You are on page 1of 5

Bioloxía e Xeoloxía

TEMA 1 O Universo e o Sistema Solar

1. Definición:
O Universo está formado por todo aquilo que se pode ver, detectar, medir ou sentir. Inclúe seres vivos
e obxectos inertes como estrelas ou planetas, luz, campos magnéticos, tempo... Antes da aparición do
Universo non existía a materia, o espazo nin o tempo.
2. Medindo o Universo
Ademais de instrumentos especiais para analizar o Universo, debemos empregar medidas concretas para
medilo, debido ao seu inmenso tamaño. Non podemos empregar medidas de lonxitude como o metro ou o
quilómetro. Vexamos por que os substituímos.

O ano luz
O ano luz é unha medida de lonxitude que equivale á distancia percorrida pola luz durante un ano.

A luz viaxa a unha velocidade de case 300 000 quilómetros por segundo.

Tendo en conta o número de segundos que hai nun ano e a velocidade da luz podemos calcular os
quilómetros que percorre a luz nese tempo: 9 460 730 472 580 quilómetros. Polo tanto:

1 ano luz 9,5 billóns de quilómetros

Para facernos á idea do que supón esta cifra podemos pensar neste exemplo. O Sol e a Terra atópanse a
unha distancia de 150 000 000 de quilómetros. A luz que nos está chegando agora mesmo foi emitida tan
só hai oito minutos e medio polo Sol; é dicir, oito minutos e medio luz. Unha distancia moito menor que un
ano luz.

A unidade astronómica
Unha unidade astronómica, UA, é outra unidade de lonxitude. Equivale á distancia media que separa a
Terra do Sol.

A unidade astronómica é menor que o ano luz, xa que corresponde a uns 150 millóns de quilómetros,
exactamente 149 597 870,7.

1 UA 150 millóns de quilómetros

3. Compoñentes do Universo
O Universo é enorme, de feito non se sabe onde remata, se é que ten un fin.

O que si sabemos é que o seu tamaño foi cambiando, xa que desde o comezo da súa existencia
expándese a gran velocidade. Componse de galaxias separadas por grandes espazos baleiros.

As galaxias organízanse en cúmulos e estes en supercúmulos.

Galaxias
A grande escala, o Universo está formado por galaxias e grupos de galaxias.

Son as estruturas máis grandes nas que se organiza a materia dentro do Universo: agrupacións de
estrelas, planetas, po e outros elementos que se manteñen unidos polo efecto da forza da gravidade.

Se as observamos cun telescopio verémolas como manchas luminosas de diferentes formas.

A nosa galaxia
A Terra é un dos planetas que forman o Sistema Solar. Localízase dentro dunha galaxia en forma de
espiral chamada Vía Láctea.
1
Nebulosas
Dentro das galaxias podemos observar distintos elementos. Un deles son as nebulosas, rexións nas que
se acumulan gases e po. Son lugares de grande importancia porque é aquí onde se forman as estrelas ao
condensarse e agregarse a materia.

Estrelas
As estrelas son enormes esferas de gas que se atopan a temperaturas moi elevadas. Producen luz e
enerxía mediante un proceso denominado fusión nuclear, durante o cal elementos lixeiros combínanse
para dar lugar a outros máis pesados, desprendéndose ao mesmo tempo unha cantidade enorme de
enerxía.

Non todas as estrelas son iguais. Hainas de diferentes tamaños, brillos e cores. Ademais, teñen diferentes
idades. Nacen e morren.

De feito, se miramos cara a eses puntiños luminosos, haberá veces que esteamos vendo unha estrela
que xa morreu. Por que? A luz que emite viaxa a 300 000 km/s pero tarda moito tempo en chegar á Terra,
polo que pode ocorrer que vexamos unha estrela xa morta. Do mesmo xeito, ás veces, podemos non ver
estrelas que xa naceron porque a súa luz aínda non chegou ao planeta.

Ao redor dunha ou varias estrelas poden orbitar diferentes obxectos para formar un sistema planetario.

A Terra é un planeta que pertence a un sistema planetario, o Sistema Solar, que ten unha soa estrela, o
Sol.

4. A orixe do Universo
Vexamos algunhas ideas sobre o Universo propostas en diferentes épocas.

O sistema xeocéntrico
Este modelo propoñía que a Terra era o centro do Universo e o resto dos corpos celestes, incluídos o Sol
e a Lúa, xiraban ao seu redor. Este modelo foi aceptado ata o século XVI.

Permitía explicar a sucesión dos días e das noites e os movementos da maioría das estrelas.

Pero había fenómenos que non era posible explicar, como o movemento dos planetas ou que o Sol parece
realizar un percorrido máis amplo no verán que no inverno.

O sistema heliocéntrico
No século XVI, Copérnico propuxo un novo modelo que ao principio non tivo moita aceptación. Defendía
que o Sol era o centro do Universo, en lugar da Terra.

