You are on page 1of 1

1 Galego: sen prexuízos

Que son os prexuízos?


Coñécense co nome de prexuízos as opinións que se forman sen razón ningunha, sen ter a información nin os coñecementos
necesarios para poder fundamentalas. Baséanse en datos erróneos ou falsos ou, con frecuencia, en mentiras. E esténdense
porque algunhas persoas repiten, sen reflexionar, o que din outras.
Hoxe en día moitos prexuízos están superados (a suposta inferioridade das mulleres, por exemplo), pero aínda existen moitos
sobre os máis diversos aspectos. Tamén lingüísticos, sobre moitísimas linguas: buscan que a xente as rexeite e que
desaparezan.
Prexuízos sobre o galego
A pesar de que xa se superaron bastantes, aínda hai persoas que seguen tendo algúns prexuízos sobre a lingua galega e sobre
os seus falantes: lingua dos pobres e dos pailáns, lingua inútil, lingua imposta, lingua que ninguén sabe falar...

Todos os prexuízos son negativos e, polo tanto, temos que facer todo o posible para que desaparezan.

2 Galego: actitudes positivas


Que son as actitudes?
Hai moitas, e moi diferentes, definicións de actitude. De exemplo, velaquí dúas:
• Unha breve: «A actitude é a maneira de actuar dunha persoa».
• E unha longa: «A actitude é a tendencia ou predisposición, aprendida, dunha persoa a responder de maneira positiva ou
negativa (a favor ou en contra) ante un feito, unha situación, unha idea, unha persoa ou grupo, etc.».
Os seres humanos adoptamos actitudes positivas ou negativas, en xeral, cara ás persoas e «cousas» que nos rodean; sobre
todo cara ás que nos afectan e/ou nos importan máis. E as linguas non son unha excepción, especialmente nos territorios onde
se falan varias.
Actitudes cara ao galego
O futuro da nosa lingua depende, sobre todo, das actitudes que os galegos e as galegas adoptemos cara a ela: se son positivas,
a lingua galega seguirá viva; se son negativas, morrerá.

3 Galego: o futuro depende de ti


Lingua habitual
O normal é que todos os habitantes dun territorio utilicen sempre a súa lingua propia para relacionarse entre si. Pero cando
se trata de territorios nos que hai varias linguas, ás veces non ocorre así. E isto é o que sucede en Galicia: hai moitas persoas
que empregan o galego, outras o castelán e bastantes as dúas linguas.
Vivimos en galego?
O normal en Galicia debería ser que puidesen vivir só co galego as persoas que queiran facelo, que se lles ofrecese todo na
nosa lingua propia. Pero de momento non é posible: aínda hai bastantes «cousas» que non se ofertan en galego.
O futuro depende de ti
Que o galego sexa a lingua habitual en Galicia e que se poida vivir en galego depende de todos nós. Sobre todo das xeracións
máis novas. Depende, polo tanto, de ti, de que uses ou non o galego habitualmente na fala e na escrita.

4 Galego: corrección
1º paso: falar galego
O futuro do galego depende da incorporación de novos galegofalantes, e iso só se pode lograr de dúas maneiras:
a) Conseguindo que o falen os rapaces. O ideal é, loxicamente, que aprendan xa a falar en galego.
b) Conseguindo que as persoas castelanfalantes cambien de lingua e empecen a falar galego; ou, como mínimo, que usen as
dúas linguas.
A esas persoas hai que felicítalas polo seu esforzó e animalas para que o sigan falando, sen esixirlles moita corrección. Xa
chegará ese momento…
2º paso: falalo correctamente
Despois dalgún tempo tamén deberán esforzarse en falar un galego cada vez máis correcto.
Esta esixencia ten que ser moito maior cos galegofalantes de sempre, porque usar un galego o máis correcto posible tamén é
unha mostra de cariño e de respecto cara á nosa lingua propia.
Un dos problemas do galego actual é a presenza, cada vez meirande, de castelanismos: formas verbais compostas, incorrecta
colocación dos pronomes átonos, substitución de palabras galegas por outras tomadas ou «traducidas» do castelán, incorrecta
pronunciación dos fonemas e e o abertos e pechados…

You might also like