You are on page 1of 22

A TERRA, UN PLANETA DO

SISTEMA SOLAR
1. QUE É A XEOGRAFÍA?
A palabra xeografía deriva do grego geos (‘terra’) e grafia (‘descrición’). Así, a xeografía é
a ciencia que describe e estuda a superficie terrestre. O seu obxectivo é localizar,
describir, explicar e comparar as distintas paisaxes da Terra e as actividades que levan a
cabo os seres humanos que integran esta paisaxe.

1. QUE É A XEOGRAFÍA?

Como se estuda a xeografía?


Os xeógrafos traballan con fontes de información xeográfica, como os mapas, planos,
gráficas, fotografías, imaxes captadas por satélite, anuarios etc. Estas fontes dan
información sobre o crecemento da poboación, o clima ou a organización do territorio ou
das cidades. Tamén poden obter información mediante o traballo de campo, é dicir, coa
observación directa do territorio.
2. A TERRA NO UNIVERSO
O planeta Terra atópase no sistema solar, que pola súa vez está inmerso na Vía Láctea, a
cal forma parte da totalidade do Universo. Polo tanto, a Terra é un planeta moi pequeno
no inmenso Universo.

O Universo
O Universo é o espazo no que se atopan todos os corpos celestes. Non coñecemos as
súas dimensións, pero sabemos que comprende miles de millóns de galaxias.

As galaxias son agrupacións de millóns de estrelas, planetas e satélites, ademais de po


interestelar. A forma das galaxias é diversa, pois existen galaxias con forma circular,
elíptica, espiral ou irregular.

A Vía Láctea é unha desas galaxias. Ten forma espiral e pertence a ela case todo o que
observamos a primeira vista no ceo nocturno.

A Vía Láctea está formada por máis de douscentos mil millóns de estrelas, que son
corpos celestes con luz propia que emiten calor.

Unha desas estrelas, de gran tamaño, é o Sol. Ao seu redor orbitan varios astros, entre


eles o planeta Terra, que forman o sistema solar, situado nun extremo da galaxia. Na Vía
Láctea existen millóns de sistemas planetarios.
A Terra
A Terra é un planeta pequeno, cunha superficie de 510 000 000 km2. É dicir, é unhas
novecentas veces maior que a Península Ibérica, pero máis dun millón de veces menor
que o Sol.

O planeta Terra ten forma xeoide, é dicir, é esférica e lixeiramente achatada polos polos.


Por esta razón, o seu diámetro é maior no ecuador ca nos polos. Así, para rodear o noso
planeta pola parte máis ancha, habería que seguir a liña do ecuador (40 074 km).

Esta liña imaxinaria divide a Terra en dúas metades iguais chamadas hemisferios. Do


total do hemisferio norte, o 39% é superficie continental, mentres que no hemisferio sur
só o é o 19%. O resto é auga.
Estrutura da Terra
A Terra está formada por tres partes:

 Xeosfera ou parte sólida, formada pola codia (capa máis superficial), o manto e o núcleo.
 Hidrosfera ou parte líquida, composta pola auga que se atopa na superficie da Terra.
 Atmosfera ou parte gasosa, que é a capa de aire que envolve a Terra, formada por
distintos gases.

A biosfera
Na Terra danse as condicións apropiadas para que exista a vida: presenza de auga,
temperatura ambiental adecuada e atmosfera cos gases necesarios para os seres vivos
(osíxeno, dióxido de carbono etc.).

Estas condicións danse na biosfera, localizada entre os 10 000 m de altitude sobre o


nivel do mar e os 5000 m de profundidade das augas oceánicas.

É dicir, na zona superficial da xeosfera, a hidrosfera e a zona máis baixa da atmosfera. A


biosfera está integrada por unha gran diversidade de formas de vida: é o que se
denomina biodiversidade.
3. OS MOVEMENTOS DA TERRA
A Terra é un planeta pequeno, con forma xeoide e movemento, pois xira sobre si mesma e
orbita ao redor do Sol.

O movemento de rotación
A Terra xira sobre si mesma de oeste a leste: é o movemento de rotación. O xiro
efectúase ao redor dun eixe imaxinario, que vai de norte a sur, e que está lixeiramente
inclinado. O noso planeta tarda case 24 horas en completar un xiro. Ao rotar fronte ao
Sol, unha parte recibe os raios solares, que iluminan e quentan, mentres que a outra
permanece escura e máis fría. É dicir, orixínanse os días e as noites.