As principais ideas que defende este modelo son:


• O Sol ocupa o centro do Universo e os planetas, incluída a Terra, xiran ao redor del.
• A Terra describe dous movementos: un de rotación, ao moverse sobre si mesma, e outro de
translación, ao xirar ao redor do Sol.
• A Lúa xira ao redor da Terra.

Este novo modelo foi moi polémico e durante moito tempo rexeitado. Pero, Galileo, un científico da época,
construíu un instrumento novidoso, o telescopio, co que confirmou a veracidade do modelo. Defender
que o Sol ocupaba o centro do Universo supúxolle ser condenado pola Inquisición.

A orixe do Universo, o Big Bang


A teoría do Big Bang é a máis aceptada actualmente para explicar a orixe do Universo

Nos anos vinte, Edwin Hubble observou que as galaxias se estaban afastando unhas doutras a grande
velocidade. Esta observación marcou un antes e un despois na concepción do Universo.
2
As galaxias afástanse unhas doutras porque o espazo que hai entre elas medra, como se o Universo se
tratase dun globo que se está inchando.
Pensa no seguinte: se o Universo se expande e as galaxias se separan, significa que no pasado estaban
máis xuntas. Se retrocedemos moito no tempo as galaxias chegarían a fusionarse. Se retrocedemos
aínda máis formaríase un punto diminuto no que se concentraría toda a materia, a enerxía e o resto de
compoñentes do Universo. Este punto coñécese como singularidade inicial, un punto extremadamente
denso e quente.

O Universo formaríase a partir da singularidade inicial cunha grande explosión, un Big Bang. Desde esa
explosión o Universo expándese.

A explosión ocorreu hai uns 13 mil ou 14 mil millóns de anos.


As galaxias formáronse despois, grazas á condensación de nubes xigantes de materia que se formaron
naquela explosión. O proceso de formación de galaxias aínda non se detivo xa que o Universo segue
evolucionando.
O destino do Universo
Na actualidade existen varias hipóteses que intentan explicar cal será o destino do Universo, pero o certo é
que non hai ningunha que estea confirmada.

Así, por exemplo, algúns científicos defenden que o Universo seguirá expandíndose e arrefriándose
mentres que outros opinan que dentro de moito tempo o Universo contraerase para dar lugar a outra
singularidade inicial ou Big Crunch .

5. O Sistema Solar
Compoñentes do Sistema Solar
O Sistema Solar é un sistema planetario formado por unha estrela, o Sol, e diferentes tipos de corpos
celestes que orbitan ao seu redor.

O Sol
O Sol é a estrela que se atopa no centro do Sistema Solar. Está formado practicamente na súa totalidade
por dous gases: hidróxeno e helio. É, sen dúbida, o corpo celeste máis grande do Sistema Solar xa que se
calcula que contén o 99% da masa total deste sistema.

O Sol ten un movemento de rotación, xa que xira sobre si mesmo. Tamén se move no espazo, xunto co
resto do Sistema Solar, ao xirar en torno ao centro da Vía Láctea.

O Sol compórtase como un enorme reactor nuclear (http://safeshare.tv/w/ohjxtqdVSO): produce cantidades enormes
de enerxía que se emiten cara ao espazo en foma de luz e calor. Tamén produce outros tipos de radiación
e expulsa partículas que constitúen o vento solar.

A enerxía que emite o Sol en forma de luz e calor fai posible a vida na Terra, ao crear unhas condicións
favorables para a vida e posibilitar a fotosíntese.

Planetas
Os planetas son corpos celestes que:
• orbitan ao redor do Sol,
• teñen unha forma practicamente esférica e
• non comparten a súa órbita con outros corpos celestes.

Ademais do movemento de translación, os planetas teñen outros, entre os que destaca o de rotación, que
fai que xiren sobre si mesmos.
No Sistema Solar coñécense oito planetas que quedan separados por un cinto de asteroides; é
dicir, unha zona poboada de multitude de obxectos rochosos, os asteroides.

Planetas interiores
Os planetas interiores do Sistema Solar son os catro planetas máis próximos ao Sol: Mercurio, Venus,
Terra e Marte. 3
Son planetas pequenos e rochosos que posúen unha superficie sólida. Teñen atmosfera, aínda que a de
Mercurio e Marte son moi tenues.

Mercurio
Ocupa a posición máis próxima ao Sol. É o máis pequeno dos planetas.
Na súa superficie presenta numerosos cráteres producidos por impactos de meteoritos.
Non ten atmosfera significativa.
Durante o día acádanse temperaturas moi elevadas, que descenden drasticamente pola noite.
Carece de satélites.

Venus
É o segundo planeta máis próximo ao Sol.
Ten unha atmosfera moi densa, formada principalmente por dióxido de carbono. Isto fai que Venus teña
un intenso efecto invernadoiro. Por iso as temperaturas neste planeta son sempre moi altas, tanto de día
como de noite; incluso máis que en Mercurio.
Rota moi lentamente en sentido contrario á maioría dos planetas do Sistema Solar.
Non ten satélites.

