You are on page 1of 11

TEMA 3.

O RELEVO TERRESTRE

1. A estrutura da terra

No noso planeta as áreas non cubertas pola auga dos mares e océanos repártense en distintas masas
que chamamos continentes. A superficie dos continentes presenta un relevo moi variado con
cordilleiras, planicies, vales, altiplanos, etc., froito do movemento das placas tectónicas. Ao
identificar os principais elementos do relevo, coñeceremos mellor o medio físico dos continentes.

A litosfera está fragmentada en oito grandes bloques que reciben o nome de placas
tectónicas ou litosféricas. A maioría delas coinciden cos continentes. Cando estas placas se moven,
fan que o relevo da Terra se modifique.

A Terra é unha grande esfera un pouco aplanada nos polos. Está formada por grandes capas
concéntricas:
•A codia terrestre: composta por rochas de basalto ou granito, representa o 1 % da
superficie da Terra. Ten un espesor moi desigual.

•O manto: formado por diversos materiais, algúns en estado sólido e outros fundidos, como
o magma.

•O núcleo: está formado por unha parte interna, composta por materiais sólidos, e outra,
máis externa, con materiais densos fundidos.

Por outra parte, é importante ter en conta o que coñecemos como biosfera, que é o conxunto dos
seres vivos do planeta Terra. A biosfera sitúase na litosfera, a hidrosfera e a atmosfera.

Recorda. As partes da biosfera

A parte sólida da biosfera chámase litosfera e é visible nos continentes. As augas (mares, océanos,

ríos, acuíferos, etc.) forman a hidrosfera, mentres que a parte gasosa recibe o nome de atmosfera.
2. A formación dos continentes.

A teoría de que hai uns 300 millóns de anos había un só continente na Terra expúxoa o xeofísico

alemán Alfred L. Wegener en 1912, que o denominou Panxea.


Este gran continente empezou a fracturarse debido ao movemento das placas tectónicas. Estas, que
flotan sobre o manto da Terra, comezaron a desprazarse nun movemento que aínda se produce na
actualidade, coñecido como deriva continental.

Durante anos considerouse que orixinariamente existía unha inmensa masa de terra

denominada Panxea, de cuxa ruptura xurdiron os actuais continentes. Esta teoría, porén, foi

substituída posteriormente por outra: a orixe dos actuais continentes encontraríase en dous

supercontinentes, Laurasia e Gondwana, os cales se comezaron a fracturar hai máis de 200


millóns de anos.

Na segunda metade do século XX, debido aos avances técnicos, a teoría de Wegener modificouse e,

grazas á colaboración de diversos científicos, chegouse á conclusión de que, ao principio, había

dous continentes e non un: Gondwana e Laurasia. É a actual teoría da tectónica de placas.

Da súa separación xurdiron os continentes: Europa, Asia, África, América (América do Norte e
América do Sur), América do Sur, Oceanía e a Antártida.

O continente antártico

A Antártida é o continente que ocupa a área circundante do Polo Sur. A pesar do seu tamaño,

14.107.637 km2, non se adoita ter en conta cando se comparan os continentes debido ás súas

especiais características como a falta de poboación, organizacións políticas, infraestruturas, etc. A


comunidade internacional mantén un acordo para non explotar os recursos que puidese albergar este

territorio xeado e inhóspito.

3. O relevo.

As placas tectónicas desprázanse, unhas respecto das outras, coma se fosen as pezas dun

quebracabezas de cortiza flotando na auga (neste caso, sobre o magma).

O movemento das placas tectónicas foi determinante durante millóns de anos na definición e

formación do relevo. Os Alpes, por exemplo, xurdiron como consecuencia do choque entre a placa

euroasiática e a placa africana.


Os movementos das placas tectónicas, os cales levan producíndose desde hai millóns de anos,
explican os fenómenos relacionados coa formación do relevo.

3.1. A formación do relevo.

Os axentes internos, relacionados co movemento e a fricción das placas tectónicas, son os


responsables da formación do relevo. Distinguimos entre:
•As dobras: resultado da presión das placas tectónicas sobre rochas de gran plasticidade, é
dicir, que poden deformarse sen romper, da codia terrestre.

