You are on page 1of 8

1.

O reto: unha viaxe espacial


Aldara acaba de cumprir 11 anos e quere ser astronauta, é unha das súas maiores
ilusións. Por iso, le moito sobre o universo e o seu pai acaba de regalarlle un telescopio.

Ela sempre está a soñar con grandes personaxes que, ao longo do tempo, influíron no
estudo do espazo exterior. Copérnico e Galileo son dous dos seus astrónomos favoritos, e
sempre os ten na cabeza.
Pero, sen dúbida, o tema dos satélites é un dos que máis lle apaixona: as misións da
NASA, da ESA ou da RKA convértena, ás veces, nunha intrépida astronauta, e imaxina
que é Iuri Gagarin, Neil Armstrong, Pedro Duque ou Valentina Tereshkova. Non é raro
o día no que se imaxina viaxando á Lúa nunha misión espacial Apolo 11 ou indo nun
transbordador cara a unha estación espacial para desenvolver nela as súas investigacións.
Outras veces pensa nas sensacións que Laika puido experimentar na súa viaxe espacial.

2.O universo
Grazas ao seu novo telescopio, Aldara pode ver as estrelas desde a súa fiestra. Está tan
interesada no tema que xa coñece algunha constelación. Ademais, non para de buscar no
dicionario palabras relacionadas co universo e xa sabe que o universo é o conxunto da
materia que existe no espazo e no tempo, particularmente referida aos corpos celestes
e, en definitiva, conxunto de todo o que existe. Tamén descubriu o que era o Big Bang,
unha enorme explosión coa que se creou o universo hai uns quince mil millóns de anos.

O seu tío Sito, que é enxeñeiro, explicoulle que o universo está formado por todos os
corpos celestes ou astros, e o espazo que hai entre eles. Os astros máis importantes
son: as galaxias, as estrelas, os planetas, os satélites e os astros menores.

Galaxias
As galaxias son grupos de planetas, estrelas e astros. No universo hai máis de mil millóns
de galaxias e poden presentar forma de espiral, elíptica ou ser irregulares.

O noso planeta forma parte dunha galaxia: a Vía Láctea.


As estrelas

As estrelas son astros esféricos de gases incandescentes que producen moita enerxía que
se emite como luz e calor.

As estrelas teñen como característica a súa luminosidade, que é maior canta máis luz
emiten. O brillo é a luz que vemos nós desde a Terra. Para poder observar o universo e as
estrelas contamos cunha serie de aparellos como son os telescopios.

O Sol é unha estrela, a máis próxima á Terra. O seu tamaño é mediano, de cor amarela,
con moita luminosidade e brillante.

Un conxunto de estrelas formando figuras é o que desde a Antigüidade se denominou


constelación.

Planetas e satélites
Os planetas son astros que xiran arredor dunha estrela e non emiten luz propia. Poden ser
rochosos ou gasosos. Teñen dous movementos: o de rotación e o de translación.

Os satélites son astros que xiran arredor dun planeta. A maioría dos planetas teñen un ou
varios satélites

Astros menores
No universo hai unha serie de astros de menor tamaño que os planetas e os satélites.
Son os denominados astros menores.

Os meteoritos son fragmentos dos cometas ou asteroides que chocan cos planetas ou cos
satélites. Os meteoritos de pequeno tamaño, cando entran na atmosfera, desintégranse
formando estrelas fugaces.

Os asteroides son corpos irregulares e rochosos que xiran arredor das estrelas e planetas,
ou viaxan polo espazo en cintos formados por milleiros de asteroides.

Os cometas son corpos celestes do sistema solar, de pequenas dimensións, compostos de


xeo, po e gases que, cando se achegan a unha estrela, deixan tras de si unha cola
luminosa de miles de quilómetros
3. O sistema solar
Hoxe Aldara está de sorte. O seu tío Sito vainas levar a ela e máis á súa irmá á Casa das
Ciencias na Coruña, e no planetario poderán descubrir máis cousas sobre o sistema solar.

Cando chegan ao planetario, un astrónomo explícalles que un sistema planetario está


formado por unha estrela en torno a que xiran varios astros. A Terra encóntrase
situada no sistema solar, que está formado por un conxunto de astros (oito planetas, os
satélites, os planetas ananos, os cometas e os asteroides) e por unha gran estrela: o Sol.
O noso sistema solar forma parte dunha galaxia con forma espiral que se denomina Vía
Láctea.

Os oito planetas que xiran arredor do Sol son: Mercurio, Venus, Terra, Marte, Xúpiter,
Saturno, Urano e Neptuno. Á súa vez, arredor dos planetas hai satélites, o noso planeta
Terra ten un: a Lúa.
Os planetas realizan dous movementos, un de rotación, sobre si mesmos, e outro de
translación, arredor do Sol. O percorrido que fai cada planeta no movemento de
translación denomínase órbita.

Os planetas ananos son os que están localizados máis alá da órbita de Neptuno. Plutón
é o máis coñecido, xa que ata hai pouco tempo se consideraba un planeta. Outros planetas
ananos son Ceres, Eris ou Haumea.
Entre as órbitas de Marte e Xúpiter hai un cinto de asteroides que rodea ao Sol.
4. A Terra
Na visita ao planetario, Aldara descubriu algunha que outra curiosidade. A distancia entre
a Terra e o Sol é de aproximadamente uns 150 millóns de quilómetros.