Terra
Ocupa a terceira órbita máis próxima ao Sol.
Ten atmosfera.

Posúe unha temperatura media suave que fai que haxa auga en estado líquido.

Ten un satélite, a Lúa.

Caracterízase por ser o único planeta con vida coñecido.

Marte
E o cuarto planeta máis próximo ao Sol.
Ten unha atmosfera moi tenue.
Posúe dous satélites.
Neste planeta localízase o volcán máis grande de todo o Sistema Solar, o Monte Olimpo, cunha altura de
25 quilómetros.

Planetas exteriores
Máis aló do cinto de asteroides sitúanse os catro planetas exteriores do Sistema Solar: Xúpiter, Saturno,
Urano e Neptuno.

Son planetas grandes formados fundamentalmente por gases, polo que non posúen superficie sólida.
Teñen importantes atmosferas e campos magnéticos que dan lugar a importantes magnetosferas. A pesar
do seu tamaño, teñen un movemento de rotación máis rápido que os planetas interiores.

Estes planetas teñen moitos satélites e aneis.

Xúpiter
É o primeiro dos planetas exteriores. Localízase a continuación do cinto de asteroides.

Trátase do planeta máis grande de todo o Sistema Solar. Ten máis masa que todos os demais planetas
xuntos e ten un volume tan grande que dentro del collerían 1.000 planetas Terra.

Xúpiter non ten superficie sólida porque está formado por gases, principalmente hidróxeno e helio.

En zonas máis profundas podería existir un núcleo sólido.


Ten multitude de satélites. Destacan, polo seu tamaño, catro: Io, Europa, Ganímedes e Calisto.

Saturno
Localízase a continuación de Xúpiter
Está formado por gases de modo que non ten unha superficie sólida.
No interior do planeta existe un núcleo sólido.
Todos os planetas exteriores teñen aneis, pero o máis espectacular é o deste planeta. Presenta un 4
enorme sistema de aneis concéntricos formados por po, xeo e rochas.
Saturno posúe varios satélites, o máis grande deles é Titán

Urano
Sitúase a continuación de Saturno.
Está principalmente formado por gases.
Internamente presenta un núcleo rochoso.
Ao igual que Venus móvese sobre si mesmo ao revés que o resto dos planetas, de leste a oeste.
Ten un sistema de aneis e varios satélites.

Neptuno
É o planeta máis afastado do Sol. As súas características son semellantes ás de Urano.
Está principalmente formado por gases.
Internamente presenta un núcleo rochoso.
Ten varios satélites.
Igual que os demais planetas exteriores ten un sistema de aneis.

Máis aló de Neptuno


O estudo do Sistema Solar máis aló de Neptuno é complicado debido ás grandes distancias que nos
separan desa zona. Porén, sabemos que naquela zona existe un grande número de obxectos celestes.

O Cinto de Kuiper é unha zona distante con forma de anel que contén obxectos xeados. Recorda que no
cinto de Kuiper localízanse Plutón, Makemake e Haumea.

A Nube de Oort é unha zona aínda máis afastada que envolve todo o Sistema Solar na que tamén hai
obxectos xeados.

Cando un deses obxectos abandona esas zonas afastadas para adentrarse en zonas máis próximas a nós
no Sistema Solar podémolo observar como un cometa.

Planetas ananos
A diferencia dos planetas, os planetas ananos xiran ao redor do Sol compartindo a súa órbita con outros
corpos celestes. Os máis coñecidos son: Ceres (situado dentro do cinto de asteroides, é dicir, entre Marte
e Xúpiter) e Plutón e Eris (situados mási aló de Neptuno).

Satélites
Os satélites son corpos celestes que orbitan arredor de obxectos diferentes ás estrelas, como pode ser un
planeta, un planeta anano ou un asteroide.

Por exemplo, a Terra ten un satélite (a Lúa), mentres que Xupiter ten varios.

Corpos menores do Sistema Solar


No Sistema Solar hai outros corpos celestes que orbitan arredor do Sol. Destacan:
• Asteroides: son corpos rochosos ou metálicos que orbitan en torno ao Sol de menor tamaño que
os planetas. Poden ter formas moi diversas.

A maioría dos asteroides do Sistema Solar sitúanse entre Marte e Xúpiter, formando o cinto de
asteroides. Dentro deste cinto de asteroides atópase tamén o planeta anano Ceres.

• Cometas: son corpos celestes formados por po, xeo e rochas. Xiran arredor do Sol. Cando se
achegan a el o xeo e o po, polo efecto do calor e do vento solar, forman colas características.

• Meteoritos: son corpos que acadan a superficie dun planeta ou un satélite ao non desintegrase por
completo mentres atravesan a súa atmosfera. Ao atravesar a atmosfera despréndese unha grande
luminosidade. Chámanse popularmente estrelas fugaces. 5

You might also like