•As fallas: fractura derivada da presión das placas tectónicas sobre o material ríxido da
codia terrestre.

•Os volcáns: abertura da codia terrestre por onde se liberan magma e gases procedentes do
interior da Terra.

•Os terremotos: movemento subterráneo brusco producido polo rozamento das placas
tectónicas, que rompe a codia terrestre.

Cando dúas placas tectónicas se rozan, modifícase a superficie terrestre xa que se abren profundos
vales que reciben o nome de fallas. Nestas zonas son moi frecuentes os terremotos, algúns deles
dunha grande intensidade. Na imaxe podemos ver que hai tres tipos de fallas: normal (1), inversa
(2) e de salto en dirección (3).
Os axentes externos modelan o terreo mediante a erosión. Poden
ser ambientais, biolóxicos ou humanos. Distinguimos os seguintes:
•A auga: a través dos ríos, os mares e os océanos, así como das precipitacións. Erosiona
cantís ou rochas, e pode formar covas e deltas.

•O vento: transporta partículas de area ou arxila que erosionan as rocas. Ao acumular


material pode formar dunas e desertos.

•A temperatura: os cambios de temperatura de calor a frío provocan a fragmentación e


erosión das rochas.

•A vexetación: as raíces das plantas disgregan o solo e as rochas, aínda que tamén os
protexen da erosión.

•Os animais: algunhas especies como as toupeiras e os térmites modifican o relevo do


espazo que ocupan para crear os seus niños ou tobos.

•O ser humano: a actividade humana transforma o relevo ao mover grandes cantidades de


terra, construír infraestruturas, crear asentamentos humanos, explotar os recursos naturais,
etc.

3.2. As formas do relevo.

Á hora de analizar o relevo terrestre, pódese distinguir entre relevo interior e relevo litoral.
O relevo interior é aquel que agrupa as seguintes unidades:
•Os outeiros: elevacións do territorio menores que as montañas. Adoitan ter formas suaves e
pouca altura.

•As montañas: grande elevación natural do terreo.

•As serras: relevo, xeralmente con maior lonxitude que anchura, do territorio. É unha parte
dunha cordilleira.

•Os macizos: grupos de montañas que destacan dentro dunha cadea montañosa.

•As cordilleiras: series de montañas enlazadas entre si.

•As mesetas e os altiplanos: superficies chairas elevadas respecto ao nivel do mar.

•As depresións: zonas de relevo terrestre chás e afundidas.

•Os vales: depresións nas que atopamos ríos ou glaciares.

•Os desertos: territorios areosos ou rochosos cunha vexetación case inexistente debido ás
condicións climáticas.

Doutra banda, o relevo litoral é aquel que agrupa as unidades de relevo situadas na costa como:
•Os golfos: porcións de mar que penetran na terra.
•As baías: entradas de costa cunha embocadura estreita e que poden penetrar bastante cara
ao interior.

•Os cabos: sectores da costa que se adiantan ao mar.

•Os cantís: partes da costa cortadas de forma vertical.

•As rías: entradas de mar na desembocadura dun río.

•As illas: porcións de terra rodeadas por mar por todos os seus lados.

•Os arquipélagos: conxunto de illas ou illotes.

•As penínsulas: extensións de terra rodeadas por auga por todos os seus lados excepto por
un que o une a unha porción de terra maior.

•Os istmos: franxas estreitas de terra limitadas polo mar que unen dúas áreas maiores de
terra, illas, penínsulas ou continentes.

3.3. As augas da terra.

A auga é a substancia máis abundante do planeta: ocupa as tres cuartas partes da súa superficie, xa
sexa de forma líquida, sólida ou gasosa. As augas de océanos, mares, ríos, lagos, glaciares, neve,
xeo, acuíferos, etc., forman a hidrosfera.
En función da súa localización, pódese distinguir entre augas oceánicas e continentais:

As augas terrestres
AUGAS OCEÁNICAS AUGAS CONTINENTAIS
Son doces (ou salobres): ríos, lagos, augas subterráneas
Son salgadas: océanos e mares.
e glaciares.