Os fusos horarios
Coa rotación da Terra, o Sol aparece primeiro nos puntos situados máis ao leste e ponse
polo oeste. Así, cando en Australia amence, en España aínda é de noite. Por esta razón, e
co fin de organizar os horarios das sociedades de maneira práctica, decidiuse dividir a
esfera terrestre en 24 fusos horarios.
A Terra efectúa un xiro de 360° en 24 horas. Se dividimos os graos entre as horas,
obtemos que cada hora a Terra percorre 15°. Polo tanto, cada parte de 15° é un fuso
horario, que corresponde a unha hora.

O fuso base coincide co meridiano 0°, que pasa por Greenwich (Reino Unido). Ao avanzar
cara ao leste, avánzase unha hora cada vez que se atravesa un fuso, en cambio, cara
ao oeste, retrocédese unha hora por fuso.

Así, se no Reino Unido son as 12 da mañá, en Finlandia, que está ao leste, a dous fusos
horarios, son as 14 h, e en Nova York, que está ao oeste, a cinco fusos, son as 7 da mañá.

O movemento de translación
A Terra xira ao redor do Sol seguindo unha órbita elíptica. Este movemento ao longo da
órbita denomínase class="resaltado">translación. A Terra tarda algo máis dun ano (é
dicir, 365 días, 6 horas e 9 minutos) en completalo.

Por efecto da translación e da inclinación do eixe da Terra, os raios do Sol chegan con
distinto ángulo á superficie, segundo a época do ano. Isto dá lugar ás estacións, e
provoca unha gran diversidade de climas.
4. NECESITAMOS UN SISTEMA
HORARIO UNIVERSAL?
A existencia de diferentes zonas horarias no mundo (os denominados fusos horarios) é
máis recente do que poderiamos pensar. A finais do século xix, practicamente culminado
o proceso de exploración da Terra e nun ambiente científico universalista, xurdiu a
necesidade de establecer un sistema horario universal que dese coherencia aos
diferentes horarios locais.

A idea dun sistema horario universal foi do enxeñeiro canadense Sandford Fleming, quen
promoveu a adopción da súa proposta en diversos encontros internacionais.

En 1884, os representantes de 27 países reuníronse en Wáshington, na Conferencia


Internacional do Meridiano, e adoptaron un sistema horario baseado na división da Terra
en 24 fusos horarios.

Desde entón, os diferentes estados do mundo estableceron horas oficiais de acordo cos
fusos horarios. Con todo, algúns estados adaptáronos ás súas fronteiras, como é o caso
de China. Outros, como Rusia ou Estados Unidos, teñen distintos fusos.
5. A LOCALIZACIÓN DE PUNTOS
TERRESTRES
Aínda que a Terra sexa un planeta pequeno, é necesario dispoñer dun sistema para situar
puntos exactos, e así facilitar a navegación ou a localización de lugares concretos.

Unha rede imaxinaria


Para situar un punto sobre a Terra, ideouse un sistema de liñas imaxinarias. Estas liñas
forman unha rede que percorre o planeta de leste a oeste, os paralelos, e de norte a sur,
os meridianos.
Os paralelos
Son liñas paralelas ao ecuador, que é o paralelo 0° e o que divide o planeta en dous
hemisferios: o hemisferio norte e o hemisferio sur.

Outros paralelos destacados son o Trópico de Cáncer e o Círculo Polar Ártico no


hemisferio norte, e o Trópico de Capricornio e o Círculo Polar Antártico no hemisferio sur.

Os meridianos
Os meridianos son liñas perpendiculares ao ecuador que percorren a Terra, pasando
polos polos.
O meridiano de referencia é o meridiano 0° ou de Greenwich, que divide a Terra en dous
hemisferios: o hemisferio leste e o hemisferio oeste.

As coordenadas xeográficas
A partir dos paralelos e dos meridianos poderemos medir a latitude e a lonxitude para
localizar algún punto na Terra.

