mentiras sobre a lingua galega é unha obra colectiva elaborada pola organización ProLingua, baixo a
coordinación do lingüista Henrique Costas, que analiza criticamente 55 ideas falsarias que se difundiron a finais da
primeira década do século XXI polos sectores galegófobos da sociedade. Algunhas delas arraigaron en certos
sectores, provocando un enorme freo no proceso de recuperación do noso idioma. Asemade, as institucións
públicas deixaron de exercer o seu papel legal de impulsoras da normalización, quedando este proceso en mans
da cidadanía.

A lingua galega entre os máis novos

A transmisión xeracional garantiu a vitalidade da lingua galega ao longo dos séculos a pesar da súa
situación de marxinación e minorización. Mais esta transmisión estase a crebar a un ritmo moi acelerado nas
últimas décadas. As xeracións máis novas presentan niveis de emprego do idioma que resultan preocupantes
pensando no futuro do mesmo. Os datos dunha enquisa do IGE de 2014 constatan que aumenta
significativamente o número de falantes só en castelán no tramo de idade de 5 a 15 anos, pasando dunha
porcentaxe do 29,59 % no 2008 ao 47,08 % no 2013.
Na evolución dos usos idiomáticos na Galiza destaca unha notoria mingua do monolingüismo en galego a
medida que descendemos na escala interxeracional. A ruptura da transmisión é evidente cando se analizan os
datos que ofrece o uso no ámbito familiar. A pesar da enorme vitalidade que segue a presentar o galego,
obsérvase un descenso progresivo a medida que pasamos da lingua falada cos avós á lingua falada cos pais e coas
nais, cos irmáns, coa parella e, especialmente, cos fillos e coas fillas.
Dentro do segmento de idade dos máis novos, o comportamento varía notabelmente segundo o hábitat.
A media de uso nas cidades e grandes vilas é favorábel ao español, mentres a media dos que viven no rural é
predominantemente favorábel ao galego, cunha presenza do español moi reducida no ámbito familiar.
En canto á competencia, é a mocidade quen presenta unha porcentaxe superior no dominio das catro
destrezas: entender, falar, ler e escribir. Hai que lembrar que as xeracións anteriores non tiveron contacto co
galego no sistema educativo. O uso escrito está, en consecuencia, asociado á menor idade dos individuos. Por
outra parte, en canto ás actitudes, os datos apuntan a que a posición máis favorábel a unha lingua está
directamente relacionada co maior grao de competencia –sobre todo na escrita– e, en consonancia con iso, son
precisamente os mozos e mozas os que presentan unha actitude máis favorábel ao galego.
As potencialidades das xeracións máis novas para regaleguizárense e culminaren o proceso de normalización do
noso idioma son enormes.
É urxente que as institucións e os axentes sociais favorezan o fenómeno da regaleguización, de xeito que
as capacidades adquiridas se poidan traducir en uso efectivo. Cómpre crear modelos socioculturais (pensamento,
estética, música, deportes etc.) e contextos de socialización que permitan á xente nova desenvolverse no idioma
que aprecian e que lle é propio. Deste xeito, o futuro do galego estará garantido e as galegas e os galegos do
século XXI seguiremos enriquecendo o mundo plural desde a nosa identidade.

138

You might also like