Os océanos e mares son grandes masas de auga salgada. Os océanos da Terra son o Pacífico,
o Atlántico e o Índico. O Ártico adoita incluírse no Atlántico e non existe un acordo entre as
persoas expertas sobre se o Antártico constitúe un océano, aínda que desde o 2000 hai un acordo
internacional que recoñece o océano Antártico. A pesar de que este acordo non foi ratificado, pódese
dicir que existen cinco océanos.
4. O relevo de Europa.
Europa ten unha extensión de 10.500.000 km2 (incluída Rusia). O noso continente é unha gran
península unida a Asia a través dos Urais e o Cáucaso, ao sueste. Ao norte limita co océano Ártico;
ao oeste, co océano Atlántico; e ao sur, co mar Mediterráneo.
Os accidentes xeográficos máis importantes do relevo europeo son:
•As cordilleiras: as máis importantes son os Alpes, os Pireneos, os Urais e os Cárpatos.

•As planicies: a Gran Planicie Europea ocupa a maior parte do centro e leste do continente.

•As mesetas: a máis importante a nivel europeo é a Meseta, na Península Ibérica.


•As penínsulas: destacan as penínsulas Ibérica, Itálica, Balcánica e Escandinava.

•As illas: as maiores son Islandia, Gran Bretaña e Irlanda, no Atlántico, e Sicilia, no
Mediterráneo.

Entre as principais unidades do relevo europeo cóntanse os Pireneos, os Alpes, a Gran Planicie
Europea, os Cárpatos, os Urais e o Cáucaso.

En Europa distínguense cinco vertentes fluviais en función do lugar onde desemboquen os seus ríos:
vertente ártica, atlántica, mediterránea, do mar Negro e do mar Caspio.

Os ríos máis longos e caudalosos son o Volga (3.531 km), o Danubio (2.850 km) e o Rin (1.326
km).
5. O relevo de África

Ao sur de Europa e ao sudoeste de Asia atópase África, un continente de grandes vales, altiplanos e
desertos. A súa superficie é de 30.312.506 km2 e é o terceiro continente máis grande da Terra.
O continente africano limita ao norte co mar Mediterráneo; ao leste, co océano Índico; e ao oeste,
co océano Atlántico. Queda separado de Asia polo mar Vermello. Os accidentes xeográficos máis
importantes do relevo africano son:
•As cordilleiras: as máis importantes son as do Atlas e de Drakensberg.

•Os altiplanos: destacan os macizos de Ahaggar e de Etiopía.

•Os vales e as depresións: os principais son os do Nilo e do Rift.

•Os desertos: os maiores son os do Sáhara, Kalahari e Namibia.

•As illas: a maior é a de Madagascar.

Entre as principais unidades do relevo africano cóntanse o Atlas, o deserto do Sáhara, o val
do Nilo e o val do Rift.

En África distínguense tres vertentes fluviais en función do sitio onde desemboquen os seus ríos:
vertente mediterránea, atlántica e do Índico.

Os ríos máis longos e caudalosos de África son o Nilo (6.671 km), o Congo (4.200 km) e
o Níxer (4.160 km).
6. O relevo de Asia

Asia ten unha extensión de 44.661.151 km2, o que fai dela o continente de maior tamaño. Ao norte
limita co océano Ártico; ao oeste, co océano Pacífico; e ao sur, co océano Índico. Ao leste limita
cos Urais e o Cáucaso (polos que queda unida a Europa).
Os accidentes xeográficos máis importantes do relevo asiático son:
•As cordilleiras: a máis importante é o Himalaia, cuxos cumes son os máis altos do mundo.

•As planicies: destacan a Gran Planicie de Siberia e as atravesadas por ríos como o Ganxes
ou o Yangtzé e Huang He en China.

•Os altiplanos: destacan os do Pamir, o Tíbet e Mongolia.

•Os desertos: o maior é o do Gobi.