 A latitude é a distancia de calquera punto do planeta ao ecuador (o paralelo 0°). A


cada grao de latitude correspóndelle un paralelo, polo que existen 90 paralelos ao
norte e 90 ao sur.
 A lonxitude é a distancia de calquera punto do planeta ao meridiano 0°. A cada
grao de lonxitude correspóndelle un meridiano. Así pois, existen 180 meridianos
ao leste e 180 ao oeste.

A latitude e a lonxitude mídense en graos. Exprésase primeiro a latitude (norte ou sur) e


despois a lonxitude (leste ou oeste).

Por exemplo, se nos din que a cidade de Oslo (Noruega) se localiza a 60° N e 10° L,
significa que está situada a 60° de latitude norte e a 10° de lonxitude leste.
6. A REPRESENTACIÓN DA TERRA
O sistema de liñas imaxinarias formado por paralelos e meridianos serve para
orientarnos na superficie da Terra, pero tamén necesitamos debuxala; para iso utilizamos
os mapas.

A cartografía
A cartografía é a disciplina dedicada á representación da superficie da Terra
mediante mapas ou planos. Os mapas pódense clasificar segundo o seu tamaño ou
escala e segundo a información que nos ofrecen.
 Segundo o seu tamaño, os mapas poden ser a pequena ou a grande escala.
o Os mapas a pequena escala representan amplas zonas, polo que teñen
pouco nivel de detalle (por exemplo, os mapamundis).
o Os mapas a grande escala representan zonas máis concretas e teñen un
maior nivel de detalle (por exemplo, os mapas comarcais). Cando a escala
é moi grande, denomínanse planos (por exemplo, os planos de cidades).
 Segundo a información que ofrecen, os mapas poden ser xerais ou temáticos.
o Os mapas xerais ofrecen unha visión xeral dun territorio: a súa forma, os
topónimos... (por exemplo, os mapas físicos de estados ou continentes).
Os máis detallados, que se usan como referencia básica, son os mapas de
base ou mapas topográficos.
o Os mapas temáticos elabóranse coa intención de destacar dun modo
claro un aspecto concreto do territorio. Para iso, utilízanse símbolos
coñecidos. Poden reflectir o clima, a vexetación, a localización da
industria, a poboación, os límites administrativos etc.

As novas cartografías
A cartografía avanzou tecnicamente grazas á fotografía aérea, aos satélites artificiais e á
informática. Destacamos os seguintes avances:

 Teledetección. Técnica que permite obter información sobre a superficie da Terra


e sobre outros astros. Os instrumentos situados en satélites, avións ou estacións
espaciais (radares, sensores infravermellos...) móstrannos o estado da
atmosfera, a vexetación..., ou permítennos seguir a evolución de fenómenos
como as secas, a contaminación etc.
 Cartografía informatizada. O uso da informática incrementou a cantidade de
información que se pode cartografar, e facilitou a tarefa de confeccionar mapas.
Os cartógrafos poden tomar os datos obtidos por teledetección ou sistemas de
posicionamento e procesalos nun ordenador para conseguir mapas de gran
precisión.
 Sistemas de información xeográfica (SIG). Un SIG é un programa informático que
consiste nunha base de datos xeográficos que poden relacionarse entre si. Esta
ferramenta permite relacionar varios datos sobre un mesmo territorio (agrícolas,
hidrográficos, de poboación etc.), editar estes datos, crear simulacións, elaborar
mapas...
 Sistemas de posicionamento. O máis utilizado é o GPS, que permite determinar a
posición dun elemento sobre o planeta. Os datos recolleitos polo GPS poden
servir para confeccionar mapas, por exemplo, topográficos, ou poden utilizarse
nun SIG.

Proxeccións cartográficas
Pola súa forma xeoide, é imposible representar a Terra sobre unha superficie plana sen
deformala. O sistema máis fiel de representación son os globos terráqueos, pero
as proxeccións cartográficas permiten representar os detalles do territorio.

Segundo o sistema de representación, a proxección cartográfica pode ser cónica,


cilíndrica e acimutal ou cenital.
7. A FORMACIÓN DOS
CONTINENTES E DO RELEVO
A codia é a capa máis superficial da xeosfera, e está constituída por continentes e por
fondos oceánicos. Esta superficie non é permanente nin homoxénea, senón que foi
variando por mor de distintos axentes que influíron nela.