A Terra é un planeta rochoso e ten a meirande parte da súa superficie cuberta por auga,
sete de cada dez partes son auga.
Ao igual que o resto de planetas, a Terra realiza dous movementos, o de rotación e o de
translación.

O movemento de rotación: o día e a noite


O movemento de rotación prodúcese cando a Terra xira sobre si mesma, arredor dun eixe
imaxinario denominado eixe de rotación. Cada 24 horas, a Terra dá unha volta sobre si
mesma. Este movemento orixina os días e as noites, debido a que unha metade do
planeta está iluminada polo Sol e a outra, non.
O movemento de translación: as estacións
O movemento de translación da Terra é o que dá lugar ás estacións do ano. A Terra tarda
365 días, 5 horas e 48 minutos en dar unha volta completa arredor do Sol. Por iso, cada
catro anos temos un ano bisesto, é dicir, febreiro ten ese ano 29 días e non 28, como é
habitual.

Cando no hemisferio norte é verán, no hemisferio sur é inverno, e ao revés. Tamén ocorre
coa primavera e o outono, cando nun hemisferio é primavera, no outro é outono, e
viceversa.

Sabías que...?
A primavera dá comezo o 20 de marzo co equinoccio de primavera. Ese día hai as
mesmas horas de luz que de escuridade.
O verán comeza o 21 de xuño co solsticio de inverno. Durante ese día hai máis horas de
luz solar que de escuridade.
Cada 23 de setembro chega o outono propiciado polo equinoccio de outono. Igual que no
equinoccio de primavera, as horas de luz e de escuridade son as mesmas.
A partir do 21 de decembro comeza o inverno co seu solsticio. Ese día ten máis horas de
escuridade que de luz solar.
5. A Lúa
No planetario, Aldara tamén descubriu que no universo hai satélites naturais e artificiais
(creados polo ser humano). A Lúa é o único satélite natural que ten a Terra. É un corpo
rochoso que non ten luz propia.

A Lúa, ao igual que a Terra, realiza dous movementos, o de rotación e o de translación


que duran aproximadamente o mesmo: 28 días.

As fases da Lúa
A Lúa móvese e, polo tanto, vai modificando a súa posición con respecto ao Sol. Por iso
desde a Terra vemos ao noso satélite con formas diferentes, son as fases da Lúa:

•Lúa nova ou novilunio: non a podemos ver xa que a Lúa se sitúa entre o Sol e a Terra.
•Cuarto crecente ou abalo: vemos un cuarto da Lúa.
•Lúa chea ou plenilunio: vemos a metade, é dicir, unha cara da Lúa totalmente
iluminada.
•Cuarto minguante ou devalo: ao igual que no abalo, vemos un cuarto da Lúa.

As eclipses e as mareas
A Lúa inflúe na Terra: a gravidade da Lúa atrae ao mar e orixina as mareas. As eclipses
teñen lugar a consecuencia dos movementos da Terra e da Lúa.
As eclipses teñen lugar cando tres astros se aliñan e un deles oculta ao outro.
A eclipse solar sucede cando a Lúa se interpón entre o Sol e a Terra e non podemos ver
o Sol.
Non obstante, a eclipse lunar prodúcese cando é a Terra a que se interpón entre a Lúa e o
Sol.

A Lúa atrae á Terra e provoca subidas e baixadas periódicas do nivel do mar. Estas
constitúen as mareas.

Cando o nivel da auga chega ao nivel máis alto prodúcese a preamar, e cando chega ao
seu nivel máis baixo ten lugar a baixamar.

6. As partes da Terra
Xa estamos chegando ao final desta unidade sobre o universo e a Terra. Vimos moitos
temas da man de Aldara, pero a súa cabeza nunca para e agora está dándolle voltas ao
feito de que a Terra sexa o único planeta do sistema solar no que se dan as condicións
idóneas para que exista vida.

A temperatura da Terra, as características da atmosfera e a presenza de auga son as


principais causas de que sexamos un planeta con vida.

As capas da Terra
A Terra divídese en diferentes partes:

A atmosfera é a capa de aire que envolve á Terra. Está composta por diferentes gases e
ten un espesor duns 1.000 quilómetros.
A hidrosfera é a capa de auga que cobre as dúas terceiras partes da superficie terrestre,
é dicir, o conxunto das súas augas (oceános, mares, ríos, lagos e augas subterráneas).
A xeosfera é a parte rochosa do planeta. Ten forma de esfera e o seu radio é de 6.371
quilómetros. Consta de tres capas:
•A codia é a capa externa e fina. Está formada por materia sólida e o seu espesor pode
variar.
•O manto é a capa intermedia da xeosfera. Está formado por materiais sólidos e fluídos.
Ten uns 2.900 quilómetros de espesor.
•O núcleo é a capa interna da Terra. A súa temperatura é moi elevada. Está formado por
ferro e outros materiais. Ten dúas partes: o núcleo externo, que se atopa en estado
líquido; e o núcleo interno, en estado sólido.
A biosfera é o conxunto de seres vivos que habitan no noso planeta.

You might also like