•As penínsulas: algunhas das máis importantes son as de Corea, Arabia, Indochina e a de
Indostán, que pola súa extensión se considera un subcontinente.

•As illas: as maiores son as de Borneo e Sumatra. Destacan arquipélagos como o de


Filipinas e Xapón.

Entre as principais unidades do relevo asiático cóntanse a cordilleira do Himalaia, a meseta


do Tíbet, o deserto do Gobi ou o subcontinente indio.

En Asia distínguense cinco vertentes fluviais en función do lugar onde desemboquen os seus ríos:
vertente ártica, do Pacífico, do Índico, mediterránea e bacía endorreica (mares e lagos interiores).
Os ríos máis longos e caudalosos de Asia son o Yangzi Jiang (5.800 km), o Huang He (4.845),
o Mekong (4.500 km) e o Amur (4.416 km).

7. O relevo de América.

América ten unha extensión de 42.087.835km2. Está formado por dous grandes bloques
continentais (América do Norte e América do Sur). Ao norte limita co océano Ártico; ao leste,
co Atlántico; ao oeste, co Pacífico; e ao sur, co Antártico. É o segundo continente máis grande do
planeta.
Os accidentes xeográficos máis importantes do relevo americano son:
•As cordilleiras: destaca a liña de montañas formada polas montañas Rochosas e os Andes.

•As planicies: as máis importantes son as Grandes Planicies de América do Norte e a Pampa
arxentina.

•As mesetas: destacan elevacións como o macizo de México e o do Mato Grosso, en Brasil.

•As penínsulas: as maiores son as do Labrador, California, Alasca e Iucatán.

•As illas: destacan as Antillas.

Entre as principais unidades do relevo norteamericano cóntanse as montañas Rochosas,


as Grandes Planicies, os montes Apalaches e o altiplano de México.
Entre as principais unidades do relevo suramericano cóntanse a cordilleira dos Andes, o macizo
das Güianas, a meseta do Mato Grosso, a Pampa e a Patagonia.

En América do Norte e Central distínguense catro vertentes fluviais en función do lugar onde
desemboquen os seus ríos: vertente ártica, atlántica, do Pacífico e do Caribe.

O río máis longo e caudaloso de América do Norte é o Mississippi (3.778 km ou 5.970 km se se


considera o Missouri-Red Rock).

En América do Sur distínguense tres vertentes fluviais en función do lugar onde desemboquen os
seus ríos: vertente do Caribe, atlántica e do Pacífico.

O Amazonas (6.280 km) é o río máis caudaloso e o segundo máis longo do planeta. Novas
medicións, con todo, consideran que tamén supera en lonxitude ao Nilo, así que tamén sería o río
máis longo da Terra.
8. O relevo de Oceanía.

Oceanía é un continente moi disperso, fórmano Australia e as numerosas illas e arquipélagos da súa
contorna no océano Pacífico. É o continente máis pequeno; a súa superficie é de 8.522.559 km2. O
continente está bañado polas augas de dous océanos: o Pacífico e o Índico.
Os accidentes xeográficos máis importantes do relevo oceánico son:
•As cordilleiras: as máis importantes son a Cordilleira Divisoria, os Alpes Australianos e os
Alpes Neozelandeses.

•As depresións: a maior é a da Gran Bacía Artesiana.

•Os desertos: os máis extensos son o Gran Deserto Areoso e o Gran Deserto Vitoria.

•As illas: a maior é Australia, seguida de Nova Guinea. Existe un gran número de
arquipélagos formados por illas de orixe volcánica e atois (illas oceánicas formadas por
arrecifes de coral).

Entre as principais unidades do relevo oceánico cóntanse a Gran Cordilleira Divisoria, os Alpes
Australianos, os Alpes Neozelandeses e o Gran Deserto Vitoria.

En Oceanía distínguense dúas vertentes fluviais en función do sitio onde desemboquen os seus ríos:
vertente do Índico e do Pacífico.

Os maiores ríos de Oceanía atópanse en Australia. Os máis longos son o Murray (2.575 km) e o
seu afluente, o Darling (2.720 km).

You might also like