A formación dos continentes


A distribución dos continentes e dos océanos cambiou de maneira progresiva. A teoría da
deriva continental e a teoría da tectónica de placas, que se sumou á anterior, contribuíron
a explicar este feito:
 En 1912, o xeofísico alemán Alfred Wegener expuxo a súa teoría da deriva
continental, segundo a cal os continentes estiveron unidos no pasado nun único
bloque de terra chamado Panxea. Este bloque comezou a romper en fragmentos
ou placas, que foron desprazándose moi lentamente, o que provocou a paulatina
separación ou deriva dos continentes.
 A mediados do século xx, expúxose a teoría da tectónica de placas, segundo a cal
a litosfera está fragmentada en varias placas ríxidas, as chamadas placas
tectónicas. Esas placas, que se corresponden aproximadamente cun continente,
subcontinente ou océano, flotan sobre o manto e desprázanse moi amodo. Este
movemento segue producíndose na actualidade.

A formación do relevo
O relevo son as desigualdades que existen na superficie terrestre como resultado dun
proceso, chamado oroxénese, no que se produce a acción: - Dos axentes
internos ou formadores. Causados pola enerxía interna da Terra, son a tectónica de
placas, as dobras, as fallas, os volcáns e os terremotos. - Dos axentes
externos ou modeladores. Son a auga, o vento, a vexetación, a temperatura e a acción
humana.

Axentes internos
Nos seus diferentes movementos, as placas tectónicas orixinan algúns dos principais
elementos do relevo terrestre: ao separarse, as dorsais oceánicas ou, se é nun
continente, os rifts; ao chocar, as fosas mariñas e as cordilleiras; e polo movemento
lateral, as grandes fallas.

En menor medida, a forza da enerxía interior da Terra pode apreciarse nas deformacións
e fracturas da superficie, como as dobras e as fallas.
8. A MODELAXE DO RELEVO
Os chamados axentes externos modelan o relevo. Estes axentes poden ser naturais ou
humanos e actúan mediante a erosión, o transporte e a sedimentación dos materiais da
superficie da Terra.

Como se modela o relevo?


Os principais axentes externos son a auga, o vento, a vexetación e a temperatura, e cada
un deles incide sobre o relevo de maneira diferente.

 A auga é o axente externo máis activo.


o As ondas, as correntes mariñas e as mareas actúan sobre o litoral:
desgastan os cantís, transportan area, forman golfos...
o A auga da choiva escava a superficie das rochas; fíltrase e disolve as
rochas formando covas. Tamén pode disolver e arrastrar determinados
compoñentes dos solos.
o Os ríos escavan vales e canóns e arrincan materiais, especialmente no
curso alto, que se depositan no curso baixo e forman chairas aluviais e
deltas.
o O xeo. A auga depositada nas gretas ou nas fendas das rochas, ao se
xear, aumenta de volume e exerce unha presión sobre as rochas que pode
provocar a súa ruptura.
 O vento transporta partículas, por exemplo de area ou de arxila, que impactan
sobre as rochas e van puíndo e redondeando a súa superficie. Ademais, pode
formar grandes acumulacións de materiais, como nas dunas dos desertos.
 A vexetación escava coas súas raíces os solos e as rochas, e axuda así á súa
disgregación. Con todo, non debemos esquecer que a vexetación é tamén
a principal protección contra a erosión de solos e ladeiras, pois mitiga o efecto
erosivo da auga e do vento.
 A temperatura tamén inflúe nos procesos de erosión. Por exemplo, a dilatación
producida pola calor do día e a contracción que provoca o frío durante a noite
teñen como consecuencia a formación de fendas nas rochas.
A acción dos seres humanos
Os seres humanos transformaron desde sempre o medio no que viviron. Á medida que se
produciron avances técnicos, esta transformación foi maior.

Existen dous modos en que os humanos poden modificar o medio:

 Directamente. Mediante a construción de cidades, estradas, aeroportos e outras


infraestruturas, así como a explotación de canteiras e minas, a construción de encoros
ou de portos, o desvío de ríos...
 Indirectamente. Mediante a deforestación provoca un aumento da erosión e, ademais, a
falta de vexetación repercute de forma negativa sobre a produción de osíxeno, as choivas
e as temperaturas.
AS PRINCIPAIS FORMAS DE RELEVO

Val Montaña Cordilleira

You might also like